Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Martes, 22 de decembro de 1998 Páx. 13.605

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 361/1998, do 4 de decembro, polo que se aproba o estatuto do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec).

As funcións relativas á xestión, planificación, supervisión, asesoramento e coordinación dos distintos procesos informáticos de natureza tributaria, contable, orzamentaria e, en xeral, económico-financeira fóronlle atribuídas ó Centro de Proceso de Datos, dependente da Consellería de Economía e

Facenda, de acordo co disposto no Decreto 13/1997, do 23 de xaneiro.

Nos últimos anos o Centro de Proceso de Datos experimentou un notable incremento das prestacións directas de servicios informáticos especializados ós distintos órganos da Consellería de Economía e Facenda e daquelas entidades oficiais colaboradoras con ela no desempeño das súas funcións, sendo precisa unha axeitada reestructuración dos seus recursos técnicos tanto na área de persoal como en equipamento e medios.

Así mesmo, dadas as características e o grao de especialización técnica destes recursos, así como o seu acondicionamento derivado dunha rápida e constante evolución tecnolóxica, das presións de mercado, das funcións que actualmente desempeña e da diversidade e urxencia das prestacións que lle poidan ser requiridas, fíxose necesaria unha redefinición da natureza do Centro de Proceso de Datos para dotalo da máxima axilidade e operatividade.

Por iso, ó estructurar xuridicamente a xestión dos recursos mencionados, e baixo a premisa da necesidade de acudir a un proceso de descentralización funcional que configurara unha personalidade xurídica independente, a Lei 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión, optou pola modalidade dun ente de dereito público no que a submisión ó dereito privado permita a súa rápida adaptación ás múltiples e modernas tecnoloxías que require hoxe en día calquera sistema informático complexo, indispensable para dar soporte axeitado ás necesidades de xestión e estudio en materias tributarias, contables, de recadación e aqueloutras de natureza similar que lle sexan encomendadas, todo iso en prol da consecución dunha maior productividade dos medios dos que se dispoña.

O presente decreto vén dar cumprimento ó disposto no número 6 da disposición adicional quinta da dita lei, que prevé a aprobación polo Consello da Xunta do estatuto do Cixtec e, por conseguinte, prevé os extremos atinentes á súa composición e organización e ó seu réxime económico, patrimonial e de persoal, desenvolvendo as liñas directrices sentadas na antedita disposición.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de decembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Natureza, fins e funcións

Artigo 1º

1. O Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) é un ente de dereito público con personalidade xurídica propia

dos previstos no artigo 12.1º.b) da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. O Cixtec axustará a súa actividade ó ordenamento xurídico privado, salvo cando exerza potestades administrativas, suposto no que lle será de aplicación a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas administrativas de xeral aplicación.

A súa actividade económico-financeira rexerase, no que proceda, pola citada Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Nas súas actividades de contratación seralle de aplicación a Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, ó abeiro do disposto no seu artigo 1.3º.

A súa organización e funcións axustaranse ó previsto na disposición adicional quinta da Lei 2/1998, do 8 de abril, neste decreto e nas súas normas de desenvolvemento.

Artigo 2º

O Cixtec adscríbese, de acordo co previsto na citada Lei 2/1998, á Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

Artigo 3º

1. O Cixtec actuará no nome propio e por conta e baixo a dependencia da Xunta de Galicia no exercicio das funcións que lle confire o presente decreto.

2. O Cixtec desempeñará as súas funcións no ámbito da Consellería de Economía e Facenda, incluíndo nel as entidades públicas que colaboran con esta, sen prexuízo da posibilidade de prestación de servicios a outros entes dependentes dela.

3. Son funcións do Cixtec:

a) A realización das actividades derivadas da específica natureza da súa xestión, coidando da explotación e do mantemento das aplicacións mecanizadas e da execución dos procesos informáticos.

b) Actuar como órgano de apoio informático ós servicios da Consellería de Economía e Facenda. Para estes efectos correspóndelle ó Cixtec:

-A xestión dos procesos de natureza informática tributaria, contable, orzamentaria, económico-financeira e, en xeral, todas aquelas outras que lle sexan encomendadas especificamente.

-A análise, deseño, desenvolvemento e execución dos sistemas e aplicacións informáticas.

-A asistencia, asesoramento e subministración de equipos e procesos informáticos.

-A emisión de informes técnicos en materia informática e aqueloutros que se lle atribúan, relacionados coas actividades que lle son propias.

TÍTULO II

Organización

Artigo 4º

Os órganos de goberno do Cixtec son o Consello de Dirección, o presidente e mailo director.

Artigo 5º

1. O Consello de Dirección é un órgano colexiado de goberno formado polos seguintes membros:

a) O conselleiro de Economía e Facenda.

b) O secretario xeral e do Patrimonio.

c) A directora xeral de Tributos.

d) O director xeral de Orzamentos.

e) O director do Instituto Galego de Estatística.

O presidente do Consello de Dirección será o conselleiro de Economía e Facenda ou a persoa en quen delegue.

O Consello de Dirección nomeará un secretario, que actuará con voz pero sen voto. O dito nomeamento poderá recaer en persoa adscrita á estructura administrativa do centro.

2. Correspóndelle ó Consello de Dirección exercer, sen máis limitacións cás establecidas polas leis, tódalas facultades e funcións que sexan precisas para acada-los fins do Cixtec.

En especial:

a) Orienta-la actuación do Cixtec dentro das liñas marcadas pola Consellería de Economía e Facenda.

b) Decidir sobre tódalas cuestións relacionadas coa organización, co funcionamento e coas operacións que ten que realiza-lo Cixtec, sen prexuízo das facultades atribuídas por este decreto ó presidente e ó director e das que lles sexan delegadas.

c) Aproba-lo anteproxecto de orzamentos, que lle será remitido á Consellería de Economía e Facenda.

d) Acorda-la celebración de contratos e convenios que concerte o centro.

e) Decidir sobre os asuntos que lle someta o presidente.

f) Aproba-la memoria anual, o balance e maila conta de perdas e ganancias, que lle serán remitidas ó Consello de Contas.

g) Aproba-la estructura e a dotación do cadro de persoal do Cixtec.

3. O Consello de Dirección reunirase, como mínimo, 4 veces no ano.

4. O Consello de Dirección poderá delegar no presidente e no director calquera función específica, salvo as indelegables por lei.

Artigo 6º

1. O presidente do Cixtec é, por razón do seu cargo, o conselleiro de Economía e Facenda.

2. O presidente desempeñará a representación do Cixtec en toda clase de actos ou negocios xurídicos e exercerá no seu nome as accións e recursos que procedan.

Correspóndelle, ademais, ó presidente:

a) Ordena-la convocatoria do consello, fixa-la orde do día e presidi-las súas sesións.

b) Velar polo cumprimento das directrices de actuación marcadas pola Xunta de Galicia.

c) Propoñe-la adopción das disposicións regulamentarias necesarias para a organización e o funcionamento do Cixtec.

3. O presidente poderá delegar no director calquera función específica excepto aquelas que teña delegadas polo consello.

Artigo 7º

1. O director do Cixtec será nomeado e cesado polo Consello de Dirección, por proposta do seu presidente, e o seu cargo será incompatible con calquera outra actividade pública ou privada, nos termos previstos na lexislación.

2. Correspóndelle ó director:

a) Dar cumprimento ós acordos do Consello de Dirección.

b) Propoñe-las liñas estratéxicas de actuación do Cixtec e o programa anual de actividades.

c) Xestiona-lo Cixtec e render contas da xestión perante o Consello de Dirección.

d) Elabora-lo anteproxecto de orzamentos, a memoria anual, o balance e maila conta de perdas e ganancias.

e) Elabora-la proposta de estructura e dotación de persoal do Cixtec.

f) Exerce-la dirección administrativa e de persoal.

g) Coordinar, inspeccionar e controla-lo funcionamento dos servicios e das dependencias.

h) Exerce-las funcións delegadas polo presidente ou polo Consello de Dirección.

TÍTULO III

Réxime económico e patrimonial

Artigo 8º

Os recursos económicos do Cixtec son:

a) As consignacións orzamentarias que lle sexan asignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As subvencións ou achegas voluntarias de entidades e institucións públicas ou privadas, así como de particulares.

c) Os créditos, préstamos e demais operacións financeiras que concerte.

d) Calquera outro recurso que se lle poida atribuír.

Artigo 9º

Para o desempeño das súas funcións adscríbenselle ó Cixtec os bens que viña utilizando á entrada en vigor deste decreto o Centro de Proceso de Datos, dependente da Consellería de Economía e Facenda.

Esta adscrición está sometida á normativa patrimonial da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 10º

O réxime financeiro, contable e orzamentario do Cixtec axustarase ás normas establecidas para as sociedades públicas autonómicas previstas no artigo 12.1º.b) da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

TÍTULO IV

Uso dos fondos informáticos

Artigo 11º

Os fondos informáticos xestionados polo Cixtec serán de uso exclusivo da Consellería de Economía e Facenda.

Os datos, informes ou antecedentes obtidos polo Cixtec no exercicio das funcións que desempeña como órgano de apoio á xestión tributaria terán o carácter reservado a que alude o artigo 113 da Lei xeral tributaria e, conseguintemente, non poden cederse a terceiros fóra dos supostos a que se refire a antedita disposición.

As autoridades e persoal ó servicio do Cixtec atópanse igualmente suxeitas ó deber de sixilo que legalmente se lles impón respecto de tales informacións.

TÍTULO V

Persoal

Artigo 12º

No Cixtec prestan servicios os seguintes tipos de persoal:

a) Contratado en réxime de dereito laboral.

b) Funcionario da Administración da Xunta de Galicia adscrito ó Cixtec.

c) Laboral da Administración da Xunta de Galicia adscrito ó Cixtec.

d) Interino da Administración da Xunta de Galicia que ocupara un posto obxecto de transferencia ó Cixtec.

e) Interino amparado pola disposición transitoria 11ª da Lei da función pública de Galicia adscrito ó Cixtec.

f) Contratado administrativo adscrito ou integrado no Cixtec.

Pertencer ó Consello de Dirección non xerará en ningún caso dereitos laborais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o 1 de xaneiro de 1999.

Santiago de Compostela, catro de decembro de mil novecentos noventa oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jose Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

11628