Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 01 de febreiro de 1999 Páx. 1.140

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 1998, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación mineira de arxilas, denominada Frades 4ª 2, número 6705.4.2 en terreos do termo municipal de Mesía, provincia da Coruña e promovido por Epifanio Campo Fernández.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 23 de outubro de 1998, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación mineira de arxilas denominada Frades 4ª 2 nº 6705.4.2, situada no concello de Mesía, provincia da Coruña, e promovido por Epifanio Campo Fernández, que se transcribe como anexo a esta resolución.

A Coruña, 21 de decembro de 1998.

Jesús Espada Martínez

Delegado provincial da Coruña

ANEXO

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación presentada, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental establece pola presente DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

A presente declaración refírese, en exclusiva, ás actuación mineiras de explotación nas zonas sinaladas nos planos achegados, dun total de 125.000 m, e que veñen definidas no proxecto de referencia e resumidas no anexo I.

Para outras zonas ou áreas explotables, aínda dentro da superficie solicitada, precisaríase unha nova declaración.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Sobre a emisión de po e gases.

Adoptáronse as medidas necesarias na explotación de xeito que, nos núcleos de Prado Longo, A Cortiña e Camuín, próximos á explotación, non se superen os límites establecidos polo Decreto 833/1975, do 6 de febreiro, polo que se desenvolve a Lei 38/1972, do 22 de decembro (BOE nº 96, do 22 de abril de 1975, corrección de erros en BOE nº 137, do 9 de xuño de 1975), de protección do ambiente atmosférico.

1.2. Sobre o ruído.

Cumprirase o disposto na Lei 7/1997, de protección contra a contaminación acústica (DOG do 20 de agosto de 1997).

2. Protección das augas.

2.1. Para a ocupación do rego da Fervenza, pertencente ó dominio público hidráulico, será preceptivo contar coa autorización expresa do organismo da bacía conforme o recollido na Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas (BOE nº 189, do 8 de agosto de 1985, corrección de erros en BOE nº 243, do 10 de outubro).

2.2. Co fin de evitar que as augas de escorrentía superficial das zonas ocupadas pola explotación poidan afectar ó rego da Fervenza, conduciranse axeitadamente as augas das zonas explotadas, xunto coas provenientes de calquera outro labor relacionado directa ou indirectamente coa explotación, a balsas de decantación previamente ó seu vertido, para o que disporán de autorización previa do organismo da bacía.

2.3. As augas residuais que se poidan xerar nos servicios hixiénicos destinados ós operarios deberán ser conducidas a unha fosa séptica ou outro sistema que garanta o seu axeitado tratamento.

2.4. Os labores de mantemento da maquinaria levaranse a cabo fóra das zonas en explotación ou xa explotadas, debendo ser recollidos os seus residuos conforme a súa natureza, e entregados a un xestor autorizado.

3. Protección do solo.

3.1. No caso de que o período de tempo de almacenamento de terra vexetal sexa superior a un ano, someterase a coidado, mediante un removido temporal, regas, achega de fertilizante mineral (0,001 kg/m) e plantación con leguminosas en cantidade de 0,1 kg/m) en asociacións de Festuca sp., e Melilotus sp.i.e.). Os acopios deberán realizarse de xeito que non estean en pendente nin en zonas susceptibles de esborroamento. Estes acopios disporanse formando cordóns lonxitudinais que non superen os 1,5 m de altura, de tal xeito que resulten protexidos da posible entrada de auga con pequenas canles.

3.2. Non se poderán depositar nin acumular na explotación nin en terreos adxacentes ningún tipo de residuos sólidos diferentes dos acopios temporais de terra vexetal xerados na explotación, prohibíndose de forma específica o seu vertido noutras zonas da parcela ou en terreos alleos a ela, así como en zonas do dominio público hidráulico sen autorización expresa do organismo competente. Así mesmo, non poderá haber perda dos acopios ó exterior da explotación, tomándose as medidas adecuadas para evitar este problema.

4. Protección da fauna e da flora.

4.1. Evitarase a libre circulación de animais entre as parcelas estremeiras e a zona de explotación, mediante a instalación, na parte superior das frontes de explotación, dun chousume de malla cunha altura non inferior a 1,50 m.

4.2. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente compatible coa explotación que sirva como pantalla visual, acústica e contra o po en calquera das zonas de explotación. A eliminación da vexetación da área de explotación será sempre mediante sistemas de roza.

5. Protección da paisaxe.

5.1. Coa fin de enmascara-la explotación, de xeito que non se vexa desde ningún núcleo habituado nin infraestructura, disporanse pantallas visuais arbóreas a base de Betula alba e Alnus glutinosa, nas zonas próximas ó dominio público hidráulico (en marco 2x3 m en disposición alterna e ó longo dunha franxa de 10 m de largo) e Pinus pinaster (en marco 2x3 m en disposición alterna) no resto das zonas que o requiran para asegura-lo cumprimento do obxectivo definido neste punto. As especies vexetais seleccionadas terán o porte suficiente que garanta a integración paisaxística da explotación desde o inicio dos labores.

5.2. Co obxecto de minimiza-lo impacto paisaxístico xerado pola explotación, os labores de extracción desenvolveranse segundo a planificación prevista, prohibíndose a apertura de dous ou máis frontes simultáneas.

6. Restauración.

En relación ó plan de restauración previsto, teranse en conta as seguintes consideracións:

6.1. Procederase a restaurar tódalas superficies que se modifiquen ou se creen.

6.2. Os labores de restauración realizaranse paralelamente ós de extracción de maneira progresiva, de acordo co calendario proposto no proxecto. Ó remate da explotación procederase á restauración do último oco e á recuperación das balsas de decantación da rede de foxos e da canle perimetral.

6.3. A profundidade mínima de terra vexetal será de 80 cm, tal como consta no estudio, de xeito que o volume total de terra vexetal retirada e almacenada (100.000 m) se estenderá posteriormente nos ocos de explotación para a súa restauración.

No relativo á fertilización e emenda, achegaranse fertilizantes orgánicos (esterco) e inorgánicos (complexos N-P-K 10-20-15 en doses 0,07 kg/m) así como emenda calcaria (carbonato cálcico), debéndose reflecti-las súas doses no programa de restauración e mailo seu custo no orzamento de restauración.

Os labores de revexetación realizaranse en outono ou primavera, en funcións dos ecotipos seleccionados, procedéndose, segundo vén exposto no anexo I do proxecto, á rega regular, á fertilización de reforzo anual con mineral (0,05 kg/m) e á resementeira das superficies revexetadas (0,005 kg/m), cando sexa preciso, ata que se asegure a viabilidade da plantación.

As especies arbóreas que se empregarán na revexetación do límite entre a zona de dominio público hidráulico e de explotación serán Betula alba e Alnus glutinosa no marco 2x3 m plantados ó longo de 10 metros de largo. Na zona de explotación poderanse plantar Pinus pinaster (100 ud/ha) segundo o indicado no proxecto.

6.4. Ó finaliza-la explotación e dentro do prazo especificado no cronograma de restauración, desmantelaranse tódalas instalacións e infraestructuras, deixando o medio nas condicións precisas para o uso previsto para o terreo e conservando as servidumes propias ou redefinidas.

Unha vez ripado o terreo afectado precederase á remodelación dos ocos achegando unha camada de 80 cm de terra vexetal, procedente da cuberta retirada anteriormente e deixando uns noiros cunha inclinación 3/1 (H/V) de acordo co descrito no proxecto.

6.5. Os lodos obtidos das balsas de decantación empregaranse na súa totalidade para a restauración dos ocos da explotación.

7. Vixilancia ambiental.

O promotor remitirá, a través do órgano substantivo, e xuntamente co plan de labores anual no mes de xaneiro de cada ano, un informe acompañado de reportaxe fotográfica na que se describa o estado da explotación así como dos traballos de restauración levados a cabo segundo a planificación proxectada, indicando as variacións producidas con respecto a esta, xunto coa previsión dos labores de restauración para o vindeiro ano.

8. Documentación adicional.

8.1. Nun prazo máximo de tres meses de ser notificada a presente DIA e, en calquera caso, peviamente á autorización adminsitrativa, o promotor presentará ante o órgano substantivo; que, pola súa vez, o remitirá a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, a imposición de medidas correctoras adicionais que se deriven da presente DIA, os seguintes informes:

-Caracterización das pantallas visuais, de acordo co mapa de bacías e cos perfís visuais, que deberán vir reflectidas no orzamento do plan de restauración e representación delas en planos a escala axeitada e dotados de coordenadas U.T.M.

-Plano, a escala axeitada e con coordenadas U.T.M., no que se localicen os lugares seleccionados para a realización dos acopios de terra vexetal, conforme o punto 3.1 e 3.2 da presente declaración.

-Plano a escala axeitada e dotado de coordenadas U.T.M., das balsas de decantación e mais da canle perimetral, de acordo co establecido no punto 2.2 da presente DIA.

-Modificación do orzamento de restauración da superficie afectada pola explotación, incluíndo as medicións e valoración, segundo prezos actuais de mercado, de tódalas unidades de obra e tendo en conta a aplicación das medidas correctoras e protectoras ambientais que se deriven da aplicación da presente DIA.

A avaliación desta documentación será obxecto dunha resolución que será comunicada por esta dirección xeral ó órgano substantivo para os efectos oportunos.

9. Condicións adicionais.

9.1. Para efectos de seguimento da presente DIA, o promotor comunicará ó órgano ambiental, a través do órgano substantivo, a data de notificación da DIA ó promotor.

9.2. A proposta do aval que deberá fixa-lo órgano substantivo, para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e para facer fronte ós posibles danos que produzan ó medio, segundo o disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, será de 8.000.000 de ptas./ha, que para a superficie de actuación considerada (12,5 ha) ascende á cantidade de cen millóns de pesetas (100.000.000 de ptas.).

9.3. O promotor comunicará ante esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de comezo da explotación.

9.4. As condicións indicadas nesta DIA son de obrigado cumprimento para o promotor, sen embargo, a empresa promotora poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta DIA co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves deficiencias para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na actividade industrial, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican.

Nesta circunstancia, a empresa promotora solicitarao, nun prazo máximo de tres meses, de lle ser notificada a presente DIA polo órgano substantivo á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado á empresa promotora.

9.5. Se unha vez emitida esta DIA se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico, sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e se corrixan estas.

9.6. Do mesmo xeito, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor dos labores de restauración previstos será causa suficiente para que se proceda ó peche cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

9.7. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes para levar a cabo a actividade ou modificacións nela. En materia urbanística, o proxecto estará ó abeiro do disposto na Lei 1/1997, do solo de Galicia.

9.8. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 1998.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resume do proxecto

O proxecto mineiro consiste nunha explotación de arxilas a ceo aberto, no termo municipal de Mesía (A Coruña), mediante bancos de 4 m de altura media (espesor da capa de arxila extraíble), e 20 m de largo de oco parcial e cunha pendente de noiros de 1/1 (H/V).

Non se instalará ningún equipamento de tratamento de arxilas, xa que estas se transportarán á fábrica de cerámica propiedade do promotor.

A superficie total de explotación é de 150.000 m, dos cales 25.000 se destinarán a protección de camiños e do regueiro que circula pola explotación.

Estímase unha producción anual de 100.000 tm/ano e unha vida da explotación de 10 anos.

A restauración do terreo obxecto de explotación terá lugar anualmente ó longo de 10 anos. A última fase comezará unha vez finalizados os labores de extracción, procedéndose á restauración do derradeiro oco de explotación, recuperación das balsas de decantación, canles perimetrais e a rede de foxos.

ANEXO II

Resultado das consultas realizadas

Do contido dos informes recibidos cabe destaca-las seguintes consideracións:

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais emite informe favorable a este estudio ambiental.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo considera que:

-Non existe ningún inconveniente en que se leve a cabo a explotación sempre que se leven a cabo as medidas correctoras e o plan de restauración que figuran no estudio.

-Dispoñerase dunha pantalla arbórea visual ó longo do perímetro das zonas de extracción antes de comezar esta.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural destaca a inexistencia de informes baseados en traballos de campo relativos ó impacto sobre o patrimonio arqueolóxico polo que se considera conveniente a realización dun estudio específico do impacto da explotación sobre o patrimonio histórico, onde sexan establecidas as posibles afeccións neste patrimonio. O estudio incluirá unha prospección arqueolóxica levada a cabo por técnicos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 20 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes emite informe favorable a este estudio de impacto ambiental.

A Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio emite informe favorable do referido estudio e considera necesaria a recollida nas condicións dos seguintes puntos:

-Ámbito territorial da declaración (1,5 ha das que se destinarán a extracción 1,25 ha) destinadas ás actuacións mineiras de explotación de arxilas, control dos niveis de emisión de partículas sólidas, o disposto na I.T.C. 07.1.03 sobre vías e pistas; respecto da vexetación do contorno; adecuada xestión

dos residuos e cumprimento do disposto na Lei 20/1986 e R.D. 833/1988, en materia de aceites usados e graxas.

A Coruña, 21 de decembro de 1998.

Jesús Espada Martínez

Delegado provincial da Coruña