Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 02 de febreiro de 1999 Páx. 1.177

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de xaneiro de 1999 pola que se convocan axudas para a realización de escolas viaxeiras durante o ano 1999.

As escolas viaxeiras cumpren unha función importante ó facilitarlles ós alumnos a posibilidade de realizaren múltiples actividades de tipo formativo-cultural fóra do medio propiamente escolar, xa que sitúan o neno nun medio diferente ó seu, que lle vai propiciar unha maior convivencia e cooperación co profesor e outros compañeiros, ampliando os seus coñecementos e a súa comprensión integral, ó coñecer diferentes lugares, xentes, terras, costumes, historias e recursos.

Con base no acordo subscrito pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Educación e Cultura e co fin de permitirlles ós alumnos galegos de educación primaria o contacto directo con outras zonas e culturas de España, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.

1. Convocar 540 axudas (36 grupos) destinadas a alumnos que no momento de formula-la solicitude estean

cursando 4º, 5º e 6º de educación primaria da Comunidade Autónoma de Galicia, para participaren na actividade das escolas viaxeiras.

2. As escolas viaxeiras levaranse a cabo nas datas comprendidas entre o 13 de abril e o 31 de maio (primeira quenda) e entre o 5 de outubro e o 29 de novembro (segunda quenda) de 1999.

3. Os/as alumnos/as participantes integraranse en grupos de quince (15), os que acompañará un/unha profesor/a do seu centro.

Segundo.-Cada grupo de quince alumnos/as percorrerá, xunto con outros dous grupos similares doutras comunidades, unha das rutas relacionadas no anexo I, durante unha semana, iniciándose o seu percorrido o martes da semana que corresponda coa chegada dos alumnos á cabeceira da ruta, e finalizando o luns seguinte (preferentemento pola mañá).

Terceiro.-As axudas ás que se refire a presente orde comprenderán:

a) O transporte en ferrocarril desde a estación de tren máis próxima ó lugar de procedencia dos alumnos ata a cabeceira da ruta e viceversa, así como o correspondente transporte aéreo no caso dos que percorran as rutas de Canarias.

b) Os gastos de aloxamento e manutención nos centros de acollida.

c) Os gastos de transporte por estrada correspondentes ó percorrido de cada ruta.

d) A cobertura de riscos durante o período de duración das escolas viaxeiras.

Cuarto.-Os/as profesores/as acompañantes (un por cada grupo de 15 alumnos/as) que terán que ser necesariamente os titores ou, se é o caso, profesores/as dos que habitualmente imparten clase ó grupo de alumnos/as; disporán de transporte e aloxamento gratuítos en termos similares ós indicados para o alumnado, beneficiándose, igualmente, da cobertura de riscos durante o período de duración das escolas viaxeiras.

Os devanditos profesores acompañantes serán os responsables da elaboración do anteproxecto de actividades que se menciona no punto seguinte.

Así mesmo, e no caso de seren seleccionados, prepararán cos alumnos/as os itinerarios da ruta que van realizar, e serán orientados en función dos obxectivos específicos que cada grupo pretenda conseguir e de acordo cos materiais e orientacións que reciban desde a coordinación, para que os alumnos elaboren un breve caderno de ruta, que utilizarán durante o desenvolvemento da actividade.

Quinto.-Os/as directores/as dos centros onde haxa alumnos/as que desexen participar enviaranlle a solicitude, axustándose ó modelo establecido no anexo II da presente orde, á delegación provincial correspondente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Datos dos alumnos solicitante e autorización do pai, nai ou titor deles (anexo III).

b) Anteproxecto de actividades que se van realizar en relación coa programación do centro e cos obxectivos xerais que figuran no anexo IV.

c) Aprobación do Consello Escolar do centro, se se trata de centros públicos ou privados concertados, ou do órgano colexiado que o substitúa no caso dos centros privados non concertados. A aprobación deberá referirse tanto á realización da actividade como á relación de alumnos/as participantes.

Sexto.-O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 19 de febreiro de 1999.

Sétimo.-En cada provincia constituirase unha comisión de valoración das solicitudes presentadas que estará presidida polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en quen delegue e integrada, en calidade de vocais, por:

-Un inspector de educación (nivel de educación primaria).

-Dous directores de colexios de educación primaria, un do sector público e outro do sector privado.

-Dous pais ou representantes legais de alumnos, un do sector público e outro do sector privado.

-Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da delegación.

Todos eles serán designados polo delegado provincial.

