Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 09 de febreiro de 1999 Páx. 1.402

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de xaneiro de 1999 pola que se regula a concesión de subvencións ás asociacións e institucións privadas sen fin de lucro e entidades análogas para fomenta-lo coñecemento e o uso social da lingua galega.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, coa finalidade de lle dar cumprimento ó disposto na Lei 3/1983, de normalización lingüística, vén concedendo axudas ás asociacións e entidades sen fin de lucro e entidades análogas, constituídas na nosa Comunidade Autónoma ou fóra dela, que realicen actividades de promoción da lingua galega, a través do fomento do coñecemento e do uso social da lingua galega.

De acordo coas indicacións presentadas pola Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística da Xunta de Galicia, e coa normativa vixente en materia de subvencións, faise pública a presente convocatoria.

Para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Suxeitos.

A presente orde vai dirixida ás institucións privadas sen fin de lucro legalmente constituídas e entidades análogas, agás as dependentes de entidades locais, as asociacións de pais de alumnos, os movementos de renovación pedagóxica e as diferentes agrupacións das entidades antes citadas.

Para os efectos da presente orde terán a condición de entidades locais as que gocen de tal carácter na Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, no seu artigo 3.

Artigo 2º.-Obxecto.

Convócanse subvencións en réxime de concorrencia competitiva para a realización de actividades, proxectos ou organización doutras actuacións que teñan como finalidade principal o fomento do coñecemento e do uso social da lingua galega. Estas subvencións suxeitaranse ás normas contidas na presente orde e irán con cargo á partida orzamentaria 07.06.353F.480.0 cunha contía máxima total de 119.185.000 ptas. correspondentes ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999.

a) Destinaranse 79.185.000 pesetas distribuídas en subvencións de ata 250.000 pesetas cada unha.

b) Destinaranse 40.000.000 de pesetas, distribuídas en subvencións de ata 1.500.000 pesetas cada unha, para os proxectos de maior interese ou dificultade de realización, anovación, difusión social ou perdurabilidade temporal.

A contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade de 1.500.000 pesetas por acción solicitada. Non obstante, por proposta motivada da comisión de avaliación, poderanse conceder subvencións en porcentaxes superiores ás anteriormente indicadas. De non esgotarse o orzamento sinalado no anterior punto b, o remanente poderá incrementa-lo orzamento do punto a.

Cada solicitante poderá presentar un máximo de tres solicitudes de subvención, e cada unha delas referirase a un único proxecto de acción.

Artigo 3º.-Requisitos.

Subvencionaranse as actividades obxecto da presente orde que empreguen correctamente o galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro), e que teñan como fin principal o fomento do coñecemento e do uso social da lingua galega. Estas actividades deberán realizarse entre o 1 de xaneiro de 1999 e o 15 de outubro de 1999.

Os adxudicatarios das subvencións velarán dun xeito especial pola calidade lingüística das actividades que realicen.

Artigo 4º.-Criterios de concesión.

Consideraranse criterios preferentes de concesión da subvención, sen orde de prelación, os seguintes:

1. O fomento do coñecemento e o uso da lingua galega en actuacións de carácter permanente.

2. A continuidade no tempo na elaboración de accións de calidade.

3. A traducción de documentación, publicacións, etc.

4. A modificación, para a lingua galega, da razón social da entidade.

5. A publicidade da asociación en calquera soporte ou medio.

Artigo 5º.-Documentación.

No momento de face-la solicitude da subvención, os interesados presentarán a seguinte documentación:

1. Solicitude, presentada segundo o modelo recollido no anexo I da presente orde, debidamente cuberta. O incumprimento desta obriga por parte dos interesados dará lugar o arquivo das actuacións sen mais trámite.

2. Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia compulsada, dos correspondentes estatutos e, se fose o caso, da resolución do órgano competente no que se lle concede a representación da entidade.

3. Fotocopia do CIF da entidade.

4. Unha memoria pormenorizada de actividades.

5. Cando a acción proposta inclúa contratación de persoal lingüista, de acordo co estipulado no artigo 11 b), acreditarase xunto co proxecto presentado a competencia en lingua galega do citado persoal.

Artigo 6º.-Entrega da documentación.

As solicitudes, xunto coa documentación citada no artigo precedente, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), no prazo de 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Procedemento.

Recibidas as solicitudes, serán tramitadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística, que procederán a aplica-los criterios e prioridades desta orde, redactando un informe proposta de concesión, denegación ou exclusión, se fose o caso, das subvencións.

Artigo 8º.-Órgano informante.

Será competente para a valoración do informe proposta citado no artigo anterior unha comisión de avaliación presidida polo director xeral de Política Lingüística, ou a persoa na que delegue, e composta polos seguintes membros:

-O subdirector xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-A xefa do Servicio de Xestión e Promoción Lingüística.

-O xefe da Sección de Xestión e Coordinación Lingüística

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará como secretario con voz e sen voto.

A citada comisión poderá pedir asesoramento ás institucións ou persoas que considere conveniente para a avaliación dos proxectos.

Artigo 9º.-Resolución.

Á vista do informe da comisión de avaliación, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria dictará a resolución que porá fin á vía administrativa.

Contra a resolución, os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo cos artigos 57 e seguintes da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

As notificacións publicaranse no taboleiro de anuncios da Oficina de Información e Atención ó Cidadán da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, bloque 2, baixo, Santiago de Compostela), e no Diario Oficial de Galicia notificándoselles así mesmo ós interesados.

A concesión de anticipos e pagamentos parciais regularase de acordo coa lexislación vixente na materia.

Se no prazo de tres meses non recaese resolución expresa desta convocatoria, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas.

Artigo 10º.-Aceptación da subvención e compromisos.

As entidades seleccionadas terán que comunicarlle por escrito a aceptación da subvención concedida, e os compromisos que isto supón, á Dirección Xeral de Política Lingüística, no prazo máximo de dez días contados a partir da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. A omisión desta comunicación dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámite.

Nas publicacións constará, coa mesma técnica que os créditos da entidade promotora, o patrocinio da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, empregando para iso os logotipos aprobados pola imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 11º.-Xustificación.

O prazo improrrogable de xustificación e entrega da totalidade da documentación que a seguir se cita, nas condicións expresadas na presente orde, rematará o 15 de outubro de 1999.

Antes da citada data deberá remitírselle á Dirección Xeral de Política Lingüística, facendo sempre referencia ó número de expediente, a seguinte documentación:

1. Xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos realizados, por un valor mínimo equivalente ó da axuda outorgada, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados

no proxecto presentado. No caso de presentar máis dun xustificante, deberá facerse unha relación numerada e pormenorizada das facturas que se envían; nesta relación reflectirase o número de factura, o nome do emisor, o seu importe, suma parcial folla por folla e suma total da relación.

2. Mostras que respondan ás actividades subvencionadas, se fose o caso, ou xustificación documental (dossier de prensa, vídeo, fotografías, disquetes, gravación magnetofónica, etc) da realización da actividade.

En relación cos xustificantes citados no número 1 deste artigo, as súas datas estarán comprendidas entre o 1 de xaneiro de 1999 e o 15 de outubro de 1999, admitíndose unicamente os relativos a:

a) Gastos de material e servicios necesarios para a realización da actividade subvencionada, consonte o expresado na memoria descritiva e no orzamento presentado xunto coa solicitude.

b) Gastos de persoal que, no caso de asesoramento lingüístico, terá que ser licenciado en filoloxía galega ou equivalente, ou tratarse de profesorado especialista en lingua e literatura galegas.

O incumprimento destas obrigas por parte do interesado dará lugar ó arquivo do seu expediente sen máis trámite.

Artigo 12º.-Perda da subvención.

Os beneficiarios das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información requirida polos órganos de control da Administración. Así mesmo, os devanditos órganos poderán levar a cabo labores de inspección destinados a verificar que as subvencións sexan destinadas á finalidade para a que foron concedidas.

Calquera alteración verbo dos datos que figuran no impreso de solicitude e calquera outro incumprimento das normas contidas na presente orde, terá como consecuencia a revogación da axuda e, se fose o caso, a entidade terá que reintegra-las cantidades percibidas.

No caso de que se lle conceda á mesma entidade no prazo de vigor da presente orde outra subvención para esta mesma finalidade, a entidade terá que llo comunicar á Administración, sendo de aplicación o disposto no artigo 78.3º da Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria