Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 02 de febreiro de 1999 Páx. 1.190

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 1999 pola que se convoca un curso de capacitación para mandos de policía local.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1999, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso de capacitación para mandos de policía local, segundo o previsto no artigo 23 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos dota-los mandos da policía local nas distintas categorías dos coñece

mentos necesarios para o mellor desempeño do seu labor profesional.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós mandos de policía local que accederon ás distintas categorías tanto por oposición libre como por promoción interna, dos distintos concellos de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta, debéndose comunicar esta antes do 19 de febreiro de 1999 para efectua-la correspondente reserva de praza.

Prazas.

Sen límite.

Solicitudes.

1. Os concellos que se atopen nesta situación deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade, solicitando a participación no curso, no que figure a lista de persoas que superaron as correspondentes probas de oposición ou a fase de concurso e os datos das persoas incluídas na lista referidos ás probas de oposición ou fase de concurso para efectua-la correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 19 de febreiro de 1999.

3. Os escritos deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade: Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada.

Contido e duración.

O curso desenvolverase en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes módulos:

-Misión e funcións policiais.

-Policía e sociedade galega.

-Policía de protección e seguridade.

-Policía de tráfico e transporte.

-Policía xudicial e de investigación.

-Policía administrativa.

-Área de reforzo.

O curso terá unha duración de tres meses de formación teórica.

Datas.

O curso principiará o vindeiro día 1 de marzo de 1999.

O horario será de 9.30 a 20 horas.

Desenvolvemento do curso.

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade durante o seu período de permanencia na academia, rexeranse polo Regulamento de réxime interior desta, publicado no DOG do 28-7-1995, nº 144.

Certificado.

Para obte-lo correspondente diploma será requisito indispensable superar tódalas materias que figuren no programa.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 1999.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade