Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 08 de febreiro de 1999 Páx. 1.377

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 27 de xaneiro de 1999 pola que se anuncia a apertura do prazo de presentación de solicitudes para contratacións laborais de carácter temporal dedicadas á realización de traballos ocasionais de carácter selvícola e medioambiental durante 1999.

A Consellería de Medio Ambiente precisa realizar, dependendo do seu condicionante orzamentario, durante 1999, traballos concretos, de carácter ocasional, consistentes fundamentalmente en tratamentos selvícolas e accións tendentes á preservación, conservación e mellora dos espacios naturais, no ámbito da nosa comunidade.

A índole das labouras que se proxecta realizar, de carácter estrictamente agrario, dirixidos á obtención directa de froitos agrícolas, forestais ou pecua

rios e a súa dependencia directa co espacio físico no que se desenvolven, caracterizan de forma diferenciada e excepcional as contratacións laborais necesarias para levalas a efecto, de xeito que o persoal elixido ten que ser coñecedor dos distintos extremos da actividade agraria e do ámbito territorial concreto no que se proxectan os traballos.

A referida especialidade destas contratacións laborais e o feito de que as tarefas que se vaian cumprir consisten en traballos concretos dirixidos á realización de obras determinadas para desenvolver ó longo do ano, fai necesario dispoñer de listas de persoas capacitadas, que reúnan os requisitos mencionados, coas que, para a consecución da axilidade e celeridade precisas, se poida contar a medida que vaia xurdindo a necesidade de realización dos distintos traballos.

Polo exposto, de conformidade co establecido nos artigos 27 números 10º e 30º do Estatuto de autonomía de Galicia e 34 da Lei 1/1983, do 22 de

febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, así como no Decreto 482/1997, do 30 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. O obxecto desta convocatoria é a elaboración de listas coas persoas interesadas na cobertura temporal de postos de traballo naqueles servicios dependentes desta consellería e con suxeición ós condicionantes orzamentarios que leven a cabo traballos ocasionais de carácter forestal e medioambiental.

2. Para estes efectos, elaboraranse listas ordenadas de xeito prelativo, de conformidade coas previsións, relativas ós ámbitos funcionais e territoriais e categorías que se determinen.

A continuación detállanse, en relación cos servicios da consellería que, dependendo do seu condicionante orzamentario, se prevé que as van utilizar, as distintas categorías, así como os requisitos esixidos para acceder a cada unha delas:

Servicios de Montes e Industrias Forestais.

-Técnico de apoio.

Requisitos: titulación de Enxeñería de Montes ou Enxeñería Técnica Forestal.

-Xefe de brigada.

Requisitos: titulación de capataz forestal ou titulación que a substitúa ou 27 meses de experiencia acreditada na Administración ou 36 meses na empresa privada en postos da mesma ou análoga categoría e posesión do carné de conducir B.

-Peón forestal.

Servicios de Medio Ambiente Natural.

-Técnico de apoio.

Requisitos: titulación de enxeñería de montes, enxeñería técnica forestal, biolóxicas, veterinaria ou topografía.

-Xefe de brigada.

Requisitos: titulación de capataz forestal ou titulación que a substitúa ou 27 meses de experiencia acreditada na Administración ou 36 meses na empresa privada en postos da mesma ou análoga categoría e posesión do carné de conducir B.

-Garda rural de vixilancia e mantemento.

Requisitos: certificado de escolaridade ou 18 meses de experiencia acreditada na Administración ou 27 meses na empresa privada en postos da mesma ou análoga categoría e posesión do carné de conducir B.

-Peón forestal.

Centro de Investigacións Forestais de Lourizán.

-Técnico de apoio.

Requisitos: titulación de Enxeñería de Montes, Enxeñería Técnica Forestal ou Biolóxicas.

-Xefe de brigada.

Requisitos: titulación de capataz forestal ou titulación que a substitúa ou 27 meses de experiencia acreditada na Administración ou 36 meses na empresa privada en postos da mesma ou análoga categoría e posesión do carné de conducir B.

-Peón forestal.

Artigo 2º

Os interesados presentarán as súas solicitudes, segundo o modelo previsto no anexo I, no prazo de 15 días hábiles contados desde o seguinte ó da publicación no DOG desta orde, nas dependencias das respectivas delegacións provinciais da consellería, así como en calquera dos rexistros e oficinas enumeradas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 3º

Cada persoa só poderá presentar unha única solicitude referida a un só servicio e, dentro del, a un só distrito, zona ou provincia, segundo corresponda, e a unha soa categoría profesional; o incumprimento do anterior será causa de exclusión de tódalas solicitudes formuladas.

A relación das distintas categorías profesionais de cada distrito, zona ou provincia de que se trate publicarase nos taboleiros de anuncios das delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente e das oficinas comarcalizadas dos servicios de Montes e Industrias Forestais, de Defensa contra Incendios e de Medio Ambiente Natural correspondentes e no Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, respectivamente.

Para tal efecto, coa solicitude deberá xunta-la seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade.

b) Fotocopias cotexadas dos documentos que acrediten o cumprimento dos requisitos fixados para as distintas categorías profesionais previstas, así como as dos méritos referenciados no artigo 7.2º e 3º e no anexo II, significándose que, en canto a estes últimos, só serán valorados aqueles que resulten acreditados suficientemente.

Artigo 4º

1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, pola delegación provincial correspondente publicaranse, nos lugares sinalados no artigo 6º, as relacións provisionais de admitidos e excluídos segundo os ámbitos territoriais e funcionais establecidos, con indicación das causas de exclusión.

2. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ó da publicación da lista, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivase a súa exclusión.

A estimación ou desestimación das devanditas peticións entenderase implícita na publicación das relacións definitivas.

Artigo 5º

As solicitudes correctamente presentadas serán analizadas baixo a dirección e supervisión da comisión de avaliación constituída en cada provincia no prazo de 15 días desde a publicación desta orde no DOG, que estará composta por sete membros, dos que tres serán designados polo comité de empresa correspondente, e os outros cuatro pola secretaría xeral da consellería.

As listas serán elaboradas segundo os distintos ámbitos funcionais e territoriais e categorías profesionais determinadas, ordenando os aspirantes, de

acordo coa puntuación obtida trala aplicación do baremo previsto no anexo II, prelativamente.

Artigo 6º

As listas confeccionadas expoñeranse nos taboleiros de anuncios das distintas delegacións provinciais da consellería, así como nos das súas oficinas comarcalizadas dos servicios de Montes e Industrias Forestais, de Defensa contra Incendios e de Medio Ambiente Natural correspondentes e no Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, respectivamente.

Artigo 7º

1. Conforme vaia sendo necesaria a contratación de persoal para a realización dos traballos, a Consellería de Medio Ambiente chamará, pola súa orde estricta, o persoal que figure nas respectivas listas.

Durante a utilización das listas e para efectos de sucesivas contratacións, o persoal que resulte contratado non perderá a súa orde de prelación na respectiva lista unha vez finalizado o contrato se non superou un total de seis meses de traballo como consecuencia dela; en caso de supera-los ditos seis meses pasará ó final da lista. A renuncia expresa a calquera chamamento levará aparellada a exclusión do renunciante da respectiva lista.

2. Para o chamamento con cargo ás listas correspondentes ás zonas do Servicio de Montes e Industrias Forestais, terase en conta a seguinte particularidade:

a) No suposto de realización de traballos nun monte veciñal en man común, establécese a seguinte orde de prioridade para ser contratado:

1º Comuneiros do monte.

2º Familiares dos comuneiros ata o segundo grao de parentesco que sexan residentes na parroquia ou lugar titular do monte.

b) No suposto de realización de traballos en montes particulares con convenios ou consorcios coa Administración autonómica, establécese a seguinte orde de prioridade para ser contratado:

1º Propietarios do monte.

2º Familiares dos propietarios ata o segundo grao de parentesco que sexan residentes na parroquia ou lugar titular do monte.

En cada un destes supostos, a prelación na contratación farase estrictamente pola puntuación que cada un deles teña na correspondente lista.

3. No suposto de realización de traballos nun monte veciñal en man común situado na zonificación especial do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés establécese a orde de prioridade para ser contratado prevista na alínea a) do punto 2º deste artigo.

4. No Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, para a contratación con cargo á lista de técnicos de apoio o chamamento levarase a cabo conforme a titulación académica requirida pola cobertura temporal de que se trate, segundo o proxecto que se vaia desenvolver.

5. No caso de producirse empate na puntuación de dous ou máis aspirantes, unha vez aplicado o baremo de méritos citado, coa particularidade devan

dita, aquel resolverase en función da obtida na alínea relativa á experiencia profesional, e, de persistir aínda o dito empate, en razón á puntuación obtida na alínea relativa ás circunstancias persoais.

6. Para o chamamento poderase utilizar calquera medio e no suposto de que o empregado non fose suficiente, practicaranse aqueloutros que lle permitan ó interesado ter constancia da súa recepción no prazo máis breve posible. A contestación ó devandito chamamento deberá producirse no prazo máximo de 72 horas desde a súa recepción. Transcorrido este sen producirse a contestación, a persoa chamada perderá a súa orde de prelación pasando ó final da lista, salvo nos casos de forza maior debidamente xustificada.

7. Os interesados no momento de responderen ó chamamento deberán achegar certificado médico oficial acreditativo da súa capacidade en relación coas respectivas funcións que vaian desenvolver, como requisito imprescindible para a súa efectiva contratación.

8. No caso de que nunha zona na que se previse realizar contratacións, por circunstancias sobrevidas, non cheguen a realizarse os traballos previstos, ás persoas incluídas nas listas correspondentes ó seu ámbito xeográfico, incluiranse naqueloutras semellantes zonas limítrofes onde están previstas execucións de traballos. Nestes supostos, no momento da inclusión das persoas afectadas nas novas listas, descontaráselles da puntuación traída a correspondente á circunstancia de residencia habitual, prevista no anexo II desta orde.

A preferencia na inserción nunhas determinadas listas dunha zona limítrofe respecto ás dos demais virá determinada polas necesidades e prioridades apreciadas polos servicios provinciais correspondentes que, non obstante, terán, dentro do posible, como criterio xeral logra-la máxima proximidade entre a residencia habitual dos solicitantes reinseridos e o concello de realización dos traballos.

9. No suposto de esgotarse o persoal incluído na lista dun ámbito territorial determinado seguirase a seguinte orde de chamamento:

-Persoal que figure nas listas de categoría superior do propio ámbito xeográfico.

-Persoal que figure nas listas de igual categoría no ámbito xeográfico máis próximo ó de realización dos traballos.

En todo caso, o persoal ó que se fai referencia anteriormente, só poderá ser excluído da súa lista se declina o chamamento no prazo establecido no segundo parágrafo do punto seis.

No suposto de persisti-la falta de persoal, solicitarase do Inem, de forma xenérica un mínimo de tres traballadores en situación de desemprego por cada unha das vacantes que se pretenda cubrir, dándolle tamén publicidade a esta petición no taboleiro de anuncios das delegacións provinciais para efectos da presentación de solicitudes, sendo o órgano de avaliación e o baremo os establecidos na presente orde.

10. Por necesidades do servicio o persoal contratado poderá, por proposta do servicio provincial correspondente e coa conformidade da delegación provincial, realiza-las súas labouras en ámbitos xeográficos distintos a aquel ó que estivera adscrito. Do aquí indicado exclúense os comuneiros e propietarios de montes particulares, se accederon á contratación en virtude de tal condición.

Artigo 8º

Sen prexuízo da posibilidade legal establecida de emenda en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, dos erros materiais, de feito, ou aritméticos existentes, tanto as bases da convocatoria como os actos derivados dela ou da actuación dos órganos de selección establecidos, poderán ser obxecto de impugnación polas persoas interesadas nos prazos e formas previstos nas normas procedementais e procesuais de aplicación.

Disposición transitoria

En tanto non sexan elaboradas as relacións de aspirantes seleccionados, a contratación do persoal imprescindible efectuarase conforme as últimas listas utilizadas.

Disposición derradeira

A presente orde producirá efectos desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 1999.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO I

Modelo de solicitude para contratacións laborais temporais relativas á realización de traballos ocasionais de caracter selvícola e medioambiental.

1. Categoría profesional á que se opta (unha única categoría profesional).

2. Zona ou provincia, segundo se trate, na que se desexa traballar (un único ámbito territorial).

3. Datos e circunstancias persoais:

* Apelidos, nome e DNI.

* Enderezo (localidade e parroquia).

* Concello de residencia.

* Teléfono.

* Lugar e data de nacemento.

* Nº de afiliación á Seguridade Social.

* Carné de conducir.

* Desemprego (antigüidade).

* Nº de persoas sen ingresos ó seu cargo.

* Nº de persoas diminuídas ó seu cargo.

* Condición de comuneiro e grao de parentesco con este, se é o caso, e comunidade de montes veciñais en man común á que pertence.

4. Datos académicos.

* Título oficial na especialidade do posto de traballo ó que se opta.

* Cursos:

Denominación... Duración do curso... (horas).

* Grao de coñecemento do galego:

-Iniciación -Perfeccionamento

5. Experiencia profesional.

Servicios prestados en traballos forestais e/ou medioambientais na Xunta de Galicia (Servicio de Montes e Industrias Forestais, de Medio Ambiente Natural ou Centro de Investigacións Forestais de Lourizán) desde xaneiro de 1988 na mesma ou análoga categoría á que se opta: anos... meses... días...

Servicios prestados en traballos forestais e/ou medioambientais na Xunta de Galicia (Servicio de Montes e Industrias Forestais, de Medio Ambiente Natural ou Centro de Investigacións Forestais de Lourizán) desde xaneiro de 1988 noutras categorías distintas á que se opta: anos... meses... días...

Servicios prestados en traballos forestais e/ou medioambientais noutras administracións públicas na mesma ou análoga categoría á que se opta: anos... meses... días...

Servicios prestados en traballos forestais e/ou medioambientais na empresa privada na mesma ou análoga categoría á que se opta: anos... meses... días...

A persoa que asina abaixo SOLICITA ser admitida ó proceso selectivo para a realizacion das contratacións temporais a que se refire a presente solicitude e DECLARA que son certos tódolos datos consignados nela e que reúne tódolos requisitos esixidos.

En..., ... de... de 199..

Asdo...

Delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente en...

ANEXO II

Baremo de méritos para as contratacións temporais relativas á realización de traballos ocasionais de carácter selvícola e medioambiental.

1. Circunstancias persoais.

A) Residencia habitual cunha antigüidade de alomenos seis meses en calquera dos concellos do distrito, zona ou provincia á que se opta (xustificada mediante certificación do padrón municipal): 2,00 puntos.

B) No caso de espacios naturais protexidos ou reservas nacionais de caza, residencia habitual ou tenencia de propiedades no ámbito territorial dos mesmos (xustificada mediante certificación do padrón municipal ou documento acreditativo da propiedade): 5 puntos.

C) No caso de contratación para o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, residencia habitual nos concellos de Pontevedra, Poio, Barro, Campo Lameiro, Ponte Caldelas, Cotobade, Soutomaior, Vilaboa, Meis e Marín: 2,00 puntos.

D) Por cada mes de cotización no réxime especial agrario da Seguridade Social como traballador por conta propia ou allea: 0,05 puntos ata un máximo de 3,50 puntos.

E) Desemprego:

Por cada mes acreditado como demandante de emprego (na mesma, análoga ou distinta categoría de traballos forestais ou medioambientais que se solicita): 0,01 puntos ata un máximo de 0,4 puntos.

F) Situación familiar:

Por cada persoa sen ingresos ó seu cargo (menor de 18 anos): 0,25 puntos.

Por cada persoa diminuída ó seu cargo e sen ingresos superiores ó salario minimo interprofesional: 0,50 puntos.

2. Méritos académicos.

A) Titulación oficial na especialidade do posto de traballo ó que se opta (só xefes de brigada): 15,00 puntos.

B) Cursos relacionados coa categoría á que se opta impartidos pola Dirección Xeral de Montes e MAN (Max. 2 puntos).

De ata 10 horas: 0,10 puntos/curso.

De 10 a 20 horas: 0,20 puntos/curso.

De máis de 20 horas: 0,40 puntos/curso.

C) Cursos relacionados coa categoría á que se opta impartidos ou homologados por outros organismos oficiais (Max. 1 punto).

De ata 10 horas: 0,05 puntos/curso.

De 10 a 20 horas: 0,10 puntos/curso.

De máis de 20 horas: 0,20 puntos/curso.

D) Cursos de galego recoñecidos pola Consellería de Educación e Ordenación Unversitaria:

De iniciación: 0,25 puntos.

De perfeccionamento: 0,50 puntos.

(Non se valora o de iniciación se concorre co de perfeccionamento)

3. Experiencia profesional.

A) Servicios prestados en traballos forestais e/ou medioambientais no Servicio de Montes e Industrias Forestais, Medio Ambiente Natural e no Centro de Investigacións Forestais de Lourizán da Xunta de Galicia na mesma ou análoga categoría á que se opta (desde xaneiro de 1988): 0,75 puntos por mes ou fracción.

B) Servicios prestados en traballos forestais e/ou medioambientais no Servicio de Montes e Industrias Forestais, Medio Ambiente Natural e no Centro de Investigacións Forestais de Lourizán da Xunta de Galicia en categoría distinta á que se opta (desde xaneiro de 1988): 0,15 puntos por mes ou fracción.

C) Servicios prestados en traballos forestais e/ou medioambientais noutras administracións públicas na mesma ou análoga categoría á que se opta: 0,10 puntos por mes ou fracción.

D) Servicios prestados en traballos forestais e/ou medioambientais na empresa privada na mesma ou análoga categoría á que se opta: 0,05 puntos por mes ou fracción.