Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 19 de xaneiro de 1999 Páx. 608

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de xaneiro de 1999 pola que se convocan axudas económicas para os proxectos e os traballos dos equipos de normalización lingüística dos centros públicos que imparten ensinanzas de educación infantil, especial, de adultos, primaria, secundaria e formación profesional.

A Administración educativa de Galicia garante que os alumnos, conforme van acabando cada un dos ciclos nos que o ensino do galego é obrigatorio, vaian acadando un dominio, oral e escrito, similar dos idiomas galego e castelán, tal e como determina o artigo 14.3º da Lei 3/1983, de normalización lingüística.

Para poder conseguir iso, esta mesma lei encoméndalle á Xunta de Galicia a regulamentación no ensino do uso desas dúas linguas oficiais en Galicia. Esa regulamentación está establecida no Decreto 247/1995, do 14 de setembro.

Como órgano impulsor e dinamizador das medidas necesarias para levar a cabo o que dispón ese decreto e, consecuentemente, para conseguir que os alumnos acaden o dominio do galego que establece a Lei de normalización lingüística cada centro ten que constituír un equipo de normalización lingüística. Este equipo é o que recollen os decretos 324/1996, do 26 de xullo (DOG do 9 de agosto) e 374/1996, do 17 de outubro (DOG do 21 de outubro), polos que se aproban os regulamentos orgánicos dos institutos de educación secundaria e das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, respectivamente, decretos que foron desenvolvidos, tamén respectivamente, polas ordes do 1 de agosto e do 22 de xullo de 1997 (publicadas no DOG do 2 de setembro).

Por todo isto, e para axudar a que eses equipos poidan levar a cabo aqueles proxectos extraordinarios que incidan na promoción do galeo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

1. Convócanse axudas económicas destinadas a contribuír ó financiamento daqueles proxectos extraordinarios que incidan na promoción do galego que realicen no ano 1999 os equipos de normalización lingüística dos centros públicos que imparten ensinanzas de educación infantil, especial, de adultos, primaria, secundaria e formación profesional de Galicia. Estes equipos son os constituídos de acordo co establecido nos decretos 324/1996 e 374/1996.

2. Os proxectos e os traballos para os que se solicite axuda serán os contidos na programación anual de actividades elaboradas e aprobadas por cada centro para acada-los obxectivos recollidos nos plans específico e xeral para o uso do idioma galego (artigos 83 e 64 dos decretos 324/1996 e 374/1996, respectivamente).

3. As axudas financiaranse con cargo á aplicación 07.06.353F.226.14 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999, por unha contía máxima de 85.222.000 pesetas.

Artigo 2º

As axudas destinaranse preferentemente a:

1. A adquisición de material bibliografico, fonográfico, videográfico, informático e lúdico-didáctico impreso, gravado ou elaborado en galego.

2. Os gastos de material necesarios para:

a) A organización de programas e actividades en galego que teñan como finalidade o fomento do uso da lingua propia de Galicia entre os distintos compoñentes da comunidade educativa do centro.

b) A elaboración e/ou a disposición dos materiais pedagóxicos precisos:

-Para apoio nas áreas ou materias que se deben impartir en galego segundo o preceptuado no Decreto 247/1995 e mais aqueloutras que tamén se impartan en galego de acordo co especificado no proxecto curricular do centro.

-Para a elaboración de proxectos que incidan na promoción do galego nas diferentes etapas educativas (entre outros, a realización de prensa escolar en galego).

-Para as adaptacións curriculares que posibiliten a integración lingüística daqueles alumnos, caso de que os haxa no centro, ós que se lles concedese a exención na materia de lingua galega.

Artigo 3º

1. Para acceder a estas axudas será necesario que o equipo de normalización lingüística estea formalmente constituído segundo o disposto nos artigos 82 do Decreto 324/1996 e 63 do Decreto 374/1996, e que o seu programa de actividades fose aprobado polo centro e enviado canda a programación xeral anual á Inspección educativa.

2. Non se lles poderá conceder axuda económica ningunha a aqueles centros que non xustificasen debidamente as axudas que lles fosen concedidas para o ano académico 1997/1998 ó abeiro da Orde do 11 de decembro de 1997 (DOG nº 9, do 15 de xaneiro de 1988), ou que non cumpran o sinalado no artigo 4º.4 desta orde.

En canto ó disposto nos puntos 1 e 2 deste artigo, será a Inspección educativa a que lle presente á correspondente comisión avaliativa citada no artigo 5º desta orde o informe relativo a cada centro.

Artigo 4º

1. O prazo de presentación das solicitudes rematará o 10 de febreiro de 1999.

2. As solicitudes realizaranse utilizando o formulario que figura como anexo a esta orde. Irán asinadas polo coordinador do equipo de normalización lingüística, co visto e prace do director do centro, e mandaranse á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente, sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Canda a solicitude presentarase un proxecto, asinado polo coordinador do equipo de normalización lingüística, co visto e prace do director do centro, no que se especifiquen, englobándoas no punto correspondente do artigo 2º, as actividades previstas para acada-los obxectivos que figuran nos plans específico e xeral para o uso do galego. Con cada unha das accións terá que figura-la súa cuantificación eocnómica. No caso das actividades de prensa escolar, considerarase como mérito preferente o feito de que esas actividades se levasen a cabo tamén no ano académico 1997/1998. Se se dá esa circunstancia, deberase achegar canda a solicitude un exemplar de cada un dos números editados.

4. Tanto na elaboración do proxecto coma na realización das actividades previstas para levalo á práctica, utilizarase o idioma galego coa calidade e coa corrección ortográfica e morfolóxica establecidas na normativa vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística, e Decreto 173/1982, sobre normalización da lingua galega).

Artigo 5º

Para o exame e a avaliación das solicitudes constituirase en cada delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria una comisión integrada por:

-O delegado provincial, que a presidirá.

-Un representante do Servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega, da Dirección Xeral de Política Lingüística.

-Un inspector ou inspectora de educación.

-O xefe do Gabinete de Normalización Lingüística.

-Un funcioanrio ou funcionaria da delegación provincial, que actuará de secretario.

Unha vez examinadas e avaliadas as solicitudes, as comisións presentaranlle as propostas de concesión ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o cal resolverá.

Artigo 6º

1. Antes do 30 de xuño de 1999, cada equipo, coa conformidade da dirección do centro, terá que lles remitir ós gabinetes de normalización lingüística das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria una memoria das actividades realizadas durante o ano académico 1999, para as que se lle concedeu a axuda, e as facturas orixinais, expedidas ó nome do propio centro educativo, correspondentes ós gastos de material ocasionados pola súa realización por un importe igual ó da axuda concedida. Se a axuda fose destinada para a elaboración de materiais que resultasen impresos ou gravados, especialmente prensa escolar, cumprirá, ademais, presentar unha mostra de cada un deses materiais.

2. A non entrega das memorias e dos xustificantes de gasto ós que fai referencia o punto 1 deste artigo 6º no prazo sinalado poderá ser causa de revogación da axuda concedida e producirá como efecto a non concesión de axuda para o ano académico seguinte, procedendo o centro ó reintegro da cantidade precibida, sen prexuízo das responsabilidades que se poidan esixir.

3. O seguimento e a avaliación dos traballos para os que se lles conceden as axudas ós equipos, e a verificación do cumprimento do establecido nos plans específico e xeral paa o uso do galego nos centros levaraos a cabo a Inspección educativa, consonte o disposto nos artigo 11 do Decreto 247/1995.

Artigo 7º

O pagamento das axudas concedidas farao a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través das súas delegacións provinciais, xustificando posteriormente tales pagamentos cada unha das delegacións coa documentación especificada no artigo 6º.

Disposición derradeira

1. Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

2. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria