Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Venres, 20 de novembro de 1998 Páx. 12.501

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 1998, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector do comercio do metal.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector do comercio do metal, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 19-10-1998, subscrito en representación da parte económica polas asociacións provinciais de comercio de maquinaria en xeral e venda de vehículos; electrodomésticos, ferraxería e material de oficina; almacenistas; maioristas de material eléctrico; xoiería, pratería e reloxería; maquinaria agrícola e libre de recambios e accesorios, e da parte social, polas centrais sindicais UGT, CC.OO. e CIG con data do 30-9-1998. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto legislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro de depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta

delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 22 de outubro de 1998.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para o sector comercio do metal de Pontevedra

Artigo 1º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio as centrais sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG), Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Comisións Obreiras (CC.OO.) en representación dos traballadores e as asociacións provinciais de comercio de maquinaria en xeral e venda de vehículos, electrodomésticos, ferraxería e material de oficina, almacenistas, maioristas de material eléctrico, xoiería, pratería e reloxería, maquinaria agrícola e libre de recambios e accesorios, en representación dos empresarios do sector.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio afecta a todas aquelas empresas englobadas no sector comercio do metal, con centros de trabajo que estean comprendidos dentro da provincia de Pontevedra.

Artigo 3º.-Vixencia.

O convenio entrará en vigor ós dez días da súa sinatura, con independencia da súa publicación no BOP, se ben os seus efectos económicos se retrotraerán ó primeiro de xaneiro de 1998.

Artigo 4º.-Duración.

O presente convenio terá unha duración dun ano, finalizando os seus efectos o trinta e un de decembro de 1998, e prorrogarase automaticamente por anualidades, se non media denuncia das partes con tres meses, polo menos, ó termo da súa vixencia. A dita denuncia deberá facerse por escrito dirixido á outra parte afectada polo convenio, todo isto sen prexuízo do establecido no artigo 26 de convenio.

Artigo 5º.-Compensación de melloras.

As melloras que se establecen no presente convenio poderán compensar ou absorber no que alcancen aquelas melloras que voluntariamente tivesen establecidas as empresas, ou as que no futuro puidesen establecerse por disposición legal de carácter obrigatorio.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que, con anterioridade ó convenio, viñese desfrutando de condicións máis beneficiosas, consideradas no seu conxunto e en cómputo anual, cás que aquí se establecen, deberá conservalas.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral será de corenta horas semanais de traballo efectivo, de luns a sábado pola mañá.

Artigo 8º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio desfrutará de trinta días naturais de vacacións anuais retribuídas, que se desfrutarán preferentemente (metade máis un do persoal, polo menos), entre os meses de abril a outubro, ambos inclusive.

Artigo 9º.-Licencias.

Con base no disposto no artigo 37.3º do Estatuto dos traballadores, o persoal, logo do aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos seguintes:

a) 15 días naturais en caso de matrimonio.

b) 1 día por traslado de domicilio habitual.

c) Ata 5 días naturais, nos casos de morte ou enterro do cónxuxe, ascendentes, descendentes ou irmáns e parto de esposa, así como enfermidade grave do cónxuxe, pais e fillos, téndose en conta para a súa concesión os desprazamentos que o traballador teña que realizar e as demais circunstancias que no caso concorran.

d) Ata un máximo de catro días naturais ó ano, por necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admitan demora, téndose en conta para iso os desprazamentos que o traballador teña que facer e as demais circunstancias que no caso concorran.

Esta última licencia, demostrada a súa indubidable necesidade, concederase no acto, sen prexuízo das sancións que se lle poidan impor ó traballador que alegue causas que resulten falsas.

e) O traballador desfrutará dun día retribuído ó ano de libre disposición que deberá solicitar cunha semana de antelación e que non poderá ser coincidente co solicitado por outro traballador da empresa.

Este beneficio quedará suprimido do convenio, no caso de reducción de xornada por disposición legal.

Artigo 10º.-Sábado Santo.

Os traballadoes afectados por este convenio desfrutarán de descanso na mañá do sábado de Semana Santa.

Artigo 11º.-Retribucións.

Os saldos e salarios correspondentes ás distintas categorías son os que figuran na táboa salarial anexa.

No caso de que o IPC rexistrase o 31 de decembro de 1998 un incremento respecto ó 31 de decembro de 1997 superior ó 2,1%, o dito exceso servirá de base para a negociación do ano 1999. Para iso, no momento da negociación do convenio colectivo do ano 1999 procederase a cuantifica-lo dito exceso, calculado sobre os salarios utilizados para realiza-los aumentos pactados para 1998. A cuantificación do dito exceso adicionarase ós salarios vixentes o 31 de decembro de 1998 e sobre a cantidade resultante, calcularanse os incrementos salariais para 1999.

Artigo 12º.-Antigüidade.

Os premios de antigüidade consistirán en cuadrienios ó 5% sobre o salario base dos traballadores.

Artigo 13º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado polo presente convenio manterá o seu dereito a percibir catro pagas extraordinarias dunha mensualidade cada unha delas, en marzo (paga de beneficios), xuño, setembro e decembro (Nadal). Estas pagas consistirán no salario base, de acordo co salario do traballador máis a antigüidade, se é o caso, e deberán ser aboadas non despois do día dez dos ditos meses.

A empresa poderá ratea-las pagas extraordinarias de marzo e setembro, á totalidade do cadro de persoal, en cada un dos doce meses do ano.

Artigo 14º.-Horas extraordinarias.

Durante a vixencia do presente convenio quedan suprimidas as horas extraordinarias salvo caso de extrema necesidade, que será apreciada polo empresario, oídos os delegados de persoal ou membros do comité de empresa.

Artigo 15º.-Axudas de custo.

O persoal ó que se lle confira algunha comisión de servicios fóra da súa residencia habitual de traballo, terá dereito a que lle aboen os gastos que efectuase, logo da presentación dos xustificantes correspondentes.

O persoal terá dereito, ademais, a unha axuda de custo de 803 e 1.190 ptas. respectivamente, segundo que o desprazamento sexa por media xornada ou por xornada completa.

Artigo 16º.-Plus de transporte.

As empresas aboaranlles ós seus traballadores, en concepto de plus de transporte, a cantidade de 10.673 ptas. nos once meses de traballo efectivo, polo que non se aboará no mes de de vacacións, sendo considerado como concepto extra salarial para tódolos efectos.

Artigo 17º.-Incapacidade laboral.

Durante as situacións de incapacidade laboral derivadas de enfermidade ou accidente debidamente

xustificados, as empresas completarán as prestacións económicas da Seguridade Social, ata o importe íntegro do salario do convenio.

Artigo 18º.-Servicio militar.

Ó cesar esta causa legal de suspensión do contrato de traballo, a teor do establecido no artigo 48 do Estatuto dos traballadores, o traballador terá dereito á reincorporación ó posto de traballo reservado, e deberá solicita-lo reingreso dentro dos dous meses seguintes ó cesamento da dita causa de suspensión, baixo pena de perder todo dereito á reincorporación á empresa.

Artigo 19º.-Excedencias.

1. A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto de traballo e ó cómputo da antigüidade da súa vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público.

2. O traballador con, polo menos, unha antigüidade na empresa dun ano, ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor a dous anos e non maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo traballador, se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo, contado desde a data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que viñese desfrutando. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Así mesmo, poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa, os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior, mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

O traballador excedente conserva só o seu dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa, que houbese ou se producisen na empresa.

A situación de excedencia poderá estenderse a outros supostos colectivamente acordados, co réxime e os efectos que alí se prevexan.

Artigo 20º.-Excedencia por maternidade.

As traballadoras que, como consecuencia do nacemento de fillo e para atende-lo seu coidado, soliciten un período de excedencia non superior a un ano, contado desde a terminación do descanso de maternidade a que se refire o número 3 do artigo 46 do Estatuto dos traballadores, terán dereito á reserva do posto de traballo e á reincorporación a el, unha vez finalizada a excedencia, sempre que solicite o reingreso cun mes de antelación ó termo desta.

Artigo 21º.-Axuda por defunción.

En caso de falecemento do traballador cun ano polo menos pertencendo á empresa, queda esta obrigada a satisfacerlles ós seus dereito habentes, o importe de tres mensualidades, iguais cada unha delas á última que o traballador percibise, incrementada con tódolos emolumentos inherentes a esta.

Artigo 22º.-Xubilación.

As empresas e traballadores poderán pactar, logo da existencia de común acordo por ambas partes, xubilación anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, debendo as empresas substituílos simultaneamente no momento do seu cesamento por xubilación por outros traballadores, nas condicións previstas no citado real decreto.

Artigo 23º.-Pluriemprego.

As partes asinantes deste convenio consideran conveniente erradica-lo pluriemprego, como regra xeral.

Para estes efectos, considérase necesario que se apliquen co máximo rigor as sancións previstas na lexislación vixente nos casos de traballadores non dados de alta na Seguridade Social, por estaren dados de alta xa noutra empresa.

Para coadxuva-lo obxectivo de controla-lo pluriemprego, considérase esencial o cumprimento exacto do requisito de dárllelo a coñecer ós representantes legais dos traballadores os boletíns de cotización á Seguridade Social, así como os modelos de contrato de traballo escrito que se utilicen na empresa e os documentos relativos ó termo da relación laboral, conforme dispón o artigo 64.1º do Estatuto dos traballadores. O incumprimento desta obriga considérase falta grave para efectos da súa sanción pola autoridade laboral.

Artigo 24º.-Pezas de roupa de traballo.

Ós traballadores que proceda proveráselles obrigatoriamente por parte da empresa de uniformes ou outras pezas de roupa de traballo, das coñecidas e típicas para a realización das distintas e diversas actividades que o uso vén aconsellando.

A provisión de tales pezas débese facer ó comeza-la relación laboral entre a empresa e o traballador en número de dúas pezas de roupa, que se reporán en anualidades sucesivas de maneira conveniente ou, polo menos, na metade destas.

Artigo 25º.-Acumulación de horas sindicais.

No ámbito de empresa, os delegados ou membros do comité poderán renunciar a todo ou parte do crédito de horas que a lei en cuestión lles recoñeza, en favor doutro ou outros delegados ou membros do comité. Para que iso produza efecto, a cesión de horas deberá ser presentada por escrito.

Artigo 26º.-Contratación.

Contrato eventual: a teor do disposto no artigo 15 b), do texto refundido do ET e R.D. Lei 8/1997, do 16 de maio, ambos vixentes, este contrato ten por obxecto atender esixencias circunstanciais do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, aínda tratándose da actividade normal da empresa.

Formalización do contrato: formalizarase por escrito, consginándose con suficiente precisión e claridade a causa e circunstancias que o motiven, e rexistrándose no Inem.

Duración e prórroga: a duración destes contratos non poderá ser inferior a 30 días nin superior a trece meses, dentro dun período de 18, contados a partir do momento do contrato inicial. Limitarase a dous o número de contratos que se van realizar, na súa duración máxima, a unha mesma persoa.

No caso de que se concerte o contrato por un prazo inferior ós trece meses, poderá ser prorrogado mediante acordo das partes, sen que a duración total do contrato poida exceder do dito límite máximo. As prórrgas terán unha duración mínima de 15 días. A duración do contrato e das súas prórrogas axustarase ó disposto anteriormente, salvo que exista pacto do contrario.

Nos contratos superiores ós seis meses, se no momento de finalización do período inicial ou de calquera das súas prórrogas non houbese unha comunicación previa de dez días de antelación á súa finalización, o contrato considerarase prorrogado automaticamente ata a súa duración máxima. Se no momento da finalización da súa duración máxima non houbese denuncia expresa con dez días de antelación e se continuasen prestando servicios, o contrato considerarase por tempo indefinido, salvo proba en contrario que acredite a natureza temporal da prestación.

Formación: a súa duración mínima será de 6 meses, ata un máximo de 30 meses, prorrogables de seis en seis meses. A retribución que se aboará será do 85% do salario fixado en convenio para a categoría na que se vai forma-lo traballador.

Esta cláusula tería vixencia exclusiva durante o ano 1998, período durante o cal se poderán concertar este tipo de contratos, aceptándose a vixencia destes ata a súa finalización.

Artigo 27º.-Acción sindical.

Haberá que aterse ó disposto na lexislación laboral vixente e, en particular, nos artigos 61 ó 81 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 28º.-Lexislación subsidiaria.

No non previsto expresamente neste convenio, aplicarase o acordo marco de comercio, o Estatuto dos traballadores e demais disposicións.

Artigo 29º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación das cláusulas deste convenio constituirase unha comisión paritaria integrada por catro membros da representación social e catro da empresarial.

Disposición adicional

Co fin de evita-lo atraso na negociación do próximo convenio, e dados os prexuízos que ós empresarios e traballadores lles causa o aboamento de atrasos salariais, as partes asinantes do convenio acordan constituí-la comisión deliberadora na segunda quincena do mes de xaneiro.

Táboa salarial anexa

Vixencia do 1-1-1998 ó 31-12-1998.

GRUPO I

Enxeñeiros e licenciados133.537

Axudantes e técnicos113.504

Practicantes93.473

GRUPO II

Xefe de persoal, de vendas, de compras, encargado xeral133.537

Xefe de almacén ou sucursal113.504

Xefe de grupo100.152

Xefe de sección93.473

Encargado establecemento, vendedor, comprador93.473

Viaxante89.022

Dependente, corredor de praza86.792

Dependente maior (10% máis que o dependente)

Axudante83.459

Traballadores en formación: 85% do salario da categoría para a que se vai formar (Art. 25 Contratación)

GRUPO III

Xefe administrativo120.180

Xefe de sección100.152

Contable caixeiro93.473

Oficial administrativo89.022

Auxiliar administrativo ata 10 anos de servicio83.459

Auxiliar administrativo con máis de 10 anos de servicio86.792

Auxiliar de caixa 84.574

GRUPO IV

Debuxante113.504

Escaparatista104.602

Rotulista95.699

Cortador97.921

Axudante83.459

Profesional de oficio 83.459

Axudante de oficio83.459

Mozo especializado83.459

Capataz83.459

Telefonista, mozo, envasador, embalador83.459

GRUPO V

Conserxe, cobrador, vixilante, sereno e ordenanza83.459

Persoal de limpeza por xornada completa68.040

Persoal de limpeza por hora (incluída a pro rata das 4 pagas extras)596

10208