Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 04 de febreiro de 1999 Páx. 1.291

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 1997, da Dirección Xeral de Industria, pola que se lle autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Maderas Raña, S.L., no concello de Ordes (A Coruña), e se inclúe no réxime especial creado polo Real Decreto 2366/1994. (Expediente 97/44).

Visto o escrito presentado pola empresa Maderas Raña, S.L., con enderezo para efectos de notificacións na r/ A Coruña, 23, Ordes, A Coruña, esta dirección xeral tendo en conta os seguintes feitos:

Primeiro.-O día 22 de xaneiro de 1997, a referida empresa, titular dunha planta de tratamento de madeiras, solicitou a autorización administrativa e o recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica creado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, para a planta de coxeración que ten previsto instalar na súa planta do concello de Ordes (A Coruña). Xunta á dita solicitude o preceptivo anteproxecto das instalacións, o estudio dos rendementos enerxéticos acadables e de aforro de enerxía que se conseguirá coa posta en servicio das instalacións proxectadas e o resto da documentación á que fai referencia o artigo 5.4º do citado R.D. 2366/1994.

As características técnicas básicas da planta de coxeración serán as seguintes:

-Un motor de 1.005 KW utilizando como combustible gasóleo.

-Un xerador de 965 kVA, tensión de xeración 6 kV.

-Centro de transformación de 20/6 kV, con potencia de 1.300 kVA e transformador para servicios auxiliares de 20/0,38 con potencia de 100 kVA.

-Instalacións complementarias de aproveitamento de calor, de baixa tensión, regulación, control e interconexión coa liña eléctrica da compañía distribuidora.

Segundo.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña dictou Resolución, do 19 de febreiro de 1997, pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia, que se publicou no DOG do 5-6-1997 e no BOP da Coruña do 29-3-1997, sen que se presentase no período legalmente establecido para iso ningunha alegación.

Terceiro.-A solicitude obxecto deste expediente recibiu informe favorable da Delegación Provincial da A Coruña.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982,

do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e no Decreto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polos decretos 140/1991, do 2 de maio, e 292/1995, do 3 de novembro, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e o Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro.

Segundo.-A planta de coxeración proxectada supera os rendementos enerxéticos mínimos que para o tipo de combustible se establecen no anexo do citado R.D. 2366/1994.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizarlle a instalación dunha planta de coxeración á empresa Maderas Raña, S.L., que se vai situar nas instalacións da factoría que a dita empresa ten en Ordes (A Coruña).

2. Recoñecerlle á planta de coxeración autorizada a condición de instalación acollida ó réxime especial do R.D. 2366/1994 e incluíla no grupo d) do artigo 2 do dito real decreto.

Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial á dita instalación, a citada empresa deberá inscribir aquela no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 11 do R.D. 2366/1994, e presenta-la documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemento da citada orde.

O promotor presentará ante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, no prazo dun ano contado a partir da data de publicación no DOG da presente resolución, o proxecto de execución da planta de coxeración autorizada, o cal conterá os datos e condicións técnicas para a realización das instalacións de conexión da central á rede, que serán facilitados pola empresa que distribúa enerxía eléctrica na zona, así como o punto de interconexión.

Así mesmo, a instalación interconectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso ordinario perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día da súa notificación ou publicación.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 1997.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria