Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 05 de febreiro de 1999 Páx. 1.321

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 12 de xaneiro de 1999 pola que se convoca probas selectivas para cubrir 2 prazas de traductor (grupo I), vacante no cadro de persoal desta universidade.

Este rectorado, en uso das atribucións conferidas polo artigo 18 da Lei de reforma universitaria en relación co artigo 3.2º e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade, resolve convocar probas selectivas para cubrir 2 prazas de traductor

do grupo I, vacante no seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

1.Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo 2 prazas de traductor do grupo I, do convenio colectivo do persoal laboral das universidades públicas de Galicia (DOG do 18 de outubro de 1996), 1 polo sistema de promoción interna e 1 polo sistema xeral de acceso libre.

1.2. Os procesos de selección de promoción interna e libre realizaranse separadamente, e será en primeiro lugar o de promoción interna. As vacantes

non cubertas pola quenda de promoción interna acumularanse á de acceso libre.

1.3. Os/as seleccionados/as polo sistema de promoción interna terá preferencia sobre da quenda libre para a elección de prazas.

1.4. Os/as aspirantes só poderán participar nun dos dous sistemas de provisión.

1.5. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición; as probas e valoracións axustaranse ó que se especifica no anexo I desta convocatoria.

1.6. A adxudicación das prazas ós/ás aspirantes que superen o proceso selectivo, efectuarase de acordo coa puntuación total obtida sumando ámbalas dúas fases.

1.7. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.

2. Requisitos dos aspirantes.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos na data de finalización da presentación de solicitudes e mantelos no momento de formalización do contrato:

a) Ser español ou nacional de calquera estado membro da Unión Europea.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade.

c) Estar en posesión do título de doutor, licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou equivalente.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado do servicio de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado por sentencia firme para o exercicio da función pública.

2.2. Os aspirantes que concorran ás probas pola quenda de promoción interna deberán reunir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Te-la condición de persoal laboral fixo de calquera das universidades públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Pertencer a distinta categoría que a das prazas convocadas na presente convocatoria.

c) Ter permanecido un mínimo de 6 meses na súa categoría profesional.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe tomar parte nestas probas selectivas deberá solicitalo ó rector da Universidade de Santiago de Compostela en instancia segundo o modelo que figura como anexo IV a esta convocatoria, no prazo de vinte días naturais contados a partir do seguinte día ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Os/as aspirantes deberán facer constar na súa solicitude o sistema polo que se inscriben, libre ou de promoción interna, segundo corresponda.

3.2. A instancia irá acompañada de fotocopia do DNI.

3.3. Os documentos xustificativos dos méritos que se van a valorar na fase de concurso serán achegados no prazo improrrogable de 10 días contados a partir do seguinte ó da publicación das cualificacións do derradeiro exercicio da fase específica, polos aspirantes que o superaran, da seguinte forma:

3.3.1. Certificación acreditativa dos servicios prestados, expedida pola unidade de persoal da Universidade Pública de Galicia onde prestaron os ditos servicios referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.3.2. Fotocopia dos diplomas dos cursos de formación e cualificación profesional.

3.3.3. A experiencia profesional acreditarase mediante certificación da correspondente xerencia ou unidade de persoal da Administración onde se prestasen os servicios.

3.3.4. A certificación acreditativa dos extremos indicados na base 3.3.1. 3.3.2. (certificaranse os cursos que consten no expediente) e 3.3.3. expedirase de oficio para os aspirantes que presten ou prestasen servicios na Universidade de Santiago de Compostela e engadirase á solicitude do aspirante.

3.3.5. En calquera momento a universidade poderá requirir dos/as candidatos/as os orixinais ou copias debidamente compulsadas dos documentos que se corresponden coas simples presentadas.

3.4. A presentación de solicitudes e da documentación indicada nos parágrafos anteriores farase nos rexistros xerais da universidade situados no Rectorado da Universidade de Santiago de Compostela (Colexio de San Xerome. Praza do Obradoiro, s/n) na Vicexerencia de Lugo (servicios administrativos, edificio da Biblioteca Intercentros, Avda. Bernardino Pardo Ouro, s/n. Lugo), ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.5. Os dereitos de exame serán de 4.000 pesetas, que se ingresarán na conta de Caixa Galicia Oposicións número: 2091-0388-90-3110000646. Para realiza-lo ingreso deberá utilizarse por triplicado o modelo de solicitude que figura como anexo IV.

En ningún caso a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

3.5.1. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ós/ás aspirantes que sexan excluídos definitivamente destas probas selectivas e para tal efecto o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer consta-los datos bancarios que para tal efecto figuran na solicitude. De non figuraren estos datos, entenderase que renuncia á devolución dos dereitos de exame.

