Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Martes, 10 de novembro de 1998 Páx. 12.071

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de outubro de 1998 pola que se validan os estudios de lingua galega feitos no ensino secundario obrigatorio e no bacharelato polos correspondentes certificados dos cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega.

Coa implantación da nova estructura das ensinanzas primaria e secundaria, segundo o establecido na Lei orgánica de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE), faise necesaria unha adaptación normativa que permita a validación dos estudios de lingua galega feitos nos diferentes ciclos destas ensinanzas polos cursos de iniciación ou perfeccionamento, segundo corresponda, e que veña complementa-la lexislación anterior que non se adapta á actual estructura do ensino. En consecuencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Validaráselle-lo curso de iniciación en lingua galega ós alumnos que teñan superado a área de lingua galega e literatura do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria (ESO).

Artigo 2º

Validaráselle-lo curso de perfeccionamento:

a) Ós alumnos que teñan o título de graduado en educación secundaria obrigatoria coa área de lingua galega e literatura avaliada positivamente.

b) Ós alumnos que superasen as probas para a obtención do graduado en educación secundaria obrigatoria coa avaliación positiva da área de lingua galega e literatura.

c) Ós alumnos que superasen, polo menos, a materia de lingua galega e literatura dun curso do bacharelato.

Artigo 3º

Os correspondentes certificados de validación serán expedidos, logo da solicitude do/a interesado/a, polo secretario/a do centro onde o alumno cursou os seus estudios, co visto e prace do/a director/a, segundo o modelo que figura no anexo desta orde. No caso de alumnos que superen as probas para a obtención do graduado en educación secundaria obrigatoria, a correspondente validación expediraa a Inspección de Educación.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

O/A secretario/a de ..., en virtude da Orde do 13 de outubro de 1998 (DOG nº... do ... de ... de 1998) que establece o procedemento para a validación de cursos de lingua galega, outorga a ... a validación do curso de (*)... de lingua galega, segundo a documentación arquivada nesta secretaría.

..., ... de ... de ...

Visto e Prace

O/A director/a

(*) Iniciación ou perfeccionamento.

10109