Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 04 de febreiro de 1999 Páx. 1.274

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 21 de xaneiro de 1999 pola que se convocan seis cursos de perfeccionamento de xefes de negociado da Xunta de Galicia.

En execución do plan de formación da EGAP para o ano 1999, anúnciase a convocatoria de seis cursos de perfeccionamento de xefes de negociado da Xunta de Galicia, que se desenvolverán conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Contribuír a unha maior capacitación dos funcionarios da Xunta de Galicia que estean ocupando ou poidan ocupar xefaturas de negociado na Administración autonómica, co fin de optimiza-las súas aptitudes e actitudes profesionais para a mellora da xestión e da prestación dos servicios públicos.

Segunda.-Destinatarios.

Van dirixidos a funcionarios de carreira da Xunta de Galicia dos grupos B, C e D, que estean ocupando actualmente ou poidan ocupar xefaturas de negociado. Terán preferencia os que as ocupen con carácter definitivo, circunstancia que deberá ser certificada segundo modelo oficial contido no anexo II da presente resolución polo responsable do servicio de persoal do que depende o solicitante.

No caso de que nalgún dos cursos proxectados non se cubra o número de prazas previsto, poderán ser seleccionados aqueles funcionarios que, por pertencer ós grupos funcionariais mencionados, poidan no seu día desempeñar xefaturas de negociado na Xunta de Galicia.

Só poderá presentarse unha instancia e para unha única localidade, tendo preferencia, na selección efectuada para cada unha das previstas na convocatoria, aqueles funcionarios que desempeñen o seu posto de traballo na localidade elixida.

Absteranse de solicita-lo curso os participantes en edicións anteriores.

A selección efectuarase tendo en conta os méritos e a súa valoración ata un máximo de 3,75 puntos, da forma que a continuación se indica.

a) Experiencia en postos de xefe de negociado: 0,50 puntos por ano completo. A puntuación máxima polo concepto de experiencia será de 2 puntos. A experiencia deberá ser certificada polos servicios de persoal, segundo modelo anexo II.

Non se poderá computar máis de dous anos de ocupación de postos con carácter non definitivo.

b) Formación: por cursos relacionados directamente co contido temático do curso: por cursos de 15 a 40 horas: 0,15 puntos; por cursos de máis de 40 horas: 0,25 puntos. A puntuación máxima será de 1 punto.

c) Idiomas: coñecemento do galego: pola posesión do certificado de aptitude ou validación de iniciación: 0,25 puntos; polo certificado de aptitude ou validación de perfeccionamento: 0,75 puntos. A puntuación máxima será de 0,75 puntos.

A EGAP publicará a lista dos participantes coas puntuacións alcanzadas nos taboleiros de anuncios da escola, do Centro de Información Administrativa e Atención ó Cidadán e, se é o caso, das delegacións

provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

No caso de igualdade de puntos terán preferencia os funcionarios cunha antigüidade acreditada maior na Administración pública. A dita antigüidade deberá ser certificada segundo modelo oficial contido no anexo II da presente resolución polo responsable do servicio de persoal do que depende o solicitante.

Tódolos méritos alegados deberán acreditarse documentalmente.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Duración: 80 horas.

2. Lugares: Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

3. Datas: marzo a maio de 1999.

4. Horarios: con carácter xeral, xoves e venres, en horario de mañá e tarde.

5. Prazas: 30 por curso.

Cuarta.-Contido básico.

Linguaxe administrativa galega. Obxectivos e liñas estratéxicas da Xunta de Galicia. Funcións e roles dos mandos intermedios. Procedemento administrativo. Aplicacións da informática na Administración pública.

Quinta.-Probas e certificados.

Valorarase a participación dos alumnos durante o curso. A EGAP fixará as probas que coide pertinentes para avalia-los coñecementos adquiridos polos alumnos entre as que, en todo caso, se incluirá a realización dun traballo. Ós asistentes que superen as avaliacións outorgaráselles unha certificación de aproveitamento coa cualificación de apto.

Sexta.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade a tódalas actividades (clases ordinarias, conferencias, etc.) que se organicen dentro do curso. A ausencia xustificada poderá ser valorada e recoñecida pola organización do curso. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Sétima.-Solicitudes e prazo de presentación.

As solicitudes de admisión ó curso axustaranse ó modelo recollido como anexo I desta resolución e dirixiranse á Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela. As instancias serán presentadas, xunto coa documentación xustificativa dos méritos alegados, no rexistro da EGAP, podéndose utilizar, así mesmo, os sistemas previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Oitava.-Modificacións.

O desenvolvemento e mailo contido do curso poderán ser modificados pola EGAP para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

No suposto de que o número de instancias recibidas sexa inferior ó 50% das prazas convocadas, a EGAP resérvase o dereito a suspende-la realización do curso, utilizando os medios de notificación ós interesados previstos na normativa vixente.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 1999.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

ANEXO I

NOTA: úsese o publicado na páxina 1.272.

ANEXO II

NOTA: úsese o publicado na páxina 1.273.