Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Venres, 20 de novembro de 1998 Páx. 12.491

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 312/1998, do 6 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica, a 20 kV, ó C.T. de Regueiriño, no concello de Pontevedra. (Expediente 95/216).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na Avda. de Arteixo, 171, 15008 A Coruña, solicitou desta consellería, a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da L.M.T. aérea a 20 kV, con conductor LA-56 sobre apoios de formigón, de 382 m de lonxitude, desde o apoio 150 existente en Mourente-Marín rematando no C.T. en Regueiriño, concello de Pontevedra. (Expediente 95/216).

A dita instalación autorizouse, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra do 31-8-1995, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no Diario Oficial de Galicia do 24 de outubro, no BOP de Pontevedra do 25 de outubro, e declarada de utilidade pública por resolución desta delegación do 6-5-1996, inseriuse no Diario Oficial de Galicia do 24 de xuño; BOP de Pontevedra do 25 de xuño; BOP do 13 de xuño así como a aprobación do proxecto por resolución desta delegación do 31-8-1996.

A solicitude de urxente ocupación fíxose e tramitouse de acordo co disposto no artigo 31 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, polo que se aproba o regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable a este expediente en

virtude do establecido pola disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no Diario Oficial de Galicia do 4-4-1997, no BOP de Pontevedra do 7-4-1997, no xornal Faro de Vigo do 20-3-1997, e no taboleiro de anuncios da Casa do Concello de Pontevedra e no da delegación provincial; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación agás ó propietario do predio nº 21,por estar ausente no momento do reparto, segundo comunicou o servicio de correos, polo que se deu traslado das actuacións practicadas ó Ministerio Fiscal, segundo o disposto no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa.

Durante o período en que se someteu a trámite de información pública non se formularon escritos de alegacións.

Unha vez practicada, por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar, segundo o certificado emitido ó respecto, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume, non se dan as limitacións previstas no artigo 56 da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, que reitera as sinaladas no artigo 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e que é aplicable a este expediente en virtude do establecido no punto 2 da disposición transitoria segunda da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, nin lle son de aplicación as prohibicións e limitacións dos artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, respectivamente.

Considérase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña se pretende mellora-la subministración de enerxía eléctrica nos sectores de influencia, debido ás numerosas reclamacións presentadas por cortes e deficiente subministración, aumentando deste xeito a seguridade para as persoas e bens, e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible atende-lo servicio demandado coa celeridade debida.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de novembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co establecido polo artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, declárase a urxente ocupación

dos bens e dereitos afectados pola servidume de paso, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. da liña eléctrica, a 20 kV, a C.T. de Regueiriño (expediente 95/216), cos efectos e alcance previstos nos artigos 55 e 57 da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Pontevedra e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, seis de novembro de mil novecentos noventa e oito.

P.S. (Decreto 287/1998, do 22 de outubro)

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

10333