Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Mércores, 24 de febreiro de 1999 Páx. 2.086

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 1999 pola que se convocan probas selectivas para ingreso na escala de técnico de xestión desta universidade polo sistema de promoción interna.

Existindo prazas de adscrición indistinta ós grupos A e B das escalas de funcionarios da Universidade de Santiago de Compostela, ocupadas por funcionarios pertencentes a corpos ou escalas do grupo B, co fin de facilita-la promoción do persoal aínda mantendo os seus propios postos de traballo, de acordo co artigo 22 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, e o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e de conformidade cos acordos adoptados coa xunta de persoal funcionario e en cumprimento do disposto nos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 473/1997, do 28 de novembro, da Xunta de Galicia, e co fin de atende-las necesidades de persoal de administración e servicios,

Este rectorado, no uso das atribucións conferidas polo artigo 18 da Lei de reforma universitaria en relación co artigo 3.2. e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade, acorda convocar probas selectivas para ingreso na escala de técnicos de xestión da Universidade de Santiago de Compostela, con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir 5 prazas da escala de técnicos de xestión da Universidade de Santiago de Compostela polo sistema de promoción interna, polo procedemento de concurso-oposición.

1.2. A presente convocatoria non xerará prazas vacantes no corpo ou escala de xestión da que procedan os aspirantes.

1.3. As prazas convocadas terán o seu destino nas localidades de Santiago de Compostela e Lugo.

1.4. Á realización destas probas selectivas seralles de aplicación a Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo, o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ó servicio da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado, a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada polas leis 4/1991, 3/1995, do 10 de abril, o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e as bases desta convocatoria.

1.5. O procedemento de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoración axustarase ó que se especifica no anexo I.

1.6. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que figura no anexo II desta convocatoria.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os/as aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou te-la condición de nacional dun estado membro da Unión Europea.

b) Ter cumpridos 18 anos.

c) Estar en posesión do título de doutor, licenciado universitario, arquitecto, enxeñeiro ou equivalente.

d) Pertencer o día de remate do prazo de presentación de solicitudes a un corpo ou escala adscrito ó grupo B, (art. 25 Lei 30/1984), estar destinado na Universidade de Santiago de Compostela e posuír unha antigüidade de, polo menos 2 anos, no devandito corpo ou escala.

e) Non estar separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública, nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas.

2.2. Tódolos requisitos enumerados nos parágrafos anteriores deberán posuírse no día da finalización do prazo de presentación de solicitudes, e manterse ata a data da toma de posesión como funcionario de carreira do grupo A.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe tomar parte nestas probas selectivas deberá facelo constar en instancia que se axustará ó modelo que figura como anexo IV desta convocatoria. A instancia deberá ir acompañada da seguinte documentación: fotocopia do DNI.

A xerencia expedirá de oficio, certificación acreditativa dos méritos que se valorarán na fase de concurso, que figuren no expediente persoal, referida á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Así mesmo, indicarase a puntuación dos aspirantes que superaron o curso selectivo que se incluía na convocatoria do 22 de outubro de 1997, (DOGA 17 de novembro de 1997), A citada certificación engadirase á solicitude presentada polo/a aspirante.

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Santiago de Compostela, no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó do anuncio desta convocatoria no BOE.

3.3. A presentación de solicitudes farase nos rexistros xerais da universidade, situados no Rectorado da Universidade de Santiago de Compostela (Colexio de San Xerome. Praza do Obradoiro s/n, Santiago de Compostela); na Vicexerencia do Campus de Lugo

(servicios administrativos, edificio da Biblioteca Intercentros, Avda. Bernardino Pardo Ouro, s/n) ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3.4. Os dereitos de exame serán de 4.000 pesetas, que se ingresarán en Caixa Galicia na conta «Oposicións» número 2091-0388-90-3110000646. Para realiza-lo ingreso deberá utilizarse por triplicado o modelo de solicitude que figura no anexo IV.

En ningún caso a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma da solicitude.

3.4.1. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ós/ás aspirantes que sexan excluídos definitivamente destas probas selectivas e para tal efecto o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer consta-la entidade bancaria e o número de conta no recadro que para tal efecto figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncia á devolución dos dereitos de exame.

3.5. Os/as aspirantes con minusvalidez poderán indicalo na solicitude, utilizando para isto o recadro número 4, así como solicita-la adaptación de tempo e medios para a realización dos exercicios, para o que utilizarán o recadro número 6.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o rector da Universidade de Santiago de Compostela, dictará resolución no prazo dun mes, pola que se aproba a lista provisional de admitidos e excluídos na que constará o nome e apelidos dos excluídos, o número de DNI, así como as causas de exclusión e o prazo para reparalas. Esta resolución publicarase no taboleiro de anuncios do rectorado. Para emenda-lo defecto que motivase a súa exclusión ou omisión da relación de admitidos e excluídos, os/as aspirantes disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte á publicación da citada resolución.

4.2. Os/as aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

5. Tribunal cualificador.

5.1. O tribunal cualificador destas probas selectivas estará composto segundo a forma prevista no artigo 11 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, nomeándose por resolución do rector da Universidade de Santiago de Compostela e será publicado no Diario Oficial de Galicia.

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ó rector da universidade, cando concorran neles circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro,

ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estar incurso nas circunstancias previstas nos ditos artigos.

Así mesmo, os/as aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran algunhas das circunstancias antes reflectidas.

5.3. Con anterioridade á iniciación das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que nomean os novos membros do tribunal que vaian substituí-los que perdesen a súa condición, por algunha das causas previstas na base 5.2.

5.4. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal, coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará tódalas decisións que lle correspondan de acordo co correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.5. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

5.6. Dentro da fase de oposición o tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5.7. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que coide pertinentes, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas.

5.8. O tribunal adoptará os medios precisos naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os/as aspirantes con minusvalideces gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ó resto dos/as participantes. Neste sentido, establecerase para as persoas con minusvalideces que o soliciten na forma prevista na base 3.5, as adaptacións posibles en tempo e medios, para a realización dos exercicios.

5.9. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes. O tribunal excluirá aqueles opositores que consignen o seu nome nas follas de exame, trazos, marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.10. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no rectorado da Universidade de Santiago de Compostela.

5.11. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra B, de conformidade co establecido na Resolución do 24 de marzo de 1998, da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

6.2. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

6.3. O tribunal será o encargado de publica-lo lugar, data e hora de celebración de tódolos exercicios. Esta publicación efectuarase no taboleiro de anuncios do rectorado, nos locais onde se realizara o primeiro exercicio e na sede do tribunal, ou por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilita-la máxima divulgación, con vintecatro horas, polo menos, de antelación á sinalada para o seu inicio.

6.4. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos/as aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo de audiencia ó/á interesado/a, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da universidade, comunicándolle, así mesmo, as inexactitudes ou falsidades formuladas polo/a aspirante na solicitude de admisión ás probas selectivas, para os efectos procedentes.

Contra a exclusión do aspirante, poderá interporse recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da súa exclusión.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluída cada unha das partes da fase de oposición o tribunal cualificador fará públicos, no lugar ou lugares de celebración dos respectivos exercicios e naqueloutros que coide oportunos, as relacións de aspirantes que superasen cada un deles, con indicación da puntuación obtida e do documento nacional de identidade.

7.2. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso farase pública unha vez rematada a fase de oposición.

7.3. A cualificación final realizarase de acordo co previsto no anexo I da presente convocatoria.

7.4. O tribunal fará pública a lista de aspirantes que, segundo a orde da puntuación acadada por cada un deles, fosen seleccionados, a cal en ningún caso poderá conter un número de candidatos/as superior ó das prazas convocadas.

7.5. Finalizado o proceso selectivo, o tribunal elevaralle ó rector a relación definitiva de aspirantes aprobados por orde de puntuación, na que constarán

as cualificacións obtidas en cada unha das fases: oposición e concurso.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do seguinte a aquel no que se fixesen públicas as relacións definitivas de aprobados no rectorado da universidade, os/as aspirantes que figuren nelas deberán presentar no servicio de PAS (Casa da Balconada, Rúa Nova nº 6, de Santiago) a documentación necesaria para proceder ó nomeamento como funcionario da escala técnica de xestión, que non se atope suficientemente acreditada no seu expediente.

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presenta-los documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións esixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen dentro do prazo fixado, e salvo o caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeado funcionario/a de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade, na solicitude inicial.

