Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 18 de xaneiro de 1999 Páx. 543

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 4 de xaneiro de 1999 pola que se establece a obriga de levar un libro de rexistro de socios nas confrarías de pescadores de Galicia.

A existencia dun número importante de socios en cada unha das confrarías de pescadores de Galicia e a diversidade e situacións persoais e sociais deles aconsellan levar dentro de cada confraría un libro de rexistro de socios de xeito que permita o coñecemento puntual de cál é o número de membros asociados en cada momento, as obrigas, os anos de antigüidade na confraría, etc.

Levar este control permitirá, ademais, facilitar e axiliza-los procesos electorais e evitar que formen parte deles persoas que non reúnan os requisitos fixados nas disposicións legais, pois será o libro de rexistro de socios o que resolva calquera dúbida ó respecto.

Coa aprobación do Decreto 79/1998, do 12 de febreiro, polo que se regula a estructura, organización e funcionamento das confrarías de pescadores de Galicia, deuse un paso máis na organización das confrarías e na adecuación do seu funcionamento ós principios democráticos e de organización interna básicos. Organización e funcionamento que é preciso ir artellando dun xeito progresivo que facilite a ade

cuación á nova realidade que lle toca vivir a estas corporacións, inspirada sobre toda unha base de transparencia e igualdade que garanta o coñecemento exacto dos membros que integran esa corporación e a actividade desenvolvida por eles, a súa adicación, idade, etc., que facilitará a elaboración de estudios socieconómicos que axuden a avanzar no coñecemento do sector.

Por todo iso, considérase oportuno establece-la obriga de levar un libro de rexistro dos socios nas confrarías de pescadores.

Na súa virtude, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

As confrarías de pescadores de Galicia están obrigadas a levar un libro de rexistro dos seus socios nos que se inscribirán tódalas persoas físicas ou xurídicas que teñan ou accedan a tal condición.

Artigo 2º

De conformidade coa lexislación vixente, tódolos socios da confraría terán acceso ó libro de rexistro nas condicións que dispoña o Cabido, a excepción dos datos relativos á intimidade dos socios, neste caso o dereito de acceso limitarase a estes.

Artigo 3º

A inscrición no libro farase de oficio unha vez acordada a alta ou unha vez resolta a baixa de cada socio. Esta inscrición será levada a cabo polo encargado da custodia do libro.

Artigo 4º

O libro de rexistro constará de dúas seccións:

1. De traballadores: nesta sección inscribirase toda persoa física que reúna os requisitos legais fixados para acceder á condición de socio dunha confraría e no que necesariamente deberá constar:

Número de orde ou número de socio.

Data da solicitude.

Data de alta.

Identificación persoal na que constará nome, apelidos e DNI.

Enderezo, localidade e teléfono.

Clase de título administrativo habilitante.

Data de baixa.

Observacións.

2. De empresarios: nesta sección inscribirase toda persoa física ou xurídica que reúna os requisitos legais fixados para acceder á condición de socio dunha confraría e na que necesariamente deberán consta-los datos fixados no punto anterior, debéndose engadi-lo número de tripulantes e nome, matrícula e folio de embarcación.

Artigo 5º

A responsabilidad de levar custodia e depósito do libro recaerá na persoa ó servicio da confraría designada para tales efectos polo cabido de cada confraría.

Artigo 6º

A inscrición farase por rigorosa orde de entrada e admisión de socio, e non poderán quedar espacios en branco nin haber riscaduras ou emendas, en folios debidamente numerados e dilixenciados pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

O encargado do libro de rexistro expedirá certificación do libro a cada socio que o solicite, limitándose a facer consta-la data de alta ou de baixa, así como a clase de título administrativo habilitante que posúe.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os actuais socios de cada confraría inscribiranse no libro de rexistro en primeiro lugar.

Segunda.-No prazo máximo de dous meses contados a partir da data de publicación da presente orde, tódalas confrarías deberán te-lo dito libro debidamente actualizado e en funcionamento, recollendo a totalidade dos socios.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e cumprimento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 1999.

P.D. (Orde 17-12-1997, DOG nº 246 do 22)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura