Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 19 de febreiro de 1999 Páx. 1.876

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado por Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no artigo 29.1º que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, competencias e servicios que nese ámbito, e no nivel de execución, desempeña actualmente o Estado, e no artigo 30.1.1) establece que lle corresponde, nos termos dispostos nos artigos 38, 131 e 149.1.11ª e 13ª da Constitución, a competencia exclusiva sobre o fomento e a planificación da actividade económica en Galicia.

O Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego, no ámbito do traballo, o emprego e a formación confire á Comunidade Autónoma de Galicia a xestión do Servicio Público de Emprego dentro do seu ámbito territorial, tendo ademais a capacidade organizativa deste conforme o Estatuto de autonomía de Galicia. No punto 4 do anexo deste real decreto establécese que a Comunidade Autónoma de Galicia exercerá, no seu ámbito territorial, as funcións atribuídas ata o momento ó Instituto Nacional de Emprego nas comisións de seguimento da contratación laboral, reguladas no Real decreto 355/1991, do 15 de marzo.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, establece que esta é o órgano da Administración autonómica ó que lle corresponde, entre outras, o exercicio das competencias e funcións en materia de políticas activas de emprego, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e nos termos sinalados pola Constitución española.

Os Servicios Públicos de Emprego seguindo o convenio nº 88 da OIT e a lexislación española vixente deben recolle-la participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas, polo que é necesario crea-los órganos nos que esta poida realizarse efectivamente.

Os acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001 do 13 de xullo de 1998 prevén tamén a participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas mediante a creación dun órgano de participación de ámbito autonómico e de carácter tripartito

formado pola Xunta e as organizacións sindicais e empresariais que teñan o carácter de máis representativas, e coa finalidade de consensuar cos axentes sociais a planificación das políticas activas de emprego de acordo coas competencias da Comunidade Autónoma.

Na orde da Consellería de Traballo e Servicios Sociais do 1 de abril de 1993 (DOG do 29 de abril de 1993), pola que se crean os Comités Provinciais de Seguimento da Formación Ocupacional recollíase como finalidade básica realiza-lo seguimento e análise do desenvolvemento da formación ocupacional, tentando sincroniza-la oferta e a demanda do mercado de traballo; obxectivo amplamente acadado por este decreto, de aí a necesidade da reforma e derrogación desta orde.

De conformidade con todo o exposto, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do cinco de febreiro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Título I

Obxecto

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto do presente decreto é a creación do Comité Autonómico de Emprego, así como dos Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral nas catro provincias da Comunidade Autónoma de Galicia, que actuarán como órganos de participación institucional nas organizacións sindicais e empresariais máis representativas.

2. Estes órganos de participación estarán adscritos á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude como órgano consultivo de participación institucional e de asesoramento en materia de emprego, de acordo coas disposicións deste decreto.

3. O Servicio Público de Emprego de Galicia integrado polo conxunto de funcións e servicios das políticas activas de emprego ten carácter público e gratuíto para tódolos seus usuarios e garantirá a participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas.

Título II

Comité Autonómico de Emprego

Artigo 2º.-Funcións.

As funcións do Comité Autonómico de Emprego serán as seguintes:

1. Elabora-los criterios de actuación do Servicio Público Galego de Emprego.

2. Participar e informar sobre a planificación das políticas activas de emprego, de acordo coas competencias da Comunidade Autónoma nesta materia.

3. Emitir informe sobre a memoria anual do Servicio Público Galego de Emprego.

4. Analiza-la información relativa ó mercado de traballo, así como ós programas e actuacións do Servicio Público Galego de Emprego.

5. Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

6. As demais funcións que resulten propias da súa condición de órgano consultivo, sen prexuízo das competencias da Xunta.

Artigo 3º.-Composición.

1. A composición do Comité Autonómico de Seguimento do Emprego será a seguinte:

-Presidenta: a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que poderá delegar nun dos vicepresidentes.

-Vicepresidentes: o director xeral de Formación e Colocación e o director xeral de Fomento do Emprego, podendo delegar ámbolos dous nun dos vocais representantes da Administración.

-Vocais:

a) Dous representantes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude propostos e designados pola conselleira.

b) Cinco representantes das organizacións empresariais que teñan o carácter de máis representativas en Galicia de conformidade coa lei, designados polo seus órganos competentes.

c) Cinco representantes das organizacións sindicais que teñan o carácter de máis representativas en Galicia de conformidade coa lei, designados polos órganos competentes desas organizacións.

-A Administración xeral do Estado poderá nomear un representante do INEM, con voz pero sen voto, que será designado polo delegado do Goberno en Galicia.

Exercerá como secretario do Comité Autonómico, sen voz e sen voto, un funcionario da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que no caso de ausencia, vacante ou enfermidade será substituído polo funcionario que designe a conselleira.

Artigo 4º.-Réxime de reunións.

1. O Comité Autonómico reunirase trimestralmente ou cando o convoque o seu presidente, por iniciativa propia ou por solicitude da metade dos seus membros.

2. O Comité Autonómico entenderase validamente constituído cando concorran os dous tercios, polo menos, dos seus compoñentes en primeira convocatoria ou a metade máis un dos seus membros en segunda.

3. Sen prexuízo das peculiaridades previstas no presente decreto o funcionamento do Comité Autonómico de Emprego rexerase polas normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sobre órganos colexiados.

Título III

Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral

Artigo 5º.-Adscrición.

Os Comités Provinciais adscríbense ás respectivas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 6º.-Funcións.

As funcións atribuídas a estes Comités Provinciais son as seguintes:

1. Face-lo seguimento da aplicación, a nivel provincial, dos acordos do Comité Autonómico de Seguimento do Emprego.

2. Propoñer cantas medidas considere necesarias para o perfeccionamento dos acordos do Comité Autonómico no seu ámbito territorial.

3. Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

4. Formular por iniciativa propia propostas e recomendacións ós órganos que corresponda sobre a situación e desenvolvemento do emprego na provincia, a eficacia das normas e programas desenvolvidos.

5. Recibir información de empresas, traballadores e representantes sindicais sobre a situación do emprego na provincia, canalizando cara ós órganos correspondentes aquelas consultas ou propostas recibidas e informando en todo caso, sobre o parecer do comité.

6. Recibir da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude informe sobre a evolución do emprego e a contratación laboral na provincia.

7. Realiza-lo seguimento e análise do desenvolvemento de emprego e da contratación laboral na provincia, así como a súa adecuación ás necesidades do mercado de traballo nela.

Artigo 7º.-Composición.

Os Comités Provinciais terán a seguinte composición:

a) O delegado provincial da delegación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que será o seu presidente e poderá delegar nun dos vocais representantes da Administración.

b) Dez vocais repartidos do seguinte xeito:

-Dous representantes da Administración autonómica, que serán designados polo delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, actuando un deles como secretario do comité que, no caso de ausencia, vacante ou enfermidade, será substituído polo funcionario que designe o delegado provincial.

-En representación da Administración xeral do Estado nomearanse dous representantes:

* O director provincial do INEM.

* Un representante da Inspección de Traballo.

-Tres en representación das organizacións empresariais máis representativas na provincia.

-Tres en representación das organizacións sindicais máis representativas na provincia.

Artigo 8º.-Réxime de reunións.

1. Os comités reuniranse mensualmente logo de convocatoria do seu presidente.

2. Para a súa válida constitución requirirase, en primeira convocatoria, a presencia do presidente e secretario do comité ou, se é o caso, dos que os substitúan e da metade, polo menos, dos seus membros.

En segunda convocatoria requirirase a do presidente e o secretario ou, se é o caso, dos que os substitúan e, polo menos, dous membros.

3. Sen prexuízo das peculiaridades previstas no presente decreto o funcionamento dos Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral rexerase polas normas contidas na Lei 30/1992, de 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sobre órganos colexiados.

Disposición adicional

Única.-Os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral substituirán no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia os Comités Executivos Provinciais do Inem e os de Seguimento da Contratación Laboral.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a Orde do 1 de abril de 1993 pola que se crean os Comités Provinciais de Seguimento da Formación Ocupacional.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para dicta-los actos e normas que sexan necesarios para a aplicación e desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de febreiro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude