Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 07 de xaneiro de 1999 Páx. 116

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 369/1998, do 10 de decembro, pola que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.

A Comisión de Heráldica créase polo Decreto 258/1992, do 10 de setembro, como órgano consultivo da Xunta de Galicia a quen lle corresponde emitir informe vinculante nos procedementos de aprobación, modificación, ou rehabilitación de brasóns ou bandeiras das entidades locais, así como as demais facultades que se lle atribúan regulamentariamente.

A entrada en vigor de Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia supón a necesidade de adapta-lo seu articulado ás disposicións afectadas por esta.

Regúlase, agora, a composición e funcións da Comisión de Heráldica co fin de axustalo á devandita lei. Polo tanto, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, tralo informe da Comisión Galega de Cooperación Local, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de decembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Os municipios e demais entidades locais de Galicia poderán adoptar escudos heráldicos e bandeiras propios e privativos, modifica-los que xa estivesen adoptados, ou rehabilita-los que historicamente usasen, de acordo coas normas e procedementos establecidos no presente decreto.

2. Ningunha entidade local de Galicia poderá utilizar escudo heráldico ou bandeira que non fosen aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, sen prexuízo daqueles que foron aprobados pola Administración do Estado con anterioridade á transferencia de competencias nesta materia en favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo I

Do procedemento

Artigo 2º

1. O Pleno da Corporación ten a facultade de adoptar por maioría simple os acordos relativos á aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos e bandeiras a teor do disposto na Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia.

2. O acordo plenario a que se refire o punto anterior, será sometido a un trámite de información públi

ca polo prazo dun mes mediante anuncios no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos co obxecto de que se poidan efectuar alegacións. O Pleno da Corporación correspondente resolverá as alegacións.

Artigo 3º

As corporacións locais que soliciten a adopción, modificación ou rehabilitación de brasóns e bandeiras remitirán a seguinte documentación:

a) Certificación do secretario da corporación sobre o acordo do pleno en relación á aprobación, modificación ou rehabilitación do escudo heráldico e/ou bandeira da entidade local, así como o cumprimento do trámite de información pública e á presentación ou non de alegacións e, se é o caso, ó acordo definitivo adoptado polo Pleno da Corporación.

b) Memoria histórico-heráldica e/ou vexilolóxica subscrita por un especialista nas mesmas materias, na que se expoñan, de forma detallada, breve e precisa, os fundamentos e as razóns que xustifican a proposta ou proxecto de adopción, modificación ou rehabilitación do brasón e/ou bandeira da entidade local.

c) Dous exemplares orixinais do debuxo do escudo e/ou bandeira proposto no que se aprecien claramente as cores ou esmaltes empregados.

d) Aqueloutros documentos que se consideren oportunos para complementa-la proposta.

Artigo 4º

1. A documentación a que se refire o artigo anterior será elevada pola entidade local á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais. Unha vez recibida, esta consellería solicitará no prazo de trinta días hábiles o informe da Comisión de Heráldica, quen pola súa vez poderá solicitar dictame da Real Academia Española da Historia ou doutra institución análoga. Se no prazo de dous meses non se emitise o citado dictame, que en ningún caso será vinculante, a Comisión de Heráldica procederá de acordo cos seus propios criterios.

2. O informe da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, que terá carácter vinculante, deberase emitir no prazo de tres meses. Se no dito prazo non se recibise este informe, ou outra comunicación ó respecto darase curso ó expediente sen máis trámite.

Artigo 5º

Se a Comisión de Heráldica emite informe favorable ó expediente ou non emite o seu informe no prazo previsto no número 2 do artigo anterior, o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais elevará ó Consello da Xunta de Galicia proposta de aprobación do expediente.

Artigo 6º

No caso de que o informe a que fai referencia o artigo anterior non fose favorable á pretensión da entidade local, daráselle a esta un prazo de audiencia de dous meses, durante o cal poderá adoptar novo

acordo en pleno modificando a súa proposta para adecuala ás recomendacións da Comisión de Heráldica. O certificado do acordo unirase ó expediente, ó que se lle dará o trámite previsto no artigo 4º. De non ser cumprido este requisito pola entidade local propoñente no prazo sinalado, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais dictará resolución motivada dando fin ó expediente.

Capítulo II

Das funcións e composición da Comisión

de Heráldica

Artigo 7º

1. Á Comisión de Heráldica, órgano consultivo da Xunta de Galicia, adscrita á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndelle emitir informe vinculante nos procedementos de aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras das entidades locais galegas.

2. Así mesmo, está facultada para elabora-las correspondentes propostas para a aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras daquelas corporacións locais que así o soliciten sen cargo ningún para a entidade local interesada.

3. Tamén poderá asesorar en materia da súa competencia os órganos dependentes da Xunta de Galicia, e a todas aquelas corporacións locais e entidades públicas ou privadas que soliciten o seu dictame.

Artigo 8º

A Comisión de Heráldica estará presidida polo director xeral con competencia en materia de Administración local e integrada por un vicepresidente e cinco vocais:

a) O vicepresidente da comisión, que deberá ser doutor en ciencias históricas e especialista en heráldica de recoñecido prestixio, será nomeado por orde do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

b) Catro vocais designados polo conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e coas seguintes procedencias e propostas:

-Un vocal pertencente ó corpo facultativo de arquivos e bibliotecas ou, no seu defecto, do corpo facultativo de museos, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-Un vocal pertencente ó corpo de catedráticos de universidade ou, no seu defecto, ó de profesores titulares e que sexa especialista nalgunha das disciplinas científicas implicadas na materia heráldica (historia, ciencias auxiliares da historia, historia da arte e disciplinas análogas), por proposta do presidente da Comisión de Heráldica.

-Un vocal especialista en coñecemento ou deseño heráldico e pertencente a algunha das academias ou institucións desta especialidade, por proposta do presidente da Comisión de Heráldica.

-Un vocal especialista en toponimia, por proposta do presidente da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia.

c) Un vocal designado pola asociación de municipios e provincias máis representativa e con maior implantación no territorio da Comunidade Autónoma. O seu nomeamento será efectuado polo conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Exercerá as funcións de secretario da Comisión de Heráldica, participando nas súas sesións con voz pero sen voto, o titular da Subdirección Xeral de Administración Local.

Disposición adicional única

Os membros da Comisión de Heráldica terán dereito ás indemnizacións previstas na normativa aplicable, así como ó resto das percepcións que procedan legalmente.

Disposición transitoria única

No prazo de dous meses desde a entrada en vigor do presente decreto deberase proceder á constitución da Comisión de Heráldica, a cal, por proposta do seu presidente, aprobará dentro do mes seguinte á súa constitución o correspondente Regulamento de funcionamento e réxime interior.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogadas as normas de igual ou inferior rango no que contradigan ou se opoñan ó disposto neste decreto, especialmente o Decreto 258/1992, do 10 de setembro, polo que se regula o procedemento e normas heráldicas para a adopción, modificación ou rehabilitación dos escudos e bandeiras das corporacións locais e doutras entidades locais (DOG nº 183, do 18 de setembro).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de decembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais

11813