Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Luns, 28 de decembro de 1998 Páx. 13.701

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 4 de decembro de 1998 pola que se regula o sistema específico de vixilancia da síndrome de inmunodeficiencia adquirida (SIDA) en Galicia.

En virtude do Decreto 177/1998, do 11 de xuño, creouse a rede galega de vixilancia en saúde pública, coa finalidade de identificar e caracterizar problemas de saúde na poboación galega, para facilita-lo seu control, sexa con medidas individuais ou colectivas. A dita rede está constituída polo sistema básico e polo sistema específico de vixilancia.

O Rexistro Galego da SIDA forma parte do sistema específico de vixilancia e ten como obxectivo recoller e xestiona-la información precisa para describi-la incidencia, evolución e características da síndrome de inmunodeficiencia adquirida en Galicia.

Por todo isto, e facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A vixilancia epidemiolóxica da SIDA farase en Galicia a través do Rexistro Galego da SIDA.

Artigo 2º

O Rexistro Galego da SIDA recollerá información sobre os casos da SIDA segundo a definición vixente de caso no momento do diagnóstico. En todo caso esta incluirá datos sobre cada un dos puntos que aparecen no anexo I.

Artigo 3º

O Rexistro Galego da SIDA estará adscrito á Dirección Xeral de Saúde Pública, como órgano encargado da súa xestión.

Artigo 4º

1. Tódolos médicos/as en exercicio no ámbito territorial da Comunidade galega, están obrigados a declara-los casos de SIDA ante a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

2. Esta notificación farase, a máis tardar, antes do mércores da semana seguinte ó diagnóstico do caso. Para estes efectos, considérase que a semana é a unidade básica temporal para a declaración dos casos, e que comeza ás 0 horas do domingo e remata ás 24 horas do sábado seguinte.

3. A notificación remitirase ó Rexistro Galego da SIDA, adscrito á Dirección Xeral de Saúde Pública como órgano encargado da súa xestión.

Artigo 5º

Os sistemas a través dos que se efectuará a declaración serán os que estableza en cada momento a Dirección Xeral de Saúde Pública. En todo caso incluirán datos sobre os puntos que aparecen no anexo I.

Artigo 6º

O incumprimento do previsto nesta orde constitúe infracción administrativa de acordo co disposto no artigo 35 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

Artigo 7º

De acordo co especificado no artigo 7.2º do Decreto 177/1998, do 11 de xuño, polo que se crea a Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública, a información que recolla o Rexistro Galego da SIDA considerarase estrictamente confidencial e utilizarase só para fins exclusivamente sanitarios.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Saúde Pública para adoptar cantas medidas sexan precisas en desenvolvemento e execución da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ós vinte días seguintes ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 1998.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Información que debe figurar na declaración da SIDA:

-Datos sobre a identificación do caso.-Datos sociodemográficos.-Datos sobre os factores de risco.-Datos sobre a enfermidade indicativa da SIDA.-Datos de laboratorio.-Datos sobre o médico/a responsable do diagnóstico.

11591