O artigo 3.1º.g. da Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, considera entre os fins da escola a investigación, a documentación, o estudio e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.
De conformidade coa referida disposición, convócase unha bolsa de linguaxe administrativa inglesa de acordo coas seguintes bases:
Primeira.-Obxecto.
A Escola Galega de Administración Pública convoca unha bolsa de linguaxe administrativa inglesa para a realización na Escola Galega de Administración Pública de estudios e prácticas sobre linguaxe administrativa inglesa.
Segunda.-Duración e dotación económica.
A bolsa rematará o día 31 de decembro de 1999, podendo prorrogarse por un ano, en función do aproveitamento do adxudicatario e das dispoñibilidades orzamentarias da escola.
A dotación económica de cada bolsa será de 140.000 pesetas mensuais. A eficacia desta previsión estará condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria 04.50.122 A.480.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999. O expediente económico tramítase de acordo co previsto na Orde do 11 de febreiro de 1998 que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.
Terceira.-Natureza xurídica da relación.
A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social.
Cuarta.-Requisitos dos participantes.
Poderán optar á bolsa as persoas que reúnan os seguintes requisitos:
a) Ser licenciado en filoloxía inglesa.
b) Acreditar formación e/ou experiencia en materias relacionadas co obxecto da convocatoria.
c) Acreditar formación e/ou coñecementos da lingua galega.
d) Acreditar formación e/ou experiencia en informática.
Quinta.-Solicitudes.
As persoas interesadas presentarán no rexistro da Escola Galega de Administración Pública, dentro dos quince días naturais seguintes ó da publicación desta convocatoria, a seguinte documentación:
a) Unha instancia de admisión para participar nas probas de selección, segundo o modelo anexo.
b) Certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas na licenciatura.
c) Documentos que acrediten a formación e/ou experiencia esixida nos puntos 4.b, 4.c e 4.d.
d) Memoria descritiva das tarefas de colaboración en materia de linguaxe administrativa inglesa nun centro de formación de funcionarios.
Sexta.-Tribunal.
Presidente: o secretario xeral da Escola Galega de Administración Pública.
Vocais: un profesor colaborador da EGAP.
Secretario: o xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións da EGAP.
Sétima.-Criterios para a selección do bolseiro.
A selección realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:
a) Expediente académico: ata catro puntos.
b) Formación e/ou experiencia en materias co obxecto desta bolsa: ata dous puntos.
c) Coñecementos da lingua galega: ata dous puntos.
d) Coñecementos de informática: ata dous puntos.
e) Memoria: ata cinco puntos.
O tribunal poderá realizar unha entrevista cos aspirantes que acrediten máis de oito puntos no anterior baremo. Versará sobre os seus méritos curriculares e a memoria e terá unha duración máxima de quince minutos. En función do contido da entrevista, o tribunal poderá aumenta-la puntuación inicial asignada nun máximo do 25% da que lle corresponde por aplicación do baremo.
Finalmente, o tribunal fará pública a relación de candidatos por orde de puntuación.
Oitava.-Réxime de colaboración.
O aspirante seleccionado incorporarase, logo da aceptación da bolsa, no prazo de dez días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.
No caso de que un adxudicatario, por calquera motivo, non poida presta-la súa colaboración será substituído polo candidato seguinte por orde de puntuación.
O bolseiro prestará a súa colaboración, baixo as indicacións do xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións, en horario de mañá e/ou tarde, de luns a venres na Escola Galega da Administración Pública. Os traballos realizados quedarán en propiedade da escola.
O bolseiro presentará, ó remate da bolsa, un informe sobre os traballos realizados.
Novena.-Cláusula xeral.
No caso de incumprimento das tarefas de colaboración a escola poderá, por proposta do xefe do Servicio de Estudios, Investigación e Publicacións e logo de escoita-la persoa afectada, anula-la bolsa.
A solicitude da bolsa implica o coñecemento e a aceptación destas bases.
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 1998.
Domingo Bello Janeiro
Director da Escola Galega de Administración
Pública
10642