Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 12 de xaneiro de 1999 Páx. 309

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 373/1998, do 23 de decembro, polo que se modifica o artigo 2 do Decreto 213/1995, do 20 de xullo, sobre estructura orgánica e funcións da Inspección Xeral de Servicios da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

O Decreto 121/1992, do 14 de maio (DOG nº 96, do 21 de maio), regulou a estructura orgánica e as funcións da Inspección Xeral de Servicios da Consellería da Presidencia e Administración Pública configurándoa como un órgano central para o impulso do proceso de reforma administrativa da Xunta de Galicia con carácter único e competencia global sobre tódalas súas consellerías e tódolos seus organismos, ó tempo que lle asigna as funcións clásicas das inspeccións xerais de servicios que se concretan no control da legalidade vixente no funcionamento dos servicios.

Posteriormente o Decreto 213/1995, do 20 de xullo (DOG nº 141, do 24 de xullo) operou unha modificación do devantido Decreto 121/1992, co obxecto de adecua-las funcións asignadas á Inspección Xeral de Servicios e de dimensionar naquel momento o cadro de inspectores e subinspectores ás ditas funcións e ás cargas de traballo que aquelas viñan xerando.

A progresiva evolución tanto cuantitativa como cualitativa das diversas accións comprendidas no programa de reforma administrativa da Xunta de Galicia, así como a posta en marcha de novas actuacións e especialmente a implantación do programa de avaliación do rendemento a toda a Administración autonómica, esixen un dimensionamento do actual cadro de inspectores e subinspectores de servicios que permita desenvolver estes programas de maneira eficiente.

Por outra parte, desde o punto de vista da técnica normativa parece necesario non establecer en decreto o número de efectivos tanto de inspectores como de subinspectores que en cada momento sexan precisos para o desenvolvemento dos plans da Inspección Xeral de Servicios; estas dotacións deberan vir determinadas pola relación de postos de traballo dentro das asignacións orzamentarias, o que permitirá unha áxil adaptación dos efectivos de inspectores ás necesidades do momento.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, co informe previo da Consellería de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de decembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modificarase o artigo 2 do Decreto 213/1995, do 20 de xullo, que queda redactado como segue:

«O artigo 9 do Decreto 121/1992, do 21 de maio, terá a seguinte redacción:

Dependerán da Inspección Xeral de Servicios os inspectores de servicios que, con nivel orgánico de subdirector xeral, se establezan na correspondente relación de postos de traballo.

Os inspectores de servicios terán competencia en todo o ámbito da Comunidade Autónoma.

Para o exercicio das súas funcións, os inspectores de servicios contarán cos subinspectores que, con nivel orgánico de xefe de servicio, determine así mesmo a relación de postos de traballo.

Para a provisión dos postos de traballo de inspector de servicios e subinspector será necesario ter prestado servicios polo menos durante un período de tres anos na Administración pública, en corpos dos grupos A ou B, segundo proceda, así como cumpri-los requisitos que para cada caso se sinalan nas relacións de postos de traballo».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de decembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

77