Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 11 de xaneiro de 1999 Páx. 260

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 1998 relativa ó servicio de transportes na ría de Vigo.

O transporte pola ría de Vigo estivo sometido no pasado a tensións e disfuncións que nuns casos respondían a problemas de competencia entre empresas que non encaixaban dentro do marco normal de competencia leal entre empresas ou que se traduciron en episodios de confrontacións físicas e subseguintes actuacións, en sede xurisdiccional e, mesmo, en pronunciamentos do Tribunal de Defensa de Competencia.

Noutros supostos, a conflictividade derivada da situación dun prestatario único nun contexto de regulación que non permitía exercer un control axeitado sobre o prestatario.

As dúas cuestións foron susperadas coa regulación establecida na resolución da Dirección Xeral de Transportes con data do 28-8-1997.

No momento presente atopámonos nun réxime transitorio no que a referida resolución desta dirección xeral outorga máis garantías ós usuarios e ós prestatarios do servicio pero que está destinada a ter unha vixencia no tempo xa que declara que vén establecida como un paso intermedio cara á regulación do servicio en réxime concesional en exclusiva fronte ó sistema actual de apertura a unha pluralidade de operadores.

Neste sentido, estase a tramitar no Parlamento galego un proxecto de lei que declararía de titularidade pública o transporte na ría de Vigo.

Noutra orde de cousas, cabe sinalar que unha das cuestións que considerou esta dirección xeral como un condicionamento da regulación do réxime de prestación do servicio da ría é a situación do persoal que viña prestando servicios no transporte da ría o que levou a recoller esta cuestión entre as que deberían valorarse na adxudicación do servicio concesional.

Por outra banda, a regulación actual do servicio establecida por Resolución con data do 28-8-1997 esixe unha adscrición de medios materiais que pode resultar desproporcionada nun escenario como o actual no que se prevé un cambio radical de réxime xurídico nun prazo curto de tempo ó pasar da liberdade de acceso ó mercado de explotación monopolística dunha empresa.

Noutra orde de cousas, as prórrogas anuais de resolucións previstas na devandita resolución non se concilian coa previsión razoable de implantación de réxime concesional nun prazo moi breve.

En virtude de canto antecede, co fin de acadar unha maior transparencia en relación coas perspectivas futuras de prestación do servicio de transporte na ría de Vigo e evitar prexuízos ós axentes económicos, esta dirección xeral

ACORDA:

1. As prórrogas de autorizacións previstas na cláusula terceira da resolución con data do 28-8-1997 concederanse, cando proceda, por períodos de 3 meses renovables coa mesma ou inferior duración segundo o criterio da Dirección Xeral de Transportes.

Non se admitirán novas solicitudes de autorización administrativa para presta-lo servicio de transporte regulado na devandita resolución ata que esta dirección xeral, atendendo as circunstancias concorrentes, fundamentalmente as previsións de implantación do sistema concesional e o interese público, considere preciso habilita-la dita posibilidade, todo isto sen prexuízo da concorrencia á licitación do servicio concesional por calquera operadora que cumpra os requisitos mínimos que a lexislación esixa e as bases do concurso prevexan.

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte o da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 1998.

Juan Carlos Villarino Tejada

Director xeral de Transportes

11667