Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 05 de febreiro de 1999 Páx. 1.310

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 1998, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector do comercio de mobles.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector do comercio de mobles, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 23-12-1998, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Comercio de Muebles, e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG, o 10-12-1998. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 30 de decembro de 1998.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para o sector de comercio de mobles de Pontevedra

Artigo 1º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio as centrais sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisións Obreiras (CC.OO.) e a Unión Xeral de Traballadores (UGT), en representación dos traballadores e a Asociación Provincial de Empresarios do Comercio de Mobles, en representación dos empresarios do sector.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O presente convenio afectará a tódalas empresas relacionadas coa actividade do comercio de mobles da provincia de Pontevedra.

Artigo 3º.-Ámbito funcional.

O presente convenio regulará as relacións laborais de tódalas empresas e traballadores encadrados no sector de venda de mobles da provincia de Pontevedra.

Artigo 4º.-Ámbito persoal.

O convenio afectará á totalidade do persoal técnico, administrativo, subalterno e obreiro do comercio de mobles.

Artigo 5º.-Efectos económicos.

O presente convenio entrará en vigor ós 20 días da súa sinatura, sen prexuízo da súa publicación no BOP, se ben os seus efectos económicos se retrotraerán ó 1 de xaneiro de 1998.

Artigo 6º.-Duración.

A duración deste convenio será de dous anos, contado a partir do 1 de xaneiro de 1998, finalizando os seus efectos o 31 de decembro de 1999.

Artigo 7º.-Rescisión e revisión.

O convenio poderá rescindirse mediante o aviso previo formulado en tempo e forma, de acordo coa lexislación vixente, cunha antelación dun mes á data de terminación da súa vixencia.

Artigo 8º.-Absorción.

Os aumentos concedidos polo presente convenio absorberán os que por imperativo legal, se impuxeran posteriormente, durante a súa vixencia.

Artigo 9º.-Salarios.

Para o primeiro ano de vixencia do convenio (1-1-1998 ó 31-12-1998) o persoal afectado polo convenio percibirá, con efectos do 1-1-1998, as retri

bucións consignadas na táboa anexa ó convenio, incrementadas, se é o caso, co plus de antigüidade.

Para o segundo ano do convenio (1-1-1999 ó 31-12-1999), incrementarase a táboa salarial anexa ó convenio, vixente o 31-12-1998, no 2,3%, sen prexuízo do establecido na cláusula de revisión salarial.

Artigo 10º.-Revisión salarial.

No caso de que o IPC rexistrase o 31 de decembro de 1998 un incremento respecto ó 31 de decembro de 1997, superior ó 2,8%, o dito exceso servirá de base para a elaboración da táboa salarial do ano 1999.

Para iso, no momento de elabora-la táboa salarial para o ano 1999, procederase a cuantifica-lo dito exceso, calculado sobre os salarios utilizados para realiza-los aumentos pactados para 1998. A cuantificación do dito exceso engadiráselles ós salarios vixentes o 31 de decembro de 1998 e sobre a cantidade resultante calcularanse os incrementos salariais para 1999.

Así mesmo, no caso de que o IPC rexistrase o 31 de decembro de 1999, un incremento respecto do 31 de decembro de 1998 superior ó 2,3% , o dito exceso servirá de base para a negociación do ano 2000.

Para iso, no momento da negociación do convenio colectivo do ano 2000, procederase a cuantifica-lo dito exceso, calculado sobre os salarios utilizados para realiza-los aumentos pactados para 1999. A cuantificación do dito exceso engadiráselles ós salarios vixentes o 31 de decembro de 1999 e sobre a cantidade resultante, calcularanse os incrementos salariais para o ano 2000.

Artigo 11º.-Antigüidade.

Os aumentos periódicos por ano de servicio consistirán en cuadrienios na contía do 5% do salario base correspondente á categoría na que está clasificado.

Artigo 12º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio percibirá anualmente tres gratificacións extraordinarias, polo importe dunha mensualidade cada unha, nos meses de marzo (paga de beneficios), xullo e decembro, que se aboarán de acordo co salario do convenio máis antigüidade, se é o caso.

Artigo 13º.-Xornada laboral.

A xornada laboral semanal será de 40 horas de traballo efectivo, en xornada diaria continuada ou partida. Cando por razóns obxectivas sexa necesario, as partes negociarán outros sistemas de cómputo e control, respectándose, en todo caso, o tempo máximo semanal mencionado.

O horario de traballo fixarase en cada empresa, tendo en conta que a prestación de servicios se realizará de luns a sábado pola mañá.

Artigo 14º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio terá dereito a 30 días naturais de vacacións anuais, que se desfrutarán, preferentemente entre os meses de xuño e setembro, ambos inclusive.

Para a elección de quenda por parte dos traballadores, seguirase en cada centro de traballo unha orde rotativa de preferencia, de tal forma que, quen tivo preferencia na elección de quenda o pasado ano, pasa a se-lo último á hora de elixir quenda no presente. Acórdase un aviso previo mínimo de 60 días, para o establecemento da correspondente quenda de vacacións.

Artigo 15º.-Plus de transporte.

Todo o persoal das empresas afectadas por este convenio percibirá un plus de transporte, por día efectivo de traballo (incluído o sábado) de 401 ptas. no primeiro ano de vixencia do convenio (1-1-1998 ó 31-12-1998), e de 410 ptas. no segundo ano (1-1-1998 ó 31-12-1999); será considerado como un concepto extrasalarial para tódolos efectos.

Artigo 16º.-Gratificación especial ós escaparatistas.

O persoal non contratado como escaparatista que, non obstante, realice con carácter normal a función de ornamentación de escaparates nos establecementos, terá dereito, no concepto de gratificación especial, a un plus do 10% do seu salario base.

Artigo 17º.-Condicións máis beneficiosas.

Tendo a consideración de bases mínimas as establecidas neste convenio, serán respectadas as condicións máis beneficiosas que as empresas afectadas polo mesmo tiveran xa concedidas ó seu respectivo persoal.

Artigo 18º.-Roupa de traballo.

As empresas facilitaranlle ó seu persoal dúas vestimentas ó ano, en concepto de uniforme ou útiles de traballo, ou o seu equivalente en metálico, se é o caso.

Artigo 19º.-Licencias.

Os traballadores terán dereito a unha licencia retribuída de ata un máximo de catro días naturais ó ano, por necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admitan demora, téndose en conta para iso os desprazamentos que o traballador teña que facer e as demais circunstancias que no caso concorran.

Esta licencia, demostrada a súa indubidable necesidade, concederase no acto, sen prexuízo, das sancións que poidan imporse ó traballador que alegue causas que resulten falsas, de acordo co establecido ó respecto na actual ordenanza laboral de comercio.

Igualmente, nos casos de morte ou enterramento do cónxuxe, ascendentes, descendentes ou irmáns, así como enfermidade grave de cónxuxe, pais e fillos e parto de esposa, os traballadores terán dereito a

unha licencia retribuída de ata cinco días naturais, téndose en conta para iso os desprazamentos que o traballador teña que realizar e as demais circunstancias que no caso concorran.

Así mesmo, o traballador terá dereito a unha licencia retribuída dun día sen necesidade de ser xustificada. A dita licencia non poderá ser acumulable a períodos vacacionais e deberá ser solicitada cunha antelación de 10 días, polo menos.

Esta última licencia desaparecerá automaticamente do convenio, no suposto de que se produza con carácter xeral e a nivel nacional unha reducción da xornada.

Artigo 20º.-Días 24 e 31 de decembro.

Os traballadores afectados por este convenio desfrutarán de descanso as tardes dos días 24 e 31 de decembro. As citadas tardes consideraranse aboables e non recuperables.

Estas licencias desaparecen automaticamente do convenio, no suposto de que se produza, con carácter xeral e a nivel nacional unha reducción da xornada.

Artigo 21º.-Saídas de viaxe e axudas de custo.

O persoal ó qu ese lle confire algunha comisión de servicios fóra da súa residencia habitual de traballo, terá dereito a que se lle aboen os gastos que tivera efectuado, logo da presentación dos xustificantes correspondentes.

En compensación daqueles gastos que teñan unha xustificación que non resulte posible, o persoal terá dereito ademais, a unha axuda de custo diaria nas seguintes contías:

En desprazamentos por media xornada:

Ano 1998: 307 ptas.

Ano 1999: 314 ptas.

En desprazamentos por xornada completa:

Ano 1998: 483 ptas.

Ano 1999: 494 ptas.

Artigo 22º.-Desconto en compras.

O desconto mínimo nas compras que realice o persoal nas súas respectivas empresas será do 15% sobre o prezo venda ó público, agás nos artigos de oferta ou rebaixa, respectándose as situacións máis favorables que se veñan dando.

Artigo 23º.-Comisión paritaria.

De acordo co establecido no artigo 85 do Estatuto dos traballadores, créase unha comisión paritaria integrada por un presidente, un secretario e dous vocais pola representación dos empresarios e outros dous pola representación dos traballadores, coa asesoría correspondente.

Esta comisión constituirase no prazo dos 15 días seguintes á aprobación do convenio.

Táboa salarial anexa do convenio colectivo de traballo provincial para o sector do comercio de mobles de Pontevedra

Vixencia do 1 de xaneiro de 1998 ó 31 de decembro de 1999.

CategoríasSalario mensual

Grupo I
Encargado86.227
Viaxante85.377
Dependente85.800
Axudante de dependente84.951
Traballadores en formación (por 30 horas semanais de traballo efectivo)52.353

Grupo II
Oficial administrativo85.800
Auxiliar administrativo84.858
Aspirante84.951
Auxiliar de caixa85.377

Grupo III
Delineante85.800
Profesional de oficio de 1ª85.800
Profesional de oficio de 2ª85.377
Mozo especializado85.034
Mozo84.951

Os choferes percibirán o salario correspondente ás categorías de profesional de oficio de 1ª ou 2ª, de acordo co seu carné de conducir.

Vigo, 10 de decembro de 1998.