Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 15 de febreiro de 1999 Páx. 1.691

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN PÚBLICA ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN SANITARIA

ACORDO do 1 de febreiro de 1999 polo que se convoca un curso de diplomados en sanidade.

O marco de colaboración existente entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Sergas, por unha banda, e a Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria (FEGAS), pola outra, ten por obxecto o deseño conxunto e a execución pola FEGAS do plan de formación e reciclaxe profesional sanitaria de tódolos traballadores, tanto da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais como do Sergas.

Entre as distintas accións docentes que se van executar, encóntrase a edición 1999 do Curso de Diplomado en Sanidade, promovido pola Dirección Xeral de Saúde Pública e organizado pola Escola Galega de Administración Sanitaria.

Os contidos do curso adáptanse ás actuais directrices da Escola Nacional de Sanidade para a súa convocatoria, organización e acreditación.

En efecto, os profesionais sanitarios deben ter unha visión comunitaria dos problemas individuais de saúde, razón pola que, sen perder de vista os aspectos diagnósticos e terapéuticos na práctica clínica, terán que considerarse tamén os problemas de saúde que transcenden o propio individuo para convertérense nunha cuestión de interese comunitario.

En tal sentido, no curso proporciónanselles ós participantes as bases conceptuais e as técnicas de análise e intervención propias da saúde pública, co obxecto de permitirlles enmarca-las súas actividades profesionais dentro das estratexias globais da Comunidade Autónoma de Galicia, de xeito que constitúa un punto de partida que permita continuar unha posterior profundización e ampliación dos coñecementos nestas materias.

Por todo isto, a Escola Galega de Administración Sanitaria convoca o curso con arreglo ás seguintes

Bases

Primeira.-Convócase un Curso de Diplomado en Sanidade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia,

organizado e dirixido pola Escola Galega de Administración Sanitaria e acreditado pola Escola Nacional de Sanidade, que ten por obxecto a formación a nivel básico, en materia de saúde pública, dos profesionais sanitarios.

Segunda.-1. O Curso de Diplomado en Sanidade terá unha duración de 200 horas acreditadas, das que 150 horas terán carácter presencial, agrupadas en 6 módulos temáticos, e as 50 horas restantes corresponden á execución e presentación dun traballo práctico relacionado co contido do curso, que será valorado na avaliación e acreditación formativa do alumnado.

2. O curso desenvolverase conforme o seguinte programa docente:

Módulo 1: introducción ó concepto de saúde. Sistema Nacional de Saúde. Determinantes da saúde e da enfermidade.

Módulo 2: sistemas de información sanitaria e indicadores de saúde.

Módulo 3: métodos e técnicas para o estudio, identificación e análise de problemas de saúde.

Módulo 4: planificación e programación sanitarias.

Módulo 5: organización sanitaria e políticas de saúde.

Módulo 6: intervención: programas de promoción e protección da saúde e prevención da enfermidade.

Módulo 7: traballo práctico.

3. Sen prexuízo da elaboración do calendario definitivo do curso, as actividades docentes de carácter presencial realizaranse entre os meses de abril e xuño de 1999, xeralmente nas tardes dos xoves, os venres pola mañá e pola tarde e os sábados pola mañá de cada semana, debéndose ter rematado o proceso de avaliación e certificación dos participantes no mes de novembro de 1999.

4. O director do curso será nomeado pola Escola Galega de Administración Sanitaria por proposta da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Terceira.-1. O número máximo de participantes no curso será de 40, coa seguinte distribución:

a) 23 prazas reservaranse para facultativos sanitarios que presten os seus servicios en institucións sanitarias do Sergas.

b) 5 prazas reservaranse para profesionais de enfermería que presten os seus servicios en institucións sanitarias do Sergas.

c) As 12 prazas restantes reservaranse para profesionais sanitarios, titulados superiores ou de grao medio, que presten os seus servicios en centros directivos ou unidades administrativas de servicios sanitarios de Galicia.

2. O custo dos dereitos de inscrición no curso e de certificación de créditos ascenderá á cantidade de 60.000 pesetas por participante, que deberán ingresarse a favor da Escola Galega de Administración Sanitaria na forma que se determine.

Cuarta.-1. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais contados a partir da publicación do presente acordo no Diario Oficial de Galicia.

2. Os interesados en seren admitidos ó curso dirixirán as solicitudes á Escola Galega de Administración Sanitaria, utilizando o modelo de instancia que se poderá recoller na propia escola, na Dirección Xeral de Saúde Pública ou nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

3. De existir máis solicitudes ca prazas, a selección dos aspirantes ó curso farase por unha comisión formada por representantes da Dirección Xeral de Saúde Pública e da Escola Galega de Administración Sanitaria.

4. O criterio para a selección de aspirantes serán o de maior antigüidade de servicios prestados na Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no Sergas ou noutra institución sanitaria do Sistema Nacional de Saúde, computándose indistintamente tanto os servicios prestados con carácter temporal como con carácter fixo.

5. As certificacións, nas que conste o vínculo xurídico e a antigüidade, deberán ser emitidas polos servicios de persoal das institucións que corresponda.

Quinta.-1. A comisión de selección elevará proposta á dirección da Escola Galega de Administración Sanitaria, que acordará a relación de admitidos ó curso. O dito acordo publicarase nos taboleiros de anuncios da propia escola, no da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no da Dirección Xeral de Saúde Pública e nos das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, podendo interpoñer reclamación no prazo de cinco días naturais contados desde o día da súa exposición ó público. Transcorrido o dito prazo e vistas as reclamacións presentadas, a dirección da escola acordará a lista definitiva de admitidos.

2. Os aspirantes admitidos aboarán os dereitos da inscrición dentro do prazo de 10 días naturais desde a dita publicación definitiva, no xeito que nela se determine.

Sexta.-1. A asistencia ás actividades docentes presenciais é obrigatoria, permitíndose un máximo de 15 horas de ausencia xustificadas.

2. Ó remate do curso os participantes serán avaliados cunha proba obxectiva individualizada sobre os contidos do curso.

3. Os traballos prácticos que van realiza-los aspirantes deberán ser propostos, para a súa aprobación, á dirección do curso.

4. A proba obxectiva e o traballo práctico serán avaliados por un tribunal, no que estarán representadas a Dirección Xeral de Saúde Pública, a Escola Nacional de Sanidade e a Escola Galega de Administración Sanitaria.

5. No caso de que na cualificación do tribunal resultase non apto, o alumnado terá dereito á realización dunha nova proba obxectiva individualizada, coincidente coa do vindeiro curso que se convoque.

6. Rematada a actuación do tribunal, confeccionarase a relación de aptos e expediranse os correspondentes diplomas pola Escola Nacional de Sanidade.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 1999.

Javier Bouzada Romero

Director da Escola Galega de Administración Sanitaria