Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Luns, 26 de outubro de 1998 Páx. 11.521

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 285/1998, do 8 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Bande (Ourense), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de saneamento e depuración en Bande, zona terceira, número 40.

O Concello de Bande (Ourense), en sesión celebrada o día 26 de maio de 1998, aprobou o proxecto de saneamento e depuración en Bande, zona terceira, nº 40 e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 31 de agosto de 1998.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 31 de xullo de 1998.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque se trata de evita-los graves e continuos problemas no abastecemento de auga potable no núcleo urbano de Bande que se producen polas reiteradas avarías na rede instalada hai máis de trinta anos, así como evita-lo perigo que supón para os peóns, ó non existir beirarrúas, o teren que transitar pola mesma calzada cós vehículos polo estrada N-540 de intenso tráfico que discorre polo núcleo urbano de Bande.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de outubro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Bande (Ourense) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de saneamento e depuración en Bande, zona terceira, nº 40.

Santiago de Compostela, oito de outubro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

9516