Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Martes, 27 de outubro de 1998 Páx. 11.566

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 19 de outubro de 1998 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Lois Peña Novo.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Lois Peña Novo, con domicilio en Redondela.

Supostos de feito:

1. Carmen Pérez Vaquero, na súa calidade de secretaria do padroado da fundación, en escrito do 10 de xuño de 1998, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Redondela, o día 12 de febreiro de 1998, ante o notario Ramón Mucientes Silva, co número douscentos dezaoito do seu protocolo, por María del Carmen Pérez Vaquero, Juan Manuel García Rodríguez, Josefa Salgueiro Míguez, Juan Rodríguez Aira, Margarita Luz Lubián Costas, Óscar Guillermo Fontán Feijoo, Alejandro González Suárez, Manuel Iglesias Camaño, José Antonio Amoedo Barciela, Xosé González Martínez, Luis Torrado Vázquez, Sonia Sánchez Muñoz-Redondo e Rafael Castro Cardama, que interveñen en nome propio, facéndoo Xosé González Martínez en nome e representación de Obdulio Iglesias Otero, José Antonio Lago García, Casiano García Barciela, Fernando Covelo Rodríguez, Ramón Ángel Aguila Bara, José Ramón Mato Lodeiro e Roberto Gil Moure.

3. Segundo consta no artigo 5 dos estatutos, o obxecto da fundación é estimula-lo estudio e fomento da lingua galega no eido das administracións públicas para o que a fundación prevé a publicación de monografías e convocatoria de seminarios e premios anuais.

4. O padroado da fundación estará constituído por Óscar Guillermo Fontán Feijoo como presidente, María Carmen Pérez Vaquero como secretaria, Fernando Covelo Rodríguez como tesoureiro, Manuel Iglesias Camaño como vicepresidente, José Ramón Mato Lodeiro como vicesecretario e Sonia Sánchez Muñoz-Redondo, José Antonio Lago García e Xosé González Martínez como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Lois Peña Novo, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2ºc) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 13 de outubro de 1998.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Lois Peña Novo e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

9225