Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 12 de xaneiro de 1999 Páx. 339

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 1998, da División de Recursos Humanos, pola que se modifican algúns aspectos da Resolución do 23 de xullo de 1997, pola que se convocou concurso-oposición libre para o ingreso nas clases de inspectores médicos, inspectores farmacéuticos e subinspectores sanitarios do Servicio Galego de Saúde.

Por resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 23 de xullo de 1997 (DOG nº 146, do 31 de xullo), convocouse concurso-oposición libre para o ingreso nas clases de inspectores médicos, inspectores farmacéuticos e subinspectores sanitarios do Servicio Galego de Saúde, en cumprimento do establecido no Decreto 269/1995, do 5 de outubro, polo que se aproba a oferta de emprego para o ano 1995 do persoal sanitario funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma, e no Decreto 76/1997, do 10 de abril, polo que se modifica o anterior para amplia-lo número de prazas ofertadas na clase de inspectores médicos con motivo da integración do Instituto Social da Mariña no Servicio Galego de Saúde a través do Real decreto 212/1996, do 9 de febreiro.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes e unha vez aprobada a relación definitiva de aspirantes admitidos e excluídos, procedeuse á realización do primeiro exercicio.

Publicadas as puntuación obtidas no primeiro exercicio polos aspirantes de cada unha das clases, procedeuse á realización do segundo exercicio, así como á publicación das puntuacións obtidas polos aspirantes.

Finalmente, e en relación coa clase de inspectores farmacéuticos procedeuse á realización do terceiro exercicio, sen que ata a data se publicaran as puntuacións obtidas polos aspirantes.

Con data 31 de xullo de 1998, a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dicta sentencia recaída no recurso 1/1697/1997, interposto pola Asociación Profesional de Inspectores Médicos e Inspectores Farmacéuticos de Carreira da Comunidade Autónoma de Galicia, contra a Resolución do 23 de xullo de 1997 antes citada.

A devandita sentencia estimou o recurso interposto e anulou a dita resolución «nos particulares concretos das súas bases sexta A).1 (fase de concurso), sexta B).1 e sétima. 2 (fase de oposición) e base primeira.3 de normas xerais, por resultaren contrarias ós preceptos constitucionais; en consecuencia, déixase sen efecto a dita convocatoria nos aspectos afectados e declárase igualmente a nulidade dos actos posteriores que dela poidan traer causa».

Xa que logo, e dando estricto cumprimento á decisión da sentencia, esta división debe proceder a modifica-la Resolución do 23 de xullo de 1997 nas bases anuladas por ela, así como tamén declara-la nulidade dos actos posteriores que dela traen causa.

Igualmente, debe abrirse un novo prazo de presentación de solicitudes para os que no seu momento non participaron no proceso selectivo, pero trala súa modificación, desexen tomar parte nel, se ben a valoración dos servicios prestados na fase de concurso necesariamente debe computarse só ata a data de publicación da resolución que agora queda modificada, que, neste aspecto (punto 2. base 3), non queda afectada pola antedita sentencia.

Por todo o anterior, oída a mesa sectorial de negociación do persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma, e tralo informe da comisión de persoal, este centro directivo, en uso das competencias que ten delegadas polo artigo 4 c) da Orde do 21 de abril de 1998 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servicio Galego de Saúde,

RESOLVE:

Primeiro.-Quedan anuladas as bases primeira 3, sexta A.1), sexta B).1 e sétima.2, da resolución desta división do 23 de xullo de 1997, publicada no Diario Oficial de Galicia número 146, do 31 de xullo de 1997.

Segundo.-Quedan igualmente anulados, como actos posteriores á convocatoria que dela traen causa, os exercicios realizados polos aspirantes a cada unha das clases, así como as puntuacións obtidas por eles.

Terceiro.-Darlles nova redacción ás bases sexta A).1, sexta B).1 e sétima.2 que quedan redactadas como segue:

Base sexta.A.1): «O tribunal valorará, segundo as certificacións citadas no punto 2 da base terceira da Resolución do 23 de xullo de 1997, o tempo de servicios prestados como persoal interino en postos de traballo do corpo, escala e clase correspondente desenvoltos tanto na Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e no Servicio Galego de Saúde, como os servicios desempeñados en postos de inspección sanitaria na Administración estatal, ISM ou Insalud, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade coa disposición transitoria segunda da Lei 17/1989, o cómputo de baremación establecerase mediante a aplicación do 0,75 % da puntuación total alcanzable na fase de oposición, por cada mes de servicios prestados, ata un máximo do 45% da dita puntuación total. Coas fraccións de mes debidamente totalizadas efectuarase unha división enteira entre 30.

En todo caso, nin se valorarán os servicios prestados antes do día 18 de maio de 1981, nin os prestados despois da data de publicación da Resolución do 23 de xullo de 1997, nin os prestados como persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde ou do Insalud, nin os servicios prestados como persoal laboral temporal que fose ou que se encontre contratado con cargo a créditos consignados no capítulo VI dos orzamentos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou do Servicio Galego de Saúde. Si se valorarán os ser

vicios prestados como persoal temporal contratado especificamente para o desempeño de funcións de inspección sanitaria».

Base sexta B).1: «A fase de oposición, dentro de cada unha das clases que se convocan, consistirá na realización, con carácter eliminatorio dos exercicios que, para cada unha delas, se enumeran no anexo I da Resolución do 23 de xullo de 1997, e coa forma e sistema de cualificación nel descritos.

Unha vez realizados os distintos exercicios da fase de oposición, correspóndelle ó tribunal establece-los criterios de corrección deles e decidir, con base nisto, os aspirantes que os superen ou que resulten eliminados».

Base sétima.2: «Os empates na puntuación final resolveranse en favor do aspirante que obtivese maior puntuación total na fase de oposición no seu conxunto.

De persisti-lo empate, este dirimirase en favor do aspirante con maior idade».

Cuarto.-Abrir un novo prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia para os que, trala modificación operada, desexen participar neste concurso-oposición, sempre e cando reunisen os requisitos establecidos na base segunda da Resolución do 23 de xullo de 1997 nas datas a que se refire a dita base, é dicir o 31 de agosto de 1997, agás os requisitos específicos para os participantes pola quenda de promoción interna que deberán reunirse a 1 de agosto de 1997.

Para a presentación das instancias rexerá o disposto na base terceira da Resolución do 23 de xullo de 1997 antes citada.

Os aspirantes admitidos neste novo prazo virán a sumarse ós que xa foron admitidos trala publicación da Resolución do 23 de xullo de 1997, os cales por tanto non deberán volver a presentar nova solicitude.

Malia o anterior, os que foron admitidos no primeiro prazo e non desexen tomar parte no proceso selectivo trala modificación operada, poderán desistir solicitando, no prazo de dez días a contar desde o seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a devolución das taxas por dereitos de exame.

Igualmente, os que resultando excluídos no primeiro prazo, desexen tomar parte no proceso selectivo, poderán solicitalo emendando, dentro do prazo de presentación de instancias, a causa pola que foron excluídos.

Quinto.-En todo o non modificado pola presente resolución, o proceso selectivo regularase polo establecido na Resolución 23 de xullo de 1997.

Sexto.-Contra a presente resolución poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xusticia de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 1998.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos

11720