Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 19 de febreiro de 1999 Páx. 1.904

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 12 de febreiro de 1999 pola que se establecen os programas de fomento do emprego en empresas de economía social e para a promoción do emprego autónomo para o ano 1999.

As diversas medidas de fomento do emprego postas en práctica pola Comunidade Autónoma teñen que completarse con medidas de fomento e axudas a outras actividades e iniciativas englobadas baixo o concepto de economía social.

As distintas fórmulas de autoemprego colectivo promovidas polos traballadores asociados en cooperativas ou sociedades laborais, a creación do seu propio posto de traballo constituíndose en autónomo, reveláronse tradicionalmente como medidas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos, corrección de desequilibrios comarcais, e fixación de man de obra productiva, establecendo vínculos de interese mutuo entre a poboación e o seu propio territorio.

O fomento das fórmulas de economía social, sen que isto supoña interferir na libre competencia, é unha obriga dos poderes públicos, recollida no artigo 129.2º da Constitución española, e recomendado no dictame 89/C298/16, do Comité Económico e Social da Comunidade Económica Europea.

Segundo o establecido no artigo 29.1º do Estatuto de autonomía de Galicia e de conformidade co Decreto 168/1984, do 15 de novembro, correspóndelle á Comunidade Autónoma a xestión de calquera tipo

de axuda, subvencións e préstamos que realizaba o Fondo Nacional de Protección ó Traballo, e segundo a disposición adicional terceira da orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 29 de decembro de 1998, a xestión das axudas dos diversos programas de creación de emprego recollidas nela.

Na presente orde regúlanse os programas para o ano 1999, adaptada ás actuais circunstancias e ás directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo, así como ós acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001, asinados o 13 de xullo de 1998, pola Xunta de Galicia, a CEG, UGT-Galicia e o SN.CC.OO de Galicia; que establece o marco da actuación para o desenvolvemento da economía social e do autoemprego.

A diferencia da sistemática seguida en anos anteriores e como modificación na ordenación normativa, no exercicio 1999 regúlanse separadamente os programas de fomento da economía social e de promoción do emprego autónomo do programa dirixido á integración socio-laboral das persoas con discapacidade, contando así cunha orde específica para as axudas e subvencións destinadas a impulsa-lo autoemprego individual e colectivo.

Tamén se introducen innovacións e axustes técnicos nos distintos tipos de axuda que se inclúen nesta orde, tanto no seu aspecto substantivo como procedemental, para dotar a estes programas dunha maior operatividade e simplificación e axilización

na tramitación administrativa; por exemplo, establécese de xeito expreso a posibilidade de que a documentación que se precisa para o pagamento da subvención se presente xunto coa solicitude, a opción do interesado, o que reduce tempos e trámites.

A presente convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e ó establecido na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Finalidade.

1. A presente orde ten por obxecto regula-las bases das axudas e subvencións establecidas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para o ano 1999, coa finalidade de apoia-lo emprego en cooperativas e sociedades laborais, así como incentiva-lo traballo autónomo por conta propia a través dos seguintes programas:

-Programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.

-Programa de promoción do emprego autónomo.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, no Decreto 377/1998, do 23 de decembro, e na presente orde.

3. Estes programas financiaranse con cargo ós créditos da aplicación orzamentaria 14.04.241A.470.0 e 14.04.241A.473.0.

Capítulo II

Programa de fomento de emprego en cooperativas e sociedades laborais

Sección primeira

Obxecto e beneficiarios

Artigo 2º.-Obxecto.

O obxecto deste programa é facilitar axudas e subvencións que contribúan á creación ou mantemento de postos de traballo en cooperativas e sociedades laborais, así como subvencionar actividades destinadas á formación, fomento e difusión da economía social.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas deste programa as cooperativas e sociedades laborais que

teñan o seu domicilio na Comunidade Autónoma galega e estean debidamente inscritas no correspondente rexistro, e/ou os seus socios traballadores ou de traballo.

Nas accións de formación e difusión da economía social poderán ser beneficiarias as entidades indicadas no artigo 10º desta orde.

Sección segunda

Tipos de axuda

Artigo 4º.-Tipos de axuda.

Neste programa de fomento de emprego en cooperativas e sociedades laborais, inclúense os seguintes tipos de axudas e subvencións:

* Rendas para o inicio da actividade.

* Axuda pola incorporación de socios traballadores ou de traballo.

* Axudas para asistencia técnica.

* Subvención financeira.

* Axuda excepcional.

* Subvencións a accións de formación e difusión da economía social.

Artigo 5º.-Rendas para o inicio da actividade.

1. Poderán concederse subvencións de ata 600.000 pesetas, en concepto de rendas para o inicio da actividade a cada socio traballador dunha cooperativa de traballo asociado ou sociedade laboral que no momento de adquiri-la dita condición estea desempregado inscrito como demandante de emprego no Servicio Público de Emprego; sexa menor de 25 anos ou maior de 25 anos parado de longa duración e non percibira este tipo de axuda nos catro anos inmediatamente anteriores á data da incorporación na cooperativa ou sociedade laboral. Para obte-la renda para o inicio da actividade non poden mediar máis de tres meses desde a data de alta na Seguridade Social ata a data da solicitude. Non obstante, para aqueles socios traballadores que se desen de alta con posterioridade ó 30 de setembro de 1998 e antes da entrada en vigor da presente orde, o referido prazo de tres meses computarase a partir da data da súa entrada en vigor.

2. Terán a consideración de parados de longa duración os desempregados que leven na dita situación polo menos 12 meses; para estes efectos considerarase que se cumpre o requisito de permanencia en desemprego, no caso de que o traballador, nese período de 12 meses, realizara algunha actividade laboral por un período non superior a 60 días.

3. Non obstante o anterior, poderán ser beneficiarios desta axuda en concepto de renda para o inicio da actividade os traballadores maiores de 25 anos desempregados con independencia do tempo de permanencia na dita situación, se pertencen a algún dos seguintes colectivos:

a) Desempregados menores de 30 anos que busquen o seu primeiro emprego.

Para estes efectos, entenderase que buscan o seu primeiro emprego aqueles que non realizaran con anterioridade ningunha actividade laboral, por conta propia ou allea, durante un período superior a 180 días ininterrompidos ou a 360 con interrupción, excluídos os contratos para a formación, calquera que sexa a súa duración, que non se terán en conta para o cómputo da experiencia laboral acumulada.

b) Mulleres desempregadas que accedan ó seu primeiro emprego ou que se incorporen en profesións ou oficios con menor índice de emprego feminino, de acordo co disposto na orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 16 de setembro de 1998.

c) Desempregados maiores de 45 anos.

d) Desempregados que realizaran cursos de formación profesional ocupacional do Plan FIP, directamente relacionados co posto de traballo ó que se incorporan, correspondentes ás programacións de 1997, 1998 e 1999.

e) Desempregados que participaran como alumnos en escolas obradoiro ou casas de oficio en 1997, 1998 e 1999 directamente relacionadas no seu contido co posto de traballo ó que se incorporan; ou ben en obras e servicios de interese xeral realizados en virtude doutros programas de fomento do emprego en 1998 ou 1999.

f) Traballadores que, para mante-lo seu posto de traballo, adquiran os bens inventariables da empresa na que prestaban os seus servicios e adopten a forma xurídica de cooperativa ou sociedade laboral.

g) Os perceptores da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único.

h) Traballadores con discapacidade.

4. A contía da renda para o inicio da actividade, en ningún caso, poderá ser superior á cantidade que o socio traballador ou de traballo teña que desembolsar como contribución inicial pola adquisición da condición de socio traballador.

Artigo 6º.-Axuda pola incorporación de socios traballadores ou de traballo.

1. Poderán acollerse ás axudas previstas neste artigo as cooperativas e sociedades laborais que, reunindo os requisitos e condicións sinalados no punto 4 deste artigo, incorporen como socios traballadores ou de traballo as persoas nas que, no momento da integración, concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego, pertencentes a algún dos colectivos relacionados no artigo 5º.

b) Traballadores vinculados á empresa por contrato laboral de carácter temporal vixente o 15 de xaneiro de 1999 e que se incorporen sen ruptura de continuidade como socios traballadores ou de traballo.

2. A contía desta axuda será de 500.000 pesetas por cada persoa que se incorpore a xornada completa como socio traballador ou de traballo nunha cooperativa ou sociedade laboral.

No suposto de persoas vinculadas á empresa por contrato temporal e que se incorporen como socios, a contía da axuda será de 500.000 pesetas por socio, co límite de dez socios por entidade beneficiaria.

No caso de desempregados minusválidos, a contía da axuda será de 1.500.000 pesetas.

3. As axudas previstas neste artigo só serán de aplicación ás incorporacións que se produzan a partir do 1 de xaneiro de 1999; e terán que solicitarse no prazo máximo de tres meses desde a data da incorporación; para o caso de que a incorporación se producira antes da publicación desta orde, o prazo de tres meses computarase a partir da súa entrada en vigor.

4. A incorporación deberá supoñer un incremento neto de emprego na entidade beneficiaria da axuda.

Será requisito indispensable para beneficiarse desta axuda que a empresa na que se produza a incorporación como socios das persoas citadas nos puntos anteriores non reducira o número de postos de traballo nos doce meses anteriores á data de incorporación.

Non poderá concederse esta axuda cando se trate de incorporación de socios traballadores ou de traballo que desempeñasen con anterioridade tal condición na mesma empresa.

5. As cooperativas e sociedades laborais beneficiarias destas axudas están obrigadas a manter, polo menos durante tres anos, como socios traballadores ou de traballo as persoas polas que se concedese subvención. No suposto de baixa na sociedade no dito período, teñen a obriga de substituílos por outras persoas nas que concorran algunha das circunstancias recollidas no punto 1 deste artigo, sen que en ningún caso esta nova incorporación dera lugar a nova axuda. De tratarse dun traballador minusválido, a substitución terá que realizarse con outra persoa con discapacidade.

Artigo 7º.-Axudas para asistencia técnica.

Poderanse subvenciona-los gastos ocasionados pola asistencia técnica necesaria para a creación, mantemento ou reestructuración das cooperativas de traballo asociado ou sociedades laborais.

Esta asistencia técnica só poderá ser solicitada durante o primeiro ano contado desde a data de constitución da cooperativa ou sociedade laboral e deberán prestala empresas ou persoas físicas especializadas que reúnan garantía de solvencia profesional e poderá consistir nalgunha das modalidades seguintes:

-Estudios de viabilidade, organización, comercialización e outros de natureza análoga.

-Contratación de directores, xerentes ou técnicos, por un período máximo dun ano, tendo en conta o previsto para a contratación de asalariados pola lexislación vixente de cooperativas e sociedades laborais.

-Auditorías e informes económicos sempre que estes non se realicen de xeito obrigatorio por unha disposición que así o esixa.

-Labores de asesoramento nas distintas áreas de xestión empresarial excluídas as tarefas que pola súa natureza teñan carácter ordinario e continuado na actividade da empresa.

A asistencia técnica poderá ser subvencionada na súa totalidade, cando sexa promovida de oficio, e ata o 50% cando sexa solicitada por instancia de parte e non poderá supera-la contía de 3.000.000 de pesetas.

Artigo 8º.-Subvención financeira.

A subvención financeira ten por finalidade a reducción de xuros de préstamos para financiar investimentos en activo fixo, concedidos polas entidades financeiras que teñan subscrito convenio coa Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e solicitados a nome das cooperativas ou sociedades laborais. Non obstante, no caso de cooperativas ou sociedades laborais que leven menos dun ano de funcionamento na data de solicitude da subvención, poderá destinarse ata un 25% do préstamo a financia-lo activo circulante.

Esta subvención, pagadeira dunha soa vez, será como máximo de seis puntos do tipo de xuro fixado pola entidade de crédito que conceda o préstamo, sen que en ningún caso o tipo de xuro que deba satisface-lo beneficiario, despois de calculada a subsidiación, poida resultar inferior a dous puntos. En todo caso, o importe máximo desta subvención non poderá supera-la contía de 500.000 pesetas por socio traballador ou de traballo integrante da cooperativa ou sociedade laboral cando o seu posto de traballo non fora tido en conta con anterioridade para a concesión deste mesmo tipo de axuda.

Artigo 9º.-Axuda excepcional.

Poderán concederse axudas de carácter excepcional, ás cooperativas de traballo asociado e sociedades laborais de nova creación cando estean constituídas exclusivamente por xoves menores de 30 anos, nunha contía de ata 500.000 ptas. por socio, destinadas a financiar investimentos en activos fixos.

Artigo 10º.-Formación e difusión da economía social.

Poderán subvencionarse accións de formación dirixidas ós socios traballadores de cooperativas e sociedades laborais, así como as dirixidas ós traballadores que desexen constituír ou integrarse neste tipo de empresas.

As entidades que desenvolvan as ditas accións poderán ser universidades, centros colaboradores de formación ocupacional homologados por esta consellería ou entidades e institucións do movemento cooperativo ou das sociedades laborais.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá promover e financiar directamente actividades de investigación, difusión, fomento, formación e promoción da economía social.

Sección terceira

Solicitudes, documentación e xustificación

Artigo 11º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexo da presente orde e deberán ir acompañadas, por triplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia compulsada, da documentación que se relaciona:

1. Documentación común para tódolos tipos de axudas:

a) Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF; se é persoa xurídica documento nacional de identidade e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

b) Certificación da inscrición da entidade no rexistro correspondente, ou no seu defecto, solicitude de inscrición.

c) Memoria sucinta en relación coa finalidade ou obxecto da axuda e xustificación da necesidade dela.

d) Ficha de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta.

2. Documentación específica para as rendas para o inicio da actividade:

a) Documentación acreditativa da súa inscrición como demandante de emprego e do tempo de permanencia no paro (certificación de inscrición como demandante de emprego e informe da vida laboral).

b) Se é o caso, documentos acreditativos da concorrencia das circunstancias recollidas no artigo 5º, número 3 da presente orde.

c) Certificación de incorporación e documentos de alta na Seguridade Social ou, no seu defecto, solicitude de ingreso na cooperativa ou sociedade laboral.

d) Certificación emitida pola cooperativa ou sociedade laboral da contía da achega inicial para adquiri-la condición de socio traballador ou de traballo, con indicación do prazo para o seu desembolso.

3. Documentación específica para a axuda pola incorporación de socios traballadores ou de traballo.

a) DNI, documentación acreditativa da inscrición como demandantes de emprego e do tempo de permanencia no paro (certificación de inscrición como demandante de emprego e informe da vida laboral) e, se é o caso, copia do contrato de traballo temporal dos traballadores que se vaian incorporar á entidade como socios.

b) Se é o caso, documentos acreditativos da concorrencia das circunstancias recollidas no artigo 6.1.a), en relación co artigo 5º.

c) Certificado de incorporación e documentos de alta na Seguridade Social ou, no seu defecto, compromiso de incorporación.

No certificado ou no compromiso de incorporación deberá constar expresamente a declaración de que o traballador que se incorpora como socio non tivo con anterioridade na dita entidade tal condición.

d) Certificación da relación nominal dos socios traballadores ou de traballo no ano inmediatamente anterior á data de incorporación, con indicación das altas e baixas e na que conste a declaración de que non se reduciu o número de socios traballadores ou de traballo no dito período.

4. Documentación específica para a axuda de asistencia técnica:

a) Cando se trate da modalidade de contratación, o currículum vitae da persoa que preste o servicio.

b) E cando se trate de estudios ou de asesoramento, un orzamento detallado e un índice do contido do estudio ou do asesoramento, así como unha memoria da entidade ou o currículum vitae da persoa que realice o estudio ou o asesoramento, e o plan de investimentos en activo fixo.

5. Documentación específica para a subvención financeira:

a) Compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, no que figuren as súas características e se faga constar que a operación se acolle ó convenio subscrito para tal fin, ou de se-lo caso, o contrato de préstamo.

b) Certificación da relación nominal de socios traballadores, con indicación daqueles para ter en conta para o cálculo da subvención.

c) Facturas proforma ou orzamentos dos activos que se financiarán co préstamo.

