Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Martes, 23 de febreiro de 1999 Páx. 2.009

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de febreiro de 1999 sobre delegación de atribucións no secretario xeral para o Deporte.

A Secretaría Xeral para o Deporte é un órgano dependente funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería da Presidencia e Administración Pública, segundo establece o Decreto 350/1997, do 10 de decembro.

A necesidade de axilizar no posible todos aqueles asuntos que non esixan unha atención directa e persoal do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, aconsella que este delegue no secretario xeral para o Deporte determinadas funcións, co que se conseguirá unha maior eficacia o que sen dúbida repercutirá beneficiosamente no funcionamento da Administración autonómica.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, na redacción dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e o disposto no artigo 72.4º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 26 de novembro, e demais disposicións de aplicación xeral,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse no secretario xeral para o Deporte as seguintes atribucións:

a) A autorización e disposición dos gastos dos servicios contidos no programa 355A, da sección 04, servicio 04 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos relativos a elas.

b) As funcións que como órgano de contratación lle estean atribuídas ó titular da consellería, en temas de deportes nos que as partidas orzamentarias estean recollidas dentro do programa 355A, dos mencionados sección e servicio orzamentarios.

Artigo 2º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas polo órgano delegante.

Artigo 3º

O conselleiro da Presidencia e Administración Pública poderá reclamar para si, en calquera momento, as delegacións contidas nesta orde, das que quedan excluídas en todo caso os suspostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 26 de novembro.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 21 de maio de 1990 e cantas outras de igual ou inferior categoría se opoñan ó establecido na presente orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública