Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Venres, 18 de decembro de 1998 Páx. 13.521

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 3 de decembro de 1998 pola que se anuncian as axudas económicas destinadas a subvenciona-la realización de obras de construcción e rehabilitación das sedes das entidades locais.

Á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, de conformidade co establecido no artigo 5 do Decreto 227/1998, do 10 de xullo compételle, entre outras materias, o relativo ás relacións coas corporacións locais, relacións que ó abeiro dos artigos 194 e 195 da Lei 5/1997, do 22 de xullo de Administración local de Galicia, poderán ser de colaboración e cooperación económica e revesti-las formas de subscrición de convenios e concesión de subvencións.

Tendo en conta isto, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais pretende continuar co seu labor de colaboración coas corporacións locais na mellora da calidade da vida local, regulando, por medio da presente orde, os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas destinadas á realización de obras de construcción e rehabilitación das sedes das entidades locais, que se levarán a cabo a través de convenios de colaboración con cada unha delas.

Nesta orde recóllese, o mesmo que en exercicios pasados, a posibilidade de que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, asine convenios de cooperación con calquera das deputacións provinciais galegas, co fin de cofinanciar estas obras.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, dispón no seu artigo 1 que, entre outros, os expedientes de gasto imputables ó capítulo VII poderán iniciarse no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos, unha vez aprobado o proxecto de orzamentos polo Consello da Xunta de Galicia.

Por todo isto

DISPOÑO

Artigo 1º

1. Convócanse subvencións destinadas á realización de obras de construcción e rehabilitación das sedes das entidades locais.

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.761.0, programa 123.A, ata unha contía máxima de catrocentos sete millóns de pesetas (407.000.000 de pesetas), correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, condicionándose o

devandito gasto á existencia de crédito adecuado e suficiente no orzamento do exercicio do ano 1999, neste momento en trámite parlamentario.

2. Poderanse subvencionar:

a) Obras de construcción de nova planta naquelas corporacións locais nas que, polas condicións de ruína ou avanzada deterioración do edificio, sexa aconsellable a súa reposición, ou, en todo caso, obra nova.

b) Obras que supoñan a rehabilitación integral de edificios que vaian ser dedicados a sede da entidade local.

c) Obras de reparación de tellados, calefacción e/ou servicios sanitarios, así como as obras complementarias e incluso obras menores dentro das citadas sedes.

Artigo 2º

A axuda económica que se conceda poderá alcanza-lo 100% do total do orzamento presentado. No suposto de producirse baixas de licitación, as cantidades que resultasen sobrantes poderán destinarse a subvencionar reforma ou modificación da obra inicialmente subvencionada, logo de solicitude da entidade local interesada.

Artigo 3º

No caso de obras que, por disposición municipal teñan carácter plurianual, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá comprometerse a subvencionar outras fases da execución da obra, con suxeición ás limitacións contidas no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e normativa de desenvolvemento.

Artigo 4º

1. As entidades locais que desexen acollerse ó beneficio desta orde presentarán instancia dirixida ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, segundo o modelo que figura como anexo desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no da propia consellería ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de trinta días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. A entidade local peticionaria achegará coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente da entidade local pola que se aproban as obras que se van realizar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na presente orde.

b) Memoria xustificativa da necesidade das obras para as que se solicita subvención, con expresión da fase, se é o caso, a que corresponda.

c) No caso de construcción dun novo edificio, o proxecto da obra que se vai realizar e certificación da secretaría xeral da corporación, referida á titularidade e disposición da entidade local sobre o terreo onde se pretende construí-la nova sede da entidade local.

No caso de que a obra que se vai subvencionar sexa obxecto de contratación ó abeiro dos artigos 57 e 121 da Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas unicamente será esixible o orzamento detallado, ademais do proxecto cando normas específicas o requiran.

d) Fotografías da sede da entidade local que incidan especialmente nas zonas onde se proxecta a realización das obras para as que se solicita subvención ou, se é o caso, do correspondente soar.

3. O defecto na solicitude seralles notificado ós interesados pola Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local desta consellería, e concederáselles un prazo de dez días para corrixi-los erros ou omisións. Se transcorrido ese prazo non se producise a corrección, as peticións serán arquivadas sen máis trámite.

Artigo 5º

1. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local que lle elevarán o correspondente informe ó director xeral, quen elevará proposta de resolución ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá, materializándose estas axudas, a través de convenios de colaboración subscritos pola consellería con cada unha das entidades beneficiarias.

2. Se se considera conveniente, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, poderá asinar convenios de cooperación con calquera das catro deputacións provinciais galegas, co fin de que estas participen no financiamento das obras que se van realizar.

Neste caso teranse en conta as seguintes consideracións:

a) A Xunta de Galicia poderá financiar só ata o 60% do orzamento da obra que se vaia realizar, correspondendo o 40% restante á deputación provincial correspondente e á entidade local beneficiaria da subvención.

b) Constituirase unha comisión formada por representantes da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e a deputación provincial correspondente, que lle elevará proposta de resolución ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Artigo 6º

Na valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

a) A necesidade das obras que se van realizar, apreciadas en razón da súa urxencia, en canto ó

estado material e ás condicións de uso do actual edificio da sede da entidade local.

b) A situación económica da entidade local considerada pola contía do seu orzamento.

c) A poboación e extensión do termo municipal.

Artigo 7º

A resolución seralles notificada a tódolos beneficiarios da subvención, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que transcorridos tres meses desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes, non se comunicase a concesión da subvención, entenderase desestimada.

Artigo 8º

A tramitación e adxudicación das obras será realizada polas entidades locais conforme a súa propia normativa, dándolle conta deste acto á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, mediante certificación expedida polo secretario xeral da corporación.

Artigo 9º

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

2. As entidades locais beneficiarias da subvención, así como, se é o caso, as deputacións provinciais que asinasen convenios de cooperación coa Xunta de Galicia, a través da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, presentarán inescusablemente, no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local), as xustificacións orixinais ou copias cotexadas, por triplicado, antes do 15 de outubro de 1999 mediante certificación de obra no modelo oficial, con relación valorada, tramitada conforme o procedemento que rexe para a Administración local, xunto coa correspondente certificación, expedida polo secretario da corporación, relativa ó acordo de aprobación pola corporación.

3. A Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, de atopar conforme os xustificantes, proporá o libramento dos fondos.

4. As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia ou non presentación das certificacións correspondentes por parte das entidades locais beneficiarias poderán adicarse a subvencionar outras obras de entidades locais que presentaron solicitude de subvención ó abeiro da presente orde.

5. Transcorrido o prazo establecido no parágrafo 2º sen ter presentadas as correspondentes certifi

cacións poderase entender que o concello renuncia á subvención, podendo esta consellería utiliza-lo dito crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

Artigo 10º

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais anulará os beneficios concedidos, e conforme o disposto no artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación; e, se procede, instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º

Os solicitantes ós que non lles fose concedida a subvención disporán dun prazo de trinta días naturais, contados a partir da resolución, para retira-la documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase sen máis trámite.

Disposición adicional

A teor do disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, poderase achegar como máximo ata o momento inmediatamente anterior ó da disposición ou compromiso de gasto, en canto non resulten aprobados os créditos adecuados e suficientes que amparen o correspondente gasto con cargo ós orzamentos definitivos para a Comunidade Autónoma, de 1999.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Administración Local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 1998.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

11045