Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 13 de xaneiro de 1999 Páx. 364

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 377/1998, do 23 de decembro, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en materia de medidas activas de emprego.

O Estatuto de autonomía para Galicia establece, no seu artigo 29.1º que corresponde á Comunidade Autónoma a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servicios que neste ámbito e nivel de execución ten actualmente o Estado, así como a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, ampliando a recollida no artigo 28.7º do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Deben terse en conta, así mesmo, os traspasos de funcións e servicios da Unidade Administradora do Fondo Nacional de Protección ó Traballo, da xestión da formación profesional ocupacional e no ámbito do traballo, o emprego e a formación, asumidos por esta Comunidade Autónoma polos decretos 168/1984, do 15 de novembro, 69/1993, do 10 de marzo, e 289/1997, do 9 de outubro, respectivamente.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dispón que esta é o órgano da Administración autonómica ó que lle corresponde o exercicio, entroutras, das competencias e funcións en materia de políticas activas de emprego. Correspóndelle, tamén, sen prexuízo das competencias doutras consellerías, a xestión das axudas procedentes dos Fondos Estructurais da Unión Europea e, en concreto, do Fondo Social Europeo, tanto en materia de formación como de creación de emprego e de fomento da economía social.

O presente decreto responde á oportunidade de proceder a regular, dun xeito unificado, tódalas ordes de axudas relacionadas coas medidas activas de emprego, co fin de conseguir unha maior simplificación e racionalización nos procedementos en relación coa presentación, tramitación, avaliación e resolución das solicitudes, deixando para as ordes específicas a súa convocatoria, e a necesidade de adecua-los anteditos procedementos ás normas establecidas nos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostorio de Galicia, e na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de pertinente aplicación.

Co obxecto desta adecuación á nova estructura e ás novas pautas que se van a seguir no deseño e xestión das medidas activas de emprego, derrógase a normativa anterior que regulaba o réxime xeral

de axudas constituída polo Decreto 52/1994, do 4 de marzo, e pola súa vez, para acomoda-la xestión dos referidos programas á nova configuración do servicio público de emprego cómpre derroga-lo Decreto 12/1997, do 23 de xaneiro.

Con base en todo o anterior é polo que, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, oído o Consello Galego de Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de decembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Capítulo primeiro

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O presente decreto ten por obxecto o establecemento dunha regulación unificada de tódalas ordes de convocatoria de axudas e subvencións que, en materia de medidas activas de emprego, realice a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en canto a presentación de solicitudes, tramitación, valoración e resolución.

2. A concesión das anteditas axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma efectuarase mediante o procedemento previsto neste decreto, de acordo cos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade, garantindo a trasparencia das actuacións administrativas.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

As disposicións da presente norma serán de aplicación a tódalas ordes de convocatoria de subvencións que realice a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en materia de medidas activas de emprego e, en concreto, ás seguintes:

a) Axudas para a impartición de cursos de formación ocupacional, así como para a realización de actuacións en materia de avaliación e cualificación profesional e no referente á formación de formadores.

b) Axudas para a realización de accións de inserción e orientación profesional e asistencia para o emprego.

c) Axudas para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación.

d) Axudas para a creación de escolas obradoiro, casas de oficios e unidades de promoción e desenvolvemento.

e) Axudas ó fomento da contratación e á creación de postos de traballo.

f) Axudas á promoción da economía social.

g) Axudas á integración laboral das persoas con discapacidade.

h) Axudas ó fomento do emprego no ámbito local e rural.

Artigo 3º.-Contido das ordes de convocatoria.

As ordes de convocatoria terán, necesariamente, o seguinte contido:

a) Aplicación orzamentaria á que se imputa a subvención.

b) Obxecto, condicións e finalidade da concesión da subvención.

c) Requisitos dos beneficiarios.

d) Documentos e informacións que deban xuntarse á solicitude.

e) Indicación dos órganos competentes para a resolución do procedemento.

f) Prazo de presentación das solicitudes.

g) Prazo de resolución dos expedientes.

h) Indicación do órgano ante o que, de se-lo caso, poderá interpoñe-lo correspondente recurso administrativo.

i) Contía ou xeito de determinación da subvención e, se é caso, posibilidade de conceder anticipos dela.

j) Prazo e forma de xustificación por parte do beneficiario da aplicación definitiva dos fondos recibidos, incluso os librados, se é o caso, en concepto de anticipos.

k) Se é ocaso, posibilidade de terminación convencional do procedemento.

Artigo 4º.-Requisitos e límites.

1. Serán requisitos para a percepción das axudas e subvencións incluídas no ámbito de aplicación deste decreto, o cumprimento polos beneficiarios das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nos termos nos que se establezan nas leis de orzamentos xerais da Comunidade Autonóma e na Lei de réxime financieiro e orzamentario de Galicia.

2. En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada que debe desenvolve-lo beneficiario nin, se é o caso, o límite legalmente establecido.

Capítulo segundo

Do procedemento

Artigo 5º.-Iniciación.

1. O procedemento iniciarase por solicitude da persoa interesada ou de oficio de conformidade co que establezan as respectivas ordes de convocatoria.

2. As solicitudes deberán formalizarse de acordo co establecido no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo

común, no modelo e sistema normalizado que sinale a correspondente orde de convocatoria xunto coa documentación e as informacións que en cada caso se indiquen.

3. As solicitudes de axudas dirixiranse ó organo competente e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e deberán ir asinadas por:

a) Quen, segundo o disposto na normativa vixente de réxime local, sexa competente, no caso das entidades locais.

b) Quen ostente a representación legal do órgano de goberno ou polas persoas debidamente apoderadas para o efecto, no caso das persoas xurídicas.

c) Polos interesados ou polos seus representantes legais, no caso das persoas físicas.

Artigo 6.-Tramitación e instrucción.

1. As unidades administrativas encargadas da tramitación e instrucción dos expedientes examinarán cada solicitude e comprobarán que a documentación achegada é correcta. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na respectiva orde de convocatoria ou a documentación presentada contivera erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición, arquivándose a súa solicitude, o abeiro do disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Poderán solicitarse cantos informes se consideren necesarios para resolver ou sexan esixidos polas respectivas ordes de convocatoria. Estes informes deberán ser emitidos no prazo de dez días e, de non seren emitidos no prazo sinalado e sen prexuízo da responsabilidade en que incorra o responsable da demora, poderanse prosegui-las actuacións calquera que sexa o carácter do informe solicitado, agás nos casos de informes preceptivos que sexan determinantes para a resolución do procedemento, nos que se poderá interrompe-lo prazo dos trámites sucesivos, de conformidade co disposto no artigo 83.3º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Unha vez realizado os trámites anteriores avaliaranse as solicitudes na forma e de acordo cos criterios que se establezan na correspondente orde de convocatoria, que poderá recolle-la existencia dunha comisión constituída para o efecto coa composición que nela se estableza.

4. O trámite de audiencia, cando proceda, realizarase de conformidade co previsto no artigo 84 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A iniciación deste trámite notificáselles ós interesados, concedéndolles un prazo de quince días para que

formulen as alegacións e presenten os documentos e xustificantes pertinentes.

5. A proposta de resolución deberá expresa-lo solicitante ou a relación de solicitantes para os que se propón a concesión da subvención e a súa contía.

Artigo 7º.-Resolución.

1. A resolución dos expedientes, unha vez instruídos e, se é o caso, fiscalizada a proposta pola respectiva Intervención, corresponderalle, segundo estableza a orde da convocatoria, á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ou ós directores xerais respectos das accións incluídas no seu ámbito funcional, nos servicios centrais, ou ós respectivos delegados provinciais no ámbito periférico.

2.-O prazo máximo para a resolución do procedemento será o que estableza a orde de convocatoria e, no seu defecto, o de tres meses.

Agás que na orde de convocatoria se dispoña outra cousa, nos procedementos iniciados por instancia de parte o dito prazo empezará a computarse a partir da data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver.

3. A resolución será motivada, debendo en todo caso quedar acreditados no procedemento os fundamentos da resolución que se adopte, e notificaráselles ós interesados.

A resolución dos procedementos de concesión de subvencións deberá expresa-lo solicitante ou a relación dos solicitantes ós que se concede a subvención e a contía concedida.

4. Transcorrido o prazo para resolve-lo procedemento sen que se dictara resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da subvención.

Para a eficacia das resolucións presuntas ás que se refire o parágrafo anterior requírese a emisión da certificación prevista no artigo 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, no prazo de vinte días desde que foi solicitada ou que, solicitada a dita emisión, esta non se producira transcorrido o citado prazo.

No transcurso do prazo para a emisión da certificación poderase resolver expresamente sobre o fondo e sen vinculación cos efectos atribuídos á resolución presunta.

5. Contra as resolucións dictadas nestes procedementos polos directores xerais ou polos delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, poderá interpoñerse recurso administrativo ordinario no prazo dun mes ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

As resolucións dictadas pola conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ó abeiro destes procedementos porán fin á vía administrativa, e contra elas poderá formularse o recurso contencioso administrativo.

Artigo 8º.-Pagamento.

1. O pagamento das axudas e subvencións efectuarase, ben sexa total ou fraccionado, de forma nominativa a favor das entidades ou particulares adxudicatarios nos prazos e coas condicións fixadas na orde de convocatoria e de conformidade coas disposicións que para o efecto se establezan nas respectivas leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

2. En caso de que as axudas se destinen a investimentos e estes sexan plurianuais, estarase ó disposto no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, así como ó que cada ano se determine na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, e deberá realizarse o correspondente contrato programa no que se fixe o importe das subvencións que se vaian conceder anualmente e as condicións ás que se subordina a súa concesión.

Artigo 9º.-Obrigas.

1. Os solicitantes ou beneficiarios das axudas quedan obrigados a comunicar calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins programados.

2. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude levará a cabo a función de control das subvencións concedidas así como a avaliación e seguemento dos programas.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean a disposición da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para comproba-lo cumprimento dos requisitos exisidos nas respectivas ordes de convocatoria e neste decreto.

Artigo 10º.-Incumprimento.

O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas no presente decreto e nas respectivas ordes de convocatoria, así como a duplicación da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autónomica ou local, cando se supere o máximo subvencionable, dará lugar ó reintegro total ou parcial, segundo proceda, da axuda ou subvención percibida e mailos xuros de demora nas condicións e de conformidade co establecido no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposición adicional

Sen prexuízo do previsto no artigo 1, se unha vez adxudicadas as subvencións resultase remanente de crédito poderán efectuarse convocatorias complementarias, ou reabrirse o prazo para algunha das previamente convocadas.

Disposición transitoria

Os procedementos para a concesión de axudas e subvencións iniciados con anterioridade á entrada en vigor do presente decreto rexeranse pola normativa anterior.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as seguintes disposicións:

Decreto 52/1994, do 4 de marzo, polo que se establece o réxime xeral de axudas en materia de formación, promoción do emprego e fomento da economía social.

Decreto 12/1997, do 23 de xaneiro, polo que se establecen as bases reguladoras do Servicio da Área do Autoemprego, de orientación, formación e axuda ó autoemprego.

As demais disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorizarase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta disposición.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de decembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción

do Emprego, Muller e Xuventude

11609