Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 02 de febreiro de 1999 Páx. 1.204

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

ANUNCIO de información pública.

A Comisión de Goberno do Concello, en sesión que tivo lugar o día 11 de xaneiro deste ano, aprobou inicialmente o Plan parcial de ordenación de solo urbanizable non programado número 34 (SUNP-34) en Boisaca, formulado polos servicios técnicos municipais coa colaboración da Sociedade Estatal de Promoción e Equipamento do Solo (SEPES).

En cumprimento do que dispón o artigo 42 da Lei 1/1997, do solo de Galicia, o expediente sométese a información pública durante o prazo dun mes, contado desde a publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia. Durante este prazo os interesados poderán consulta-lo expediente nas oficinas de Planeamento e Xestión, sitas no Pazo de Raxoi, e formular por escrito as alegacións que xulguen oportunas.

O plan parcial executarase polo sistema de expropiación, para o cal se continuará o procedemento expropiatorio iniciado por acordo do Pleno do Concello con data do 31 de xaneiro de 1997.

A aprobación definitiva do plan parcial implicará, así mesmo, a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación, para efectos expropiatorios, dunha parcela, exterior ó ámbito do SUNP-34, situada entre as parcelas, xa edificadas, números 1 e 49 do polígono industrial do Tambre, que dan fronte á vía de Pasteur.

A aprobación inicial do citado plan parcial determina automaticamente, por aplicación do disposto no artigo 34.2º da Lei do solo de Galicia, a suspensión do outorgamento de licencias no ámbito obxecto de ordenación.

O ámbito obxecto de ordenación sitúase en continuidade co actual polígono industrial do Tambre e lindante con terreos do cemiterio de Boisaca.

Contra o acto de suspensión de licencias os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación deste anuncio.

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 1999.

O alcalde

Rubricado