6. Documentación específica para as axudas excepcionais:

a) Memoria económica do proxecto, que inclúa orzamento de investimento e o plan de financiamento.

b) Facturas ou, no seu defecto, facturas proforma ou orzamentos dos activos fixos que se vaian financiar.

c) A relación de socios e copia do DNI de cada un deles.

7. Documentación específica para accións de formación e difusión da economía social.

Para esta axuda deberá presentarse unha memoria descritiva da acción na que conste, entre outros datos, tempo de execución e orzamento desagregado por conceptos.

Artigo 12º.-Xustificación do pagamento.

1. Unha vez concedidas as axudas ou subvencións, o seu pagamento quedará condicionado á presentación, no prazo que sinale a resolución concesoria,

da documentación xeral e da específica que corresponda, relacionada nos puntos seguintes:

A. Documentación xeral:

a) Certificación da inscrición da entidade no rexistro correspondente, no caso de que non se achegara anteriormente.

b) Documentación xustificativa para acredita-lo cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda, no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución concesoria.

c) Certificacións acreditativas de estar ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

B. Documentación específica:

a) Cando se trate de rendas para o inicio da actividade, achegarase a certificación da incorporación á cooperativa ou sociedade laboral e a alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

b) No caso de axuda pola incorporación de socios traballadores ou de traballo achegarase certificación das incorporacións á cooperativa ou sociedade laboral e documento de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

c) Cando se trate da axuda para asistencia técnica na súa modalidade de contratación, achegarase copia do contrato e alta na Seguridade Social.

d) Cando se trate da subvención financeira achegarase copia do contrato de préstamo e documentos acreditativos da incorporación e alta dos socios traballadores.

Con posterioridade o beneficiario, no prazo de trinta días desde a data de pagamento da subvención, deberá presentar certificación da entidade financeira acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

2. Non obstante o sinalado nos puntos anteriores, a documentación esixida para a fase de pagamento, xeral ou específica, poderá presentarse xunto coa solicitude a opción do interesado.

3. Cando concorran varias axudas ou subvencións só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude como na de xustificación.

Capítulo III

Programa de promoción do emprego autónomo

Sección primeira

Obxecto e beneficiarios

Artigo 13º.-Obxecto.

Este programa ten como obxecto promover e axudar a financiar aqueles proxectos que faciliten a constitución en traballadores autónomos ou por conta propia a persoas desempregadas, que pretendan desenvolve-la súa actividade empresarial ou profesional en Galicia.

Artigo 14º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas deste programa os desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego que proxecten a creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en traballadores autónomos por conta propia, sempre que:

-Sexan titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.

-Non percibiran subvencións ó abeiro do programa de promoción do emprego autónomo nos catro anos anteriores á data do inicio da nova actividade.

-Non desenvolveran a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos 6 meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade; nin estiveran de alta en calquera réxime de autónomos da Seguridade Social ou en colexio profesional sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores.

Para os ditos efectos entenderase como data de inicio de actividade laboral a da alta como autónomo no correspondente réxime da Seguridade Social ou en colexio profesional.

Sección segunda

Tipos de axuda

Artigo 15º.-Tipos de axuda.

Este programa de promoción de emprego autónomo inclúe os seguintes tipos de axuda:

* Subvención financeira.

* Rendas para o inicio da actividade.

Artigo 16º.-Subvención financeira.

A subvención financeira ten por finalidade a reducción de xuros de préstamos necesarios para a súa constitución como traballador autónomo, tendo en conta que, como mínimo, o 75% do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en activo fixo. Os ditos préstamos, para seren subvencionables, deberán ser concedidos polas entidades financeiras que teñan subscrito convenio coa Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Esta subvención, pagadoira dunha soa vez, será como máximo de seis puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo, sen que en ningun caso o tipo de xuro que deba satisface-lo beneficiario, despois de calculada a subsidiación, poida resultar inferior a dous puntos. En todo caso, o importe máximo desta subvención non poderá supera-la contía de 500.000 pesetas.

Artigo 17º.-Rendas para o inicio da actividade.

Poderán concederse subvencións de ata 600.000 ptas., en concepto de renda para o inicio da actividade, por unha soa vez, para contribuír a garantir durante o inicio da actividade uns ingresos mínimos, sempre que non medien máis de tres meses desde a data de alta na Seguridade Social ata a

data da solicitude desta subvención. Non obstante, para aqueles que se desen de alta con posterioridade ó 30 de setembro de 1998 e con anterioridade á data de entrada en vigor desta orde, o referido prazo de tres meses computarase a partir desta última data.

Con carácter xeral, a contía da renda para o inicio da actividade non poderá supera-lo 50% do investimento inicial en activo fixo debidamente acreditado.

Con carácter excepcional, cando concorran razóns de interese social e circunstancias especiais para o desenvolvemento dunha actividade en zona determinada, poderanse conceder axudas en concepto de renda para o inicio da actividade por unha contía máxima de 200.000 ptas., sen necesidade de acreditar investimento en activo fixo.

Sección terceira

Solicitudes, documentación e xustificación

Artigo 18º.-Solicitude e documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexo da presente orde, e deberán ir acompañadas, por triplicado exemplar, sendo un deles orixinal ou fotocopia compulsada, da seguinte documentación:

a) Documento nacional de identidade e acreditación do NIF do solicitante.

b) Documento acreditativo da súa inscrición como demandante de emprego e do tempo de permanencia no paro (certificación de inscrición como demandante de emprego e informe da vida laboral).

c) Alta no imposto de actividades económicas e no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de se-lo caso, en colexio profesional e mutualidade que corresponda. No seu defecto, compromiso de constituírse como traballador autónomo no ano 1999.

d) Memoria xustificativa do proxecto empresarial que inclúa o plan financeiro que acredite a viabilidade do proxecto, acompañada de facturas proforma ou orzamento dos activos que se van financiar ou, de se-lo caso, de facturas.

e) Nos casos en que se solicite subvención financeira, achegarase o compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, no que figuren as súas características e se faga constar que a operación se acolle ó convenio subscrito para tal fin ou, de se-lo caso, o contrato de préstamo.

f) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta.

Artigo 19º.-Xustificación do pagamento.

1. Unha vez concedidas as axudas ou subvencións, o seu pagamento quedará condicionado á presentación, no prazo que sinale a resolución concesoria,

da documentación xeral e específica que se relaciona nos puntos seguintes:

A. Documentación xeral:

a) Alta no IAE e alta no réxime especial de autónomos da Seguridade Social ou no réxime especial do mar como traballadores por conta propia ou en mutualidade de colexio profesional.

b) Documentación xustificativa para acredita-lo cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, segundo o tipo de axuda, no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución concesoria.

c) Certificacións acreditativas de estar ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

B. Documentación específica:

a) Cando se trate da subvención financeira de reducción de xuros, achegarase copia do contrato de préstamo.

Con posterioridade, o beneficiario, no prazo de trinta días desde a data de pagamento da subvención, deberá presentar certificación da entidade financeira acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

b) Cando se trate da renda para o inicio da actividade, documentación acreditativa, se é o caso, do investimento en activo fixo.

2. Non obstante o sinalado nos puntos anteriores, a documentación esixida para a fase de pagamento, xeral ou específica, poderá presentarse xunto coa solicitude a opción do interesado.

3. Cando concorran varias axudas ou subvencións só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude como na de xustificación.

Capítulo IV

Normas comúns: competencia e procedemento

Artigo 20º.-Competencia.

1. A competencia para coñecer e resolve-las axudas e subvencións previstas nesta orde corresponderalle:

a) Ós delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, cando a actividade pola que se solicita subvención se vaia desenvolver no respectivo ámbito provincial.

b) Ó director xeral de Fomento do Emprego, cando a actividade pola que se solicita subvención se vaia desenvolver en máis dunha provincia desta Comunidade Autónoma ou cando se trate de solicitudes de axuda para accións de formación e difusión da economía social.

2. Non obstante o sinalado no parágrafo anterior, a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá resolver sobre a concesión de subvencións para accións que se desen

volvan naqueles sectores productivos que polas súas características así o aconsellen.

Artigo 21º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nos distintos programas dirixiranse ó órgano competente e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 1999.

Artigo 22º.-Instrucción e tramitación.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido da súa petición, arquivándose a solicitude de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 23º.-Resolución.

1. Logo da fiscalización polas correspondentes intervencións, as resolucións serán dictadas polo órgano competente e deberán serlles notificadas ós interesados. As resolucións denegatorias deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de tres meses contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimada.

3. Contra as resolucións que dicten neste procedemento os delegados provinciais ou o director xeral de Fomento do Emprego poderá interpoñerse recurso ordinario, no prazo dun mes, ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 24º.-Criterios de valoración.

Cando se trate de axudas vinculadas á creación directa de emprego valorarase especialmente o seguinte:

1. As solicitudes formuladas ou que afecten a membros de colectivos con especial dificultade para acceder ó traballo que sexan desempregados: menores de 30 anos, mulleres, parados de longa duración, discapacitados ou pertencentes a colectivos de difícil inserción social.

2. As solicitudes nas que o ámbito territorial de execución comprendan comarcas con altas taxas de paro, baixo desenvolvemento, aproveitamento dos recursos propios e que supoñan ocupación para gran número de traballadores.

3. Cando se trate da implantación de actividades de servicios de utilidade colectiva, de lecer e culturais, ou de servicios personalizados de carácter cotián e social, encadrables nos novos viveiros de emprego.

Artigo 25º.-Incompatibilidades.

1. En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ó abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total da actividade subvencionada que deba desenvolve-lo beneficiario.

Nestes casos o solicitante deberá achegar unha relación na que se recollan as axudas e subvencións solicitadas e/ou concedidas ou, de se-lo caso, unha declaración de non ter solicitado outras axudas ou subvencións.

2. As axudas en concepto de rendas para o inicio da actividade serán incompatibles con calquera outra establecida para o mesmo concepto.

As axudas pola incorporación de socios traballadores ou de traballo serán incompatibles con outras axudas ou subvencións que poidan concederse pola mesma causa e concepto ó abeiro doutros programas de fomento do emprego.

3. Tamén serán incompatibles entre si as axudas do mesmo tipo, concepto e finalidade previstas nesta orde.

Artigo 26º.-Seguimento e control.

As delegacións provinciais poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas de comprobación que se establezan na resolución concesoria.

Os beneficiarios das axudas e subvencións recollidas nesta orde están obrigados a realiza-la actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar fidedignamente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude levará a cabo a función de control das subvencións concedidas así como a avaliación e seguimento dos programas.

Para realiza-las ditas función poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicación da axuda polo mesmo concepto con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local ou da Unión Europea, constituirán causa determinante de revogación da axuda e do reintegro desta por parte do beneficiario, xunto co xuro de demora, de acordo co establecido no artigo 78.5º da Lei 11/1992.

Terceira.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nos diferentes programas desta orde.

Cuarta.-A concesión das subvencións reguladas na presente orde terán como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999.

Quinta.-As accións subvencionables ó abeiro da presente orde que se iniciaran nos meses de outubro, novembro ou decembro de 1998 poderán ser atendidas no presente exercicio e comezarán a computarse os prazos desde a data da súa entrada en vigor.

Sexta.-As solicitudes de axudas realizadas ó abeiro das ordes de convocatoria correspondentes a exercicios anteriores que non puideron ser atendidas por falta de dispoñibilidades orzamentarias e reuniran os requisitos establecidos nelas, e/ou se é o caso, realizaran o investimento obxecto da axuda poderán ser atendidas actualmente tendo en conta a incidencia social e económica do solicitante.

Sétima.-Nas solicitudes que se presenten ó abeiro dos programas de autoemprego individual ou colectivo previstos nesta orde, indicarase expresamente se tamén se solicitaron ou se van solicita-las axudas previstas no Programa EMEGA, xestionado polo Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

De se-lo caso, a documentación coincidente de ámbolos dous programas, só será preciso presentala unha vez xunto coa solicitude que se realice ó abeiro desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude