Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 09 de febreiro de 1999 Páx. 1.412

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 1998, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Cee.

Visto o expediente do convenio colectivo do persoal laboral do Concello de Cee, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 27-11-1998, subscrito en representación da parte económica polo concello, e, da parte social polo delegado de persoal o día 17-4-1998, e aprobado polo Pleno o día 27-4-1998, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 23 de decembro de 1998.

P.S. (Decreto 227/1998, do 10 de xullo)

María Silva Costoya

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo 1998

Persoal laboral

Concello de Cee

Artigo 1º.-Ámbito persoal.

Este convenio será de aplicación a todo persoal, contratados laborais fixos ou eventuais que ocupen praza no cadro de persoal.

Artigo 2º.-Vixencia.

O presente convenio terá vixencia desde a data da súa aprobación polo Pleno do Concello, sen prexuízo da súa publicación no BOP ou Diario Oficial de Galicia, e manteraa ata o día 31 de decembro de 1998, podendo, non obstante, revisarse anualmente se ámbalas partes o consideran oportuno por razóns derivadas da modificación do marco legal no que se encadran as relacións ou calquera outra causa obxectiva.

Entenderase prorrogado por anos naturais, por tácita reconducción, se non formula denuncia de rescisión ou revisión calquera das partes, cunha antelación mínima de dous meses respecto a data sinalada para o remate da súa vixencia.

Artigo 3º.-Vinculación á totalidade.

As condicións de traballo pactadas forman un todo orgánico e indivisible e, para os efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente en cómputo anual.

Artigo 4º.-Comisión paritaria de interpretación, estudio e seguimento.

Constitúese unha única comisión paritaria de seguimento, integrada de forma paritaria por dous representantes da Corporación e dous da parte social.

A comisión paritaria terá as seguintes funcións:

a) Interpreta-lo texto do convenio en tódolos seus aspectos, cando xurdan dúbidas na súa concreta aplicación.

b) A vixilancia e seguimento do cumprimento do establecido no convenio.

c) Cantas outras actividades tendan á maior eficacia práctica do acordo.

A comisión paritaria reunirase a petición de calquera das partes, nun prazo máximo de cinco días hábiles (5).

Artigo 5º.-Retribucións.

Salario base: a súa contía será a que corresponda a cada traballador en función da súa profesión ou categoría.

Antigüidade: consiste na percepción dunha cantidade igual ó 10% do salario base por cada cinco anos de servicios efectivos prestados.

Pagas extras: aboaranse 2 pagas extraordinarias cada ano, por un importe, cada unha delas, dunha mensualidade de salario base máis antigüidade.

Plus convenio: esta retribución é de índole funcional e a súa contía fíxase en función da actividade profesional. Consiste nunha cantidade mensual fixa segundo o posto que desempeña o traballador.

Artigo 6º.-Axudas de custo e quilometraxe.

O importe da indemnización que se percibirá como gastos de viaxe polo uso do vehículo particular en comisión de servicio queda fixado en 25 ptas. por km percorrido.

As axudas de custos serán aboadas segundo factura.

Artigo 7º.-Gratificación por servicios extraordinarios.

Ante a grave situación de paro laboral existente en Galicia e co obxecto de favorece-la creación de emprego, acórdase a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias, isto é, as realizadas fóra da xornada laboral, salvo as producidas por necesidades urxentes ou as de forza maior, que serán de inescusable cumprimento.

O alcalde-presidente, como xefe de persoal autorizará e os responsables dos servicios ou centros de traballo responderán persoalmente da certeza e efectividade da realización das horas extras, así como da veracidade dos condicionamentos aludidos que xustifiquen a súa realización.

As horas extras terán o valor da hora ordinaria correspondente a cada categoría incrementada nun 75%.

Artigo 8º.-Axudas sociais.

O concello obrígase a consignar anualmente nos orzamentos municipais unha cantidade global para remediar ó persoal suxeito ó presente convenio os gastos orixinados polo concepto de bolsa de estudios.

As cantidades asignadas son as seguintes:

Educación primaria: 10.000 ptas./fillo/ano.

Educación secundaria: 10.000 ptas./fillo/ano.

Educación universitaria: 30.000 ptas./fillo/ano.

Artigo 9º.-Anticipos.

1. Por petición do interesado o concello concederalles anticipos ós seus empregados/as de ata catro mensualidades, cun tope máximo de cincocentas mil pesetas (500.000 ptas.) efectuándose a devolución mediante deduccións mensuais en nómina, e sen que xeren ningún tipo de xuro, nos prazos que se sinalan a continuación:

a) Dez meses para os anticipos dunha mensualidade.

b) Vinte meses para os anticipos de dúas mensualidades.

c) Trinta meses para os anticipos de tres mensualidades.

d) Corenta meses para os anticipos de catro mensualidades.

2. Concederanse anticipos de máis de dúas mensualidades só como consecuencia de necesidades de carácter social, definíndose como tales, en principio, tan só as derivadas de investimentos para a compra e mellora de vivenda propia, e de gastos de enfermidade, nos termos que se sinalan a continuación:

2.1. Os anticipos a que se fai referencia neste apartado e que traian a súa consecuencia de investimentos de vivenda propia, abarcarán:

a) Os destinados á compra de vivenda que sirva ou vaia servir de residencia única e habitual do peticionario.

b) Os destinados á obra de mellora de vivenda que reúna as características do parágrafo anterior.

c) Os destinados á amortización de préstamos por adquisición de vivenda, que terá que reuni-las mesmas condicións antes citadas.

d) Os destinados a cubrir gastos derivados de compra de mobiliario necesario para o primeiro establecemento que se vaia ocupar.

2.2. En calquera destes catro supostos antes citados quedará excluído como beneficiario quen teña en propiedade outra vivenda.

2.3. Os anticipos a que se refire este apartado e que traian causa de gastos de enfermidade, outorgaranse tan só cando os gastos se deriven directa ou indirectamente do solicitante, o seu cónxuxe, fillos ou persoa dependente deste economicamente, sempre e cando aqueles se prevexan superiores ó importe de dúas mensualidades do solicitante.

2.4. Queda reservada á comisión paritaria a interpretación das cláusulas establecidas no número dous deste artigo, así como a apreciación doutras necesidades que, sen estaren previstas nos apartados

anteriores, merezan a consideración de necesidade social e, polo tanto, a concesión deste tipo de anticipos.

2.5. A concesión de anticipos de máis de dúas mensualidades non poderá supera-lo número de dúas por solicitante nun período de cinco anos.

3. O período máximo de amortización no poderá exceder en ningún caso da data en que se produza legalmente a xubilación do/a solicitante, debéndose ratear neste caso o seu importe entre as mensualidades que resten ata a dita data.

4. Non se concederán novos anticipos se o interesado/a non amortizou cando menos, un 50% do que xa tiña concedido, e transcorrese a metade do período de amortización, salvo que concorra unha causa de especial transcendencia considerada como tal pola comisión paritaria.

Artigo 10º.-Auxilio de enfermidade.

O concello proverá os auxilios necesarios para a percepción do 100% das retribucións a que o persoal suxeito ó ámbito deste convenio teña dereito, nos supostos de baixa por enfermidade ou accidente de traballo, debidamente comprobada polos servicios médicos.

Artigo 11º.-Bolsas de estudios para orfos.

A comisión paritaria, proporalle á Corporación a contía, requisitos e procedementos de acordo cos cales se outorgará unha axuda económica destinada a bolsas de estudio para orfos/as menores de 21 anos.

Artigo 12º.-Seguro de responsabilidade civil.

O concello subscribirá unha póliza que garanta a cobertura por responsabilidade civil que se poida derivar das actividades profesionais do persoal municipal salvo en caso de manifesta neglixencia debidamente probada.

Artigo 13º.-Seguro de accidentes laborais.

O concello concertará unha póliza de accidentes de traballo, e os ditos asegurados/as serán tódolos/as traballadores/as do cadro de persoal municipal en situación de activo. As condicións da dita póliza serán as seguintes:

Cobertura: falecemento, invalidez absoluta e permanente ou invalidez parcial, exclusivamente para aqueles casos de accidente sufrido durante o exercicio das ocupacións profesionais ou in itinere.

Capitais garantidos:

Falecemento: 6.000.000 de ptas.

Invalidez absoluta e permanente: 6.000.000 de ptas.

Invalidez parcial: segundo baremo.

En tódolos casos de accidentes laborais, a Corporación farase cargo dos gastos ocasionados polo accidente ós traballadores/as municipais.

Artigo 14º.-Asistencia xurídica.

A Corporación obrígase a prestarlles asistencia xurídica ós seus empregados/as nos supostos de conflictos xurdidos con terceiros como consecuencia da prestación dos seus servicios, salvo en caso de manifesta neglixencia debidamente probada.

Artigo 15º.-Calendario laboral.

1. O calendario laboral será o que os organismos competentes das administracións central, autonómica e o propio concello establezan, dentro das súas respectivas competencias.

2. Os días de Noiteboa e Noitevella, o persoal laboral unicamente fará servicios mínimos.

Artigo 16º.-Xornada laboral.

A xornada laboral común será de 40 horas semanais ou a que sinale, como mellora, na lexislación vixente.

O horario laboral establecido con carácter xeral será o que se sinala no anexo.

Establécese unha marxe de flexibilidade no horario dun cuarto de hora diario, que deberá recuperarse no mesmo día. Na citada marxe e flexibilidade a entrada enténdese referida ó primeiro cuarto de hora e deberá ser recuperado á hora de saída, co mesmo tempo demorado na entrada, ou á custa do período de descanso, de 30 minutos, se a xornada é continuada. Este período de descanso, á que terán dereito os traballadores, será consecutivo dentro da xornada laboral e será de carácter non recuperable. O descanso será de 20 minutos se a xornada é partida.

As baixas por indisposición dun día de duración e ata un máximo de tres días ó ano, baixo o control dos servicios médicos, non darán lugar a deducción ningunha, sen necesidade de xustificalas mediante parte médico. Non obstante se o traballador segue indisposto, deberá entrega-lo parte de baixa o 3º día.

Calquera modificación de horarios será pactada cos representantes dos traballadores.

Artigo 17º.-Vacacións.

As vacacións anuais, que terán unha duración de 1 mes, desfrutaranse preferentemente entre os meses de xullo e agosto. As vacacións poderán ser fraccionadas en dous períodos.

Antes do día 31 de maio, cada unidade ou servicio terá elaborado o seu calendario de vacacións.

O comezo do período vacacional quedará suspendido por instancia do interesado cando se presente unha situación de baixa con anterioridade á data prevista como inicio destas. Igualmente dará lugar á interrupción das vacacións, con suspensión do período que lle resta ó interesado, nos casos en que durante o seu desfrute se acredite unha situación de baixa por I.T. ou accidente, pospoñéndose o seu desfrute ás datas posteriores á alta.

Non obstante, poderanse realizar variacións das previsións contidas no cadro de vacacións xa elaborado, debendo ser comunicada a dita incidencia á unidade de administración de persoal, así como á representación sindical do persoal laboral.

Artigo 18º.-Licencias e permisos.

Sen prexuízo no disposto na lexislación vixente en cada momento, establécese o seguinte réxime de licenicas e permisos que non darán lugar a ningunha deducción nas retribucións:

a) 15 días naturais en caso de matrimonio.

b) Tres días naturais en caso de nacemento de fillos.

c) Dous días por enfermidade grave de parentes de ata segundo grao de consaguinidade ou afinidade, concretándose a dita enfermidade grave nos supostos de hospitalización ou intervención cirúrxica.

d) Dous días por falecemento na localidade e catro en caso de desprazamento.

e) Dous no caso de falecemento de parentes de segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

f) Dous días en caso de falecemento de terceiro grao de consanguinidade e un día en caso de parentes de terceiro grao de afinidade.

g) As traballadoras terán dereito a unha licencia de maternidade de 16 semanas ou 18 en caso de parto múltiple, que se regulará polo disposto na Lei 3/1989, do 3 de marzo. A licencia será en todo caso irrenunciable.

h) Un día en caso de cambio de domicilio habitual e dous se é fóra.

i) A alcaldía poderá conceder licencias para realizar estudios sobre materias relacionadas directamente co posto de traballo, logo do informe favorable do xefe de servicio, e o traballador terá dereito a percibi-las retribucións básicas.

j) Poderá obter licencias nos termos establecidos nas disposicións de carácter xeral para asistir a cursos de formación sindical ou realizar funcións relacionadas coas ditas materias, o persoal que desempeñe calquera cargo sindical.

k) Disporase tamén de licencia para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais durante os días da súa celebración.

O traballador cun fillo menor de nove meses terá dereito a unha hora diaria de ausencia do traballo para atende-la súa alimentación. Este período poderá dividirse en dúas fraccións ou substituírse por unha reducción da xornada laboral en media hora. Este dereito é optativo para o home ou a muller, sempre que un dos dous renuncie a el.

m) Poderase conceder permisos polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inexcusable de carácter público ou persoal.

n) Disporase de seis días de permiso para asuntos persoais, ademais das vacacións anuais e á marxe do calendario de festas, que non terán o carácter de recuperables. Poderase elixir libremente as datas, respectando as necesidades do servicio e coa única limitación de que non se poderán acumular ás vacacións.

Considérase primeiro grao de consanguinidade os pais e fillos; segundo grao de consanguinidade os avós, netos e irmáns; terceiro grao de consaguinidade os sobriños e tíos.

Artigo 19º.-Formación profesional.

Para facilita-la formación e reciclaxe profesional, o concello, no marco do convenio 140 da OIT, comprométese a adopta-las seguintes medidas concretas:

a) Concesión de permisos retribuídos para concorrer a exames finais e probas de aptitude e avaliación para a obtención dun título académico ou profesional.

b) Concesión de 40 horas ó ano, como máximo, para asistencia a cursos de perfeccionamento profesional, cando o seu contido estea directamente relacionado co posto de traballo.

c) Concesión de permiso, non retribuído, dunha duración máxima de tres meses para a asistencia a cursos de perfeccionamento profesional, sempre que a xestión do servicio e a organización do traballo o permitan.

O persoal comprendido no ámbito do presente convenio realizará os cursos de capacitación profesional ou de reciclaxe que determine a Administración para a adaptación a un novo posto de traballo, sempre que as necesidades o requiran. O tempo de asistencia a estes cursos considérase tempo de traballo efectivo para tódolos efectos.

Artigo 20º.-Promoción profesional.

1. Considerando que unha excesiva e indiscriminada mobilidade produce efectos negativos na estructura organizativa e na profesionalización do persoal, as partes acordan adopta-las seguintes medidas:

a) As relacións de postos de traballo tenderán a especificar, para cada posto de traballo, a área funcional ou de actividade a que aquel se describe.

b) Nos concursos valorarase, segundo a naturaleza do posto de traballo, a cualificación e experiencia na área funcional ou de actividade a que estea adscrito o posto.

c) Unha permanencia mínima nos postos de traballo valorarase positivamente.

d) Os traballadores do Concello de Cee terán dereito ó cambio de posto de traballo, unha vez que se teña producido vacante en posto de traballo de igual nivel, dentro do mesmo corpo, grupo ou escala.

2. As partes consideran que un sistema de avaliación do desempeño que prime o maior e mellor rendemento no posto de traballo, é un factor necesario para a profesionalización da Administración. Este sistema debe permitir un maior estímulol para a promoción, fomentando, pola súa vez, a responsabilidade dos xefes de unidades e servicios correspondentes.

Artigo 21º.-Provisión de postos de traballo.

Os traballadores do Concello de Cee terán dereito ó cambio de posto de traballo, unha vez que se teñan producido vacante ou prazas de nova creación, en posto de traballo de igual ou superior nivel, dentro do mesmo corpo, grupo ou escala, mediante o oportuno procedemento de acceso ás citadas prazas.

Artigo 22º.-Saúde laboral.

1. Considerando que os empregados públicos teñan dereito a unha protección eficaz da súa integridade física e a súa saúde no traballo e que a Administración ten o deber de promover, formular e aplicar unha adecuada política de prevención de riscos, as partes comprométense a colaborar estreitamente

para eleva-los niveis de saúde e seguridade no traballo nos distintos centros municipais.

2. Nomearanse os delegados de prevención que correspondan segundo a Lei de saúde laboral.

Artigo 23º.-Recoñecemento médico.

Configurarase como dereito de tódolos traballadores o de realizar un recoñecemento médico de tipo xeral cunha periodicidade bianual sendo tódolos gastos derivados por conta do concello. Para tal finalidade, o concello porase en contacto co Gabinete de Seguridade e Hixiene da Xunta de Galicia ou mutua correspondente.

Artigo 24º.-Regulamento de vestiario.

No prazo e determinacións que se fixen para cada un dos centros, determinarase o vestiario ou roupa de traballo que se deberá entregar a cada traballador, e a periodicidade da dita entrega.

Artigo 25º.-Xubilación anticipada.

O concello establecerá un sistema que permita a xubilación anticipada dos seus empregados. Para iso a Corporación, logo de acordo co solicitante, adoptará resolución na que se recollerán as condicións nas que se teña que produci-la citada xubilación anticipada.

Artigo 26º.-A representación dos traballadores.

O concello facilitará os medios técnicos e material necesarios para o normal desenvolvemento das funcións dos delegados de persoal.

-Local de xuntanzas.

-Sala de asembleas.

-Fotocopiadora.

-Fax.

-Material de oficina, etc.

Recoñéceselles tamén a capacidade xurídica e de obrar, de acordo co establecido na lexislación vixente, ós sindicatos, seccións sindicais e, en xeral, ás organizacións legalmente establecidas e creadas para a defensa dos intereses dos traballadores, que poderán, a través dos seus órganos acreditados ante o concello, realizar todo tipo de accións sindicais das previstas na normativa vixente.

Recoñécense tódolos dereitos sindicais establecidos por lei.

Garántese o dereito á libre sindicación e organización dos traballadores, así como ó exercicio do dereito á folga, coas limitacións impostas pola lei, e a non discriminación, prexuízo, nin sanción por razóns de afiliación ó exercicio dos dereitos sindicais.

Horas de libre disposición para cada un dos delegados de persoal, debéndose comunica-lo seu uso ó xefe de persoal, xa sexa con carácter previo para as que estean previstas de antemán, xa sexa con posterioridade á súa utilización para as demais. Non se consideran computables como horas sindicais, nin as de negociación nin aquelas que se utilicen en reunión con órganos da Administración por iniciativa destas. Tampouco se consideran computables as que se utilicen en cursos de saúde laboral ou de delegados de prevención.

Artigo 27º.-Garantías sindicais.

Os delegados de persoal non poderán ser sancionados nin despedidos durante o exercicio das súas funcións, nin no ano seguinte ó seu cesamento, como consecuencia das súas actividades sindicais.

Tampouco poderán ser trasladados de unidade, centro ou posto de traballo, en contra da súa vontade expresa, durante o período citado no parágrafo anterior.

Os delegados de persoal non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesional, en razón precisamente do desempeño da súa representación.

Artigo 28º.-Asembleas.

O concello comprométese a facilitar un local para a celebración de asembleas xerais ou de centro, fóra do horario normal de traballo.

Sen prexuízo do anteriormente establecido, cada centro de traballo poderá realizar asembleas dentro da xornada laboral e na última ou primeira media hora, con intervención e presencia sempre dalgún delegado de persoal, debendo comunicarse a súa celebración ó xefe de persoal, cunha antelación de dous días hábiles. O dito período de media hora non se poderá computar negativamente para ningún efecto.

ANEXO I

Táboa salarial mensual

Salario

base

Plus convenioT. anual

Capataz encargado91.80063.8932.051.916
Oficial 1ª89.58058.5701.956.960
Oficial 2ª87.42053.2471.862.844
Peón L. viaria83.70041.4751.669.500
Peón limpeza dependencias81.96029.3701.499.880

ANEXO I

Táboa salarial mensual

Salario

base

Plus convenioT. anual

Capataz encargado1.285.200766.7162.051.916
Oficial 1ª1.254.120702.8401.956.960
Oficial 2ª1.223.880638.9641.862.844
Peón L. viaria1.171.800497.7001.669.500
Peón limpeza dependencias1.147.440352.4401.499.880

* As táboas salariais e os totais están calculados sen antigüidade.

* No ano 1998 estas táboas incrementarase no 2,1%.

ANEXO II

Xornada

Horario laboral

Polideportivo:

De 15.30 a 23.30 h.

De luns a venres.

Matadoiro:

De 7.15 a 13.45 h., mañá.

De 16.30 a 18 h., tarde.

Resto persoal servicios:

De 9 a 13 h., mañá.

De 14 a 18 h., tarde.

De luns a venres.