Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Xoves, 29 de outubro de 1998 Páx. 11.727

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 19 de outubro de 1998, da Dirección Xeral de Persoal, pola que se regula a fase de prácticas establecida na Orde do 6 de maio de 1992 (DOG do 7), pola que se convocaban probas selectivas para a provisión de prazas de acceso ó corpo de mestres en expectativa de ingreso na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 6 de maio de 1992 (DOG do 7) establece no punto 10 que os aspirantes que resulten seleccionados deberán realizar un período de prácticas que formará parte do proceso selectivo e terá por obxecto a valoración da aptitude para a docencia destes quedando dispensados da avaliación os que prestasen servicios docentes en centros públicos

durante un tempo mínimo de tres meses, sempre que o nomeamento fose expedido pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Ministerio de Educación e Ciencia ou comunidades autónomas con competencias plenas en materia de educación, con asignación de números de rexistro de persoal.

En virtude do establecido na citada orde, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Nomear en cada provincia as comisións encargadas da valoración da fase de prácticas.

Segundo.-Cada comisión estará integrada por:

Un inspector técnico de educación que será o presidente.

Dous funcionarios do corpo de mestres, especialistas na área pola que superaron o proceso selectivo os aspirantes.

Terceiro.-Os compoñentes das comisións serán designados pola Dirección Xeral de Persoal, por proposta das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Cuarto.-A Inspección Educativa poderá visita-los mestres en prácticas e emitirá un informe sobre o desenvolvemento da súa función, que será tido en conta pola comisión avaliadora.

Quinto.-Cada mestre en prácticas elaborará unha programación correspondente á área ou especialidade pola que opositou. De non imparti-la docencia nesa área ou especialidade, realizará a programación da que imparte maior número de horas, indicando brevemente obxectivos, contidos básicos, actividades, metodoloxía e criterios de avaliación.

Esta programación debe estar acorde co proxecto curricular do centro. O mestre en prácticas poderá solicitar do coordinador do departamento didáctico respectivo orientación e información para a súa realización.

A programación elaborada levará o visto e prace do coordinador do departamento didáctico ou, no seu defecto, do director do centro e remitirase ó Servicio Provincial de Inspección entre o 3 e o 17 do mes de marzo de 1999.

O mestre aplicará a programación durante o curso 1998/1999 coas modificacións máis oportunas, se é o caso, para o mellor aproveitamento dos seus alumnos.

Entre o 3 e o 17 de marzo de 1999, cada mestre presentará ante o presidente da comisión avaliadora da fase de prácticas unha breve memoria da súa actividade docente, referida á aplicación da programación citada, coordinación co departamento didáctico e co equipo docente, desenvolvemento da función titorial e avaliación.

Sexto.-Na segunda quincena do mes de marzo de 1999 reuniranse as comisións avaliadoras e cualificarán as programacións e memorias presentadas.

As comisións avaliadoras poderán pedir información dos directores, xefes de estudio e coordinadores do departamento didáctico. A avaliación final da fase de prácticas reflectirase nunha acta coa cualificación de apto ou non apto.

Os aspirantes declarados non apto perderán tódolos dereitos ó seu nomeamento como funcionarios de carreira, segundo o establecido no punto 1º da orde de convocatoria do 6 de maio de 1992 (DOG do 7).

Sétimo.-No suposto de que unha vez recibida pola comisión cualificadora toda a información pertinente e, como consecuencia dela, se considere procedente formular un xuízo negativo sobre o candidato, polo menos dous membros da comisión deberán establecer contacto persoal con el e observar directamente o desenvolvemento da súa función docente e da súa función como membro do departamento didáctico correspondente e informarán o outro membro da comisión das conclusiones ás que cheguen na súa tarefa avaliadora.

As comisións avaliadoras non poderán redactar acta definitiva con apto ou non apto sen a presencia, cando menos, de dous dos seus membros.

Oitavo.-Para os efectos do establecido no punto 1º da Orde do 6 de maio de 1992 (DOG do 7), establécese como duración da fase de prácticas ata o 31 de marzo de 1999.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 1998.

Jaime García García

Director xeral de Persoal

9263