Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 20 de xaneiro de 1999 Páx. 671

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 1998 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de catro bolsas de colaboración en proxectos que se están a desenvolver no Arquivo da Emigración Galega no Consello da Cultura Galega, e se anuncia a súa convocatoria.

O artigo 6 da Lei 8/1983, do 8 de xullo, na súa alínea b), establece que compete ó Consello da Cultura Galega investigar e valora-las necesidades culturais do pobo galego.

Dentro do plan de actividades do Consello da Cultura Galega para 1998 figura a convocatoria pública de bolsas de investigación para realizar proxectos sobre diversos aspectos da cultura galega.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas ó Consello da Cultura Galega na Lei 8/1983, do 8 de xullo, que desenvolve o artigo 32 do Estatuto de autonomía.

Na súa virtude, apróbanse as seguintes:

Bases.

Primeira.-Obxecto.

O concurso ten por obxecto a adxudicación de catro bolsas de colaboración nos proxectos que se están a desenvolver no Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega.

Segunda.-Contía das bolsas.

As bolsas constan dunha asignación mensual coa retención fiscal que corresponda, que será incompatible con calquera outra axuda ou actividade remunerada.

A contía especifícase no anexo I.

Para o gasto que se proxecta habilitarase o crédito suficiente na partida orzamentaria 03.01.111D.480.0, por unha contía máxima total de 2.160.000 ptas., correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999.

Terceira.-Duración.

A especificada no anexo I.

A data de incorporación ó centro será dentro dos dez días seguintes ó da notificación da adxudicación. O bolseiro que non se incorpore no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida,

salvo causa xustificada de atraso apreciada polo coordinador científico, quen llo comunicará á Comisión Executiva.

As bolsas poderanse prorrogar ata un máximo de tres anos, incluído o período inicial, á vista do traballo realizado polo bolseiro, sempre que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

Cuarta.-Requisitos xerais.

a) Ser español ou pertencer a un país membro da Unión Europea.

b) Ser titulados superiores.

c) Posuír coñecementos de lingua galega.

d) Non ter sido separado do servicio de ningunha Administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se xunta como anexo, anexo II, irán dirixidas ó presidente do Consello da Cultura Galega e entregaranse na sede do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, praza do Obradoiro, 15705 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación da presente convocatoria no DOG, acompañadas da documentación seguinte:

-Certificación académica persoal completa.

-Currículum vitae, acompañado de cantos documentos poidan avalalo.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada pola que se compromete a renunciar, se fose seleccionado, á percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas, e tamén de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

Sexta.-Selección.

A comisión cualificadora estará formada por dous membros da Comisión Executiva e un membro do Arquivo da Emigración Galega.

A comisión cualificadora poderá comprobar se os solicitantes posúen suficientes coñecementos de lingua galega para desempeña-la súa función.

Ademais do exame da documentación presentada, a comisión poderá convoca-los solicitantes a unha entrevista persoal.

O presidente da comisión proporalle ó presidente do Consello da Cultura Galega a relación de candidatos seleccionados para o seu nomeamento.

Sétima.-Obrigas.

Os bolseiros desenvolverán o seu labor nos lugares e horarios establecidos no anexo I.

O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nas presentes bases suporá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades xa cobradas.

A condición de bolseiro non dará lugar a relación laboral nin administrativa co Consello da Cultura Galega.

Oitava.

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Novena.-Pagamento da bolsa.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente, logo do informe do director de investigación, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 1998.

Carlos Casares Mouriño

Presidente do Consello da Cultura Galega

ANEXO I

Catro bolsas para colaborar no programa do Arquivo

da Emigración Galega

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no programa do Arquivo da Emigración Galega, que se está desenvolvendo no Consello da Cultura Galega.

Duración: 6 meses.

Contía: 90.000 ptas./mes.

Requisitos específicos dos solicitantes: para a concesión das bolsas á que se refire a presente convocatoria, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta convocatoria, valoraranse os seguintes méritos:

-Ser licenciado universitario, no ámbito das ciencias sociais e das humanidades.

-Posuír coñecementos de informática, biblioteconomía e arquivística, etc...

-Ter experiencia investigadora preferentemente no ámbito dos estudios migratorios.

-Lugar e xornada de traballo: Consello da Cultura Galega, centros de documentación de Galicia.

-Xornada de traballo: horario de mañá e tarde.