Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 12 de febreiro de 1999 Páx. 1.568

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de xaneiro de 1999 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de doce bolsas para estadías de persoal dos departamentos de estudios galegos de universidades de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa colaboración en proxectos de investigación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

O artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, en harmonía co artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, establece a competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a promoción e ensino da lingua galega e o fomento da investigación.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu artigo 22, establece que o Goberno galego asumirá a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega, asesorará a Administración e os particulares, e coordinará os servicios encamiñados a consegui-los obxectivos que esa mesma lei determina.

Dentro do plan de actividades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para 1999 figura a convocatoria pública de bolsas de investigación para realizar proxectos concretos sobre lingüística, literatura, antropoloxía e historia galegas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, centro que debe servir de lugar de conexión e relación para os estudios que se fagan en Galicia e noutras comunidades.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no artigo 3 do Decreto 25/1993, do 11 de febreiro (DOG nº 34, do 19 de febreiro) de creación e posta en funcionamento do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, modificado polo Decreto 330/1997, do 13 de novembro (DOG nº 227, do 24 de novembro).

Por todo isto, apróbanse as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

O concurso ten por obxecto a adxudicación de doce bolsas para estadías e participación en actividades de diversos proxectos de investigación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, destinadas a licenciados ou estudiantes dos dous últimos anos de licenciatura, vinculados a universidades de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

-Unha asignación mensual que será de 85.000 ptas., 100.000 ptas. ou 120.000 ptas., coa

retención fiscal que corresponda, segundo procedan de universidades españolas, da Unión Europea, ou doutros países do mundo, respectivamente. A percepción desta dotación será compatible coa do soldo habitual percibido, pero non con outro tipo de bolsa ou axuda para o mesmo plan de traballo.

-Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

Para o gasto que se proxecta existe crédito adecuado e suficiente na partida orzamentaria 07.06.353F.480.2, por unha contía máxima total de 8.000.000 de ptas., correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999.

Terceira.-Duración.

O período de desfrute das bolsas será dun mínimo de dous meses e dun máximo de oito.

A data de incorporación ó centro será dentro dos vinte días seguintes ó da notificación da adxudicación. Se o adxudicatario ou adxudicataria non se incorporase no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa de atraso debidamente xustificada e así apreciada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través do director xeral de Política Lingüística.

Cuarta.-Solicitudes.

As solicitudes formularanse no modelo que se xunta como anexo e irán dirixidas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e entregaranse na sede do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (estrada Santiago de Compostela-Noia, km 3, A Barcia, 15896 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será de trinta días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación da presente convocatoria no DOG.

Canda o formulario de solicitude entregarase a seguinte documentación:

-Currículum vitae, acompañado de cantos documentos poidan avalalo.

-Certificación académica persoal completa.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada na que conste que non dispón doutra bolsa para o mesmo fin e que non foi nunca separado do servicio de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

-Plan de traballo que se pretende levar a cabo no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (1.000 palabras de extensión máxima) e duración prevista da estancia no propio centro.

-Informe do profesor do departamento da universidade de orixe que lle dirixe o proxecto.

Tódolos documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles, en versión galego ou castelán.

Quinta.-Selección.

A avaliación dos proxectos e dos méritos alegados e acreditados polos solicitantes levaraa a cabo unha comisión nomeada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. Estará presidida polo director xeral de Política Lingüística e composta ademais, por catro vocais, actuando como secretaria a xefa do servicio do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

A comisión considerará como solicitudes de especial interese aquelas presentadas por estudiantes universitarios que estean a participar nas actividades sobre lingua, literatura, antropoloxía ou historia galegas que se estean a desenvolver no departamento de estudios galegos da súa universidade.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes que non estean acreditados documentalmente.

O presidente da comisión proporalle ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a relación de candidatos seleccionados para o seu nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sexta.-Obrigas.

-Os bolseiros participarán nas actividades que lles encomende a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (a través da Dirección Xeral de Política Lingüística), tendo como centro de referencia o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en horario habitual de xornada de mañá ou tarde.

-O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nas presentes bases suporá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades xa cobradas.

-A condición de bolseiro non dará lugar a relación laboral nin administrativa ningunha coa Xunta de Galicia.

Sétima.-A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Oitava.-Pagamento da bolsa.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente, logo do informe do coordinador-científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e tralo visto e prace da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, sempre que os tra

ballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Queda facultado o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria