Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Venres, 26 de febreiro de 1999 Páx. 2.189

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 1999, do Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Santiago de Compostela, pola que se sinalan as datas para o levantamento das actas previas á ocupación dos bens afectados polas obras do proxecto de reforma da actualización da prolongación do acondicionamento do río Pontiñas desde a N-525 ó parque industrial, no concello de Lalín, provincia de Pontevedra. (Clave OH.436.322).

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece na alínea 2ª as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia no desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

As obras indicadas no encabezamento da presente resolución encóntranse incluídas no programa das obras que se realizarán con cargo ó programa 412-A Xestión e Infraestructuras de Recursos Hidráulicos.

Por Orde do 18 de novembro de 1998, o presidente do organismo autónomo Augas de Galicia aprobou o correspondente proxecto de reforma da actualización da prolongación do acondicionamento do río Pontiñas desde a N-525 ó parque industrial.

O Consello da Xunta de Galicia, por medio do Decreto 362/1998, do 10 de decembro de 1998, publicado no Diario Oficial de Galicia o 23 do mesmo mes, declarou de utilidade pública as mencionadas

obras e, así mesmo, urxente a ocupación dos bens afectados por estas, para efectos do que prevé o artigo 52 da vixente Lei de expropiación forzosa.

Na súa virtude, e no cumprimento do disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 55 e seguintes do Regulamento para a súa aplicación, este departamento, no uso das facultades que lle confire o artigo 98 da mencionada lei, resolveu convoca-los titulares dos bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do concello que se cita de seguido, para que comparezan no lugar, datas e hora que se detallan para proceder ó levantamento das actas previas á ocupación, nas que se recollerán os datos necesarios para determina-los dereitos afectados, o valor destes, e os prexuízos dimanantes da rápida ocupación, sen prexuízo de trasladarse ó lugar dos predios se cómpre.

Lugar: Casa do Concello de Lalín.

Día: 10 de marzo de 1999.

Do predio 1 ó 45. Das 10 da mañá ás 2 da tarde.

Do predio 46 ata o final. Das 4 da tarde ás 7 do serán.

Ó dito acto, deberán acudi-los titulares afectados, persoalmente ou representados por persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, achegando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade, e o último recibo da contribución, podendo facerse acompañar, á súa custa e se o consideran oportuno, dos seus peritos, avogado e notario.

Así mesmo, unha vez publicada a relación e ata o levantamento das actas previas, en cumprimento do artigo 56.2º do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, os interesados poderán formular por escrito, ante este Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico, en San Caetano-Santiago de Compostela, as alegacións que consideren oportunas, co único obxecto de corrixir posibles erros padecidos ó relaciona-los bens afectados pola urxente ocupación.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 1999.

Antonio López Blanco

Xefe do Departamento de Xestión do Dominio

Público Hidráulico