Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Martes, 10 de novembro de 1998 Páx. 12.074

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 28 de agosto de 1998, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial do sector de panaderías de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo do sector panaderías (código nº 3200265) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial, subscrito en representación da parte económica pola Asociación de Empresarios de Panaderías de Ourense, e, da parte social, pola central sindical CIG, con lexitimidade suficiente para asinar este, na xuntanza celebrada o día 23-7-1998, e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo R.D. 1/1995, do 24 de marzo, R.D. 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e R.D. 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á

Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 28 de agosto de 1998.

P.A.

José César Losada Álvarez

Secretario provincial de Ourense

Convenio de panaderías

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

No aspecto territorial o presente convenio afectará a tódalas empresas situadas na provincia de Ourense, rexidas pola regulamentación nacional de panaderías, sen outra excepción que aquelas que se rixan por convenios colectivos de ámbito de empresa, sempre e cando estes sexan superiores globalmente ás do presente convenio.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio afectará a totalidade do persoal que presta os seus servicios nas empresas encadradas na industria de panadería coa excepción seguinte: o persoal que efectúe traballos de alta dirección ou alta xestión na empresa.

Artigo 3º.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor o día da súa sinatura e os efectos retroeranse o 1 de xaneiro de 1998.

Artigo 4º.-Duración.

A duración do presente convenio será ata o trinta e un de decembro de mil novecentos noventa e oito, prorrogado pola tácita reconducción sempre que non sexa denunciado de acordo cos preceptos legais, cun previo aviso de tres meses (artigo 85.2º.e, segundo o Estatuto dos traballadores). Á finalización deste convenio manterán a súa vixencia tódalas súas cláusulas ata a entrada en vigor do seguinte.

Artigo 5º.-Compensación e absorción.

As condicións que se establecen neste convenio son compensables e absorbibles en cómputo anual, conforme a lexislación vixente, respectándose as situacións persoais en igual forma.

Artigo 6º.-Xornada de traballo.

Sarán 40 horas semanais, e dispoñerán de 15 minutos durante a xornada de traballo para toma-lo bocadillo, que se contabilizarán como traballo efectivo.

Capítulo II

Retribucións

Artigo 7º.-Táboa de retribucións que se vai aplicar desde o 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 1997.

-Oficial de pa: 3.017 ptas. diarias.-Oficial de masa: 2.938 ptas. diarias.-Oficial de mesa: 2.884 ptas. diarias.-Axudante: 2.808 ptas. diarias.-Mordomo: 2.937 ptas. diarias.-Portador de pan a despachos: 2.884 ptas. diarias.-Repartidor de pan a domicilio: 2.711 ptas. diarias.-Oficial administrativo: 93.559 ptas. mes.-Chofer repartidor: 3.017 ptas. diarias (1).

(1) Enténdese chofer repartidor aquel que se despraza a distintas poboacións.

a) Aboaranse 5.402 ptas. nos meses traballados en concepto de servicio nocturno, e será proporcional ós días traballados durante o mes.

b) Aboarase a cantidade de 1.756 pesetas nos meses traballados en concepto de gratificación de horario. (Os apartados a) e b) son para efectos do persoal de elaboración).

c) Os traballadores terán dereito a percibir 1 kg de pan diario, incluído os períodos de vacacións. baixa por enfermidade e accidentes. O valor do kg de pan para efectos de cotización á Seguridade Social será de 100 pesetas.

Artigo 8º.-Pagas extraordinarias.

De vencemento superior ó mes. As gratificacións extraordinarias de Nadal e xullo, así como a de Santo Honorato, serán equivalentes ó importe dunha mensualidade cos seguintes conceptos: salario base, beneficios e antigüidade. Cada gratificación será o salario real que para cada categoría se establece no presente convenio.

Artigo 9º.-Vacacións.

Tódolos productores desfrutarán de 30 días naturais de vacacións ó ano; a súa contía será dunha mensualidade, a salario real.

As vacacións desfrutaranse durante 15 días continuos entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, desfrutándose os restantes días segundo o disposto no Estatuto dos traballadores, artigo 38. As vacacións serán comunicadas con dous meses de antelación.

Artigo 10º.-Retribución día de Santo Honorato.

Aboaranse a cada traballador/a 3.350 ptas. polo día de Santo Honorato (16 de maio).

Non se considerará festivo o dito día con excepción de se o fose por natureza do día.

Capítulo III

Outras disposicións

Artigo 11º.-Roupa de traballo.

As empresas dotarán o seu persoal de roupa adecuada ó posto de traballo que desempeñen, a cal só poderá ser usada durante a xornada laboral.

As pezas de roupa serán entregadas, unhas cando sexa asinado o convenio, as outras ós seis meses.

Se non foran entregadas as pezas de roupa de traballo aboaranse a razón de 500 pesetas mensuais, se ben será preceptiva a reclamación previa das pezas de roupa de traballo ante o SMAC.

Artigo 12º.-Período de proba.

Haberá que aterse ó disposto na lexislación xeral vixente sobre esta materia.

Artigo 13º.-Paga de beneficios.

Os traballadores de taller ou fábrica dedicados á elaboración do pan, tal e como se sinala na Regulamentación de traballo de panaderías (orde ministerial 12-7-1946) percibirán mensualmente en concepto de paga de beneficios o importe correspondente ó 15% do salario base do presente convenio.

Artigo 14º.-Revisión salarial.

Os salarios que figuran no artigo 7º do presente convenio serán revisados anualmente de acordo co índice do custo da vida publicado polo Instituto Nacional de Estatística.

Artigo 15º.-Licencias e permisos.

Nos supostos taxativamente previstos no artigo 37 do Estatuto dos traballadores e a regulamentación nacional de traballo na panadería, o traballador percibirá durante a súa ausencia, dentro da marxe que para esta sinalan os ditos preceptos, o soldo real, de acordo coa súa categoría no presente convenio. Os permisos por morte serán de catro días, no caso de cónxuxe; de tres días, no caso de pais e fillos; para o resto haberá que aterse ó disposto na ordenanza.

Artigo 16º.-Atrasos.

Os atrasos pagaranse nunha mensualidade, que se fará efectiva no mes seguinte á sinatura do convenio.

Artigo 17º.-Festivos.

Descansarase os domingos e festivos con excepción de dous, como máximo, que coincidan coas festas locais ou tradicionais; estes serán a elección da empresa, comunicándollo ó traballador con dez días de antelación. Tendo en conta o disposto no artigo 12 da Lei 10/1988 (Lei de comercio de Galicia). Queda establecido neste convenio a total prohibición de venda, fabricación, distribución de pan, pans especiais e bolería, quedando a obriga de peche dos seus establecementos os domingos e días sinalados. Tanto a parte social como a económica, teñen formada unha comisión de vixilancia que, a través dos seus representantes acreditados, denunciará a todos aqueles industriais que infrinxan os acordos deste convenio á Consellería de Traballo, por medio das súas delegacións provinciais.

Artigo 18º.-Antigüidade.

Co fin de fomenta-la vinculación coa respectiva empresa do persoal que actúe na industria panadeira, establécense aumentos periódicos por tempo de servicio dentro da propia empresa para todo o persoal afectado polo convenio, nas seguintes proporcións: dous bienios do 5% e catro quinquenios do 10% sobre o salario base.

Artigo 19º.-Comisión paritaria.

Créase unha comisión mixta composta por un presidente, dous vocais pola parte empresarial e dous pola parte social cos seus respectivos suplentes; os vocais serán elixidos entre os membros da comisión deliberadora.

Artigo 20ª

A comisión a que se alude no artigo anterior impulsará de forma inmediata ante os organismos competentes a creación de cursos de formación profesional orientados á especialización dos traballadores do sector.

Artigo 21º.-ILT.

Os traballadores afectados polo presente convenio, no caso de accidente laboral ou enfermidade con hospitalización, serán remunerados normalmente ó 100 por 100 do seu salario normal desde o día da súa hospitalización, e será por conta da empresa a diferencia entre a cantidade cobrada, segundo as disposicións da Seguridade Social, e o salario en situación de alta.

Tamén será aboado pola empresa o 100 por 100 do salario real no caso de enfermidade desde o 40º ó 300º día de baixa.

Artigo 22º.-Póliza de accidentes.

As empresas están obrigadas a concertar, con primas íntegras ó seu cargo, no prazo de tres meses a partir da contratación dun traballador, unha póliza de seguros para a cobertura e os riscos de falecemento ou incapacidade permanente absoluta derivada de accidente de traballo, incluídos os in itinere, que lle garante ó traballador accidentado ou ós seus causaabentes a percepción das seguintes indemnizacións:

- 1.500.000 pesetas en caso de morte.- 1.500.000 pesetas en caso de incapacidade para todo tipo de traballo.

A referida póliza só abranguerá os procesos iniciados a partir da vixencia e validez dela.

Esta compensación é compatible coa pensión ou indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social ou Montepío.

Non obstante o exposto anteriormente, a indemnizaciónm que sexa percibida con cargo a contrato de seguro de accidente que voluntariamente se contén neste convenio, considerarase como entregada a conta da indemnización que, se é o caso, puideran declarar con cargo ás empresas os tribunais de xus

tiza, unha vez exista resolución definitiva, sobresemento ou renuncia de accións.

Os traballadores terán dereito a unha revisión médica anual.

Artigo 23º.-Premio de xubilación.

Todo traballador que se xubile antes dos 65 anos percibirá, en concepto de gratificación, unha remuneración que se establece de acordo coas seguintes normas:

-De 10 a 15 anos de antigüidade: 20% da seguinte táboa.-De 15 a 20 anos de antigüidade: 30% da seguinte táboa.-De 20 a 25 anos de antigüidade: 40% da seguinte táboa.

Táboa:

-Ós 60 anos: 6 mensualidades.-Ós 61 anos: 4 mensualidades.-Ós 62 anos: 3 mensualidades.-Ós 63 anos: 2 mensualidades.-Ós 64 anos: 1 mensualidade.

Artigo 24º

Interromperanse as vacacións cando por causa de enfermidade ou accidente sexa necesaria a hospitalización do traballador, a súa interrupción será polo tempo que dure a hospitalización.

Artigo 25º.-Definición de categorías profesionais.

a) Oficial de pa: será aquel traballador que verificará as funcións inherentes á cocción, comezando pola posta a punto do forno para o afornamento do pan, a realización deste, coidado dos aparellos necesarios para o labor forneiro, así como o funcionamento das caldeiras de vapor e contidos necesarios.

Adquirirán a categoría profesional de oficial de pa aqueles traballadores que teñan unha antigüidade na empresa de polo menos oito anos.

b) Oficial de masa: é o traballador que ten ó seu cargo os traballos de amasado e preparación de levaduras, coidando así mesmo de vixia-lo bo funcionamento e estado das amasadoras, efectuando a limpeza ou encargándose de que o verifiquen axudantes ou aprendices baixo a súa vixilancia.

Adquirirán a categoría profesional de oficiais de masa aqueles traballadores que teñan unha antigüidade na empresa de polo menos seis anos.

c) Oficial de mesa: é o traballador que ten como función primordial o tinguido ou a confección de pezas de pan, o seu entaboado, así como a división, cando se utilicen ou non procedementos mecánicos de división.

Adquirirán a categoría profesional de oficial de mesa aqueles traballadores que teñan unha antigüidade na empresa de polo menos tres anos.

d) Axudante: é o traballador que acredita a súa suficiencia, pasados dous anos como mínimo de

aprendiz na industria, e ten o cometido de auxiliar indistintamente ó oficial de pa, ó de masa ou nos labores de confección de pezas, para alcanzar unha perfección nos seus coñecementos que lle permita ocupar postos de categoría superior.

Os traballadores anteriormente mencionados, no momento en que os seus cometidos propios llelo permitan, axudarán ós traballadores encargados da confección das pezas de pan, o seu entaboado e aseo da panadería.

Adquirirán a condición de axudantes os traballadores que teñan unha antigüidade na empresa de polo menos dous anos.

e) Peón: é o traballador maior de 20 anos encargado de efectua-los labores para os que se require predominantemente achega de esforzo físico, como traslado e carrexamento de fariña, amoreado desta, leña, carbón e ocupacións similares.

Artigo 26º.-Mobilidade funcional.

Con independencia da adquisición de categoría profesional polo transcurso do tempo, sinalado no artigo anterior, todo traballador terá dereito ó ascenso a unha categoría superior, se como consecuencia da mobilidade funcional, este viñera realizando funcións de categoría superior ás da súa categoría profesional, por un período superior a seis meses durante un ano ou oito meses durante dous anos; neste caso o traballador ascenderá automaticamente á categoría progesional correspondente ó traballo que viñera realizando no dito período, tal e como sinala o artigo 39 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

A empresa poderá encomendarlles ós seus traballadores a realización de cometidos de categoría profesional inferior á súa, por razóns técnicas, organizativas ou de producción que o xustifiquen e polo tempo imprescindible para a súa realización, tal e como se sinala igualmente no artigo 39 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

Artigo 27º.-Empresas de traballo temporal.

As empresas afectadas por este convenio, cando contraten servicios de empresas de traballo temporal, garantirán que os traballadores/as postos á súa disposición teñan os mesmos dereitos laborais e retributivos que lles correspondan ós traballadores do ámbito de aplicación deste convenio colectivo, ou pacto de empresa, se é o caso. Esta obriga constará expresamente no contrato de posta á disposición celebrado entre a empresa de traballo temporal e a empresa usuaria que estea vinculada a este convenio.

Non se poderán contrata-los servicios das empresas de traballo temporal para a realización de tarefas habituais. Só se poderán utilizar no caso de:

a) Cubrir incapacidades temporais (IT).

b) Situacións extraordinarias.

Artigo 28º.-Revisión médica.

Todo o persoal comprendido no presente convenio terá dereito a efectuar unha revisión médica anual. A revisión será por conta da empresa e os resultados do recoñecemento médico entregaránselles ós traballadores.

Artigo 29º.-Contratación.

O contrato de duración determinada da modalidade de eventual por circunstancias da producción, acumulación de tarefas ou excesos de pedidos, regulado polo artigo 15.1º.b. do Estatuto dos traballadores, segundo a redacción establecida pola Lei 63/1997, poderá ter unha duración máxima de 13 meses e medio dentro dun período máximo de 18 meses.

Esta duración máxima será aplicable tanto ós novos contratos desta modalidade asinados a partir da entrada en vigor do presente convenio como ás prórrogas dos contratos de traballo vixentes antes da súa entrada en vigor.

Disposición transitoria

Será nulo calquera pacto producido no ámbito de aplicación deste convenio que non respecte os mínimos garantidos con carácter xeral no seu réxime salarial.

Disposición derradeira

No non previsto neste convenio, haberá que aterse ó disposto nas disposicións de xeral aplicación.

9124