Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 02 de febreiro de 1999 Páx. 1.169

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 4 de xaneiro de 1999 pola que se regula a constitución de agrupacións.

O Decreto 79/1998, do 12 de febreiro, polo que se regula a estructura, organización e funcionamento das confrarías de pescadores de Galicia, recolle no seu articulado a existencia, no seo das confrarías e como órgano colexiado destas, de agrupacións por sectores profesionais que agrupen a tódolos socios que se dediquen á mesma actividade, na procura dunha mellor defensa e xestión dos recursos que son obxecto de explotación por ese colectivo.

Ante os múltiples problemas xurdidos na constitución das ditas agrupacións, sobre todo no relativo ós trámites da súa constitución, dereitos dos seus membros e funcionamento interno destas, viuse a necesidade de aborda-la regulación destes órganos que obrigatoriamente deberán estar integrados na confraría para poder facer vale-los seus dereitos como colectivo ante os distintos pósitos e ante a propia Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Examinadas as agrupacións xa existentes no día de hoxe, os regulamentos de réxime interior vixente en cada unha delas, oídos os distintos colectivos afectados a través das súas peticións en distintas xuntanzas, encontros de mariscadores, e de conformidade co disposto no citado decreto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-A constitución.

Poderán constituirse en cada confraría agrupacións formadas por colectivos de traballadores ou empresarios que se dediquen á mesma modalidade de traballo e posúan o correspondente título administrativo habilitante.

Artigo 2º.-O procedemento.

Para a válida constitución dunha agrupación, o procedemento que se seguirá deberá se-lo seguinte:

a) Comunicación ó patrón maior por escrito da vontade de constituír unha agrupación profesional no seo da confraría, que deberá ir asinada, alomenos, por 6 traballadores ou empresarios do sector.

b) Convocatoria por escrito, que se exporá no taboleiro de anuncios da confraría, por parte do patrón maior dirixida a tódalas persoas integrantes do colectivo que se pretende agrupar e que posúan o correspondente título administrativo habilitante e teñan a condición de socio da confraría na que se vai integrar obrigatoriamente a dita agrupación. Esta convocatoria deberá facerse no prazo máximo de 7 días desde a data de presentación do escrito. No caso de non tramita-la dita solicitude, poderán directamente os promotores da agrupación realiza-la convocatoria.

c) Aprobación polo colectivo anteriormente citado da creación dunha agrupación do sector profesional afectado. Neste suposto deberase obte-los votos dos 2/3 dos membros asistentes á dita asemblea.

d) No caso de acada-lo acordo de creación da agrupación, nese mesmo acto procederase á elección dunha comisión xestora que estará integrada por, cando menos, 5 membros do colectivo que se pretende agrupar, que serán aqueles que obteñan o maior número de votos. En caso de empate, designarase o máis antigo na confraría e, de persistir este, será o de maior idade.

e) Elixida a comisión xestora, procederán á elaboración dun regulamento de réxime interior da agrupación.

Unha vez elaborado, ese regulamento será sometido para a súa aprobación a unha asemblea xeral de tódolos membros do colectivo, debendo ser aprobado polos 2/3 dos asistentes, sempre que acudan á asemblea alomenos a metade dos membros.

f) Aprobado o regulamento, este remitirase á xunta xeral da confraría para a aprobación da constitución da agrupación e do seu regulamento, debendo motivar de xeito suficiente a denegación, se é o caso, de tal aprobación. Contra tal denegación caberá interpoñer recurso ordinario ante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

g) Aprobado ese regulamento, remitiranse dous exemplares, xunto coas actas da xunta xeral, cabido e asemblea xeral onde conste tal aprobación, á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para a súa ratificación.

h) Ratificado o regulamento, convocaranse eleccións para a cobertura dos postos dos órganos de goberno da dita agrupación.

Artigo 3º.-A exclusividade.

En cada confraría soamente poderá existir unha agrupación por sector.

Artigo 4º.-O ámbito territorial.

O ámbito territorial de cada agrupación non poderá en ningún caso estenderse mais aló do fixado nos estatutos da confraría.

Artigo 5º.-Os membros.

1º Poderán ser membros da agrupación, e sempre que o soliciten por escrito, todas aquelas persoas físicas que se dediquen á actividade profesional obxecto da agrupación, que posúan o título administrativo habilitante correspondente e sexan membros da confraría.

2º A condición de membro dunha agrupación atribúe, desde o momento da súa afiliación, a plenitude de igualdade dos dereitos e obrigas inherentes a ela.

3º A aqueles membros da agrupación que participen con carácter permanente nos puntos de control e venda, para os efectos de renovación do permiso de explotación, consideraráselles equiparable

tal actividade á actividade extractiva. Neste caso a confraría emitirá un vale que se computará para os efectos anteriormente indicados como vale de venda.

Artigo 6º.-O libro de socios.

Cada agrupación estará obrigada a levar un libro de socios, onde se fará consta-lo día da alta e, se é o caso, da baixa da condición de socio, respectando en todo caso na formalización do dito libro, a orde de entrada e día da solicitude.

Artigo 7º.-A baixa dos socios.

Os socios da agrupación poderán causar baixa nela polas seguintes causas:

a) Renuncia de xeito voluntario.

b) Por non reuni-los requisitos requiridos pola lexislación vixente ou nos estatutos da confraría ou no regulamento de réxime interior da agrupación.

c) Coma consecuencia de expediente sancionador, cando a resolución deste leve consigo a expulsión da agrupación ou da confraría.

Artigo 8º.-Os dereitos dos socios.

Os socios da agrupación terán dereito, como mínimo, a:

a) Ser informados das actividades da agrupación, dos acordos adoptados pola xunta directiva e de todas aquelas cuestións que os afecten.

b) Participar en tódalas actividades que promova a agrupación.

c) Elixir e ser elixido para cargos directivos dentro da agrupación, de conformidade coa normativa vixente.

d) Expresa-las súas opinións en materia e asuntos de interese do sector e formular propostas e peticións ós representantes da agrupación.

e) Dispoñer dunha copia do regulamento de réxime interior da agrupación.

f) Aqueles outros dereitos que lle correspondan como socio da confraría.

Artigo 9º.-Os deberes.

Son deberes dos socios da agrupación, como mínimo:

a) Cumpri-los acordos validamente adoptados pola agrupación.

b) Satisface-las cotas que se fixen para contribuír ó sostemento da agrupación.

c) Asistir e participar en tódalas accións, actos e reunións ós que sexan convocados pola agrupación.

d) Acata-lo regulamento de réxime interior da agrupación.

e) Actuar con lealdade e boa fe, non obstaculizando o normal funcionamento da agrupación.

f) Respecta-la libre manifestación de pareceres.

g) Achega-la súa prestación persoal para levar a cabo os labores de coidado, vixilancia, control

e outros acordados pola agrupación que redunden en beneficio de todo o colectivo.

Artigo 10º.-Os órganos rectores.

Os órganos rectores de cada agrupación serán a asemblea xeral, a xunta directiva e o presidente.

Artigo 11º.-A asemblea xeral.

A asemblea xeral é o órgano superior de goberno e decisión da agrupación, e está consituída pola totalidade dos membros que participan nela con voz e voto.

Estará presidida polo patrón maior, que será substituído en caso de ausencia polo presidente da agrupación.

Artigo 12º.-As funcións da asemblea xeral.

Corresponderanlle á asemblea xeral as seguintes funcións:

a) Aprobar e modificar, parcial ou totalmente, o regulamento de réxime interior da agrupación.

b) Elixir de entre os seus membros a xunta directiva.

c) Aproba-lo plan de actuación anual da agrupación.

d) Analiza-la xestión da xunta directiva e do seu presidente.

e) Aproba-lo orzamento anual.

f) Aproba-la fixación de cotas para os seus membros.

g) Aproba-la xestión económica da agrupación.

h) Acorda-la disolución da agrupación.

i) Autoriza-la contratación de persoal por conta da agrupación.

j) Propoñerlles ó cabido e á xunta xeral da confraría á que pertenzan a ampliación do número de permisos de explotación e presentar un proxecto de plan de explotación referido á actividade propia da agrupación.

k) Calquera outra atribuída no regulamento de réxime interior.

Artigo 13º.-Os acordos.

Para seren válidos, os acordos adoptados pola asemblea xeral deberán ser aprobados pola maioría dos membros presentes, salvo nos casos previstos nos parágrafos a), e), e h) do artigo 12º, que requirirán unha maioría de 2/3 dos membros presentes, sempre que representen alomenos a metade dos membros da agrupación. Das reunións da asemblea xeral levantarase a correspondente acta.

Artigo 14º.-As reunións.

1º A asemblea reunirase con carácter ordinario alomenos unha vez ó ano, co fin de aproba-lo plan de actuación da agrupación, o orzamento, as contas anuais, a xestión económica e, se é o caso, os plans de explotación e permisos de explotacións.

2º Con carácter extraordinario reunirase sempre e cando o solicite o patrón maior da confraría, o presidente da xunta directiva ou as dúas terceiras partes dos membros da asemblea xeral.

Artigo 15º.-A xunta directiva.

1º A xunta directiva é o órgano de goberno ordinario da agrupación.

2º A xunta directiva estará composta por un mínimo de 5 membros, tendo a condición de presidente da agrupación aquel dos seus membros que obtivese máis votos na elección de membros da xunta directiva.

3º O seu mandato terá unha duración máxima de 4 anos, sendo elixidos mediante sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto, podendo ser reelixidos.

Artigo 16º.-As funcións da xunta directiva.

Correspóndenlle á xunta directiva as seguintes funcións:

a) Propoñe-los plans de actuación.

b) Designar quendas de traballo e vixilancia que afectarán a tódolos membros da agrupación.

c) Propoñe-la contratación de persoal, tanto á asemblea como á confraría.

d) Aproba-la constitución de grupos de traballo ou comisións sectoriais para asuntos concretos.

e) Elabora-los proxectos de orzamentos anuais da agrupación para a súa aprobación pola asemblea xeral.

f) Presentarlle á asemblea xeral unha memoria económica anual sobre as actividades da agrupación e a súa situación económica, someténdoa á asemblea xeral para a súa aprobación.

g) Elixir de entre os seus membros o secretario e tesoureiro da agrupación.

h) Velar polo cumprimento dos acordos da agrupación e da confrarÍa.

i) Resolve-las peticións de alta e baixa dos membros da agrupación.

j) Elaborar e propoñe-la modificación do regulamento.

k) Propoñe-la convocatoria de elección.

l) Informar previamente á ampliación dos permisos de explotación e o plan de explotación.

m) Todas as outras non atribuídas expresamente á asemblea xeral.

Artigo 17º.-As reunións.

A xunta directiva reunirase unha vez ó mes, e cando así o solicite o patrón maior da confraría, o presidente da agrupación e a maioría dos seus vocais.

Artigo 18º.-O presidente.

1. O mandato do presidente terá unha duración de dous anos.

2. Son funcións do presidente da organización:

a) A dirección da agrupación.

b) Propoñerlle ó patrón maior a convocatoria da asemblea xeral.

c) Presidi-las reunións da asemblea xeral, cando non o faga o patrón maior.

d) Asistir a tódalas reunións, actos e convocatorias relacionadas coa agrupación.

e) Velar polo cumprimento dos acordos dos órganos rectores da agrupación.

f) Dar conta ós órganos rectores da confraría dos acordos adoitados pola agrupación.

g) Asegura-lo cumprimento do regulamento interno e demais normas legais.

h) Calquera outra que lle veña delegada polos órganos rectores da asociación.

3. O presidente da agrupación poderá percibir unha gratificación polos traballos realizados no desempeño das súas funcións. A dita gratificación virá aprobada pola xunta directiva e ratificada pola asemblea xeral.

Artigo 19º.-O cesamento e substitución do presidente.

1. O presidente da agrupación cesará por acordo do pleno da asemblea xeral, adoptado antes da expiración do seu mandato, debendo ir precedido das seguintes formalidades:

a) Presentarase escrito razoado no que se fundamenten os motivos da solicitude, subscrito alomenos pola terceira (1/3) parte dos membros da agrupación.

b) A xunta directiva reunirase en sesión extraordinaria para examina-la petición e, se a atopase conforme co previsto na alínea anterior, acordará a convocatoria da asemblea xeral cunha antelación mínima de 8 días á data da reunión.

c) A reunión será presidida polo patrón maior, podendo asisti-lo presidente da agrupación e participar nela.

d) A reunión terá lugar sen solución de continuidade e a votación será nominal.

Para aproba-lo cesamento deberanse obte-los 2/3 dos votos dos membros asistentes. No caso de non acadar tal maioría non se poderá volver a presentar nova petición antes do transcurso dun ano.

2. O membro da xunta directiva que obtivese o maior número de votos despois do presidente substituirá a este nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 20º.-O secretario.

1. O secretario da agrupación participará nas reunións da xunta directiva e da asemblea xeral da agrupación.

2. As súas funcións serán as de:

a) Asistir ás reunións con voz pero sen voto.

b) Efectua-las convocatorias por orde do presidente, así como a citación ós membros da xunta directiva.

c) Expedir certificacións das consultas, dictames e acordos aprobados.

d) Prepara-los despachos dos asuntos e redacta-las actas das sesións.

e) Recibi-los actos de comunicación dos membros co órgano e, xa que logo, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escrito dos que deba ter coñecemento.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretario.

Artigo 21º.-O tesoureiro.

Correspóndelle ó tesoureiro:

a) Elabora-la memoria económica do ano rematado. O informe será aprobado en asemblea xeral o ano seguinte do sinalado.

b) Asinar, xunto co patrón maior e co presidente da agrupación, a autorización da disposición de fondos da conta da agrupación.

Artigo 22º.-As relacións coa confraría.

Das reunións que teña previsto celebra-la asemblea xeral e a xunta directiva da agrupación darase conta ó patrón maior cunha antelación de 3 días. Así mesmo, remitiránselle as actas das reunións, no prazo máis breve posible.

Artigo 23º.-Os recursos da agrupación.

1. Serán recursos da agrupación:

a) As cotas dos asociados ou as derramas que se fixen sobre as vendas en lonxa.

b) As subvencións recibidas, que serán solicitadas pola confraría por instancia da propia agrupación.

c) As doazóns e contribucións que reciba.

d) Os xuros das súas contas bancarias e calquera outro recurso que, conforme a lexislación e os estatutos da confraría, lle puidese ser atribuído.

2. A disposición de fondos desta conta corresponderalles conxuntamente ó patrón maior, ó presidente da agrupación e ó tesoureiro.

3. A documentación xustificativa da actividade económica, así como as contas anuais, estarán en todo momento á disposición dos socios que desexen examinalas.

4. Cando as necesidades por cubrir así o aconsellen, a agrupación poderá establecer cotas específicas, co fin de facer fronte ós gastos que poida ocasiona-la explotación marisqueira conxunta, a vixilancia, a adquisición de semente, así como outros semellantes.

Artigo 24º.-O réxime electoral.

1. Rematado o período de mandato dos órganos rectores, nun prazo máximo de tres meses, por proposta da xunta directiva, a asemblea xeral acordará a iniciación do proceso electoral.

2. Os vocais da xunta directiva, así como o presidente da agrupación continuarán en funcións ata a toma de posesión dos candidatos elixidos.

Artigo 25º.-A comisión electoral.

1. A comisión electoral, que se constituirá con ocasión de cada convocatoria, estará composta por:

a) Un presidente, que será o socio de maior antigüidade na confraría e membro da agrupación.

b) O membro da agrupación de maior idade en activo.

c) O membro da agrupación de menor idade en activo.

d) O vicepatrón maior primeiro.

e) O secretario da agrupación.

f) No caso de concorreren ás eleccións, non poderán formar parte da comisión electoral os anteriormente citados.

2. Correspóndelle á comisión electoral:

a) Elaborar e propoñerlle á xunta directiva, para a súa aprobación, o plan, as normas e o calendario que corresponderá a todo o proceso electoral.

b) Publica-lo censo electoral, que estará exposto ó público durante un prazo de 15 días, no taboleiro de anuncios da confraría e da agrupación, sendo susceptible de reclamacións e impugnacións por parte dos electores, sobre exclusións e inclusións, ante a comisión electoral.

c) Proclama-las candidaturas así como os candidatos electos.

d) Nomea-los membros da mesa electoral e os seus suplentes.

A comisión electoral considerarase disolta finalizado o proceso de eleccións dos órganos de goberno e unha vez resoltas cantas cuestións e reclamacións se presentasen en relación con el.

Artigo 26º.-O censo electoral.

O secretario da agrupación entregaralle á comisión electoral o censo electoral actualizado.

Artigo 27º.-As normas e plans electorais.

As normas e plans electorais deberán regular, como mínimo:

1. Requisitos para exerce-lo dereito ó voto:

a) Ter 18 anos cumpridos o día en que se celebren as votacións.

b) Non estar inhabilitado para o exercicio deste dereito por norma legal, estatutaria ou resolución firme de órgano competente.

c) Estar incluído na lista electoral actualizada.

2. Requisitos para ser elixible, ademais das condicións xerais para ser elector, deberán cumpri-los seguintes:

a) Saber ler e escribir.

b) Non estar inhabilitado por acordo, resolución ou sentencia de órgano competente, dos que derive a suspensión ou inhabilitación para o exercicio de cargo representativo.

c) Ser proposto, alomenos, por dous membros da agrupación.

d) Ser proclamado candidato.

3. Voto por correo.

Os electores poderán exerce-lo seu dereito ó voto por correo de acordo co seguinte procedemento:

a) A papeleta de voto introducirase nun sobre.

b) O sobre que conteña a papeleta será introducido, xunto coa fotocopia compulsada do documento nacional de identidade, noutro sobre que será enviado ó presidente da mesa electoral.

c) A comisión electoral establecerá os prazos para poder exerce-lo voto por correo.

Artigo 28º.-A mesa electoral.

1. A mesa electoral estará composta por un presidente, que será o patrón maior da confraría, por tres vocais, dos que un será o presidente da agrupación, e os outros dous o traballador con máis antigüidade na pertenza á agrupación e na confraría, e o secretario da agrupación.

2. A mesa electoral será a encargada de presidi-la votación, realiza-lo escrutinio e resolve-las reclamacións que se produzan en relación con estas. As súas resolucións serán susceptibles de recurso perante a comisión electoral, no prazo de dous días desde a celebración do proceso.

3. Tódolos actos e acordos da comisión electoral serán susceptibles de recurso administrativo ordinario perante a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 29º.-O réxime sancionador.

Os socios da agrupación poderán ser sancionados por infrinxi-lo regulamento de réxime interno ou incumpri-los acordos da asemblea xeral ou da xunta directiva.

Artigo 30º.-O procedemento sancionador.

1. O procedemento sancionador axustarase ó previsto no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento para o exercicio da potestade sancionadora, sempre a través da apertura do oportuno expediente, comunicación dos cargos ó socio expedientado e trámite de audiencia.

2. As infraccións, que se determinarán en cada regulamento de réxime interior, deberán, obrigatoriamente, clasificarse en leves, graves e moi graves.

3. As sancións deberán estar fixadas en cada regulamento de réxime interior.

4. Os órganos competentes para a imposición das correspondentes sancións serán:

a) O presidente, cando se trate dunha infracción leve.

b) A xunta directiva, cando se trate dunha infracción grave.

c) A asemblea xeral, cando se trate dunha infracción moi grave.

5. A incoación do expediente correspóndelle ó presidente da agrupación.

6. Contra a resolución que poña fin ó procedemento sancionador poderá interpoñerse recurso administrativo ordinario perante a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 31º.-A reforma do regulamento.

1. O regulamento interno só poderá ser modificado pola asemblea xeral, en reunión convocada para o efecto e aprobado pola xunta xeral da confraría, dando conta á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para a súa ratificación.

2. Necesitarase o voto favorable das dúas terceiras partes dos socios presentes sempre que representen alomenos a metade dos membros da agrupación para a modificación do regulamento interno.

Artigo 32º.-A disolución da agrupación.

1. A disolución da agrupación só poderá ser acordada pola asemblea xeral e necesitarase o voto favorable das dúas terceiras partes dos socios.

2. No suposto de disolución, constituirase unha comisión, composta por seis socios, que terá como función liquida-los dereitos e obrigas pendentes.

Disposición transitoria

As agrupacións xa constituídas no momento da entrada en vigor desta orde deberán adapta-lo seu regulamento de réxime interior ó contido desta no prazo de tres meses.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e cumprimento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 1999.

P.O. (17-12-1997, DOG nº 246, do 22 de decembro)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura