Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 18 de xaneiro de 1999 Páx. 554

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 1998, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Confraría de Pescadores de Ribeira.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Confraría de Pescadores de Ribeira que tivo entrada nesta delegación provincial o día 2-12-1998, subscrito en representación da parte económica pola empresa e, da parte social polo delegado de persoal o día 9-11-1998, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de fucións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións economómica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 9 de decembro de 1998.

P.S. (Decreto 227/1998, do 10 de xullo)

María Silva Costoya

Secretaria provincial da Coruña

Convenio colectivo da Confraría de Pescadores

de Ribeira

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio colectivo aplicarase a tódolos traballadores non funcionarios da entidade Confraría de Pescadores de Ribeira, independentemente da súa categoría profesional.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

A vixencia será de tres anos, contando desde o 1 de xaneiro de 1998 ata o 31 de decembro do 2000. Durante a súa vixencia, non poderá ser afectado por ningún convenio de ámbito distinto.

Artigo 3º.-Denuncia e prórroga.

Chegado o final da súa vixencia, este convenio colectivo prorrogarase tacitamente ano por ano, a non ser que medie denuncia coa antelación mínima dun mes por calquera das partes.

Artigo 4º.-Retribucións salariais.

As retribucións salariais por categoría e mes para o ano 1998 son as que se especifican nas táboas salariais anexas.

Os incrementos para os anos 1999 e 2000 serán iguais ó incremento do IPC máis un 1%.

Artigo 5º.-Complemento de antigüidade.

O complemento de antigüidade consistirá en trienios aboados ó 7% sobre do salario base que corresponda a cada categoría profesional.

Artigo 6º.-Gratificacións extraordinarias.

Tódolos traballadores e traballadoras da empresa terán dereito a dúas gratificacións extraordinarias ó ano, que se chamarán de Nadal e verán.

Cada unha delas será igual a unha mensualidade de salario base máis os complementos persoais correspondentes, e aboaranse antes do 15 de xullo a do verán e o 15 de decembro a do Nadal.

Os traballadores que cesen no transcurso do semestre correspondente recibirán a parte proporiconal que corresponda en función da permanencia na empresa.

Artigo 7º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 40 horas semanais.

Artigo 8º.-Horas extraordinarias.

Acórdase reducir ó máximo a realización de horas extraordinarias, mediante dúas medidas básicas:

a) Unha organización e racionalización adecuada do traballo.

b) A súa conversión, na medida do posible, en postos de traballo, xa for en xornada completa ou parcial.

Cando a súa realización sexa imprescindible aboaranse coas seguintes recargas:

As realizadas de luns a venres, máximo 2 por día, aboaranse a razón de 500 pesetas/hora.

As realizadas en sábados, aboaranse cunha recarga do 85% sobre do valor da hora ordinaria de traballo.

As realizadas en días festivos ou domingos, aboaranse cunha recarga do 160% sobre do valor da hora ordinaria de traballo.

Artigo 9º.-Vacacións.

Tódolos traballadores e traballadoras gozarán dun período de 30 días naturais, retribuídas a salario real.

O patrón maior elaborará, de mutuo acordo co delegado sindical, un calendario de vacacións anual, antes do 31 de marzo de cada ano, que se expoñerán no taboleiro de anuncios.

Artigo 10º.-Plus de perigosidade.

Establécese un plus de perigosidade para os gardas xuramentados, consistente nun 14% sobre do salario base mensual, sempre que desenvolvan o seu labor en xornada nocturna.

Artigo 11º.-Licencias retribuídas.

Os traballadores e traballadoras terán dereito a licencias retribuídas nos seguintes casos:

a) Casamento do traballador/a, 16 días naturais.

b) Nacemento de fillo/a, 3 días.

c) Morte do cónxuxe, fillos, pais, pais políticos, e demais familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, 3 días. Se se precisase por tales causas facer un desprazamento, o total da licencia sería de 5 días naturais.

d) Para acudir ó médico con fillos ou fillas menores de idade, polo tempo necesario e coa debida xustificación.

e) Acudir á consulta médica o interesado ou interesada, polo tempo imprescindible, sempre con xustificante médico.

Artigo 12º.-Percepcións en situación de incapacidade temporal.

Os traballadores e traballadoras en situación de incapacidade temporal motivada por enfermidade ou accidente laboral, percibirán unha retribución igual ó 100% das percepcións á que teña dereito en situación de activo.

Artigo 13º.-Seguridade e hixiene no traballo.

A empresa está obrigada a adoptar tódalas medidas de seguridade e hixiene no traballo que legalmente están establecidas.

Os traballadores e traballadoras gozarán dos seguintes dereitos:

-Persoal que traballe ante pantallas de ordenador: dereito a unha revisión médica anual, en especial co oculista.

-Persoal da lonxa: terán dereito a un uniforme consistente en chaqueta e pantalón co emblema Confraría de Pescadores de Ribeira e un distintivo co nome do poxador.

-Comisión paritaria: a comisión paritaria será un órgano de interpretación, vixilación e arbitraxe. Quedará constituída polo patrón maior en representación da empresa, e máis o delegado sindical, en representación dos traballadores e traballadoras.

ANEXO

Táboas de salarios ano 1998

Categoría profesionalSalario base mes

Lonxeiro192.554 ptas.
Auxiliar lonxeiro100.000 ptas.
Oficial 1ª administrativo126.967 ptas.
Auxiliar administrativo113.505 ptas
Guarda xuramentado141.797 ptas.
Lonxeiro a tempo parcial49.920 ptas.
Aspirante auxiliar administrativo90.804 ptas.

0067