Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Xoves, 31 de decembro de 1998 Páx. 13.927

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 7/1998, do 30 de decembro, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública e xestión.

Coa pretensión de facilita-la consecución dos obxectivos de política económica que inspiran os orzamentos da Comunidade Autónoma para 1999, esta lei incorpora unha serie de medidas de distinta natureza pero que comparten a característica da súa finalidade instrumental ó servicio do desenvolvemento da iniciativa de goberno nese ámbito de actuación.

Ó mesmo tempo aparecen recollidas aqueloutras que modifican con carácter permanente o contido de leis que gardan relación co desenvolvemento desa política como compoñentes necesarios para a súa mellor execución ou que son concibidas como meca

nismos útiles para lograr unha maior eficiencia na actuación da administración.

Tramitado de forma independente da Lei de orzamentos por razóns de homoxeneidade e claridade temática, ese conxunto de disposicións aparece agrupado en títulos diferenciados, que recollen normas de natureza tributaria, de réxime orzamentario e relativas ó réxime da función pública autonómica, mentres que nas disposicións adicionais son abordados diferentes aspectos que afectan o ámbito da xestión administrativa.

Preceptos referentes ás deduccións establecidas sobre a cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas e á modificación de tarifas da taxa fiscal sobre o xogo, diversas modificacións que afectan tanto a Lei de réxime financeiro e orzamentario coma o réxime do persoal funcionario estatutario e a concesión das comisións de servicios, o tratamento da fiscalización dos contratos menores e, finalmente, disposicións relativas ás declaracións de utilidade pública e ó establecemento dun réxime especial para o alleamento de inmobles coa finalidade de facilita-la instalación de empresas que incorporen procesos de alta tecnoloxía forman parte do corpo normativo desta lei.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública e xestión.

Título I

Normas tributarias

Capítulo I

Impostos directos

Artigo 1.- Imposto sobre a renda das persoas físicas.

Un.- En exercicio das competencias atribuídas pola Lei 32/1997, do 4 de agosto, de modificación do réxime de cesión tributaria do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, e de acordo co disposto na letra b) do punto 1.º do apartado un do artigo 13 da Lei 14/1996, do 30 de decembro, de cesión de tributos do Estado ás comunidades autónomas e de medidas fiscais complementarias, apróbase, para o exercicio de 1999, a seguinte deducción da cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas:

Por nacemento de fillos:

Por cada fillo nado no período impositivo que conviva co contribuínte á data do devengo do imposto:

- 20.000 ptas., cando se trate do primeiro ou do segundo.

- 30.000 ptas., cando se trate do terceiro.

- 40.000 ptas., cando se trate do cuarto.

- 50.000 ptas., cando se trate do quinto e sucesivos.

Cando os fillos nados no período impositivo convivan con ámbolos dous proxenitores, a deducción que corresponda practicarase por partes iguais na declaración de cada un.

Se o período impositivo fose inferior ó ano natural, por falecemento do contribuínte, aplicarase o importe total da deducción que lle corresponda.

Para os efectos de determina-lo número de orde do fillo nado, atenderase exclusivamente ós fillos comúns ós proxenitores del, computándose para estes efectos tanto os que o sexan por natureza coma por adopción.

Dous.- A deducción á que se refire o apartado anterior será igualmente aplicable ós fillos adoptados durante o período impositivo, sempre e cando o adoptado nacese no dito período e conviva co contribuínte na data de devengo do imposto.

Tres.- A práctica da deducción á que se refire o punto anterior quedará condicionada á xustificación documental adecuada e suficiente do orzamento de feito e dos requisitos que determinan a súa aplicabilidade.

Capítulo II

Taxas

Artigo 2.- Taxa fiscal sobre o xogo.

Modifícanse as tarifas recollidas no punto 2 do artigo 3.Dous da Lei 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión, e quedan establecidas as seguintes:

«2. Máquinas recreativas e de azar:

A) Máquinas tipo «B» ou recreativas con premio.

a) Cota anual: 504.000 pesetas.

b) Cando se trata de máquinas ou aparellos automáticos tipo «B» , nos que poidan intervir dous ou máis xogadores de forma simultánea e sempre que o xogo de cada un deles sexa independente do realizado por outros xogadores, serán aplicables as seguintes cotas:

- Máquinas ou aparellos de dous xogadores: dúas cotas de acordo co previsto na letra a) anterior.

- Máquinas ou aparellos de tres ou máis xogadores: 1.028.520 pesetas, máis o resultado de multiplicar por 2.500 o producto do número de xogadores polo prezo autorizado para a partida.

B) Máquinas tipo «C» ou de azar.

Cota anual: 737.000 pesetas.

As cotas establecidas para as máquinas recreativas e de azar serán aplicables para os supostos de modificación do prezo máximo previstos no parágrafo catro do artigo 3 do Real decreto-lei 16/1997, do 25 de febreiro».

Título II

Normas de réxime orzamentario

Artigo 3.- Xeración de crédito.

Modifícase a letra a) do punto 1 do artigo 69 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro

e orzamentario de Galicia, que quedará redactada da seguinte maneira:

«a) Achegas doutras administracións públicas ou de persoas físicas ou xurídicas para financiar gastos que pola súa natureza estean comprendidos nos fins e obxectivos encomendados á Comunidade Autónoma ou ós seus organismos autónomos».

Artigo 4.- Incorporacións de crédito.

Modifícase o punto 2 do artigo 71 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, que terá a seguinte redacción:

«2. Os remanentes incorporados segundo o previsto no número anterior unicamente poderán ser aplicados dentro do exercicio orzamentario no que a incorporación se acorde, a excepción dos que correspondan a créditos financiados polo Fondo de Compensación Interterritorial ou por fondos ou subvencións finalistas procedentes da Unión Europea ou doutras administracións públicas, que poderán ser incorporados en tanto persista o dereito á percepción do ingreso que os financia.

Nos supostos a) e b) do dito número a incorporación farase para os mesmos gastos que motivaron en cada caso a concesión, a autorización e o compromiso».

Artigo 5.- Gastos plurianuais.

Modifcase o punto 3 do artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, que queda redactado nos seguintes termos:

«3. O número de exercicios ós que poden aplicarse os gastos incluídos nas letras a), b), c), f) e g) do número 1 non poderá ser superior a catro, quedando reducido a dous anos nos traballos específicos e non habituais.

O gasto que nestes casos se comprometa con cargo a exercicios futuros non poderá exceder do resultado de aplicar ó crédito inicial, a nivel de concepto, as seguintes porcentaxes: no exercicio inmediato seguinte o 70%, no segundo exercicio o 60% e nos exercicios terceiro e cuarto o 50%.

O total dos importes comprometidos con cargo a exercicios futuros no conxunto dos conceptos que definen un nivel de vinculación non poderá supera-las porcentaxes arriba indicadas, calculadas sobre o crédito inicial dese conxunto de conceptos».

Artigo 6.- Xustificación das subvencións.

Modifícase o artigo 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, que quedará redactado nos seguintes termos:

«Con independencia da súa contía e antes de que se proceda á tramitación da fase de proposta de pagamento realizada por quen recoñeceu a existencia da obriga, os beneficiarios das subvencións terán que acreditar que se atopan ó corrente das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma».

Artigo 7.- Fiscalización de contratos menores.

A aprobación de expedientes de gasto que correspondan a contratos menores estará sometida a fiscalización previa, excepto nos casos nos que a súa contía non exceda de 1.100.000 pesetas, suposto no que unicamente será necesaria para a súa tramitación a existencia de crédito adecuado e suficiente e o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 57 da Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas.

Artigo 8.- Prescrición.

Modifícase o artigo 23 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, que quedará redactado nos seguintes termos:

«1.- Salvo o establecido polas leis reguladoras dos diferentes recursos, prescribirá ós cinco anos o dereito da Facenda da Comunidade:

a) A recoñecer ou liquidar créditos ó seu favor, computándose o citado prazo desde o día no que o dereito puido exercitarse.

b) Ó cobro dos créditos recoñecidos ou liquidados, que se contará desde a data da súa notificación ou, se esta non fose preceptiva, desde o seu vencemento.

2.- En todo caso, o prazo de prescrición a que se refire o punto anterior será de catro anos para tódolos recursos derivados dos tributos propios da Comunidade Autónoma.

3.- A prescrición quedará interrompida:

a) Pola interposición de reclamacións ou recursos de calquera clase.

b) Se o debedor recoñecese fidedignamente a débeda.

c) Se a administración esixise directamente o seu pagamento por escrito.

4.- Os dereitos declarados prescritos serán dados de baixa en contas, logo da tramitación do oportuno expediente, no que, se é o caso, se declarasen as responsabilidades a que houbese lugar, salvo que procedese a súa tramitación en peza separada na forma disposta no título VI desta lei.

5.- Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para que poida dispoñe-la non liquidación de débedas ou a anulación e baixa en contabilidade de débedas xa liquidadas cando a súa execución resulte antieconómica. Para estes efectos, a dita consellería determinará previamente o límite cuantitativo no que se considere que se produce tal efecto».

Título III

Normas en materia de función pública

Artigo 9.- Modificación do réxime do persoal funcionario e estatutario.

Un.- Os funcionarios de carreira e o persoal estatutario das diferentes administracións públicas que de acordo co seu réxime retributivo teñan dereito á percepción de complemento de destino correspondente ó nivel do posto de traballo, que desempeñen

ou desempeñasen postos na Administración da Xunta de Galicia, agás como persoal eventual, comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica, consolidarán, con efectos económicos desde a aprobación da Lei 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión, o grao persoal correspondente ó nivel de complemento de destino 30, sempre que pertenzan ó grupo A; noutro caso terán dereito a percibi-lo importe equivalente ó dito nivel, en lugar do que puidese pertencerlles conforme o grupo que corresponda.

Así mesmo, nas condicións sinaladas no parágrafo anterior, os funcionarios e o persoal estatutario ó servicio da Administración da Xunta de Galicia que, conforme a normativa que lles é aplicable, estean excluídos da posibilidade de consolida-lo grao persoal terán dereito a percibi-lo importe equivalente ó nivel 30 de complemento de destino.

Para obter esta consolidación ou o recoñecemento do dereito a percibi-lo importe equivalente ó nivel 30 debéronse desempeñar estes postos durante máis de dous anos continuados ou tres con interrupción, a partir do 1 de xaneiro de 1982.

Dous.- A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia acreditaralles ós funcionarios de carreira e ó persoal estatutario das distintas administracións públicas, a partir do seu ingreso nela e mentres manteñan esta situación, os dereitos establecidos no apartado anterior ós que, durante dous anos continuados ou tres con interrupción, desempeñasen posto de alto cargo noutra administración pública, sempre que esta lles recoñeza dereitos análogos ós funcionarios da Administración da Xunta de Galicia.

Tres.- A acreditación dos dereitos referidos nos apartados precedentes levarase a cabo por resolución da Dirección Xeral da Función Pública.

Artigo 10.- Comisións de servicio.

Un.- Modifícase o punto 2.12 do artigo 13 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que terá a seguinte redacción:

«12. Autoriza-las adscricións en comisións de servicios para postos de traballo».

Dous.- Modifícase o punto 2 do artigo 50 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que queda redactado nos seguintes termos:

«2. Cando estean en comisión de servicio de carácter temporal conferida pola consellería competente en materia de función pública».

Disposición adicional primeira.- Servicio Galego de Saúde. Persoal.

Correspóndelle ó Servicio Galego de Saúde a autorización das modificacións, dentro de cada centro de xestión, dos cadros de persoal estatutario, de per

soal MIR e de calquera outro tipo de persoal de institucións sanitarias dependentes do organismo non incluídos nas relacións de postos de traballo, sempre que a modificación acordada non supoña un incremento dos créditos do artigo correspondente do devandito centro.

En idénticas condicións correspóndelle ó Servicio Galego de Saúde a autorización da modificación prevista no parágrafo anterior dos cadros de persoal funcionario sanitario pertencentes ás clases de médicos, practicantes e matronas titulares.

En todo caso, daráselle conta á Consellería de Economía e Facenda unha vez tramitada a correspondente modificación.

Disposición adicional segunda.- Declaración de utilidade pública e urxente ocupación.

Decláranse de utilidade pública as infraestructuras, dotacións e instalacións dos plans e proxectos sectoriais que o Consello da Xunta aprobe conforme o procedemento sinalado na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

A aprobación definitiva polo Consello da Xunta dun plan ou proxecto sectorial levará implícito o recoñecemento en concreto da utilidade pública e a urxente ocupación para efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para a execución das infraestructuras, dotacións e instalacións, sempre que o promotor o solicitase e o proxecto inclúa a relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos de necesaria expropiación.

Disposición adicional terceira.- Declaración de utilidade pública.

Para os efectos do previsto no artigo 9 da Lei de expropiación forzosa, decláranse de utilidade pública as obras necesarias para a construcción e rehabilitación de edificios destinados a alberga-los servicios, instalacións, organismos, entes ou institucións dependentes da Comunidade Autónoma no seu ámbito territorial.

Disposición adicional cuarta.- Alleamento de inmobles.

Regulamentariamente poderá establecerse un réxime especial para o alleamento de inmobles situados en parques tecnolóxicos coa finalidade de facilita-la instalación de empresas ou establecementos que incorporen procesos con utilización ou producción de alta tecnoloxía a través de medidas específicas tales como o aprazamento ou fraccionamento do pagamento do prezo do alleamento ata os límites que se sinalen ou calquera outra que comparta idéntica finalidade de fomento, das que o seu alcance e contido se definirán nas normas de desenvolvemento desta disposición.

Disposición adicional quinta.- Profesores de corpos docentes.

Sen prexuízo do establecido con carácter xeral no artigo 68, punto 5, da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e en atención ás peculiaridades do persoal docente, recoñecidas polo artigo 1, punto 2, da referida lei, e con carácter de transitoriedade durante o período de implantación da reforma educativa prevista pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, os profesores dos corpos docentes previstos no ámbito de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán percibir ata o total das súas retribucións tanto básicas coma complementarias cando sexan autorizados para o desfrute de licencias por estudios durante o curso escolar, nos supostos, termos, prazos e condicións que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co informe favorable das consellerías de Economía e Facenda e da Presidencia e Administración Pública.

Disposición adicional sexta.- Selección e provisión de prazas de facultativos especialistas de área no ámbito do Servicio Galego de Saúde.

A convocatoria das probas selectivas para ingresar na categoría de facultativo especialista de área e o concurso de traslados, no ámbito das institucións sanitarias do Servicio Galego de Sáude durante 1999, e por unha soa vez, realizaranse de acordo coas regras que se establecen nesta disposición.

Un.- Concurso-oposición.

As convocatorias efectuaranse polo sistema de concurso-oposición, con carácter descentralizado por cada institución sanitaria de atención especializada, logo da publicación no Diario Oficial de Galicia dunhas bases xerais, nas que se determinarán: os requisitos e condicións que deben reuni-los aspirantes, que non poderán te-lo nomeamento en propiedade na mesma categoría e especialidade dentro do sistema nacional de saúde; o número de prazas, que será independente do número de prazas convocadas a concurso de traslado; as características das prazas convocadas; os prazos de presentación de solicitudes; os tribunais, que estarán compostos por un número máximo de cinco membros, e as medidas de coordinación do desenvolvemento das probas, dirixidas a asegura-la realización simultánea dos exercicios nos distintos ámbitos territoriais en termos de igualdade.

1.- A fase de oposición: consistirá na realización polos aspirantes do exercicio ou exercicios que a convocatoria determine, a prol de determina-la súa aptitude para o desempeño da praza.

2.- A fase de concurso: consistirá na comprobación e cualificación dos méritos que acrediten os aspirantes, relacionados cos seguintes aspectos:

- Servicios prestados no sistema nacional de saúde con carácter temporal.

- Formación especializada para a obtención do título de especialistas.

- Traballos científicos e de investigación publicados.

- Por impartir docencia a posgraduados na especialidade na que se concursa.

- Ter formado parte das comisións clínicas constituídas ó amparo do Real decreto 521/1987, do 15 de abril.

- Coñecemento da lingua galega.

Dous.- Concurso de traslados.

Proveranse por concurso de traslados as prazas de facultativo especialista de área que a convocatoria determine. Estas prazas non terán que estar vinculadas ás que se convoquen por concurso-oposición. As prazas convocadas e non adxudicadas, así como as que resulten vacantes como consecuencia deste concurso de traslados, acumularanse ás convocadas polo sistema de concurso-oposición. Non obstante, a toma de posesión efectuarase de forma simultánea á do persoal que acceda ás prazas por concurso- oposición.

A adxudicación das prazas convocadas efectuarase de acordo cun baremo de méritos que teña en conta, con carácter preferente, os servicios prestados, e que poderá valorar, en menor medida, a formación dos profesionais nos aspectos que se determinen na convocatoria.

Tres.- Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para que por acordo estableza as regras e medidas necesarias para o desenvolvemento dos procesos selectivos e do concurso de traslados.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogado o punto 7 do artigo 15 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Un.- Terán vixencia permanente os artigos 2, 3, 4, 5, 6, 8 e 9, así como as disposicións adicionais segunda e terceira.

Dous.- O restante contido normativo terá vixencia exclusiva para o exercicio de 1999.

Disposición derradeira segunda

Autorízase o Consello da Xunta para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta lei, que entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1999.

Santiago de Compostela, trinta de decembro de mil novencentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

11775