Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 01 de febreiro de 1999 Páx. 1.150

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE ARZÚA

ANUNCIO.

Bases postos de traballo.

De conformidade co acordo adoptado polo Pleno deste Concello, na sesión do 26 de novembro de 1998, polo que se aproban as bases que haberán de rexe-la convocatoria para a provisión, polo sistema de concurso-oposición, de varios postos de traballo.

Procédese a anuncia-la convocatoria para a provisión de tales postos de traballo, conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto da convocatoria.

A contratación laboral fixa, mediante concurso-oposición, das persoas que haberán de desempeña-las funcións a que se refiren os seguintes postos de traballo (que se atopan vacantes dentro do cadro de persoal laboral deste concello), e polas retribucións brutas que tamén se indican:

a) Un tractorista: 124.864 pesetas.

b) Tres operarios de servicios varios, para mantemento de vías rurais e instalacións municipais: 124.864 pesetas.

c) Un director da emisora municipal de radio: 155.136 pesetas.

As citadas retribucións, máis os importes correspondentes ós gastos de Seguridade Social, quedarán consignadas no orzamento municipal que haberá de confeccionarse para o vindeiro exercicio económico; posto que resulta previsible que, para cando conclúan os trámites deste procedemento de selección, xa quedará aprobado o referido orzamento municipal.

As ditas contratacións faranse ó abeiro da normativa contida no artigo 15 do Estatuto dos traballadores, durante unha xornada laboral de corenta horas semanais, que serán prestadas de luns a sábado.

Segunda.-Condicións dos aspirantes.

Para participar no concurso-oposición, deberán reunirse os seguintes requisitos:

a) Ser cidadán comunitario.

b) Ter cumpridos 18 anos de idade.

c) Non padecer enfermidade ou defecto físico ou psíquico, que impida o desempeño das funcións propias do posto de traballo para o que se opta.

d) Titulación esixida: para o posto de traballo de director da emisora municipal de radio, estar en posesión do título de graduado escolar; e para os restantes postos de traballo, estar en posesión do certificado de escolaridade.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas.

f) Non incorrer en causa de incompatibilidade ou de incapacidade, conforme a normativa vixente, referida ó día da formalización do contrato.

g) Para o posto de traballo de tractorista: estar en posesión do permiso de conductir da clase B-1.

Terceira.-Presentación de solicitudes.

As instancias nas que se solicite tomar parte neste procedemento de selección dirixiranse ó alcalde do Concello de Arzúa, facendo constar que se reúnen os requisitos establecidos na base segunda da convocatoria, así como o posto de traballo para o que se opta, das que constitúen o obxecto deste concurso-oposición.

Tales instancias presentaranse no rexistro xeral do concello, no prazo de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no BOE.

(Tamén poderán remitirse, dentro do dito prazo, na forma que determina o artigo 38.4º, da Lei 30/1992, do 26 de novembro).

A cada instancia xuntarase a relación dos méritos que se aleguen, dos que haberán de ser obxecto de valoración na fase de concurso, así como os documentos acreditativos deles; e unha fotocopia do documento nacional de identidade.

Cuarta.-Relación de admitidos.

Rematado o prazo de presentación de instancias, a alcaldía dictará resolución aprobando a lista provisional de admitidos e excluídos; que será feita pública no BOP e no taboleiro de edictos da Casa Consistorial, concedéndose un prazo de dez días para a

presentación de reclamacións e emenda de erros, nos termos do artigo 71 da Lei 30/1992.

As ditas reclamacións, se as houbese, serán aceptadas ou rexeitadas na resolución pola qu ese aprobe a lista definitiva; que será publicada en igual forma que a provisional, contendo ademais a composición do tribunal cualificador e o lugar, data e hora de celebración das probas.

Quinta.-Tribunal cualificador.

Estará integrado polos seguintes membros:

Presidente: o da corporación ou o tenente de alcalde en quen delegue.

Secretario: o do concello, ou o funcionario en quen delegue; que actuará con voz pero sen voto.

Vocais:

-O concelleiro-delegado en materia de persoal, ou no seu defecto, o concelleiro-presidente da Comisión de Contas, Economía e Facenda.

-Un funcionario de carreira ó servicio desta entidade local nomeado pola alcaldía; así como o seu suplente.

-O representante dos traballadores; e como suplente o traballador en cadro con contrato laboral indefinido que designe o dito representante.

A este tribunal cualificador integrarase tamén, como vocal, para cada un dos tres procedementos de selección previstos nestas bases, un concelleiro diferente en cada caso, elixido entre os catro concelleiros que representen a oposición na Corporación Municipal; así como o seu suplente, designado de igual maneira.

Non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de máis da metade dos seus membros; sendo preciso en todo caso a asistencia do presidente e do secretario.

Sexta.-Proceso de selección.

Desenvolverase en dúas fases: a) concurso e b) oposición libre.

a) Na fase de concurso. O tribunal cualificará os méritos a que se refire o anexo I destas bases, aplicándose a valoración establecida no correspondente baremo, e con base na documentación presentada polos aspirantes, non sendo obxecto desta valoración aqueles méritos que non estean debidamente acreditados.

A cualificación desta fase deberá estar concluída antes da celebración da fase de oposición, facéndose público o seu resultado no taboleiro de edictos da Casa Consistorial.

b) Na fase de oposición. Farase un exercicio de carácter práctico, referido á execución polos aspirantes dunha ou máis tarefas, relacionadas coas funcións propias de cada un dos citados postos de traballo para os que se optase; que haberán de ser determinadas polo tribunal cualificador, inmediatamente antes do comezo do exercicio.

A cualificación efectuarase sumando as puntuacións outorgadas por cada membro do tribunal, de 0 a 10 puntos, e dividindo o total resultante polo número de tales membros asistentes, quedando eliminados os aspirantes que non alcancen o mínimo de cinco puntos na execución de cada unha das tarefas realizadas.

Para a realización das tarefas a que se refire este exercicio práctico da fase de oposición, os aspirantes serán convocados en chamamento único; seguíndose como orde de actuación de tales aspirantes o mesmo que o de presentación das súas respectivas instancias.

Comezadas as distintas probas, a publicación dos anuncios de celebración destas en días sucesivos farase no taboleiro de edictos da Casa Consistorial, se así fose preciso por razón do número de aspirantes presentados ou pola excesiva duración das tarefas que se vaian realizar.

Sétima.-Relación de aprobados e presentación de documentación.

Concluída a cualificación dos aspirantes, o tribunal cualificador:

Publicará no taboleiro de editos da Casa Consistorial a relación de aprobados pola orde de puntuación, con especificación desta.

Elevará a correspondente proposta de contratación a favor do que obtivese a puntuación máis alta no proceso selectivo, en relación a cada un dos postos de traballo a que se optase.

Calquera proposta que inclúa máis nomes será nula de pleno dereito.

O, ou os aspirantes propostos, segundo os casos, presentará na secretaría do concello, nun prazo de cinco días desde a publicación do resultado deste proceso de selección, os documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos previstos na base segunda.

Se calquera dos aspirantes propostos non presentase dentro dese prazo indicado, agás por causa de forza maior, a súa documentación correspondente, ou non acreditase reuni-los requisitos esixidos, non poderá procederse ó seu nomeamento, quedando anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que puidese incorrer por falsidade na instancia presentada para tomar parte no concurso-oposición.

Oitava.-Formalización do contrato.

Terá lugar no prazo de dez días, a partir da data de notificación do decreto de nomeamento dictado pola alcaldía.

Novena.-Incidencias.

O tribunal cualificador queda autorizado para resolve-las dúbidas que se presenten, e adopta-los acordos necesarios para a boa orde do concurso-oposición, en todo o non previsto nestas bases.

Décima.-Recursos.

A presente convocatoria e as súas bases poderán ser impugnadas polos interesados no prazo de trinta días seguintes ó da súa publicación no BOP, mediante a interposición de recurso de reposición.

Os actos administrativos derivados da convocatoria e da actuación do tribunal poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei de procedemento administrativo.

Arzúa, 30 de novembro de 1998.

Manuel Moscoso López

Alcalde

ANEXO I

Baremo de méritos, para a fase de concurso das prazas convocadas:

I) Para o posto de traballo de tractorista e para os tres postos de traballo de operarios de servicios varios:

1. Por traballos realizados a esta entidade local: 0,10 puntos por cada mes traballado, sen que poidan computarse os períodos inferiores; ata un máximo de 3 puntos.

2. Por coñecemento da lingua galega: a nivel de acreditación do curso de iniciación 0,50 puntos; e a nivel de acreditación do curso de perfeccionamento 1 punto, sendo excluíntes ámbalas puntuacións.

II. Para o posto de traballo de director da emisora de radio:

1. Por traballos realizados a esta entidade local: 0,10 puntos por cada mes traballado, sen que poidan computarse os períodos inferiores; ata un máximo de 2 puntos.

2. Por coñecemento da lingua galega: a nivel de acreditación do curso de iniciación 0,50 puntos; e a nivel de acreditación do curso de perfeccionamento 1 punto, sen do excluíntes ámbalas puntuacións.

3. Por ter participado en cursos ou xornadas sobre información, programación e publicidade radiofónica, de máis de 10 horas de duración; 0,25 puntos por curso ou xornada, ata un máximo de 0,50 puntos.

4. Por ter feito colaboracións en emisoras de radio desta Comunidade Autónoma, en programas informativos: 0,25 puntos por cada ano acreditado, sen que poidan cumputarse períodos inferiores; ata un máximo de 0,50 puntos.