Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 19 de febreiro de 1999 Páx. 1.887

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 11 de febreiro de 1999 pola que se establece para o ano 1999 o programa de axudas destinadas ó fomento da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e traballo autónomo.

No título VII da Lei 13/1982, de integración social do minusválido, establécese como finalidade primordial da política de emprego de traballadores minusválidos a súa integración no sistema ordinario de traballo ou, no seu defecto, a súa incorporación ó sistema productivo mediante fórmulas especiais de traballo protexido como son os centros especiais de emprego; tamén como fórmula alternativa ó traballo por conta allea o autoemprego constitúe un elemento eficaz para a inserción socio profesional das persoas con discapacidade.

Segundo o establecido no artigo 29.1º do Estatuto de autonomía de Galicia e de conformidade co Decreto 168/1984, do 15 de novembro, correspóndelle á Comunidade Autónoma a xestión de calquera tipo de axuda, subvencións e préstamos que realizaba o Fondo Nacional de Protección ó Traballo, e segundo a disposición adicional terceira da orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 16 de outubro de 1998, a xestión das axudas dos diversos programas de creación de emprego recollidas nela.

Na presente orde regúlanse os programas dirixidos á integración laboral das persoas con discapacidade para o ano 1999 adaptadas ás actuais circunstancias e ás directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo, así como ós acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001, asinados o 13 de xullo de 1998, pola Xunta de Galicia, a CEG, UGT-Galicia e o S.N. CC.OO. de Galicia.

Neste contexto e como unha das actuacións do plan de medidas dirixidas a favorece-la inserción laboral das persoas con discapacidade inclúense axudas e subvencións para a creación, ampliación e mantemento de centros especiais de emprego, en canto constitúen iniciativas eficaces que xeran emprego para o dito colectivo e son un instrumento adecuado para a inserción posterior no mercado ordinario de traballo. Tamén, e co mesmo obxectivo de contribuír á integración laboral deste colectivo, establécese unha liña de incentivación ó emprego autónomo dirixida en exclusiva ós traballadores con discapacidade desempregados.

Coa finalidade de darlle un maior impulso a estes programas prodúcese unha relevante modificación na ordenación normativa, regulándose separadamente as axudas dirixidas ó fomento da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e traballo autónomo, contando así cunha orde específica que desde a perspectiva do acceso ó emprego se complementa coa orde que regula o programa de fomento da contratación indefinida das persoas con discapacidade.

Na presente orde actualízase e amplíase o réxime de axudas dirixidas a promociona-la inserción laboral dos traballadores minusválidos e introdúcense unha serie de axustes técnicos que axilizan e simplifican o procedemento de concesión de subvencións, debendo resaltarse as seguintes:

-Fronte á periodicidade trimestral, a subvención ó custo salarial dos traballadores minusválidos en centros especiais de emprego establécese con carácter mensual, sistema máis acorde coa finalidade de contribuír de xeito máis dinámico ó mantemento dos ditos centros.

-Tamén se dota o procedemento dunha maior celeridade, considerándose expresamente a posibilidade de que a documentación que se precisa para o pagamento se presente xunto coa solicitude a opción do interesado, o que reduce tempos e trámites.

A presente convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións, e ó establecido na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Finalidade.

1. A presente orde ten por obxecto regula-las bases das axudas e subvencións establecidas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para o ano 1999, coa finalidade de promove-la integración laboral das persoas con discapacidade, a través dos seguintes programas:

-Programa de apoio á creación, ampliación e mantemento de centros especiais de emprego.

-Programa de promoción do emprego autónomo das persoas con discapacidade.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, no Decreto 377/1998, do 23 de decembro, e na presente orde.

3. Estes programas financiaranse con cargo ós créditos das aplicacións orzamentarias 14.04.241A.470.0 e 14.04.241A.473.0.

Capítulo II

Programa de apoio á creación, ampliación e mantemento de centros especiais de emprego

Sección primeira

Obxecto e beneficiarios

Artigo 2º.-Obxecto.

O obxecto deste programa é incentiva-la creación, ampliación e mantemento dos centros especiais de emprego mediante o financiamento parcial de iniciativas ou proxectos técnica, económica e financeiramente viables que xeren emprego estable para traballadores con discapacidade desempregados.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios os centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro de Centros Especiais de Emprego desta Comunidade Autónoma.

Sección segunda

Tipos de axuda

Artigo 4º.-Tipos de axuda.

Neste programa inclúense as accións subvencionables e tipos de axudas seguintes:

a) Proxectos de creación de centros especiais de emprego e proxectos de ampliación do cadro de per

soal de centros especiais de emprego xa en funcionamento.

-Axudas para asistencia técnica.

-Subvención financeira.

-Subvención para activo fixo.

b) Mantemento de centros especiais de emprego.

-Bonificación de cotas á Seguridade Social.

-Subvención do custo salarial.

-Subvención para a adaptación de postos de traballo.

-Subvención para o saneamento financeiro.

-Subvención para o equilibrio orzamentario.

Artigo 5º.-Creación e ampliación de centros especiais de emprego.

1. As axudas para creación e ampliación de centros especiais de emprego reguladas nesta orde concrétanse nas seguintes:

a) Axudas para asistencia técnica.

Poderanse subvenciona-los gastos ocasionados pola asistencia técnica necesaria para a creación, mantemento ou reestructuración de centros especiais de emprego.

Esta asistencia técnica só poderá ser solicitada durante o primeiro ano contado desde a data de constitución do centro, e deberán prestala empresas ou persoas físicas especializadas que reúnan garantía de solvencia profesional e poderá consistir nalgunha das modalidades seguintes:

-Estudios de viabilidade, organización, comercialización e outros de natureza análoga.

-Contratación de directores, xerentes ou técnicos, por un período máximo dun ano.

-Auditorías e informes económicos.

-Labores de asesoramento nas diversas áreas de xestión empresarial.

A asistencia técnica poderá ser subvencionada na súa totalidade, cando sexa promovida de oficio, e ata o 50% cando sexa solicitada por instancia de parte.

b) Subvención financeira.

A subvención financeira ten por finalidade a reducción dos xuros dos préstamos para financiar investimentos en activo fixo, concedidos polas entidades financeiras que teñan subscrito convenio coa Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e solicitados a nome dos centros especiais de emprego. Non obstante, no caso de constitución do centro especial de emprego, poderase destinar ata un 25% do préstamo a financia-lo activo circulante.

Esta subvención será como máximo de seis puntos do tipo de xuro fixado pola entidade de crédito que conceda o préstamo, pagadoira dunha soa vez, en contía calculada como se a subvención se devengase cada ano da duración deste, incluído o posible período de carencia. En ningún caso, o tipo de xuro que deba satisface-lo beneficiario, despois de calculada a subsidiación, poderá resultar inferior a dous puntos.

c) Subvención para activo fixo.

Aqueles centros especiais de emprego que se consideren proxectos de recoñecido interese social poderán beneficiarse dunha axuda para financiar parcialmente o activo fixo.

2. As iniciativas e proxectos referentes ós centros especiais de emprego que soliciten os beneficios recollidos neste artigo, deberán reunir viabilidade técnica, económica e financeira e supoñe-la creación de emprego estable, non podendo superar entre os tres tipos de axudas a contía de dous millóns de pesetas por cada posto de traballo creado con carácter estable para traballadores con discapacidade, excepto en supostos nos que, concorrendo causas excepcionais, así o autorice a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Para a determinación da contía das axudas valorarase a porcentaxe de traballadores minusválidos respecto do total do cadro de persoal do centro especial de emprego; só se poderá acada-la contía máxima da subvención cando o número de traballadores con discapacidade supere o 90% do cadro de persoal.

Para os efectos de determina-la porcentaxe de traballadores minusválidos, non se computará o persoal non minusválido dedicado á prestación de servicios de axuste persoal e social, así como o que preste servicios naquelas actividades ou postos de traballo específicos que, pola súa propia natureza ou complexidade, non poidan ser desempeñados por persoas minusválidas.

Entenderanse por servicios de axuste persoal e social os de rehabilitación, terapéuticos, de integración social, culturais e deportivos que procuren ó traballador minusválido do centro especial de emprego unha maior rehabilitación persoal e mellor adaptación da súa relación social.

Artigo 61º.-Mantemento de centros especiais de emprego.

Para o mantemento de postos de traballo de carácter estable de minusválidos nos centros especiais de emprego establécense as seguintes axudas:

a) Bonificación do 100% da cota empresarial á Seguridade Social, incluídas as de accidentes de traballo e enfermidade profesional, e as cotas de

recadación conxunta. Estas bonificacións serán deducidas directamente polos centros especiais de emprego das cotas que se liquidarán mensualmente á Seguridade Social, logo da autorización administrativa da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A autorización deberá renovarse cada vez que se produzan alteracións no número e condicións dos contratos.

A concesión desta axuda será comunicada, ademais de ós beneficiarios, á Seguridade Social.

b) Subvencións do custo salarial correspondente ós postos de traballo de carácter estable ocupados por persoas con discapacidade que realicen unha xornada de traballo laboral normal e que estean en alta na Seguridade Social, ata un importe máximo do 50% do salario mínimo interprofesional. No suposto de contratos de traballo a tempo parcial, a subvención experimentará unha reducción proporcional á xornada laboral realizada.

c) Subvencións para adaptación de postos de traballo e eliminación de barreiras arquitectónicas por un importe non superior ó custo real e, en todo caso, cunha contía máxima de trescentas mil pesetas por posto de traballo.

d) Subvención por unha soa vez destinada a equilibrar e sanear financeiramente os centros especiais de emprego co fin de logra-la súa reestructuración para alcanzar niveis de productividade e rendibilidade que garantan a súa viabilidade e estabilidade.

e) Subvención dirixida a equilibra-lo orzamento nos centros especiais de emprego que carezan de ánimo de lucro e sexan de utilidade pública e imprescindibles polo labor que realizan.

Non se poderán conceder subvencións para equilibrio orzamentario cando os resultados económicos adversos se deriven dunha deficiente xestión do centro.

Artigo 7º.-Criterios de graduación das axudas.

As subvencións e axudas graduaranse en función do rendemento económico e social do centro especial de emprego; da porcentaxe, do grao de minusvalidez e da capacidade productiva dos traballadores con discapacidade que integran o cadro do persoal do centro, e só alcanzarán o seu grao máximo cando os contratos dos ditos traballadores sexan indefinidos e a tempo completo.

Sección terceira

Solicitudes, documentación e xustificación

Artigo 8º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexo á presente orde e deberán ir acompañadas, por triplicado exemplar,

sendo un deles orixinal ou copia compulsada, da documentación que se relaciona:

1. Documentación común para tódolos tipos de axudas.

a) Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF, e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

b) Certificación da inscrición do centro especial de emprego, ou, no seu defecto, solicitude de inscrición.

c) Memoria sucinta en relación coa finalidade ou obxecto da axuda e xustificación da súa necesidade, agás nas solicitudes de subvención ó custo salarial e de bonificación de cotas á Seguridade Social.

d) Certificación da relación nominal dos traballadores do centro especial de emprego con indicación daqueles para ter en conta para o cálculo da subvención; agás no caso de axudas ó mantemento de centros especiais de emprego nos que se acompañará unha relación nominal dos traballadores con discapacidade polos que se solicita subvención.

e) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta.

2. Documentación específica para a axuda de asistencia técnica:

a) Cando se trate da modalidade de contratación o currículum vitae da persoa que vai presta-lo servicio.

b) E, cando se trate de estudios ou de asesoramento, o orzamento detallado e un índice do seu contido, así como a memoria da entidade ou o currículum vitae da persoa que realice o estudio ou asesoramento.

3. Documentación específica para a subvención financeira:

a) Compromiso da entidade financeira sobre a súa concesión, no que figure as súas características e se faga constar que a operación se acolle ó convenio subscrito para tal fin, ou de se-lo caso, o contrato de préstamo.

b) Facturas proforma ou orzamentos dos activos que se financiarán co préstamo.

4. Documentación específica para as subvencións de activo fixo:

a) Memoria ampliada do proxecto e antecedentes.

b) Detalle do plan de investimentos en activos fixos (incluír facturas proforma e orzamentos).

c) Estudio económico-financeiro de viabilidade do proxecto.

d) Balance de situación e conta de perdas e ganancias dos dous últimos exercicios e provisionais para os dous próximos exercicios.

5. Documentación específica para bonificacións de cotas á Seguridade Social e para a subvención do custo salarial:

a) Fotocopia compulsada dos documentos TC1 e TC2 do mes cotizado ó que se refire a solicitude.

b) Coa primeira solicitude achegarase, ademais, a documentación do cadro de persoal de traballadores con discapacidade: contrato de traballo, parte de alta na Seguridade Social e certificado de minusvalidez de cada traballador e nómina/s. Nos meses sucesivos presentaranse a/as nómina/s, e en casos de altas, a documentación anterior correspondente ós novos traballadores contratados.

Tanto na primeira solicitude como nas sucesivas a documentación ten que vir acompañada dunha relación nominal dos traballadores con discapacidade polos que se solicita a subvención.

6. Documentación específica para a subvención de adaptación de postos de traballo.

Orzamento e facturas proforma ou facturas do investimento que se vai realizar.

7. Documentación específica para as subvencións de saneamento financeiro ou equilibrio orzamentario:

-Memoria explicativa do desequilibrio económico ou orzamentario e a súa orixe: antecedentes do centro.

-Estudio económico-financeiro de viabilidade.

-Balances de situación e conta de perdas e ganancias dos dous últimos exercicios e provisionais para os dous próximos exercicios.

Artigo 9º.-Pagamento e xustificación.

1. Unha vez concedidas as axudas ou subvencións, o seu pagamento quedará condicionado á presentación, no prazo que sinale a resolución concesoria, da documentación xeral e da específica que corresponda, relacionada nos puntos seguintes:

A. Documentación xeral:

a) Certificación da inscrición da entidade no Rexistro de Centros Especiais de Emprego, de non terse achegado con anterioridade.

b) Documentación xustificativa para acredita-lo cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda, no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución concesoria.

c) Certificacións acreditativas de estar ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha débeda, por ningún

concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Cando se trate da subvención do custo salarial, os ditos certificados só terán que presentarse xunto coa primeira solicitude, e logo, coas que se presenten nos meses de febreiro e agosto.

B. Documentación específica:

a) Cando se trate de asistencia técnica na súa modalidade contractual, xuntarase copia do contrato e alta na Seguridade Social.

b) Cando se trate da subvención financeira xuntarase copia do contrato de préstamo.

Con posterioridade o beneficiario no prazo de trinta días desde a data de pagamento da subvención, deberá presentar certificación da entidade financeira acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

c) Cando se trate dalgunha das axudas recollidas no artigo 5º desta orde, achegarase documentación acreditativa da contratación e alta na Seguridade Social das persoas con discapacidade que ocupan os novos postos de traballo creados con carácter estable.

2. Non obstante o sinalado nos puntos anteriores, a documentación esixida para a fase de pagamento, xeral ou específica, poderá presentarse xunto coa solicitude a opción do interesado.

3. Cando se soliciten e concorran varias axudas ou subvencións só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude como na de xustificación.

Nas sucesivas solicitudes de bonificación de cotas á Seguridade Social e para a subvención do custo salarial, de carácter mensual, a documentación que xa figura na correspondente delegación provincial, non terá que presentarse mensualmente mentres manteña a súa validez.

Capítulo III

Programa de promoción do emprego autónomo das persoas con discapacidade

Sección primeira

Obxecto e beneficiarios

Artigo 10º.-Obxecto.

A finalidade deste programa é promove-la integración laboral das persoas con discapacidade mediante o financiamento daqueles proxectos empresariais de traballadores minusválidos desempregados que pretendan constituírse como traballadores autónomos en Galicia.

Artigo 11º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas os traballadores con discapacidade en situación de desemprego inscritos como tales no Servicio Público do Emprego, e que proxecten a realización dunha actividade como traballador autónomo por conta propia sempre que:

-Sexan titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.

-Non percibiran subvencións ó abeiro do programa de promoción do emprego autónomo nos catro anos anteriores á data do inicio da nova actividade.

-Non desenvolveran a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos 6 meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade; nin estiveran en alta en calquera réxime de autónomos da Seguridade Social ou en colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores.

Para os ditos efectos entenderase como data de inicio da actividade laboral a da alta como autónomo no correspondente réxime da Seguridade Social ou en colexio profesional.

Sección segunda

Tipos de axuda

Artigo 12º.-Tipos de axuda.

Neste programa de promoción do emprego autónomo das persoas con discapacidade inclúense os seguintes tipos de axuda:

-Subvención financeira.

-Rendas para o inicio da actividade.

-Subvención para financiamento do activo fixo.

Artigo 13º.-Subvención financeira.

A subvención financeira ten por finalidade a reducción de xuro de préstamos necesarios para a súa constitución como traballador autónomo, tendo en conta que, como mínimo, o 75% do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en activo fixo. Os ditos préstamos, para seren subvencionables, deberán ser concedidos polas entidades financeiras que teñan subscrito convenio coa Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Esta subvención será como máximo de seis puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo, sen que en ningún caso o tipo de xuro que deba satisface-lo beneficiario, despois de calculada a subsidiación, poida resultar inferior a dous puntos. En todo caso, o importe máximo desta subvención non poderá supera-la contía de 750.000 ptas., agás casos excepcionais expresamente autorizados pola conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 14º.-Rendas para o inicio da actividade.

Poderán concederse subvencións de ata 600.000 ptas., en concepto de renda para o inicio da actividade para contribuír a garantir durante o inicio da actividade uns ingresos mínimos, sempre que non medien máis de tres meses desde a data de alta na Seguridade Social ou en mutualidade de

colexio profesional ata a data da solicitude desta subvención. Non obstante, para aqueles que se desen de alta con posterioridade ó 30 de setembro de 1998 e con anterioridade á data de entrada en vigor desta orde, o referido prazo de 3 meses computarase a partir desta última data.

Con carácter xeral, a contía da renda para o inicio da actividade non poderá supera-lo 50% do investimento inicial en activo fixo debidamente acreditado.

Con carácter excepcional, cando concorran razóns de interese social e circunstancias especiais para o desenvolvemento dunha actividade en zona determinada, poderán concederse axudas en concepto de rendas para o inicio da actividade por unha contía máxima de 200.000 ptas., sen necesidade de acreditar investimento en activo fixo.

Artigo 15º.-Subvencións para financiamento de activo fixo.

Poderá concederse unha subvención de ata un importe de 650.000 pesetas destinadas ó financiamento do activo fixo.

Artigo 16º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figuran como anexo da presente orde, e deberán ir acompañadas, por triplicado exemplar, sendo un deles orixinal ou fotocopia compulsada; da seguinte documentación:

a) DNI e acreditación do NIF do solicitante.

b) Documento acreditativo da súa inscrición como demandante de emprego e do tempo de permanencia no paro. (Certificación de inscrición como demandante de emprego e informe da vida laboral).

c) Certificación de minusvalidez.

d) Alta no imposto de actividades económicas e no correspondente réxime da Seguridade Social -especial de autónomos ou no do mar como traballadores por conta propia-, ou de se-lo caso, en colexio profesional e mutualidade que corresponda. No seu defecto, compromiso de constituírse como traballador autónomo no ano 1999.

e) Memoria xustificativa do proxecto empresarial que inclúa o plan financeiro que acredite a viabilidade do proxecto, acompañada de facturas proforma ou orzamento dos activos que se vaian financiar, ou, de se-lo caso, de facturas.

f) Nos casos en que se solicite subvención financeira, achegarase o compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, no que figuren as súas características e se faga constar que a operación se acolle ó convenio subscrito para tal fin ou, de se-lo caso, o contrato de préstamo.

g) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta.

Artigo 17º.-Xustificación do pagamento.

1. Unha vez concedidas as axudas ou subvencións, o seu pagamento quedará condicionado á presentación, no prazo que sinale a resolución concesoria, da documentación xeral e específica que se relaciona nos puntos seguintes:

a) Alta no IAE e alta no réxime especial de autónomos da Seguridade Social ou no réxime especial do mar como traballadores por conta propia ou en mutualidade de colexio profesional, de non telo presentado con anterioridade.

b) Documentación xustificativa para acredita-lo cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención, segundo o tipo de axuda, no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución concesoria.

c) Certificacións acreditativas de estar ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) Cando se trate da subvención financeira achegarase copia do contrato de préstamo.

Con posterioridade, o beneficiario no prazo de trinta días desde a data de pagamento da subvención deberá presentar certificación da entidade financeira acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

2. Non obstante o sinalado nos puntos anteriores, a documentación esixida para a fase de pagamento, xeral ou específica, poderá presentarse xunto coa solicitude a opción do interesado.

3. Cando concorran varias axudas ou subvencións só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude como na de xustificación.

Capítulo IV

Normas comúns: competencia e procedemento

Artigo 18º.-Competencia.

1. A competencia para coñecer e resolve-las axudas e subvencións previstas neste orde, corresponderalle:

a) Ós delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, cando se trate de solicitudes axudas ó mantemento de centros especiais de emprego respecto dos centros de traballo situados na provincia, ou de solicitudes de axudas para o emprego autónomo de persoas con discapacidade que vaian desenvolve-la actividade no respectivo ámbito provincial.

b) Ó director xeral de Fomento do Emprego, cando se trate de solicitudes de axudas para a creación e ampliación de centros especiais de emprego.

2. Non obstante o sinalado no parágrafo anterior, a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá resolver sobre a concesión de subvencións para accións que se desenvolvan naqueles sectores productivos que polas súas características así o aconsellen.

Artigo 19º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nos distintos programas dirixiranse ó órgano competente e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 1999.

Artigo 20º.-Instrucción e tramitación.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se xuntase a documentación esixida, as unidades tramitadoras do expediente requirirán o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixera, será tido por desistido da súa petición, e estes arquivarase de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 21º.-Resolución.

1. Logo da fiscalización polas correspondentes intervencións, as resolucións serán dictadas polo órgano competente e deberán serlles notificadas ós interesados. As resolucións denegatorias deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de tres meses, contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimada.

3. Contra as resolucións que dicten neste procedemento os delegados provinciais ou o director xeral de Fomento do Emprego poderá interpoñerse recurso ordinario, no prazo dun mes, ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 22º.-Incompatibilidades.

1. En ningún caso o importe das axudas ou subvencións concedidas ó abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total da actividade subvencionada que debe desenvolve-lo beneficiario.

Nestes casos o solicitante deberá achegar unha relación na que se recollan as axudas e subvencións solicitadas e/ou concedidas ou, de se lo caso, unha

declaración de non ter solicitado outras axudas ou subvencións.

2. As axudas en concepto de rendas para o inicio da actividade serán incompatibles con calquera outra establecida para o mesmo concepto.

Artigo 23º.-Seguimento e control.

As delegacións provinciais poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas de comprobación que se establezan na resolución concesoria.

Os beneficiarios das axudas e subvencións recollidas nesta orde están obrigados a realiza-la actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar fehacientemente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude levará a cabo a función de control das subvencións concedidas así como a avaliación e seguimento dos programas.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos, do disposto nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicación da axuda polo mesmo concepto con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local ou da Unión Europea, constituirán causa determinante de revogación da axuda e do reintegro desta por parte do beneficiario ou solicitante, xunto co xuro de demora, de acordo co establecido no artigo 78.51º da Lei 11/1992.

Terceira.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nos diferentes programas desta orde.

Cuarta.-As bonificacións e subvencións recollidas nas letras a) e b) do artigo 6º, non están suxeitas ó exercicio económico anual e as solicitudes de ámbolos dous tipos de axuda presentaranse, de se-lo caso, conxuntamente dentro dos 45 días naturais seguintes á mensualidade obxecto de aboamento, e tramitaranse como un único expediente administrativo, no que logo de dictarse a resolución concesoria

de axuda ó custo salarial, se é o caso, autorizarase a bonificación de cotas á Seguridade Social.

O prazo para a presentación das solicitudes de bonificación e subvencións referidas no parágrafo anterior correspondentes a mensualidades de 1998 finaliza o 15 de marzo de 1999.

Os centros especiais de emprego en funcionamento xunto coa primeira solicitude de subvención do custo salarial que se presente a partir da entrada en vigor desta orde, terán que presenta-las certificacións ás que se refire o artigo 9.1.A.c.

Quinta.-A concesión das subvencións reguladas na presente orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999.

Sexta.-As accións subvencionables ó abeiro da presente orde que se iniciaran nos meses de outubro, novembro ou decembro de 1998 poderán ser atendidas no presente exercicio, e comezarán a computarse os prazos desde a data da súa entrada en vigor; nestes supostos, a situación de desemprego acreditarase co informe da vida laboral.

Sétima.-As solicitudes de axudas realizadas ó abeiro das ordes de convocatoria correspondentes a exercicios anteriores que non puideron ser atendidas por falta de dispoñibilidades orzamentarias e reunisen os requisitos establecidos nelas, e/ou se é o caso realizasen o investimento obxecto da axuda poderán ser atendidas actualmente tendo en conta a incidencia social e económica do solicitante.

Oitava.-Nas solicitudes que se presenten ó abeiro do programa de autoemprego individual previsto nesta orde, indicarase expresamente se tamén se solicitaron ou van solicitarse as axudas previstas no Programa EMEGA, xestionado polo Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

De se-lo caso, a documentación coincidente de ámbolos dous programas, só será preciso presentala unha vez xunto coa solicitude que se realice ó abeiro desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito da súa competencia, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude