Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Luns, 26 de outubro de 1998 Páx. 11.521

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 286/1998, do 8 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Carballo (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto modificado número 1 da obra de colectores de augas residuais, canalización do río Anllóns e EDAR en Carballo.

O Concello de Carballo (A Coruña), en sesión celebrada o día 25 de marzo de 1998, aprobou o proxecto de modificado nº 1 da obra de colectores de augas residuais, canalización do río Anllóns e EDAR en Carballo e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 7 de setembro de 1998.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 28 de setembro de 1998, precisando nel que a zona que se vai expropiar está afectada por un plan parcial podendo executarse as obras sempre que non inviabilicen o normal desenvolvemento do plan parcial, e engadindo que a nova infraestructura deberá ser cualificada como sistema xeral.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque se trata dunhas obras que figuran no Plan de Saneamento de Galicia e que son absolutamente prioritarias dentro das necesidades de infraestructura deste concepto e necesarias para poder cumpri-las directrices da Unión Europea, Directiva do Consello do vinteún de maio de mil novecentos noventa e un sobre o tratamento de augas residuais urbanas (DOCE 30-5-1991).

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de outubro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Carballo (A Coruña) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de modificado nº 1 da obra de colectores de augas residuais, canalización do río Anllóns e EDAR en Carballo.

Santiago de Compostela, oito de outubro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

8461