9. Nomeamento de funcionarios/as de carreira.

9.1. Concluído o proceso selectivo, os/as aspirantes que o superasen serán nomeados/as funcionarios/as de carreira, mediante resolución rectoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9.2. Dadas as peculiaridades deste proceso de promoción interna, este exclúese do sistema de adxudicación de destino pola orde obtida no proceso selectivo. Ós aspirantes que superen o concurso-oposición adxudicaráselle-lo mesmo posto que veñan desempeñando como titulares, e terá carácter definitivo se o posto de traballo se atopa adscrito na vixente relación de postos á escala á que aspiran, e carácter provisional no caso de que non estea incluído na relación de postos de traballo nesa escala. Neste último suposto o destino consolidarase como definitivo no caso de que na próxima relación de postos o citado posto se atope adscrito á escala á que ten accedido.

Aqueles funcionarios que, en virtude do disposto no parágrafo anterior accedan a unha escala superior con carácter provisional e mentres permanezan nesa situación, percibirán o complemento de destino correspondente ó posto base da escala á que accedan, salvo que o posto que desempeñen teña asignado un nivel superior. O complemento específico será o correspondente ó posto de traballo realmente desempeñado segundo a relación de postos de traballo.

9.3. A toma de posesión dos aspirantes efectuarase no prazo dun mes, contado desde a data de publicación do seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

10. Norma derradeira.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde a súa publicación, de conformidade cos artigos 46 e 10.1.a) da Lei da xurisdicción contencioso-administrativa, aprobada por Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 1999.

Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominacion das prazas: escala de técnicos de xestión.

Exercicios e valoración.

O procedemento de selección será o de concurso-oposición, que consta das seguintes fases:

1. Fase de oposición, que constará das seguintes partes:

a) Primeira parte: consistirá en:

Curso obrigatorio e de carácter eliminatorio. O curso estará composto por 5 áreas temáticas das que os opositores deberán examinarse mediante a realización de dous exercicios.

Cada exercicio consistirá en contestar a un cuestionario de preguntas tipo test, relativo o contido de, polo menos, dúas áreas temáticas. Tódalas áreas serán cualificadas e puntuadas, sendo a suma das puntuacións a cualificación final do curso, que será de 40 puntos como máximo.

Para obte-la cualificación de apto, será preciso ter un mínimo de 20 puntos na globalidade do curso.

b) Segunda parte: obrigatoria e con carácter eliminatorio, consistirá en:

Elaboración dun traballo orixinal relacionado co contido do temario que figura no anexo II.

Os aspirantes que non acadaron praza no proceso selectivo convocado por Resolución do 22 de outubro de 1997, deberán presentar un novo traballo orixinal, relacionado co temario do anexo II.

O traballo será dirixido por un profesor dos que impartiu o curso e terá unha extensión máxima de 25 folios a dobre espacio e por unha soa cara. Os/as aspirantes deberán presenta-lo traballo nos rexistros xerais da universidade, dirixíndoo ó presidente do tribunal. O prazo para presenta-lo traballo será o que estableza o tribunal, pero en ningún caso será inferior a 20 días hábiles contados a partir do seguinte á publicación das cualificacións do curso selectivo.

Os aspirantes defenderán o seu traballo en sesión pública, perante o tribunal que garantirá que a exposición teña a mesma duración para tódolos aspirantes.

A valoración máxima será de 20 puntos, sendo necesario para aprobar obter un mínimo de 10 puntos.

c) Terceira parte: obrigatoria pero non eliminatoria, consistirá na traducción directa para o castelan ou para o galego, dun texto dunha lingua comunitaria. Os/as aspirantes deberán facer constar no punto correspondente da solicitude o idioma elixido.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será dunha hora e media.

A valoración desta proba será de 0 a 5 puntos.

d) Proba de galego, non eliminatoria e de mérito. Consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do castelán para o galego, e traducción sen diccionario dun texto do galego para o castelán, elixidos por sorteo entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo de realización deste exercicio será de 60 minutos, e valorarase de 0 a 5 puntos.

2. Fase de concurso: máximo 30 puntos. Para os/as aspirantes que superen a fase de oposición a valoración de méritos farase da seguinte forma:

2.1. Antigüidade: máximo 12,5 puntos.

Valorarase a antigüidade recoñecida referida á data de remate do prazo de presentación das solicitudes da seguinte forma:

Por cada ano completo de servicios: 0,625 puntos.

Por cada mes completo de servicios que reste: 0,052 puntos.

2.2. Nivel de complemento de destino: máximo 12,5 puntos. Polo nivel de complemento de destino correspondente ó posto de traballo que se desempeñe con carácter definitivo na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, de acordo coa seguinte puntuación:

NivelPuntos

2812,5

2610,5

259,5

248,5

226,5

204,5

No suposto de non ter posto definitivo, puntuarase o grao persoal consolidado, e non tendo grao consolidado atenderase ó mínimo correspondente á escala á que pertenza o funcionario.

2.3. Cursos de formación: máximo 5 puntos. Os cursos de formación puntuarán da seguinte forma:

* Cursos de formación recibidos:

-Cursos de aptitude: 0,02 puntos/hora.

-Cursos de asistencia: 0,01 puntos/hora.

-Curso de iniciación da lingua galega: 0,01 puntos/hora.

-Curso de perfeccionamento lingua galega: 0,02 puntos/hora.

No caso de te-los cursos de iniciación e perfeccionamento de galego, só puntuará o de perfeccionamento.

* Cursos de formación impartidos: 0,03 puntos/hora.

Nos cursos nos que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

3. Puntuación do proceso selectivo: a puntuación da fase de oposición estará determinada pola suma das puntuacións obtidas nas distintas partes. A puntuación do proceso selectivo estará determinada pola suma da fase de oposición, máis os méritos da fase de concurso, sempre que os/as aspirantes tivesen superada a fase de oposición.

No caso de empate daráselle preferencia atendendo a puntuación obtida na primeira parte e, de persistir este, a prol do/a candidato/a que acadase maior antigüidade no corpo ou escala ó que pertenza na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

4. A aqueles aspirantes que obteñan a cualificación de apto no curso, pero que non superen o proceso selectivo conservaráselle-la validez deste curso por un tempo máximo de tres anos, contados a partir da superación do curso que se cita nesta convocatoria e, como mínimo, para a seguinte convocatoria.

Os aspirantes que superaron o curso que se establecía na convocatoria de ingreso nesta escala, do 22 de outubro de 1997 (DOG do 17 de novembro de 1997) estarán exentos de volver a realizalo. Non obstante o anterior, se os aspirantes desexaran participar no curso que se celebre nesta convocatoria, co obxecto de mellora-la puntuación, poderán facelo, contándolles como nota a do curso selectivo que sexa máis alta.

ANEXO II

Denominación das prazas: escala de técnicos de xestión.

Programa.

I. Organización do Estado e da Unión Europea.

1. Liñas fundamentais do constitucionalismo español. O concepto de Constitución. A Constitución como norma xurídica. Contido das constitucións. Os principios constitucionais.

2. Os dereitos fundamentais. Evolución histórica e conceptual. Os dereitos fundamentais na Constitución española. Garantías e tutela.

3. A organización territorial do Estado na Constitución española. As comunidades autónomas e a súa organización institucional. Principios xerais de distribución de competencias entre o Estado e as

comunidades autónomas. As potestades normativas das comunidades autónomas. O control sobre a súa actividade.

4. Fontes do dereito comunitario: tipoloxía, características e efectos. A integración do dereito comunitario en España.

5. As institucións comunitarias: o consello e a comisión. O Parlamento Europeo. O Tribunal de Xustiza.

6. Consideracións xerais sobre as liberdades básicas do sistema comunitario: circulación de mercadorías e política comercial común, circulación de traballadores, establecemento e libre prestación de servicios e circulación de capitais.

II. Administración pública e dereito administrativo.

1. A Administración pública: concepto e principios constitucionais. Bases do réxime xurídico das administracións públicas. A Administración e as funcións e poderes do Estado: o control lexislativo, xurisdiccional e político.

2. A Administración pública e o dereito. O principio de legalidade. O poder de autotutela da Administración.

3. O regulamento: clases. Fundamento e límites da potestade regulamentaria. Regulamentos ilegais. Impugnación de regulamentos ilegais.

4. A Lei 30/1992 , de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común: ámbito de aplicación e principios xerais.

5. Teoría do administrado. Clases de administrados. A capacidade dos administrados e as súas causas modificativas. A participación nas administracións públicas.

6. O acto administrativo. Principios xerais de eficacia, executividade e suspensión. Procedementos de execución. Nulidade de pleno dereito. Anulabilidade. Revogación e revisión de oficio.

7. O procedemento administrativo: concepto clases e natureza. A potestade sancionadora: principios do procedemento sancionador. Sancións administrativas.

8. A responsabilidade das administracións públicas, das súas autoridades e do persoal ó seu servicio.

9. Os recursos administrativos: concepto e clases. Materia recorrible, lexitimación e órganos competentes. As reclamacións previas ó exercicio das accións civís e laborais.