Oitavo.-As comisións provinciais reuniranse no prazo de tres días, unha vez finalizado o período de presentación de solicitudes, procedendo a valoralas, tendo en conta as características socioeconómicas da zona onde está situado o centro docente, co fin de darlles preferencia ós alumnos con menores oportunidades de dispoñer doutras ofertas por razóns económicas, culturais ou ambientais e, en particular, ós procedentes de zonas rurais, arrabaldes ou suburbios.

Así mesmo, terase en conta se o centro participou nesta actividade en anos anteriores, co fin de posibilita-la participación dos centros que non o fixeron.

Cada comisión provincial elaborará unha relación de centros solicitantes, por orde de preferencia, en función dos criterios de valoración sinalados e, remitiralla, de inmediato, á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

Noveno.-A selección definitiva será realizada pola Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, a través dunha comisión constituída con tal fin e con base nas propostas das comisións provinciais, tendo en conta que os grupos de alumnos de 4º, soamente poderán participar na segunda quenda, os de 6º na primeira e os de 5º en ámbalas dúas quendas.

Décimo.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración co Ministerio de Educación e Cultura, efectuará o seguimento e avaliación global do programa de escolas viaxeiras; por iso, os centros participantes, a través do profesor/a acompañante coa colaboración do grupo de alumnos/as, enviaranlle á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, con posterioridade ó percorrido da ruta e nun prazo máximo de dous meses desde a súa finalización, unha memoria de avaliación da actividade, por exemplar duplicado, cunha extensión non superior a 15 folios, en formato DIN A-4.

Décimo primeiro.-A memoria de avaliación á que se refire o punto anterior constará das seguintes partes:

a) Recollerá os obxectivos da escola viaxeira, as características do grupo, as actividades programadas e os mecanismos e avaliación dos resultados.

b) Diario da viaxe no que se anotará de modo secuencial o desenvolvemento das actividades e a súa dedicación ós obxectivos propostos.

c) Avaliación dos resultados; reflectirá non só os coñecementos adquiridos polo grupo durante o desenvolvemento da escola viaxeira, senón tamén e fundamentalmente, as actitudes suscitadas nos alumnos polo contacto con outras culturas, a súa capacidade para participaren na vida das comunidades visitadas e o nivel de análise crítica e elaboración de alternativas ante os problemas locais, alcanzados polo colectivo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dictar tódalas disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

CATÁLOGO DE RUTAS

* Rura de Andalucía Occidental.

Resumo de contidos: Córdoba capital: mézquita, xudería, zoolóxico, xardín botánico, itinerario Urbano e museo Julio Romero. A nosa anfitriona: o norte da provincia, Cardeña e o parque natural. O sur de Córdoba: Montilla e a industria vinícola, a alfarería da Rambla e Lucena. Sevilla: catedral, Xiralda, Reais Alcázares, barrio Sta. Cruz, praza de España e parque de María Luisa. Málaga: Aula do mar e covas de Nerja.

Aloxamento: Residencia Escolar M. Careaga y C. de Mora, Dr. Fleming, 1; 14445-Cardeña (Córdoba). Telf. 957174120.

Número de grupos: segunda quenda: 1.

* Ruta de Andalucía Oriental.

Resumo de contidos: Almería: catedral, cidade, auditorio, porto e alcazaba. O cine: MiniHollywood. As estrelas e o universo: observatorio astronómico de Calar Alto. Granada: Alhambra e Xeneralife, palacio de Carlos V, catedral e Capela Real. Os alimentos: cultivos baixo plástico El Ejido e reciclaxe do plástico. A natureza: parque natural de cabo de Gata e minas de ouro de Rodalquilar, cañada da noras de Daza e paraxe natural de Punta Entinas-Sabinar. Un pobo almeriense: Níjar, o museo do mar, os teares e a olería.

Aloxamento: Residencia Escolar de EE.MM. de Almería. Estrada de Níjar, Km 7. Telf.: 950291440.

Número de grupos: primeira quenda: 1.

* Ruta de Gran Canaria.

Resumo de contidos: noroeste da illa: desalinizadora de auga de Gáldar. Cenobio de Valerón. Almacén de

plátanos. Destilería de ron. Arucas. Porto pesqueiro de Agaete. Caldeira volcánica de Bandama. Xardín Canario. Museo de Néstor de la Torre. Porto da Luz. Sur da illa: parque natural, dunas de Maspalomas. Praia do Inglés. Zona antiga da cidade das Palmas: Vegueta, catedral e museo de Colón. Cume da illa de Gran Canaria: o Roque Nublo.

Aloxamento: Residencia Escolar Las Palmas, estrada Lomo Blanco, 44, Telf.: 928350276. 35017-Tafira Alta (Las Palmas).

Número de grupos: primeira quenda: 1.

* Ruta de Cataluña.

Resumo de contidos: a Cataluña rural e industrial. Visita a unha fabrica téxtil. A industria de transformación agrícola: visita a unhas cavas. Visita ó val de Nuria e o seu contorno. As instalacións da Barcelona olímpica. A cidade e os seus monumentos: historia, arte, costumes, lugares singulares, etc. O Palau da Generalitat, a Sagrada Familia, o parque Güell, a Rambla, as murallas, o metro, o zoolóxico, os museos, o porto.

Aloxamento: Albergue Torre Ametller, Veïnat de Santa Elena d'Agell, Cabrera de Mar (Maresme). Barcelona. Telf.: 937590097.

Número de grupos: primeira quenda: 1; segunda quenda: 1.

* Ruta de Navarra.

Resumo de contidos: vales pirenaicos: Roncal e Baztán. Camiño de Santiago. Puente la Reina e Estella. Pamplona capital. Ribeira tudelana e Las Bardenas.

Aloxamento: Centro Puente: estrada Señorío de Sarriá s/n 31100 Puente la Reina (Navarra). Telf.: 989701836.

Número de grupos: primeira quenda: 1; segunda quenda: 1.

* Ruta da Comunidade Valenciana.

Resumo de contidos: Sagunto: castelo e teatro romano. Valencia: centro histórico. O Saler e a albufeira. Xátiva: conxunto histórico. Alxemesí: agrícola e industrial. Alacante turístico: Denia e Gandía. Valencia metrópole. O porto. Alboraya.

Aloxamento: Residencia Complejo Educativo de Cheste. Centro de Enseñanzas Integradas. Estrada de Madrid, s/n 46380-Cheste (Valencia) Telf.: 962512500.

Número de grupos: primeira quenda: 2; segunda quenda: 1.

* Rura de Aragón.

Resumo de contidos: o cinto industrial de Aragón. Comunidade Autónoma e a súa organización. Zaragoza monumental e artística. A cidade como centro de servicios e o seu contorno. O medio rural aragonés e as súas diferentes formas de vida: o val e o Pirineo, sequeiro e regadío. Cidade de Huesca e o seu contorno: orixe do antigo Reino de Aragón. Aínsa e Boltaña. Espacios naturais e ambientais: parque nacional de Ordesa e Monte Perdido. Parque natural da Dehesa del Moncayo. Mosteiro cisterciense de Veruela. Tarazona.

Aloxamento: Residencia Actividades de Alumnos. Venta del Olivar. Praza do Tomillar, s/n. 50011 Zaragoza. Telf.: 976341133.

Número de grupos: primeira quenda: 1; segunda quenda: 2.

* Ruta de Toledo.

Resumo de contidos: Toledo capital, institucións. O seu contorno: castelo de Guadamur. Os montes de Toledo. A Mancha: Consuegra, Villacañas, Miguel Esteban e O Toboso. Ruta cervantina: Illescas, Esquivias, Ocaña e Tembleque. Toledo artístico e monumental.

Aloxamento: Escola Fogar Mirasierra. Los Yébenes (Toledo). R/ Concepción, s/n. Telf.: 925320464.

Número de grupos: primeira quenda: 2; segunda quenda: 1.

* Ruta de Burgos.

Resumo de contidos: percorrido urbano I: ruínas do castelo de Burgos, industria, mosteiro de Las Huelgas. La Bureba: Briviesca, Frías, Oña e Poza de la Sal. Las Loras: Covanera-Pozo Azul, Orbaneja del Castillo. Explotación petrolífera. Percorrido urbano II: San Pedro Cardeña, senda da natureza, catedral de Burgos. Val do Arlanza: Lerma, San Pedro de Arlanza, Covarrubias, La Yecla.

Aloxamento: Escola Fogar de Fuentes Blancas. Telf.: 947217212.

Número de grupos: primeira quenda: 1; segunda quenda: 1.

* Ruta de Salamanca.

Resumo de contidos: Salamanca monumental. Centro Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (Fundación Germán Sánchez Ruipérez). Arribes del Duero, centrais eléctricas. Ruta da prata. Béjar (museo téxtil, museo Mateo Hernández). Candelario. Ruta de Ciudad Rodrigo. Fronteira portuguesa (predio experimental Castro Enríquez). Ciudad Rodrigo monumental. Serra de Francia. Pena de Francia. A Alberca.

Aloxamento: Escola Fogar de Santa Marta de Tormes (Salamanca). Telf.: 923200221.

Número de grupos: primeira quenda: 2; segunda quenda: 1.

* Ruta de Soria.

Resumo de contidos: Berlanga de Duero, San Baudelio, Tajueco, Gormaz. Soria. Vinuesa, Laguna Negra. Canón do río Lobos, Burgo de Osma. San Esteban de Gormaz. Almazán, Medinaceli.

Aloxamento: Escola Fogar de Berlanga de Duero. Telf.: 975343102.

Número de grupos: primeira quenda: 1; segunda quenda: 1.

* Ruta de Cáceres.

Resumo de contidos: Cáceres: cidade patrimonio da Humanidade. Mérida: capital de Estremadura e da Lusitania Romana. Alcántara: a producción hidroeléctrica de Estremadura. Plasencia: a perla do Val do Jerte. Guadalupe: capital espiritual de Estremadura.

Aloxamento: Centro de Ensinanzas Integradas. Cáceres. Estrada de Trujillo, s/n. Telf.: 927225966.

Número de grupos: primeira quenda: 2; segunda quenda: 1.

* Ruta de Madrid.

Resumo de contidos: a serra: parque rexional do Manzanares, San Lorenzo de El Escorial. Planetario, Madrid moderno, museo da cidade. Os transportes: o metro, Madrid dos Austrias e Borbóns, zoolóxico. Museo do Prado. Parque de atraccións.

Aloxamento: Centro de Intercambios Escolares. Estrada de Colmenar Viejo, km 12,800. Telf.: 913721284 e 7342700, Ext.: 223.

Número de grupos: primeira quenda, 2; segunda quenda, 1.

* Ruta de Murcia.

Resumo de contidos: agricultura intensiva e industrias derivadas: sementeira, industrias de manipulación e industrias de transformación. A auga e a horta: transvase Texo-Segura (casa da auga), sistemas tradicionais de rega. O Mar Menor: O Carmolí e Manga do Mar Menor. Cartagena: problemática ambiental, porto, Asemblea Rexional, museo da mina. Murcia: museo Salzillo, catedral e Centro Rexional de Artesanía.

Aloxamento: Escola Fogar Mar Menor. R/ Conde da Liseda. 30720 Santiago da Ribera. San Javier. Teléfono 968 57 24 79.

Número de grupos: primeira quenda: 1; segunda quenda: 2.

* Ruta da Rioxa.

Resumo de contidos: Logroño: capital da Comunidade Autónoma e sede das institucións. Parlamento rioxano. Camiño de Santiago: Navarrete, Nájera; Sto. Domingo de la Calzada. Mosteiros de Suso e Yuso, patrimonio da humanidade e nacemento da lingua castelá. O Val do Ebro. Haro: a industria vinícola, museo enolóxico. Briones: cidade medieval. Calahorra, cidade romana, industria conserveira de transformación agroalimentaria, mercado das verduras da ribeira do Ebro. A Serra de Cameros. Villoslada de Cameros e Lomos de Orio.

Aloxamento: IES. La Laboral, estrada de Soria. Km. 3. Lardero. Telf.: 941449652.

Número de grupos: primeira quenda: 1; segunda quenda: 1.

* Rura de Baleares.

Resumo de contidos: Palma: monumental e artística. As institucións. Llevant: Manacor, Artá, Capdepera. Es Pla: Inca, Selva, Sineu. Tramuntana: Valldemossa, Deiá, Soller, Lluc. Es Raigúer: Muro. Sa Pobla, Alcudia.

Aloxamento: Albergue de la Playa de Palma. R/ Costa Brava, 3. 07610-Palma de Mallorca.

Número de grupos: primeira quenda: 1.

* Ruta de Tenerife.

Resumo de contidos: noroeste da illa: Museo etnográfico. Casa da Carta. Almacén de empaquetado. Porto de Garachico. Icod de los Vinos: drago milenario. Museo Arqueolóxico. Punta de Anaga. La Orotava. Puerto de la Cruz. Xardín de aclimatación. Sta. Cruz de Tenerife. La Laguna. Parque Nacional de las Cañadas del Teide. A Candelaria. O sur.

Aloxamento: Residencia Escolar San Andrés. Barrio de San Andrés; r/ Camiño Cercado s/n, Sta. Cruz de Tenerife, Telf.: 922591364.

Número de grupos: 0.

ANEXO IV

Obxectivos xerais:

-Lograr un adecuado nivel de coñecementos e comprensión integral da comunidade visitada, as súas xentes e os seus costumes, as súas terras, a súa historia e os seus recursos.

-Fomenta-la convivencia e cooperación entre os alumnos, aceptando as diferencias culturais e lingüísticas dos diferentes grupos, e potenciando o desenvolvemento das capacidades individuais.

-Crear hábitos e actitudes positivas na defensa e conservación do medio ambiente e do patrimonio, comezando polo contorno cotián dos alumnos.

-Procura-lo desenvolvemento e a utilización dunha metodoloxía activa e participativa de profesores e alumnos e o intercambio de experiencias singulares en relación coa ruta.

-Ampliar, desde o punta de vista didáctico, o ámbito de actuación da escola mercé á investigación e deseño de novas situacións de aprendizaxe, extensivas ó antes e despois da realización da ruta.

Aspectos previos:

-A escola viaxeira é, ante todo, escola. Ofrécelle ó profesor a posibilidade de participar no deseño e experimentación de novas situacións de aprendizaxe, partindo dun modelo docente baseado no seu protagonismo como figura activa do propio currículo, concibido como unha realidade flexible e xeradora dos seus propios contidos.

-O desenvolvemento da personalidade nas súas dimensións individual e social, e o de actitudes a hábitos de cooperación, apertura cara a formas novas de participación responsable ou a formación do espírito creativo e sentido crítico ante os estímulos do medio. E tamén ó que fai referencia a unha escola non homoxeneizadora, que valore e procure desenvolve-las peculiaridades do individuo e do seu estilo persoal e social, favorecendo a convivencia rexional.

-Contribuír a que a acción formativa se inspire no respecto á pluralidade lingüística e cultural de España, a través do coñecemento e comprensión, precisamente, dos distintos pobos que a constitúen, e da convivencia, ó propio tempo, entre alumnos rapaces de distintas procedencias.

-Unha nova lectura da realidade que haberá de repercutir de forma positiva nos centros, e que se traduce nunha consideración do medio non como algo separado e distinto do suxeito, senón como o espacio de relacións de toda índole que este establece, e no que interveñen tódolos procesos de comunicación e interacción.

Aspectos de metodoloxía e deseño:

-O esquema metodolóxico que máis claras referencias pode ofrecerlle ó profesor a cargo dos grupos é o que relaciona os principais axentes educativos, humanos e materiais, que concorren na actividade e nunha primeira aproximación.

-O profesor, en primeiro lugar, como responsable dos alumnos ó seu cargo, deberá desenvolve-los obxectivos específicos do seu proxecto de participación, adecuándoos ós obxectivos xerais da ruta establecida pola coordinación. Na orde técnica velará para que os seus alumnos asistan provistos da documentación e equipamento necesarios.

-O coordinador, como garante dos propósitos educativos e pedagóxicos da experiencia, establecerá os mecanismos e recursos necesarios para a consecución, por unha banda, dos ditos propósitos, e por outra, das expectativas contidas no proxecto de cada un dos grupos participantes. Realizará para isto a posta en común pertinente ó inicio da experiencia e outras máis específicas no curso do seu desenvolvemento.

-O axudante de coordinación levará a coordinación a un nivel máis concreto de actividades e visitas, de acordo coa proposta de ruta e coas previsións didácticas que se establecesen entre os grupos. Na orde técnica velará pola normal secuenciación das actividades e os aspectos que en xeral lle sexan asignados pola coordinación.

-O alumno é o verdadeiro protagonista da actividade. É necesario consegui-la súa participación activa a través dos recursos (caderno de campo e outros) máis apropiados, tanto desde o punto de vista social e convivencial, como do desenvolvemento das súas capacidades individuais.

-Os recursos, como elemento clave no deseño, partindo dos máis próximos ó ámbito de formación do alumno (importancia dos recursos do propio centro de procedencia) e dos propios da comunidade visitada. A infraestructura (residencia, transporte, etc.) como recurso ó servicio da actividade.

-O ámbito de desenvolvemento da experiencia máis alá da súa realización práctica, e que se estende ós centros de destino dos grupos. Importancia da avaliación e o seguimento, posteriormente, dos diferentes aspectos e contidos que se desenvolveron. A memoria, como reflexión xeral sobre as expectativas e logros da actividade.