Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 17 de febreiro de 1999 Páx. 1.762

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 5 de febreiro de 1999 pola que se regulan as axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios durante o ano 1999.

O Decreto 332/1995, do 27 de decembro, establece para a Comunidade Autónoma de Galicia as axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios coa finalidade de que un maior número de agricultores e gandeiros poidan beneficiarse das vantaxes que supoñen os seguros como un instrumento que lles permite facer fronte ás perdas económicas que poidan ter nas súas produccións como consecuencia da actuación de axentes alleos, como a climatoloxía, enfermidades, etc.

Tendo en conta a evolución da contratación de seguros agrarios nas últimas campañas, que segue a ser excesivamente baixa en determinados cultivos como o viñedo, é necesario regular determinados aspectos para o ano 1999, como a contía das axudas e o seu financiamento.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confiren a Lei 1/1983, modificada pola Lei 11/1988, reguladora da Xunta e do seu presidente, e o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Durante o ano 1999 poderán beneficiarse das axudas establecidas polo Decreto 332/1995, do 27 de decembro, os asegurados titulares de explotacións agrarias situadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre e cando subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do plan anual de seguros agrarios combinados 1999, ou pólizas de liñas gandeiras do plan anual de seguros agrarios combinados 1998, e cumpran o establecido no devandito decreto e na presente orde.

Artigo 2º

A subscrición do seguro realizarase unicamente a través das entidades aseguradoras autorizadas polo Ministerio de Economía y Hacienda e incluídas na Agrupación Española de Entidades Aseguradoras de los Seguros Agrarios Combinados S.A. (Agroseguro) ou a través dos axentes de seguros autorizados, todo isto na forma establecida a teor da Lei 87/1978, do 28 de decembro, de seguros agrarios combinados e demais normativa concordante.

Artigo 3º

A axuda que concederá a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria consistirá nunha porcentaxe da outorgada para o mesmo fin pola Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa), que xa dá un tratamento diferenciado positivamente a determinadas explotacións agrarias. Para o ano 1999 fíxase nun 18% da axuda á contratación que ó solicitante lle corresponde de Enesa, agás para as liñas de uva de vinificación, para liña de froiteiras (mazá de mesa, pera, pexego, albaricoque, ameixa) cereixa e kiwi, nas que esta porcentaxe se eleva ó 55%.

Artigo 4º

O importe da axuda que pagará a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

será deducida do importe da prima que abonará o tomador no momento de subscribi-la póliza. As cantidades así descontadas serán aboadas pola Comunidade Autónoma a Agroseguro contra certificacións de liquidación, e sempre de acordo co procedemento que se estableza no correspondente convenio de colaboración subscrito entre a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e Agroseguro.

O convenio establecerá, entre outros, os prazos e a documentación que Agroseguro deberá xuntar a cada certificación de liquidación co fin de que se poidan efectua-las comprobacións oportunas por parte da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria antes de realiza-los pagamentos.

Artigo 5º

Non obstante o anterior e como condición indispensable para proceder ó pagamento da axuda a Agroseguro, os tomadores dos seguros deberán presentar obrigatoriamente as solicitudes normalizadas da axuda, preferentemente nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ou en calquera das outras formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, nos 10 días hábiles seguintes á finalización do mes no que se formalizou a póliza do seguro.

Os tomadores dos seguros deberán achegar, así mesmo, unha lista resumo das pólizas subscritas, así como toda aquela documentación relacionada coa contratación do seguro, se así lles fora solicitado.

Artigo 6º

O financiamento das axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios realizarase, para o exercicio de 1999 con cargo ó concepto orzamentario 09.03.614A.773.0, de «Apoio á eficacia dos sistemas productivos agrarios» do proxecto de orzamentos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para 1999, dotado con 70.000.000 de pesetas para este programa.

As solicitudes formuladas ó amparo da Orde do 23 de marzo 1998 para o fomento da contratación de seguros agrarios ás que non lles foi concedida a subvención solicitada serán tidas en conta na presente convocatoria, salvo indicación do interesado en sentido contrario dirixida ó director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias. A tramitación dos expedientes será desde o trámite no que se atopaba ó remate do exercicio anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dictar cantas disposicións considere necesarias no desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria