Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Martes, 01 de decembro de 1998 Páx. 12.876

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 1998 pola que se convoca un seminario galego-luso sobre Administración local en Galicia e no norte de Portugal.

A EGAP, dentro do programa operacional europeo Interreg-II para 1998, organiza un seminario galego-luso sobre Administración local en Galicia e no norte de Portugal.

Colaboran nesta actividade, co patrocinio da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, as seguintes institucións:

-A Dirección Xeral de Xustiza e Administración local da Xunta de Galicia.

-A Direcçao Regional de Administraçao Autárquica do Norte de Portugal.

-O Instituto de Gestao e Administraçao Pública de Porto.

1. Obxectivos.

A través dun estudio comparado da normativa aplicable ó respecto en ámbolos dous territorios transfronteirizos, reflexionar, contrastar e debater verbo do tratamento das cuestións máis sobresalientes sobre a Administración local en Galicia e no norte de Portugal.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-O papel do ámbito rexional en relación cos concellos.

-Caracterización do marco xurídico-financeiro da Administración local.

-Recursos humanos e formación na Administración rexional e local.

-A avaliación do traballo e do rendemento.

-A xestión dos servicios públicos locais.

-Perspectivas de futuro para a Administración local.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio de calquera das administracións públicas galegas e portuguesas e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: o seminario convocado terá lugar no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (polígono das Fontiñas, Rúa de Madrid, 2-4, en Santiago de Compostela), os días 10 e 11 de decembro de 1998.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o mércores, día 9 de decembro de 1998.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, Rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 37.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só se admitirán de quedaren baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Para confirma-la súa posible admisión, os peticionarios poderán chamar por teléfono, a partir do día 9 de decembro, das 10 ás 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do seminario, así como a de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificado de asistencia.

Entregaráselles, ó remate deste seminario, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente ó mesmo, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 1998.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

10469