10. A xurisdicción contencioso-administrativa: concepto e natureza. O recurso contencioso-administrativo: partes, actos impugnables, procedemento. Recursos contra sentencias. Execución de sentencias.

III. Xestión e organización de recursos humanos.

A. Función directiva e recursos humanos.

1. A función directiva, os estilos de dirección e o concepto de liderato.

2. Sistemas de información para a dirección.

3. Teoría da decisión: modelos e técnicas cualitativas (subxectivas) e cuantitativas.

4. Os conflictos nas organizacións: técnicas de xestión e negociación.

5. Cultura dunha organización: definición, diagnóstico e técnicas de cambio.

B. Xestión de recursos humanos.

6. Descrición, análise e valoración de postos. Selección de persoal, valoración do desempeño e remuneración.

7. A motivación dos recursos humanos: formación, promoción e carreiras profesionais. O clima laboral.

C. Aplicación da xestión de recursos humanos ás administracións públicas.

8. A planificación de recursos humanos nas administracións públicas. As relacións de postos de traballo. As ofertas de emprego público.

9. Os procesos selectivos na Administración pública. A provisión de postos de traballo e a promoción profesional nas administracións públicas.

10. Situacións administrativas dos funcionarios.

11. Peculiaridades do réxime xurídico do profesorado universitario. A carreira docente e os seus problemas de configuración.

12. As fontes do dereito laboral: xerarquía. As disposicións legais e regulamentarias do Estado. O Estatuto dos traballadores. Os convenios colectivos: concepto e natureza.

13. Contrato de traballo. Conceptos. Natureza. Suxeitos. Forma. Contido e réxime xurídico.

14. Modalidades do contrato de traballo. O traballo directivo. Contratos formativos. Contratos de duración determinada. O contrato a tempo parcial.

15. Condicións de traballo: xornadas, descanso e réxime retributivo.

IV. Xestión financeira.

1. A Lei xeral orzamentaria: características. A Lei anual de orzamentos xerais do Estado. A súa tramitación como lei. Estructura do orzamento de gastos e ingresos do Estado.

2. Modificacións orzamentarias: créditos extraordinarios e suplementos de crédito. Créditos ampliables. Transferencias de crédito. Incorporación de remanentes. Xeración de créditos.

3. As fases da execución do orzamento de gastos. Documentos contables que interveñen. Os gastos plurianuais.

4. O control económico financeiro no sector público: tipos. O Tribunal de Contas.

5. Particularidades do réxime financeiro e orzamentario de Galicia. O Consello de Contas.

6. Réxime financeiro e patrimonial das universidades. O réxime económico e a programación plurianual na Universidade de Santiago de Compostela.

7. Os contratos administrativos: tipos. Principios básicos da Lei de contratos das administracións públicas. Procedementos e formas de contratación. Prerrogativas da Administración e equilibrio financeiro. Resolución e rescisión.

8. Particularidades da contratación administrativa na Universidade de Santiago de Compostela.

9. Dominio público e patrimonio: concepto e natureza. Consideracións xerais sobre o seu réxime xurídico.

10. O patrimonio das universidades. A atribución de competencias en materia de disposición dos bens de titularidade da Universidade de Santiago de Compostela.

V. Organización universitaria.

1. As universidades e o sistema universitario. Peculiaridades institucionais da universidade. A cuestión histórica da autonomía universitaria. Natureza xurídica do dereito a autonomía universitaria: consecuencias.

2. A dualidade no goberno da función universitaria: o sistema universitario español. O sistema universitario galego. A tendencia cara a un «sistema universitario europeo».

3. A estructura interna da universidade. As estructuras informais. A creación de persoas xurídicas universitarias.

4. A función xestora nas universidades. Os colectivos xestores. A extensión da función xestora.

5. A investigación científica e técnica. Normativa e órganos competentes para a sua planificación e financiamento. Politicas europea, estatal e galega de I+D. O persoal investigador.

6. Os contratos formalizados ó amparo dos artígos 11 e 45 da Lei de reforma universitaria. Problemática da súa aplicación.

7. O estudio na Universidade de Santiago de Compostela. As titulacións de primeiro e segundo ciclo. O terceiro ciclo e o posgrao. A formación permanente e o cuarto ciclo.

8. Problemática da xestión en relación co estudio na Universidade de Santiago de Compostela. Acceso e ingreso. Permanencia e simultaneidade de estudios. Validacións e homologacións de estudios.