Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Xoves, 19 de novembro de 1998 Páx. 12.412

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 15 de outubro de 1998 pola que se aproba o plan de traballo anual da inspección educativa na Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 1998-1999.

O Decreto 135/1993, do 24 de xuño, polo que se regulan as funcións e organización da inspección educativa na Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que unha das funcións do subdirector xeral de Inspección é a de elabora-lo plan de traballo anual da inspección educativa, de acordo coas prioridades e directrices emanadas das correspondentes direccións xerais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria considera como obxectivo prioritario a aplicación das novas ensinanzas derivadas da LOXSE e, especialmente, no curso 1998-99, o seguimento e avaliación da educación secundaria obrigatoria, dos centros públicos integrados, e a implantación anticipada dos ciclos formativos nos centros públicos e privados.

Por outra parte, a Lei orgánica 1/1990, da participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes, considera que a mellora na calidade do ensino esixe amplia-los límites da avaliación para que poida ser aplicada de modo efectivo ó conxunto do sistema educativo, nas súas ensinanzas, centros e profesores e determina que os plans de avaliación dos centros docentes serán elaborados e serán levados a cabo principalmente pola inspección educativa.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para consegui-los obxectivos previstos pola Lei 3/1983, de normalización lingüística, no campo do ensino promoveu unha serie de medidas encamiñadas a potencia-la utilización do idioma galego e a contribuír á súa normalización social. Estas medidas están contidas no Decreto 247/1995, do 14 de setembro, que regula o uso da lingua galega nos centros educativos de ensino non universitario, e que encomenda á inspección educativa velar polo cumprimento das normas establecidas nel.

O Decreto 135/1993, do 24 de xullo, establece no seu artigo 19 como unha das funcións do inspector-xefe do servicio provincial, a de elabora-lo plan provincial de inspección de acordo co plan de traballo anual. Isto implica que os plans de traballo provinciais deben aterse ás liñas básicas e prioritarias fixadas no plan anual, sen prexuízo da marxe de flexibilidade e autonomía que a singularidade provincial esixe para adecua-lo plan e as actuacións previstas á realidade educativa da provincia.

Este plan marca uns obxectivos xerais que tratan de darlle un carácter coherente e unitario á actuación da inspección educativa. Quedan fóra deste plan de traballo tanto as actuacións non planificables que poidan xurdir ó longo do curso, ben por instancia dos propios centros, da comunidade educativa ou por requirimento da Administración, como as actuacións regulares e habituais que as disposicións teñen encomendada á Inspección educativa.

De acordo co anteriormente exposto, por proposta do subdirector xeral de Inspección Educativa, de conformidade co artigo 12 do Decreto 135/1993, do 24 de xuño, establécese o seguinte plan de traballo da inspección para o curso 1998-99.

I. Obxectivos.

1. Supervisión do proceso de funcionamento e organización dos centros públicos integrados.

2. Supervisión do proceso de implantación do novo sistema educativo, con especial referencia á implantación xeneralizada do terceiro curso da educación secundaria obrigatoria.

3. Avaliación dos centros educativos de acordo cos obxectivos marcados no Plan de Avaliación dos Centros Docentes (Plan ACE).

4. Supervisión do proceso de normalización lingüística e o seu grao de cumprimento nas diversas etapas educativas e nos centros de ensino, de acordo co disposto no Decreto 247/1995, do 14 de decembro.

5. Determinación dos cadros de persoal dos institutos de educación secundaria e centros públicos integrados e supervisa-lo proceso de adscrición do profesorado ós cadros resultantes.

6. Supervisión e seguimento da implantación do sistema de orientación educativa en Galicia e da implantación do departamento de orientación nos centros.

II. Actuacións e procedemento.

Obxectivo 1.

Supervisión do proceso de funcionamento e organización dos centros públicos integrados.

Actividades:

1.1 Seguimento dos seguintes aspectos organizativos:

-Proceso de escolarización, desenvolvemento e control de alumnos e grupos resultantes.

-Elementos de organización interna, xornada escolar, distribución de horario lectivo semanal das diferentes áreas e materias, horario de profesores.

-Adscrición ós centros do profesorado con horario en dous centros distintos e atención ó horario docente e complementario e demais circunstancias dos profesores compartidos.

1.2 Asesoramento e seguimento da elaboración dos documentos institucionais do centro.

-O proxecto educativo do centro.

-O proxecto curricular das etapas educativas.

-As programacións didácticas dos departamentos e dos equipos de ciclo.

-O plan xeral para o uso do idioma.

-A programación xeral anual.

-O regulamento de réxime interno.

1.3 Seguimentos dos programas de adaptación curricular e de diversificación curricular.

1.4 Seguimento do proceso de avaliación e de promoción dos alumnos.

1.5 Supervisión das actas de avaliación e dos libros de escolaridade.

Responsable:

Baixo a dirección do inspector coordinador do sector, os inspectores levarán a cabo o seguimento e a supervisión dos aspectos sinalados nos centros que teñen asignados.

Temporalización:

Meses de setembro e outubro: 1.1.

Meses de outubro-novembro: 1.2.

Todo o curso: 1.3 e 1.4.

Mes de xuño: 1.5.

Documentos:

O resumo das realizacións levadas a cabo e dos aspectos obxecto de seguimento serán recollidos nas fichas correspondentes.

No informe trimestral elaborado polo equipo de sector, baixo a coordinación do inspector coordinador, recolleranse conclusións e as propostas de mellora.

Obxectivo 2.

Supervisión do proceso de implantación do novo sistema educativo, con especial referencia á implantación xeneralizada do terceiro curso da educación secundaria obrigatoria.

Actividades:

2.1 Seguimento dos aspectos organizativos seguintes:

-Proceso de escolarización: desenvolvemento e control de alumnos e grupos resultantes.

-Elementos de organización interna:

Xornada escolar, distribución do horario lectivo semanal das diferentes áreas e materias.

2.2 Asesoramento e seguimento de elaboración dos documentos institucionais dos centros:

-O proxecto educativo do centro.

-O proxecto curricular da etapa.

-As programacións didácticas dos departamentos.

-O plan xeral para o uso do idioma.

-A programación xeral anual.

-O regulamento de réxime interno.

2.3 Seguimento do plan de coordinación entre o profesorado dos institutos e o profesorado que imparte o primeiro ciclo da ESO nos centros adscritos, e das actuacións correspondentes:

-Plan de traballo.

-Calendario de reunións.

-Elaboración, aprobación e avaliación das programacións didácticas.

2.4 Seguimento dos programas de adaptación curricular e de diversificación curricular.

2.5 Seguimento do proceso de avaliación e de promoción dos alumnos. Supervisión das actas de avaliación e dos libros de escolaridade.

Responsable:

Baixo a dirección do inspector coordinador, os inspectores levarán a cabo o seguimento e a supervisión

dos aspectos encomendados nos centros que teñan asignados.

Temporalización:

Meses de setembro e outubro: 1.1.

Meses de outubro-decembro: 1.2.

Todo o curso: 1.3 e 1.4.

Mes de xuño: 1.5.

Documentos:

O resumo das realizacións levadas a cabo e dos aspectos obxecto de seguimento serán recollidos nas fichas correspondentes.

Un informe trimestral elaborado polo equipo de sector baixo a dirección do inspector coordinador recollerá as conclusións e as propostas de mellora.

Obxectivo 3.

Avaliación dos centros educativos de acordo cos obxectivos marcados no Plan de Avaliación dos Centros Docentes (Plan ACE).

Actividades:

3.1 Determinación dos centros docentes que serán obxecto de avaliación no curso 1998-99.

3.2 Reunión informativa sobre o proceso de avaliación nos centros.

3.3 Aplicación dos instrumentos de avaliación nos centros.

3.4 Análise dos resultados.

3.5 Redacción do informe con propostas de intervención.

3.6 Reunión final para a análise da avaliación e para o estudio e debate das propostas recollidas no informe.

Responsable:

O equipo de inspectores do sector.

Temporalización:

Decembro: 3.1 e 3.2.

Segundo e terceiro trimestre: 3.3; 3.4; 3.5 e 3.6.

Obxectivo 4.

Supervisión do proceso de normalización lingüística e o seu grao de cumprimento nas diversas etapas educativas nos centros de ensino de acordo co disposto no Decreto 247/1995, do 14 de decembro.

Actividades:

4.1 Supervisión do plan xeral para o uso do idioma (as medidas potenciadoras do uso do galego, os proxectos de formación).

4.2 Supervisión do plan específico para o ensino en lingua galega.

-Materias ou áreas impartidas en lingua galega nas diversas etapas do sistema educativo.

-Profesores responsables destas.

-Material didáctico empregado e libros de aula utilizados.

4.3 Supervisión dos aspectos curriculares relacionados coa lingua galega.

-Contidos da realidade galega nas diferentes programacións.

-Adaptacións curriculares e tarefas de apoio para a integración dos alumnos declarados exentos.

-Lingua vehicular do centro.

4.4 Asesoramento ós equipos de normalización lingüística nos centros e seguimento das súas actuacións e das súas funcións de coordinación.

Responsables:

Os inspectores do sector, baixo a dirección do inspector coordinador deste, realizarán as actividades sinaladas nos centros que teñan asignados.

Temporalización:

Mes de outubro: 4.2.

Primeiro trimestre: 4.1, 4.3 e 4.4.

Documentación:

As actuacións levadas a cabo, así como os aspectos comprobados, serán recollidos nunha fichas-resumo.

As conclusións serán obxecto dun informe elaborado polo equipo de inspectores baixo a dirección do inspector coordinador.

Obxectivo 5.

Determinación dos cadros de persoal dos institutos de educación secundaria e centros públicos integrados e supervisión do proceso de adscrición do profesorado ós cadros resultantes.

Actividades:

5.1 Determinación dos cadros de profesores dos institutos de ensino secundario e dos centros públicos integrados de conformidade cos criterios establecidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

5.2 Determinación das zonas educativas para efectos de adscrición do profesorado.

5.3 Seguimento do proceso de adscrición do profesorado.

Responsable:

Baixo a dirección do inspector coordinador do sector os inspectores levarán a cabo o seguimento e a supervisión dos aspectos citados nos centros asignados.

Temporalización:

Mes de outubro: 5.1.

Mes de novembro: 5.2.

Mes de decembro: 5.3.

Obxectivo 6.

Supervisión e seguimento da implantación do sistema de orientación educativa en Galicia e da implantación do departamento de orientación nos centros.

Actividades:

6.1 Seguimento da elaboración do plan de orientación académica e profesional.

6.2 Seguimento da participación do departamento de orientación nos proxectos educativos e curriculares do centro.

6.3 Seguimento das orientacións elaboradas para a aplicación de medidas de atención á diversidade.

6.4 Seguimento do plan de acción titorial.

6.5 Seguimento da coordinación dos departamentos de orientación cos centros adscritos.

6.6 Seguimento e revisión da memoria final do departamento de orientación.

Responsables:

Os inspectores do sector, baixo a dirección do inspector coordinador deste, realizarán as actividades sinaladas nos centros que teñan asignados.

Temporalización:

Primeiro trimestre: 6.1.

Segundo e terceiro trimestre: 6.2, 6.3, 6.4 e 6.5.

Mes de xuño: 6.6.

Documentación:

O resumo das realizacións levadas a cabo e dos aspectos obxecto de seguimento serán recollidos nas fichas correspondentes.

No informe trimestral elaborado polo equipo de sector, baixo a coordinación do inspector coordinador, recolleranse as conclusións e as propostas de mellora.

III. As tarefas habituais.

Os cinco obxectivos relacionados neste plan constitúen as actuacións prioritarias no traballo da inspección educativa no curso 1998-99.

Cómpre sinalar, non obstante, aquelas tarefas que se consideran actuacións habituais no traballo da inspección educativa.

a) Avalación, supervisión e asesoramento.

-Valoración do profesorado solicitante da acreditación para o exercicio da dirección.

-Valoración do profesorado solicitante das licencias de estudio.

-Recoñecemento das novas habilitacións do profesorado.

-Colaboración nos procesos de provisión de prazas do profesorado.

-Colaboración nos concursos para o acceso á condición de catedrático.

-Supervisión do proceso de elección de membros dos consellos escolares.

-Asesoramento e información ós equipos directivos sobre a normativa de organización e funcionamento dos centros.

-Constitución das mesas electorais para a elección dos directores das xuntas provinciais de directores.

b) Documento de organización dos centros.

-Determinación dos cadros de persoal de centros de educación infantil e das de educación primaria.

-Supervisión, verificación e control dos datos contidos neles.

-Aprobación definitiva dos horarios dos centros e dos servicios educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Seguimento e control do cumprimento da xornada do profesorado.

c) Planificación.

-Planificación, execución e supervisión dos procesos de escolarización de alumnos.

-Control de grupos de alumnos e unidades resultantes da escolarización.

-Planificación do premio extraordinario de bacharelato e do premio nacional de bacharelato.

d) Emisión de informes.

-Emisión de informes sobre desafectación, adiantos de idade, actividades e servicios complementarios en centros concertados, proxectos de formación en centros, reclamacións de alumnos, impartición de EATPs, materias optativas, horarios experimentais.

IV Plan Provincial de Inspección.

1. Elaboración do plan provincial.

Correspóndelle ó inspector-xefe do Servicio Provincial de Inspección a elaboración do Plan Provincial de Inspección e a realización do seguimento deste.

O Plan Provincial de Inspección, co visto e prace do delegado provincial, seralle remitido á Subdirección Xeral de Inspección no prazo de 20 días a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O dito plan terá como referencia o Plan Xeral de Traballo de Inspección concretado nos cinco obxectivos prioritarios para o curso 1998-99.

2. Estructura do plan provincial.

Os plans provinciais estructúranse arrededor dos seguintes puntos:

2.1 Obxectivos fixados no plan.

-Temporalización destes.

-Actuacións levadas a cabo.

-Responsables das actuacións.

-Informes elaborados.

2.2 Funcionamento dos equipos dos sectores de inspección.

-Composición destes.

-Reunións e documentos elaborados.

2.3 Grupos de traballo provinciais.

-Composición destes.

-Reunións e documentos elaborados.

3. Seguimento e avaliación dos plans provinciais.

O proceso de seguimento e avaliación do plan provincial realizarase a dous niveis:

3.l Seguimento desde os servicios provinciais.

-O inspector-coordinador de sector convocará o equipo do sector, polo menos unha vez ó mes, e avaliará o grao de cumprimento das actividades programadas.

-O inspector-xefe convocará os coordinadores de sector, polo menos unha vez ó mes, para analiza-las actuacións programadas e o seu cumprimento.

-O inspector-xefe convocará unha xuntanza trimestral con tódolos inspectores do servicio para avalia-lo desenvolvemento do plan provincial.

Ó final do curso académico, o inspector xefe elaborará, xuntamente cos inspectores-coordinadores, unha memoria anual na que recollerá a síntese das actividades da inspección respecto ós obxectivos do plan de traballo anual.

3.2 Seguimento desde a inspección central.

-Análise dos plans provinciais de inspección e emisión dos correspondentes informes.

-Reunións periódicas cos inspectores xefes, baixo a presidencia do subdirector xeral de inspección.

-Participación en reunións de traballo cos inspectores dos servicios provinciais e especialmente cos inspectores xefes.

-Solicitude de informes puntuais referidos ó cumprimento das actuacións do plan de traballo.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

10335