3.6. Os aspirantes con minusvalidez deberán indicalo na súa instancia e solicita-las posibles adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios nos que a adaptación sexa necesaria.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de admisión de solicitudes, o rector da Universidade de Santiago de Compostela dictará resolución, no prazo dun mes, pola que se aproba a lista provisional de admitidos e excluídos, na que consten as causas da exclusión e o prazo para reparalas. Esta resolución publicarase no taboleiro de anuncios do Rectorado.

Para repara-los defectos que motivaran a exclusión ou omisión das devanditas relacións, os aspirantes disporán dun prazo de dez días contados a partir do seguinte o da publicación da resolución. Os aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non reparasen a exclusión ou omisión, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

A resolución que aprobe a lista definitiva de admitidos e excluídos esgotará a vía administrativa.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura como anexo III a esta convocatoria e terá a categoría primeira das recollidas no Real decreto 236/1988, do 4 de marzo (BOE do 19 de marzo), modificado pola Resolución do 22 de marzo de 1993 da Subsecretaría de Economía e Facenda e para as administracións públicas, pola que se revisan os importes das indemnizacións establecidas (BOE de 26-3-1993), e no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño), modificado polo Decreto 21/1994, do 4 de febreiro (DOG do 14 de febreiro).

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir notificándollo ó rector da universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se encontrar incursos nas circunstancias previstas nos devanditos artigos.

Así mesmo, os/as aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias antes citadas.

5.3. A partir da súa constitución o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

5.4. Dentro da fase de oposición o tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.5. O tribunal poderá dispo-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes dos exercicios que estime pertinentes, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación destes asesores deberá comunicárselle ó rector da universidade. O nomeamento dos asesores farase público, e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación igual que os membros do tribunal.

5.6. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os aspirantes con minusvalidez gocen de similares condicións para a realización dos exercicios có resto dos participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con minusvalidez que o soliciten na forma prevista na base 3.6 as adaptacións posibles en tempo e medios para a súa realización.

5.7. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes. O tribunal excluirá aqueles opositores que consignen o seu nome nas follas de exame, trazos, marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.8. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes que o das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

5.9. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no rectorado da Universidade de Santiago de Compostela.

5.10. O tribunal, de conformidade co previsto no artigo 22.2º do convenio colectivo, poderá preve-la constitución de listas de espera, segundo a orde de puntuación acadada nas probas, cos aspirantes que non as superaron, coa finalidade de atender, mediante contratacións temporais as vacantes e necesidades que poidan producirse ata a realización da próxima convocatoria.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra B, de conformidade co establecido na Resolución do 24 de marzo de 1998 da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

6.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal para que acrediten a súa identidade.

6.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun só chamamento, sendo excluídos das probas aqueles que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente apreciados polo tribunal.

6.4. O día, hora e lugar de realización do primeiro exercicio faranse públicos na resolución que aprobe a relación definitiva de aspirantes admitidos e excluídos.

6.5. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración dos demais exercicios efectuarase nos locais onde se fixera o primeiro deles así como no rectorado da universidade, ou por calquera outro medio que se coide conveniente para asegura-la súa máxima divulgación, cunha antelación de polo menos vintecatro horas á sinalada para a súa iniciación.

6.6 En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos/as aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo da audiencia ó interesado, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da Universidade de Santiago de Compostela, comunicándolle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo/a aspirante na súa solicitude para os efectos procedentes.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública a relación dos aspirantes seleccionados en cada un deles, con indicación da puntuación obtida.

7.2. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso farase pública unha vez celebrado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

7.3. A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición maila obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida no anexo I. En caso de empate, daráselle preferencia á maior puntuación obtida na fase de oposición. De persisti-lo empate dirimirase a prol do candidato que obtivese a maior puntuación na fase de coñecementos específicos. O tribunal fará pública, para cada sistema de acceso, a lista dos aspirantes que, segundo a orde da puntuación total acadada por cada un deles, fosen seleccionados, e que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas. A devandita relación, que será elevada polo tribunal ó rector da universidade xunto coa proposta de contratación a favor dos aspirantes que figuren nela, será publicada no taboleiro de anuncios do rectorado.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte a aquel no que se fixesen públicas as relacións definitivas de aprobados no rectorado da universidade, os/as aspirantes que figuren nelas deberán presentar no Servicio de PAS (Casa da Balconada, Rúa Nova, 6 de Santiago de Compostela) a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI ou pasaporte.

b) Fotocopia compulsada do título esixido.

c) Declaración xurada de non ter sido separado mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública e de non acharse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas, nin realizar actividade ou actividades suxeitas a incompatibilidades.

Os nacionais doutros estados membros da Unión Europea deberán acreditar igualmente non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu estado, o acceso á función pública.

d) Certificado médico acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que o imposibilite para o servicio.

8.2. Os que tivesen a condición de persoal laboral fixo de calquera universidade pública de Galicia, estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para acceder o seu anterior posto, debendo presentar certificación da universidade correspondente para acreditar tal condición, de non te-la presentado con anterioridade.

8.3. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presenta-los documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións esixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.4. Quen dentro do prazo fixado e salvo o caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeado como persoal laboral fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Disposición derradeira.

A presente convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos se deriven desta e das actuacións do tribunal poderán ser impugnados nos casos e nas formas establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 1999.

Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación das prazas: traductor. Grupo I.

Procedemento de selección.

O procedemento de selección será o de concurso-oposición.

1. O concurso-oposición constará das fases que a continuación se indican:

1.1. Primeira fase, de carácter eliminatorio (para sistemas de promoción interna e acceso libre).

Constará dunha proba consistente na traducción do castelán ó inglés dun texto proposto polo tribunal

relacionado coa área de bioloxía ou química do programa específico, que elixirán os aspirantes.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de catro horas.

A puntuación desta primeira fase será de 0 a 60 puntos. Para aprobar será necesario obter un mínimo de 30 puntos.

1.2. Segunda fase:

Quenda de promoción interna.

Proba de galego: terá carácter selectivo e non eliminatorio. Constará de dúas partes:

Primeira: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do castelán ó galego, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

Segunda: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será dunha hora.

A puntuación será de 0 a 10 puntos.

Quenda de acceso libre: terá carácter selectivo e non eliminatorio, constará de dúas partes:

Primeira: consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de preguntas tipo test, con 3 respostas alternativas das que só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes á segunda parte do programa.

A duración desta proba non será inferior a trinta minutos.

A puntuación será de 0 a 10 puntos.

Segunda: constará de dúas probas:

Primeira: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do castelán para o galego, elexido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

Segunda: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será dunha hora. A puntuación será de 0 a 10 puntos.

1.3. Terceira fase: concurso:

Quenda de promoción interna: máximo 30 puntos.

a) Antigüidade: máximo 8 puntos a razón de 0,055 puntos por mes traballado.

b) Experiencia: máximo 13 puntos. Valorarase a razón de 0,18 puntos mes na mesma categoría en universidades públicas.

c) Cursos de formación e perfeccionamento, dispensados por centros ou organismos oficiais e que estén directamente relacionados co contido da praza. Máximo 5 puntos, que se puntuarán do seguinte xeito:

Cursos de formación recibidos:

Cursos de aptitude: 0,02 puntos/hora de duración do curso.

Cursos de asistencia: 0,01 puntos/hora de duración do curso.

Curso de iniciación da lingua galega: 0,01 puntos/hora.

Curso de perfeccionamento lingua galega: 0,02 puntos/hora.

No caso de te-los cursos de iniciación e perfeccionamento de galego, só puntuará o de perfeccionamento.

Cursos de formación impartidos: 0,03 puntos/hora de duración do curso.

Nos cursos nos que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

Entrevista: valorarase ata un máximo de 4 puntos.

Quenda de acceso libre: máximo 15 puntos.

Valoraranse os seguintes conceptos:

a) Experiencia: máximo 8 puntos.

Na mesma categoría en universidades públicas: 0,11 puntos por mes traballado.

Na mesma categoría noutras administracións públicas: 0,055 puntos por mes traballado.

Outras categorías nas universidades públicas: 0,055 puntos por mes traballado.

b) Cursos: valoraranse igual que promoción interna ata un máximo de 4 puntos.

c) Entrevista: valorarase ata un máximo de 3 puntos.

ANEXO II

Denominación das prazas: traductor. Grupo I.

Programa.

I. Fase: coñecementos específicos.

Área de bioloxía, etc.

1. Conceptos básicos de probabilidade e estatística.

Precisión e exactitude. Estimación de parámetros. Tipos de erro. Docimasia de hipótese. Probas de uso frecuente nas ciencias biomédicas. Análise de varianza. Análise de regresión univariante e multivariante. Outras análises multivariantes.

2. Conceptos básicos de química.

Estructura atómica. Interaccións interatómicas e intermoleculares. pH. oxidación e reducción. Unidades de medida (SI).

3. Conceptos básicos de bioloxía molecular.

Xenética molecular. Bioloxía celular. Inmunoloxía. Técnicas de separación (electroforéses, inmunotransferencia, cromatografía). Xeneración de anticuerpos monocloniles. Protocolos básicos de inmunocitoquímica. Inmunoensaios.

4. Conceptos básicos de medicina.

Sistemas xerais do corpo. Técnicas de imaxe. ECG. EEG. Avaliación de criterios diagnósticos (sensibilidade, especificidade, etc.).

5. Conceptos básicos de bioloxía xeral, ecoloxía e sistemática.

Anatomía. Microscopía. Histoloxía. Evolución. Xenética de poboacións. Taxonomía e bioloxía descritiva. Fitosocioloxía. Bioloxía reproductiva animal e vexetal. Microbioloxía. Bioindicadores.

6. Conceptos básicos de psicoloxía.

Neuroanatomía básica. Escalas psicolóxicas.

Área de química, etc.

1. Conceptos básicos de química.

Estructura atómica. Interaccións interatómicas e intermoleculares. Nomenclatura química. Espectroscopía infravermellos. Espectroscopía Vis-UV. Resonancia magnética nuclear. Espectroscopía de masas. Cromatografía, incluídas GC e HPLC. Cristalografía. Termodinámica química. Mecanismos de reacción. Cinética de reaccións. Transferencia de materia. Síntese.

2. Conceptos básicos de probabilidade e estatística.

Precisión e exactitude. Estimación de parámetros. Tipos de erro. Docimasia de hipótese. Probas de uso frecuente nas ciencias biomédicas. Análise de varianza. Análise de regresión univariante e multivariante. Outras análises multivariantes.

3. Conceptos básicos de farmacoloxía e tecnoloxía farmacéutica.

Avaliación de fármacos in vivo, ex vivo e in vitro. Receptores. Vías de administración e eliminación de fármacos. Elaboración de productos farmacéuticos. Avaliación das propiedades tecnolóxicas e biodisponibilidade dos productos farmacéuticos. Técnicas de avaliación de sólidos pulverulentos.

4. Conceptos básicos de edafoloxía.

Balance hídrico. Caracterización fisicoquímica. Datos climáticos. Horizontes. Taxonomía. Procesos. Os ciclos de nutrientes. Mineraloxía. Xeoloxía.

II. Fase: coñecementos non específicos.

1. A Constitución de 1978: estructura e contido.

2. O acto administrativo: concepto, clases e elementos. Requisitos e eficacia dos actos administrativos. Motivación e notificación, nulidade e anulabilidade dos actos administrativos.

3. O procedemento administrativo común. Iniciación, ordenación, instrucción e terminación. A revisión dos actos en vía administrativa: revisión de oficio. O silencio administrativo.

4. Os recursos administrativos: recurso ordinario. Recurso de revisión.

5. Texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores: dereitos e deberes laborais básicos. Clasificación profesional e promoción no traballo. Mobi

lidade funcional e xeográfica. Dos dereitos de representación colectiva e de reunión dos traballadores na empresa. Da negociación dos convenios colectivos.

6. A Lei de reforma universitaria. As universidades: natureza xurídica.

7. A Universidade de Santiago de Compostela, Estatutos. Réxime económico e financeiro.

8. A Universidade de Santiago de Compostela. Estatutos. Órganos de goberno unipersoais e colexiados.

9. A Universidade de Santiago de Compostela. Estatutos. Clases e réxime xurídico do PAS.

10. III convenio colectivo do persoal laboral das universidades públicas de Galicia.

ANEXO III

Denominación das prazas: traductor. Grupo I.

Tribunal cualificador.

Titulares.

Presidente: José Ramón Leis Fidalgo, vicerrector de Investigación e do Terceiro Ciclo.

Vocais:

Representantes da universidade:

Ian-Charles Coleman, grupo I do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

Javier Ángel Guitián Rivera, catedrático do departamento de Bioloxía Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela.

Representantes do Comité de Empresa:

Isabel Vaquero Quintela, grupo II do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago.

Ezequiel Vázquez Fernández, grupo III do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

Secretaria: Dulce Mª García Mella, funcionaria da Escala Técnica de Xestión da Universidade de Santiago de Compostela.

Suplentes:

Presiente: Luis Iglesias Rábade, director do depatarmento de Filoloxía Inglesa da Universidade de Santiago de Compostela.

Vocais:

Representantes da Universidade:

Francisco Javier Amigo Vázquez, profesor titular do departamento de Bioloxía Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela.

Franco Fernández González, catedrático do departamento de Química Orgánica da Universidade de Santiago de Compostela.

Representantes do comité de empresa:

José Tadeo Barcala González, grupo IV do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

Mª Isabel García del Río, grupo IV do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

Secretaria: Mª Jesús Montero Pérez, funcionaria da Escala Administrativa da Universidade de Santiago de Compostela.