Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 19 de xaneiro de 1999 Páx. 650

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CERCEDA

RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 1998 polo que se sinala a data para o levantamento das actas previas á ocupación e se somete a información pública a relación de propietarios afectados polas obras de pavimentación de rúas en Cerceda.

As obras citadas no encabezamento da presente resolución encóntranse incluídas no programa das obras que se van realizar con cargo ó programa orzamentario 97/511.600.000, co nº 1 (Ref. 1881) do 18 de marzo de 1997.

Polo acordo do Concello de Cerceda, na sesión celebrada o día 29 de setembro de 1994, aprobouse o proxecto das obras de pavimentación de rúas en Cerceda.

Polo Decreto 167/1997, do 5 de xuño, da Xunta de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 128, do 4 de xullo) declárase urxente para efectos de aplicación do procedemento que regula o artigo 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 a ocupación de bens e dereitos afectados polo referido proxecto.

Para tal efecto convócanse os propietarios e titulares de bens e dereitos afectados, que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do concello, para que comparezan no lugar, día e hora que se detalla a continuación, co fin de proceder ó levantamento das actas previas á súa ocupación, que recollerán os datos necesarios para a determinación dos dereitos afectados, os seus titulares e o valor daqueles, sen prexuízo de se trasladaren ó lugar dos predios se o considerasen necesario.

Concello de Cerceda:

Lugar: o levantamento de actas será no salón da Casa do Concello de Cerceda.

Día: 12 de febreiro de 1999 de 12 a 12.30 horas.

Ó devandito acto deberán acudi-los titulares afectados persoalmente ou ben representados por persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, e presentarán os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contribución, podendo acompañarse, pola súa conta, se o coidan oportuno, dos seus peritos e un notario.

Así mesmo, e en cumprimento do establecido no artigo 56 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, ábrese información pública durante o prazo de quince (15) días naturais, contados a partir do seguinte da publicación no Diario Oficial de Galicia ou ata o momento do levantamento da acta previa a ocupación correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante este concello, sito na Avda. Mesón, 21, Cerceda (A Coruña), as alegacións que consideren pertinentes co obxecto de emendar posibles erros que se producisen ó relaciona-los bens afectados pola urxente ocupación.

Cerceda, 25 de novembro de 1998.

José García Liñares

Alcalde