Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 17 de febreiro de 1999 Páx. 1.759

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 5 de febreiro de 1999 pola que se establece unha liña de axuda para fomenta-lo control integrado dos patóxenos dos cultivos a través de agrupacións para tratamentos integrados en agricultura (ATRIA).

As condicións específicas de climatoloxía e diversidade de cultivos e a estructura que os predios presentan, xeralmente de dimensións pequenas, son factores que inciden en gran medida na problemática que a sanidade vexetal presenta dentro da agricultura galega e que dificulta o labor de control dos fitopatóxenos.

A loita eficaz contra os axentes prexudiciais dos cultivos require a coordinación das accións que se realicen nas zonas afectadas, promocionando a formación de asociacións de agricultores que, mediante o establecemento de redes de seguimento de parasitos, efectúen as oportunas estimacións de risco para a determinación do momento adecuado para levar a cabo as actuacións conxuntas da loita.

En consecuencia, de acordo co establecido no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Establécese unha liña de axudas para fomenta-lo control integrado contra as pragas e enfermidades e a loita en común, mediante a constitución de asociacións para tratamentos integrados en agricultura (ATRIA) que teñan por finalidade aplicar nun cultivo ou grupo de cultivos asociados, en razón das rotacións anuais da zona, as técnicas de loita integrada.

Artigo 2º

As actuacións para a aplicación das técnicas de loita integrada oriéntase a estudiar:

-A fenoloxía do cultivo.

-Bioecoloxía das pragas.

-Limiares de tratamento segundo os estados fenolóxicos do cultivo.

-Métodos de tratamento máis rendibles e menos lesivos para o ecosistema.

Artigo 3º

Para poder acceder ás axudas previstas nesta orde, as ATRIA deberán reuni-los seguintes requisitos:

1. Constituírse dentro do seo de calquera das entidades con personalidade xurídica que poidan ter capacidade de contratación.

2. Deberán ser constituídas libremente por un número mínimo de 10 agricultores, que integren unha superficie mínima suficiente para a mellor eficacia das técnicas de loita que van aplicar e para que resulte económico o mantemento do técnico e demais equipamento utilizado pola asociación.

3. Os agricultores subscribirán un regulamento de réxime interno, no que se exprese a aceptación das condicións que se establecen para cada cultivo ou grupo de cultivos asociados, e a decisión de constituír unha ATRIA. Así mesmo, indicaranse as superficies de cultivo proporcionadas por cada un dos membros, xunto co ámbito de actuación sinalado por escrito e un mapa que delimite as zonas.

4. Constituirase unha xunta xestora que rexerá a devandita ATRIA, formada, como mínimo, por un presidente un secretario e un tesoureiro.

5. Elaboración dun programa técnico quinquenal, que se desenvolverá anualmente e que conterá como mínimo:

Unha memoria na que se recollan os datos xerais da entidade agraria.

Un mapa de situación e ámbito de actuación do programa.

Cultivos a que afecta o programa, hectáreas totais, superficie por socio e fitopatóxenos que inciden nos cultivos.

Tipo de actuacións que se levaran a cabo para o control dos organismos nocivos, indicando o equipo que se empregará para o seguimento e evolución dos fitopatóxenos.

Actividades que se desenvolverán, co obxectivo de capacitar e asesora-los asociados participantes no programa:

Reunións do grupo e cursos que se van impartir, calendario e número de asistentes.

Visitas de asesoramento a explotacións: número e calendario.

Demostracións de novas técnicas e métodos: calendario.

Programas fitosanitarios experimentais de investigación de interese xeral: obxectivos.

Publicacións e material divulgativo: títulos e número.

Actividades que se desenvolverán en colaboración coas estacións de avisos de detección de risco de pragas e enfermidades da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Outras actividades de interese: descrición e número.

6. Subscribir un contrato laboral co técnico que dirixirá a loita contra as pragas nos cultivos que agrupa a ATRIA.

O técnico seguirá as directrices marcadas pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria á que deberá presentar, a través do presidente da agrupación, un informe anual dos traballos efectuados e dos resultados técnicos conseguidos.

Terán preferencia aquelas asociacións que teñan desenvolvido programas de defensa sanitaria dos cultivos, aprobados pola consellería durante un ano como mínimo.

Artigo 4º

As subvencións e auxilios a que poden accede-las ATRIA son as seguintes:

a) Subvención que se destinará integramente ó pagamento dos soldos dos técnicos contratados polas agrupacións para elaborar e dirixi-lo programa de control integrado dos cultivos, e que se fixará anualmente como dispón o artigo 7 da Orde do 17 de novembro de 1989, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Esta axuda na actualidade de ata 1.800.000 ptas. por ATRIA poderá complementarse ata un total de 2200.000 ptas. por ATRIA naqueles casos nos que estea xustificado, xa sexa pola pequena superficie da explotación individual, ou o excesivo número de parcelas dos propietarios, ou ben pola escaseza de recursos das agrupacións consecuencia da estructura productiva do sector.

Artigo 5º

Dentro das ATRIA terán prioridade na aprobación das subvencións aquelas que teñan contratado un técnico que reúna algún dos seguintes requisitos:

a) Maior de 25 anos de idade e que leve máis de 12 meses de paro.

b) Menor de 25 anos de idade.

Artigo 6º

As solicitudes, segundo modelo do anexo I, e dos documentos que xustifiquen que se cumpren os requisitos esixidos no artigo 3º, e se é o caso, do

artigo 5º desta orde, presentaranse por duplicado, preferentemente nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, podendo, non obstante, presentarse en calquera das formas establecidas no artigo 38, liña 4ª da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes deberán renovarse anualmente acompañadas das incidencias que se producisen, respecto ós requisitos esixidos no artigo 3º desta orde.

Artigo 7º

O prazo de presentación das solicitudes que serán resoltas polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria rematará, ós 30 días hábiles, contados desde o seguinte á publicación desta orde. A consellería comunicará ós solicitantes no prazo de 90 días a aprobación ou denegación razoada da solicitude; a falta de comunicación no devandito prazo, entenderase desestimatoria da petición de axuda.

Artigo 8º

A aprobación da subvención farase seguindo os criterios técnicos e de interese do programa presentado, atendendo á maior repercusión deste e ó número de agricultores integrantes da ATRIA.

Artigo 9º

A ATRIA presentará memoria xustificativa da realización anual do programa aprobado antes do 31 de outubro de 1999.

O pagamento da subvención efectuarase trala certificación correspondente de ter levado a cabo o devandito programa. Para estes efectos a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderá pedi-los xustificantes que coide necesarios.

Artigo 10º

Esta orde financiarase con cargo ó concepto orzamentario 09-03-613.A-772.0 «Axudas ATRIA» dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998 dotados con 27.000.000 de ptas., para esta finalidade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las normas precisas para a aplicación da presente orde.

Segunda.-presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria