Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 15 de xaneiro de 1999 Páx. 488

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 30 de decembro de 1998 pola que se regulan axudas para mantemento, realización de programas e investimentos destinados á prestación de servicios sociais polas corporacións locais e á eliminación de barreiras de comunicación.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais para Galicia, recolle, no seu artigo 74.1º e 74.2º, a obriga de incluír anualmente na redacción dos seus orzamentos as contías necesarias para lles facer fronte ós gastos derivados do exercicio das competencias que o artigo 26 da presente lei lle atribúe á Administración autonómica, así como nos artigos 75, 76 e 77 a obrigatoriedade por parte das deputacións e concellos de estableceren nos seus orzamentos unha partida específica destinada ó mantemento dos servicios sociais.

O Parlamento de Galicia aprobou a Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, prevendo unhas axudas e subvencións da dita Comunidade Autónoma, ós entes locais para programas de actuación recollidos na citada lei.

De conformidade co Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, polo que se fixa a estructura orgánica da consellería, correspóndenlle a esta competencias en materia de servicios sociais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ó capítulo IV e VII dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, unha vez aprobado o proxecto de orzamentos polo Consello da Xunta de Galicia.

Na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999 establécense os requisitos xerais para as subvencións que concederá esta Administración autonómica.

A presente orde de convocatoria de axudas adaptarase á Lei 11/1992, do 7 de outubro (Art. 78), atendendo, en todo caso, ós principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Con este fin, no devandito proxecto de lei de orzamentos, nas aplicacións:

11.03.212A.460.0

11.03.212A.463.0

11.03.212A.761.0

11.03.212A.760.0

11.03.212D.460.0

11.03.212D.760.0

Existen partidas orzamentarias adecuadas á contía total consignada nelas, para as subvencións que se

establecen no articulado da presente orde, que se concederán tendo en conta, en todo caso, o límite das dispoñibilidades orzamentarias.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. A presente orde de axudas ten por obxecto o financiamento total ou parcial dos seguintes servicios sociais que presten as corporacións locais:

1.1. Servicios sociais de atención primaria (comunitarios), que constituirán o nivel máis próximo ó usuario e ó seu ambiente familiar e social, desenvolven programas e prestan axudas favorecedoras da participación, integración e benestar social das persoas ou grupos dentro do seu medio comunitario e que se prestan nos seguintes equipamentos (centros):

a) Centros de servicios sociais.

b) Centros de acollida.

c) Albergues.

d) Cantos outros poidan ser de utilidade para o traballo social de atención primaria.

Dentro das actividades que se desenvolverán nos ditos centros de servicios sociais ou servicios sociais de base, serán obxecto de financiamento prioritario os seguintes programas básicos de actuación: información, orientación e asesoramento; de axuda no fogar e apoio á unidade de convivencia; de prevención e inserción social; de aloxamento alternativo; de fomento de cooperación social e todos aqueles que se poidan levar a cabo desde o primeiro nivel de atención.

1.2. Servicios sociais de atención especializada, dirixidos a sectores da poboación con problemáticas definidas, que precisen dun tratamento particular ou dunha prestación específica e non se poidan resolver desde os servicios sociais de atención primaria, sendo os seguintes a título enunciativo:

a) Servicios e equipamentos na área das minusvalideces.

b) Servicios e equipamentos na área da vellez.

c) Servicios e equipamentos na área da drogodependencia e alcoholismo.

d) Servicios e equipamentos na área para a prevención da delincuencia.

e) Aqueloutros que respondan de forma estable a situacións carenciais de colectivos específicos.

1.3. Programas de eliminación de barreiras arquitectónicas.

2. A solicitude, tramitación e concesión de axudas obxecto da presente orde axustarase ó disposto na

Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, ó proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999 e á orde da Consellería de Economía e Facenda, do 2 de xuño de 1986, modificado pola Orde do 18 de outubro de 1991.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicita-las axudas que se regulan nesta orde as corporacións locais que desexen implantar ou xa teñan a titularidade dos centros ou servicios que se mencionan no artigo anterior.

Artigo 3º.-Tipos de axudas.

Os tipos de axudas que se poderán solicitar son os seguintes:

a) De mantemento.

-De servicios sociais de atención primaria.

-De servicios sociais de atención especializada.

b) De realización de programas básicos de actuación.

-De carácter comunitario, destinados á poboación en xeral.

-De carácter especializado, dirixidos a sectores específicos ós que se refire o artigo 1.2º da presente orde.

c) De investimento.

-De eliminación de barreiras arquitectónicas e de comunicación.

-De adquisición de inmobles.

-Construcción de nova planta.

-Reforma, ampliación ou mellora de edificios e instalacións.

-Equipamento e mobiliario.

Artigo 4º.-Normas xerais sobre subvencións.

a) A concesión das axudas reguladas pola pesente orde, a criterio da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, poderase suxeitar á formalización dun convenio coa corporación local beneficiaria, logo da solicitude desta no prazo de presentación dos proxectos. O texto do citado convenio figura como anexo III da presente orde.

b) Para os conceptos de mantemento e realización de programas, a subvención poderá significa-lo financiamento total ou partical do gasto sen que, en ningún caso, implique duplicidade, de tal forma que a suma das subvencións concedidas por todo tipo de organismos públicos ou privados e percibidas coa mesma finalidade, non supere o 100% do importe total do gasto efectuado. Para o efecto de comprobar tal extremo, a entidade subvencionada queda obrigada a pór en coñecemento do órgano competente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para concede-la subvención o importe doutras axudas para igual fin outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados.

c) Para as subvencións correspondentes a equipamento e mobiliario, establécese que a non adscrición delas ás finalidades para as que foron solicitadas suporá a devolución do importe concedido.

d) As respectivas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais prestarán o apoio e asesoramento técnico necesarios e coordinarán as actuacións das corporacións locais da provincia, coa finalidade de que os proxectos que presenten sexan viables.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes formularanse nos modelos oficiais que se facilitarán na Dirección Xeral de Servicios Sociais, nas delegacións provinciais ou servicios comarcais, se é o caso, da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, así como en calquera das oficinas de información administrativa e atención ó cidadán da Xunta de Galicia, conforme os anexos I e II para os servicios sociais de atención primaria e de atención especializada, respectivamente.

As axudas para servicios sociais de atención primaria efectuaranse nunha única solicitude, incluídas as derivadas da prórroga establecida na disposición adicional primeria á que se xuntará unha memoria individualizada para cada un dos servicios, programas e investimentos para os que se solicite a subvención.

As axudas referidas a servicios sociais de atención especializada articularanse, así mesmo, nunha única solicitude, que deberá ir acompañada dunha memoria por cada programa que se vai desenvolver nos distintos sectores de poboación para os que se solicita atención.

Á devandita documentación xuntaráselle ademais:

a) Certificación da contía que achega a corporación local (ou corporacións locais no caso de comparti-lo servicio) ó mantemento e desenvolvemento dos servicios sociais de atención primaria financiados a través do plan concertado e certificación da contía que achega ós servicios sociais de atención especializada para o ano 1999 tendo en conta, en todo caso, o disposto nos artigos 75 e 77 da Lei de servicios sociais.

b) Certificado de acordo da corporación local de solicita-la subvención e, no caso de prórroga, de que continúa na prestación dos servicios nas mesmas condicións do ano anterior, para garanti-la non suspensión dos programas e prestacións dos servicios sociais, ó longo do ano. Para a subvención de axuda a domicilio deberase de remiti-lo regulamento municipal elaborado para o efecto.

c) Ficha de solicitude de transferencia bancaria xunto coa certificación bancaria das contas correntes nas que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida.

3. No suposto de solicitudes nas que se inclúan gastos de investimento, xuntarase, ademais, a seguinte documentación:

a) Adquisición de bens inmobles:

-Certificado do concello no que acredite participar como mínimo, cun 30% do orzamento total da obra que se vai realizar.

-Certificado do Rexistro da Propiedade no que se acredite que o inmoble obxecto da adquisición está libre de cargas, así como a titularidade deste por parte do vendedor.

-Documento de opción de compra, no que se indicará a data de caducidade da devandita opción, así como o seu prezo.

b) Construción, reforma e adecuación:

-Certificado do concello no que se acredite participar como mínimo, cun 30% do orzamento total da obra que se vaia realizar.

-Certificado do concello que acredite o dominio do solicitante sobre o inmoble ou, se este é alugado ou cedido, certificado do propietario no que se fagan consta-las condicións nas que se efectuou esta, e a súa conformidade coas obras que se pretende realizar.

-Certificado do concello correspondente no que se faga constar que os plans urbanísticos aprobados e as ordenanzas municipais en vigor permiten a realización da obra que se proxecta.

-Memoria e orzamento da obras que se van realizar. No caso de eliminación de barreiras arquitectónicas e de comunicación, xustificarase o cumprimento do disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Equipamento:

-Orzamento das adquisicións que se pretendan realizar.

Artigo 6º.-Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

Artigo 7º.-Lugar de presentación das solicitudes e documentación.

A solicitude e maila documentación requirida presentarase por exemplar duplicado, de conformidade cos modelos normalizados, nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, sen prexuízo da resolución ulterior do expediente polos órganos provinciais ou centrais competentes, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Tramitación de expedientes.

1. Os órganos responsables da tramitación dos expedientes comprobarán que estes reúnen tódolos requisitos recollidos na presente orde e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados cantos datos, documentos complementarios e aclaracións consideren necesarios para poder resolve-lo expediente, co apercibimento de que, se así non o fixesen nun prazo de 10 días, considerarase que desistiron da súa petición, arquivándose sen máis trámite segundo o disposto no artigo 76 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procecemento administrativo común.

2. Unha vez revisados e completados, os expedientes seranlles remitidos á comisión central ou provincial de valoración, segundo se trate de solicitudes relativas a servicios sociais de atención primaria ou especializada, respectivamente.

3. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Na esfera central:

-Presidente: director xeral de Servicios Sociais.

-Vicepresidente: subdirector xeral de Acción Social.

-Vocais: dous funcionarios da dirección xeral designados polo conselleiro por proposta do director xeral de Servicios Sociais. Actuará como secretario un dos vocais.

-Poderá asistir un representante da Intervención delegada, con voz pero sen voto.

b) Na esfera provincial:

-Presidente: delegado provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

-Vicepresidente: xefe de área de Servicios Sociais.

-Vocais: dous funcionarios da área de Servicios Sociais designados polo delegado provincial. Actuará como secretario un dos vocais.

-Poderá asistir un representante da Intervención territorial, con voz pero sen voto.

4. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o seu presidente e, sempre que fose posible, o dito nomeamento deberá recaer nun funcionario do mesmo servicio có substituído.

5. A comisión de valoración terá en conta os criterios expresados no artigo 7 do Decreto 240/1995, do 28 de xullo, regulador da atención primaria. A comisión poderá aceptar a trámite as solicitudes que non acrediten o cumprimento do requisito expresado no primeiro lugar do artigo 5.3º, alíneas a e b, sempre que se xustifique adecuadamente, ó xuízo desta.

Artigo 9º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, dos servicios sociais de atención primaria, por proposta da comisión de valoración e unha vez fiscalizadas pola Intervención delegada, corresponderalle ó conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, dado que a rede pública municipal de servicios sociais de atención primaria financiada con cargo ó convenio-programa subscrito co Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais é de ámbito supraprovincial, debendo garantirse unhas prestacións mínimas en condicións de igualdade en todo o territorio da Comunidade Autónoma.

2. A resolución de axudas de servicios sociais de atención especializada por proposta da respectiva comisión provincial de valoración, logo de fiscalización pola Intervención territorial, corresponderalles ós delegados provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

3. As resolucións de concesión seranlles notificadas ás corporacións locais. Por outra parte, as ditas resolucións poderán ser modificadas ou ampliadas polo órgano competente ante calquera alteración das condicións que serviron de base para o seu outorgamento.

Artigo 10º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Unha vez dictada a resolución pola que se concede a subvención, procederase á xustificación e pagamento na forma que se indica a continuación, agás nos casos e convenios nos que se detalle con carácter específico.

1.1. Subvencións para mantemento e realización de programas.

Ó abeiro do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, e conforme o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 29 de decembro de 1998, o pagamento destas axudas poderá facerse en varios prazos:

a) O primeiro, do 30% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión. Para facer efectivo este anticipo, deberá presentarse certificado da corporación local da achega municipal, diferenciando a parte que corresponde á atención primaria da dos servicios especializados.

b) Ata o seguinte 50% da subvención sempre que se presente certificación emitida polo órgano competente de que os gastos realizados en persoal, mantemento, axuda a domicilio e realización de programas superan o 80% da cantidade concedida para cada concepto, salvo no caso de que nesta data se poida xustificar que o concello ten realizado un gasto igual ou superior á cantidade concedida para cada concepto; neste caso procederase ó aboamento do 100% da subvención tal como se especifica no punto seguinte.

c) O 20% restante, unha vez presentada polo concello certificación expedida polo órgano competente de que foi realizado un gasto igual ou superior á

axuda concedida en cada un dos conceptos subvencionados.

En todo caso, o concello deberá emitir nun prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación expedida polo órgano competente, acreditativa de que foi rexistrada na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando o destino final para o que foi concedida.

1.2. Subvención para gastos de investimento.

No suposto de subvencións para gastos de investimento, o pagamento e a xustificación efectuarase de acordo co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade para 1999. Deberá presentarse a seguinte documentación:

-Certificación emitida polo órgano competente da corporación local, sobre a realización do mencionado investimento e expresiva dos importes investidos ou executados na acción subvencionada.

2. En todo caso, as actuacións que se subvencionen deberán realizarse dentro do presente exercicio. Cando algunha das prestacións non se desenvolva na súa totalidade, por circunstancias que se terán que acreditar na xustificación correspondente, os remanentes de crédito que puidesen existir ó remate do exercicio quedarán adscritos ó mesmo programa de actuación, de forma improrrogable para o exercicio inmediato seguinte. Para subvencións de capital a data límite de xustificación do investimento é o 30 de novembro de 1999.

3. As corporacións locais beneficiarias de axudas quedan obrigadas a remitirlle á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no prazo dun mes desde que lle fosen requiridos, cantos informes e documentos se consideren precisos para acredita-lo cumprimento da finalidade obxecto da subvención concedida.

4. Así mesmo, as corporacións locais beneficiarias de axudas quedan obrigadas ó cumprimento dos requirimentos que se establezan en materia de coordinación sociosanitaria.

5. A falta de xustificación na forma e prazos sinalados ocasionará, ademais das responsabilidades a que dese lugar en dereito, a imposibilidade de prorroga-los proxectos para futuros exercicios.

Artigo 11º

A dirección xeral, a través do servicio correspondente e as delegacións provinciais, a través das xefaturas de área de servicios sociais, efectuarán o labor do seguimento dos proxectos aprobados, co fin de garantir que as prescricións contidas no convenio-programa para o desenvolvemento das prestacións básicas de servicios sociais sexan respectadas.

Disposicións adicionais

Primeira.-As subvencións outorgadas ós concellos para o mantemento dos servicios sociais de atención

primaria durante o exercicio de 1998 considéranse prorrogadas para o exercicio de 1999 conforme os seguintes termos:

a) A prórroga afectará ós gastos de persoal dos distintos servicios sociais de atención primaria (comunitarios) e ó programa de axuda a domicilio.

b) A contía referente ós gastos de persoal calcularase en función da concedida para o ano 1998, cun incremento igual ó sinalado nos artigos 9 e 11 do proxecto de Lei de orzamentos xerais para a Comunidade Autónoma de Galicia de 1999, respecto ó persoal ó servicio da citada comunidade.

c) A contía do programa de axuda a domicilio será a que resulte de multiplicar 150.000 ptas. polo número de unidades familiares atendidas e xustificadas no ano 1998, sen que, en ningún caso, o importe resultante supere o da subvención concedida no pasado exercicio para esta finalidade.

En todo caso, será necesaria para a concesión da axuda do ano 1999 a previa presentación da avaliación do ano 1998, segundo o modelo facilitado para o efecto, que segue as clasificacións e apartados que figuran nas fichas do Sistema de Información de Usuarios de Servicios Sociais (SIUSS).

Segunda.-A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins.

Terceira.-As entidades locais beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que poida acorda-la Consellería de Sanidade e Servicios Sociais así como ás de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na normativa do Consello de Contas.

Cuarta.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda ou do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o previsto no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Servicios Sociais para dicta-las normas que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 1998.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO III

Convenio de cooperación entre a Xunta de Galicia e o Concello de ... para a prestación de servicios sociais de atención primaria.

Reunidos:

Dunha parte, José María Hernández Cochón, conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, actuando en nome e respresentación da Xunta de Galicia, en virtude do seu cargo de conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para o que foi nomeado polo Decreto 349/1997, do 9 de decembro, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente.

E doutra,... con DNI..., en nome e representación do Concello de... e en exercicio das atribucións que lle confire o artigo 21 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, logo do acordo do pleno da corporación local asinante.

Ámbalas dúas partes recoñécense mutuamente competencia e capacidade suficiente para a formalización do presente convenio.

Manifestan:

l. Que a Xunta de Galicia, en virtude do establecido no artigo 27, apartados 23º e 24º, do Estatuto de autonomía para Galicia, ten asumida a competencia exclusiva no seu territorio no referente ás materias de asistencia social e desenvolvemento comunitario.

2. Que na Lei 4/1983, do 14 de abril, de servicios sociais, se definen os servicios sociais de atención primaria correspondéndolle á Xunta de Galicia a planificación xeral dos servicios sociais, a coordinación das actuacións coas administracións locais e destas entre si, así como coas demais entidades prestadoras de servicios sociais coa finalidade de atender de forma ordenada e global as necesidades, sacarlles rendemento ós recursos dispoñibles, garanti-la calidade na prestación dos servicios e evita-los desequilibrios territoriais.

3. Que segundo o Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, as competencias que ten atribuídas estatutariamente esta Comunidade Autónoma sobre servicios sociais, correspóndelle exercelas á devandita consellería a través da Dirección Xeral de Servicios Sociais.

4. Que a Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, establece no seu artigo 25 a posibilidade de que todo concello exerza nos termos da lexislación da Comunidade Autónoma competencias na prestación de servicios sociais e de promoción e reinserción social, sendo esa competencia de obrigado exercicio, segundo o que dispón o artigo 26 da devandita lei para os concellos de máis de 20.000 habitantes.

5. Que coa finalidade de garanti-las prestacións básicas de servicios sociais a toda a poboación, a Xunta de Galicia concertou coa Administración cen

tral un plan de dotación dunha rede de atención básica de servicios sociais das corporacións locais, mediante convenio-programa con data do 5 de maio de l988, no que se conteñen as estipulacións técnicas que deben reuni-los servicios sociais comunitarios.

6. Que é obxectivo compartido polos asinantes dotar da maior estabilidade o sistema. Que na actualidade o financiamento destes servicios se realiza nesta comunidade mediante subvencións anuais. Que o sistema de convenios que permitan a prórroga de determinadas prestacións constitúe un factor de continuidade respecto a elas, sen prexuízo das convocatorias anuais para solicitar ampliación de prestacións ou a redistribución da contía das prestacións sociais municipais de atención primaria.

7. Que as administracións públicas poden asinar convenios de cooperación para a xestión en común de determinados servicios ou para traballos en común nun determinado eido, que se rexerán polas normas específicas que resulten de aplicación.

De acordo con todo o anteriormente exposto, as partes acordan celebrar un convenio de cooperación de conformidade coas seguintes cláusulas:

Primeira.-É obxecto do presente convenio a cooperación entre a Xunta de Galicia e o concello citado no encabezamento para o desenvolvemento dos servicios sociais de atención primaria de xestión municipal, en virtude da previsión contida no artigo 4º da presente orde.

Segunda.-Para efectos deste convenio, e co fin de fixar conceptos para a súa interpretación, fanse as seguintes definicións:

l. Consideraranse prestacións básicas de servicios sociais as de orientación, asesoramento e información; axuda no fogar; inserción social; animación, prevención e cooperación social; convivencia alternativa e calquera outra que se puidese establecer orientada a darlles cumprimento ós obxectivos deste nivel de atención.

A orientación, asesoramento e información ten por obxecto informa-los cidadáns sobre os distintos dereitos e recursos en materia de servicios sociais, así como orientar e asesora-las persoas e grupos afectados por problemáticas específicas, diagnostica-la situación e derivalos, se é necesario, ós servicios sociais de atención especializada.

A axuda no fogar ten por obxecto prestar un conxunto de atencións desde unha perspectiva integral e normalizadora ós cidadáns no seu domicilio, naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desintegración familiar, facilitando a permanencia no seu propio contorno de convivencia evitando así a súa posible institucionalización.

A inserción social ten por obxecto a prevención das situacións de marxinación e as súas causas de integración e participación no medio social das persoas ou grupos máis desfavorecidos afectados polas diferentes formas de exclusión e marxinación social.

A animación, prevención e cooperación social ten por obxecto potencia-la participación de persoas e grupos na vida comunitaria fomentando a iniciativa social, a solidariedade, o asociacionismo e o voluntariado, así como favorece-la toma de conciencia dos cidadáns sobre os seus problemas e instrumenta-los mecanismos que fagan posible a participación destes na busca de solucións e na xestión dos servicios e actividades que se demanden.

Finalmente, a prestación de convivencia alternativa ten por obxecto a oferta dun aloxamento provisional a aquelas persoas en situación de emerxencia persoal ou familiar cando non sexa posible a permanencia no propio fogar ou este non exista.

2. Considéranse centros de atención primaria:

Centros de servicios sociais como equipamentos de carácter polivalente dotados dos recursos materiais, humanos e financeiros a través dos que se desenvolven os programas básicos de actuación do nivel de atención primaria dirixidos a toda a poboación dun ámbito territorial determinado.

Centros de día como equipamentos de réxime diúrno nos que se proporciona atención a determinados colectivos sociais mediante programas de axuste persoal e social e tratamentos de rehabilitación, orientados á normalización e a evitar, na medida do posible a deterioración persoal progresiva, procurando a permanencia no seu contorno familiar e social.

Centros ocupacionais nos que se proporciona unha ocupación terapéutica para o axuste persoal, unha habilitación profesional para a integración laboral e unhas actividades convivenciais para a integración social.

Centros de acollida como establecementos residenciais dirixidos a proporcionar aloxamento alternativo con carácter urxente e de forma temporal a persoas con graves conflictos convivenciais ou que por razóns excepcionais carezan de medio familiar axeitado, véndose desprazadas do seu contorno habitual. O aloxamento complementarase cunha serie de atencións para a consegui-la normalización de convivencia habitual ou, de non seren posibles, desviación cara a fórmulas de aloxamento alternativo.

Albergues como centros dirixidos a procurar aloxamento temporal a indixentes, a transeúntes sen medios económicos e a outras persoas marxinadas.

Terceira.-A duración do presente convenio abrangue o exercicio económico 1999; non obstante, os asinantes manifestan a súa vontade de facelo extensivo a anos sucesivos, polo que, o presente convenio será prorrogado de forma automática para exercicios económicos sucesivos, de non mediar denuncia expresa das partes, que deberá producirse, en todo caso, con dous meses de antelación ó peche do exercicio económico en curso.

A prórroga quedará suxeita en todo caso á existencia de crédito e o cumprimento dos trámites preceptivos.

Cuarta.-A achega económica da Comunidade Autónoma ó presente convenio será a derivada das prórrogas dos gastos de persoal e da axuda no fogar correspondentes á xustificación reflectida na memoria financeira e na avaliación do ano inmediato anterior, tendo en conta, en todo caso, o límite das dispoñibilidades orzamentarias de cada ano.

O concello deberá presenta-la referida memoria financeira, avaliación e documentos complementarios delas, nos modelos autorizados pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que, unha vez conformadas pola Dirección Xeral de Servicios Sociais, producirán os efectos previstos no presente convenio. Esta documentación será requisito imprescindible para a efectividade da prórroga do convenio.

Quinta.-As prórrogas de gastos de persoal calcularanse en función das cantidades que se concederon o ano inmediato anterior. As prórrogas de gastos de axuda no fogar serán as que resulten de multiplicar l50.000 pesetas polo número de unidades familiares atendidas e xustificadas no ano inmediato anterior, sen que en ningún caso o importe resultante supere o da subvención concedida no pasado exercicio para esa finalidade. En ámbalos dous casos se aplicarán, se procede, os incrementos que anualmente se acorden.

Sen prexuízo da prórroga prevista no presente convenio, o concello poderá concorrer ás convocatorias anuais de subvencións para solicitar novas concesións nestes conceptos, que serán obxecto da prórroga nos seguintes anos polo sistema previsto neste convenio.

Sexta.-A Comunidade Autónoma procederá ó pagamento dos proxectos aprobados cada ano unha vez que reciba, analice e aprobe a memoria financeira e a ficha de avalación do ano inmediato anterior, así como a ficha de presentación de proxectos do ano en curso conforme as seguintes especificacións:

-En todo caso o 100% da cantidade concedida cada ano para cada concepto, logo da xustificación por parte do concello de ter realizado un gasto igual ou superior á axuda concedida por cada un dos conceptos obxecto do convenio.

-Poderán anticiparse pagamentos e fraccionaranse nas porcentaxes que anualmente se establezan na orde anual de convocatoria que para estas subvencións publica a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Sétima.-Os concellos obríganse ó reintegro á Tesourería da Comunidade Autónoma das cantidades percibidas, en caso de incumprimento dalgunha das cláusulas establecidas no presente convenio.

Cando algunha das prestacións non se desenvolva na súa totalidade por circunstancias que se terán que acreditar na xustificación correspondente, os remanentes de crédito que puidesen existir ó remate do exercicio de que se trate, quedarán adscritos a el programas de actuación, que co obxecto deste

convenio, de forma improrrogable para o exercicio inmediatamente seguinte.

Oitava.-O seguimento das actuacións que o convenio establece levarase a cabo a través dunha comisión, coa participación de representantes das partes asinantes, que manterá reunións periódicas con tal fin, resolvendo as cuestións que se presenten durante a execución do convenio e prestando a asistencia técnica necesaria ás administracións participantes.

Novena.-O incumprimento de calquera das cláusulas deste convenio será motivo suficiente para a súa resolución.

O presente convenio terá carácter administrativo, rexéndose para os seus efectos polo establecido nas súas cláusulas, aplicándoselle a Lei 13/1995, do l8 de maio, de contratos coas administracións públicas para resolve-las dúbidas e lagoas que poidan presentarse.

En proba de conformidade nos termos do convenio, as partes comparecentes asínano por triplicado exemplar en Santiago de Compostela o ... de ... de mil novecentos noventa e .... O conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, asinado, José María Hernández Cochón. Alcalde-presidente, asinado...

68