Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Venres, 23 de outubro de 1998 Páx. 11.460

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

DECRETO 281/1998, do 8 de outubro, polo que se establecen medidas extraordinarias para os sectores vitivinícola e fructícola de Galicia.

O artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle en exclusividade a esta Comunidade Autónoma, dentro dos límites constitucionais previstos, as materias de agricultura e gandería.

Por outra banda, a consecución da integración comunitaria e a realización da política agraria común, determinan un marco de actuación aplicable á producción e ó comercio de productos agrícolas co fin de lograr unha maior eficacia productiva e mellora-la competividade da agricultura que deben ser acadados dentro da política estructural da Unión Europea, sen prexuízo de abordar simultaneamente as singularidades da agricultura galega.

As excepcionais condicións climatolóxicas ocurridas no inverno- primavera deste ano, deron lugar a unha perda moi elevada na producción vitivinícola e fructícola deste ano que pode afectar gravemente a economía familiar dun gran número de agricultores en plena reorganización das actividades de reactivación do sector vitivinícola e fructícola galego e podería ter consecuencias preocupantes de cara ó abastecemento do sector elaborador, reducindo o emprego nun sector caracterizado polo asentamento de poboación no medio rural o que suporía un perigo para a realización dos obxectivos da política agrícola común.

Por todo iso, é urxente proceder a establecer unha liña de axudas financiadas pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Agricultura como órgano competente na materia, dentro do marco das axudas destinadas a protexe-los agricultores contra os danos que afectan a producción agrícola e os medios de producción, a raíz de acontecementos imprevisibles e que o propio Tratado da CEE, no seu artigo 92.2º b), declara compatibles co mercado común.

Na súa virtude, en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1993, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de outubro de mil novecentos noventa e oito.

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto da presente decreto o establecemento do réxime xurídico que regule unha línea de axudas ás explotacións e empresas de transformación de productos vitivinícolas e ás explotacións frutais afectadas polas inclemencias meteorolóxicas da pasada primavera na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Finalidades.

As axudas establecidas neste decreto deberán adicarse á reconstrucción e de reposición ou reparación dos danos sufridos nas explotacións e empresas de transformación de productos vitivinícolas e fructícolas e principalmente nos seus elementos productivos, entre os que poderán figura-las construccións, dependencias, equipos, cultivos e plantacións.

En ningún caso, as axudas recollidas neste decreto poderán destinarse ó aumento da capacidade de producción.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios os propietarios, arrendatarios ou aparceros de explotacións e predios vitícolas e fructícolas, así como as empresas de transformación de productos vitivinícolas que sufriron danos a consecuencia das inclemencias meteorolóxicas da pasada primavera e cumpran os requisitos seguintes:

1. Os titulares de explotacións vitivinícolas.

Xustifiquen unha perdida de colleita neste ano superior ó 30% respecto da media dos tres últimos anos, mediante as correspondentes declaracións de colleita, no caso de estar integradas nun Consello Regulador ou coas facturas de venda correspondentes no resto.

2. Os titulares de explotacións fructícloas.

Xustifiquen unha perda do 30% na producción deste ano respecto da media dos tres últimos anos, mediante as correspondentes facturas de venda.

3. As empresas de transformación.

Xustifiquen unha perdida de producción de viño de variedades preferentes ou recomendadas superior ó 30% da media dos tres últimos anos, mediante os aforamentos feitos polos consellos reguladores correspondentes, se é o caso, ou facturas de venda de viño nos restantes casos.

Artigo 4º.-Tipo e cuantía das axudas.

1. A axuda consistirá nunha subvención equivalente ata un máximo de 4 puntos de xuro do préstamo solicitado necesario para o cumprimento das finalidades previstas no artigo 2º, de forma que o tipo mínimo a cargo do beneficiario sexa do 1%.

Estes préstamos poderán ser subscritos polos posibles beneficiarios coas entidades financeiras que suscriban o correspondente convenio coa Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria. A duración máxima dos préstamos será de catro anos con un de carencia.

Será por conta da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria o custo da minoración do xuro acordado coas entidades financeiras sendo por conta do solicitante os gastos de xestión ante a entidade financeira, así como as garantías que estas soliciten.

2. O importe máximo dos préstamos vira determinado pola valoración que aprobe a Consellería

de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria consonte:

1. Para as explotacións vitivinícolas e fructícolas:

O producto da media da colleita dos tres últimos anos polo seu prezo medio, menos o producto da colleita deste ano polo seu prezo medio de mercado.

2. Para as empresas de transformación.

O producto da cantidade media dos aforos dos tres últimos anos, ou das facturas de venda no mesmo período, polo prezo medio, menos o producto da cantidade aforada ou declarada neste ano por un prezo aproximado para a próxima campaña de vendas.

Os prezos serán calculados polos técnicos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria con base na información dispoñible para as distintas clases ou tipos de viño e só será modificado cando exista unha base documental que así o aconselle.

Artigo 5º.-Criterios de prioridade.

Dentro dos límites presupostarios previstos, terán prioridade na concesión destas axudas as solicitudes presentadas de conformidade co seguinte baremo:

a) Máis do 70% de perdas o 100% da cantidade determinada segundo o establecido no artigo anterior.

b) Entre o 70% e 60% de perdas o 80% da cantidade determinada segundo o establecido no artigo anterior.

c) Entre o 60% e 50% de perdas o 60% da cantidade determinada segundo o establecido no artigo anterior.

d) Entre o 50% e 40% de perdas o 40% da cantidade determinada segundo o establecido no artigo anterior.

e) Entre o 40 % e 30% de perdas o 20% da cantidade determinada segundo o establecido no artigo anterior.

Artigo 6º.-Incompatibilidade.

Quedan excluídas das actuacións consecuencia deste decreto os danos que sexan indemnizables na súa totalidade como consecuencia dos seguros contratados. Unha mesma explotación vitícola só poderá recibir unha axuda, ben por uva ou ben por viño.

Do importe do custo calculado para a reposición das construccións, instalacións e elementos productivos afectados deberán deducirse as indemnizacións que se perciban como consecuencia dos seguros contratados.

A concesión das axudas queda supeditada ó cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea.

Artigo 7º.-Forma de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes destas axudas presentaránse preferentemente nas entidades financeiras, no modelo formalizado que figura como anexo deste decreto.

Así mesmo, poderán presentarse por calquera medio dos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

1. Os titulares de explotacións vitivinícolas e fructícolas:

-Fotocopia compulsado do DNI o NIF do titular da explotación.

-Xustificación da titularidade dos bens afectados.

-Acreditación de non ter pendente de pagamento, ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma Galega.

-Certificación xustificativa de estar ó corrente nas obrigacións fiscais e coa Seguridade Social.

-Certificación da declaración de colleita de uva dos tres anos anteriores e deste, feita polo consello regulador correspondente ou facturas de venda dos catro anos no caso dos fruticultores e viticultores non acollidos ós consellos reguladores.

-Valoración do custo dos elementos que se van repoñer ou reparar ou documento que acredite ter pendente de pagamento investimentos de calquera tipo feitos na explotación.

-Compromiso de mante-la actividade da explotación durante cinco anos.

2. As empresas de transformación.

-Fotocopia compulsada do CIF da empresa.

-Xustificación da titularidade dos bens afectados.

-Acreditación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

-Certificación xustificativa de estar ó corrente nas obrigacións fiscais e coa Seguridade Social.

-Aforamentos de viño das variedades autorizadas ou recomendadas polos consellos reguladores, se é o caso, ou facturas correspondentes ós tres últimos anos e este no resto. Poderán completarse cunha declaración de existencias que van ser inspeccionados por técnicos da consellería.

-Valoración do custo dos elementos que vai repoñer ou reparar ou documentos que acrediten ter pendentes de pagamento investimentos de calquera tipo feitos nas empresas.

-Compromiso de mante-la actividade durante cinco anos.

2. Unha copia da solicitude, xunto coa documentación, será remitida pola entidade financeira á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, na que conste a data e selo da entidade de crédito, e outra devolveráselle ó interesado.

Artigo 8º.-Resolución

A entidade financeira nun prazo máximo de 30 días desde a recepción da solicitude, resolverá a petición de préstamo e remitiralle ó Servicio de Sanidade e Producción Animal e Vexetal da provincia correspondente o xustificante da aprobación do préstamo.

O delegado provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, logo de informe do servicio correspondente sobre a adecuación ás condicións establecidas neste decreto, efectuaralle a proposta de resolución ó director xeral de Producción Agropecuaria.

O director xeral de Producción Agropecuaria resolverá as solicitudes de axuda financeira e notificarállelos ós interesados para súa aceptación, no prazo máximo de dous meses desde a recepción dos documentos esixidos para a xustificación do cumprimento dos requisitos solicitados. A resolución poralle fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo.

Na resolución farase consta-lo importe máximo do préstamo, así como o prazo máximo de execución das actuacións.

Artigo 9º.-Formalización da axuda.

O prazo máximo para a formalización do préstamo polo beneficiario é de tres meses a partir da data da aprobación, considerándose nula a resolución se nese prazo non se formalizase o préstamo.

O instrumento de formalización do préstamo recollerá a cláusula de estar acollido ó convenio e establecerá claramente o tipo de xuro total da operación, os puntos obxecto de subsidiación e o tipo resultante para o beneficiario, e remitiralle á consellería unha copia da póliza do préstamo.

Artigo 10º.-Liquidación e pagamento das axudas.

A amortización do crédito e o pagamento dos xuros que lle correspondan serán aboados polo beneficiario conforme acorde coa entidade bancaria.

Anualmente as entidades financeiras remitiranlle á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria relación certificada das amortizacións de cada solicitante así como dos xuros que tamén anualmente lle corresponda aboar á consellería.

Para o pagamento das axudas a consellería certificará a execución das obras e actuacións e comprobará os importes dos gastos realizados.

Os solicitantes poderán acordar coa entidade financeira a amortización anticipada do crédito e esta deberá comunicarllo á consellería no prazo máximo de quince días.

Artigo 11º.-Modificación da concesión.

A Dirección Xeral de Producción Agropecuaria incoará procedemento de modificación da subven

ción inicial para adaptala ás novas circunstancias, logo de solicitude dos beneficiarios nos casos en que se produza incumprimento parcial, se acredita que o devandito incumprimento non resulta de grande entidade, non desvirtúa a finalidade da subvención ou non é imputable ó beneficiario. A resolución da modificación establecerá as novas condicións da subvención e ordeará o reintegro do indebidamente percibido ata ese momento.

Artigo 12º.-Perda da subvención.

Procederáse á reclamación total ou parcial das cantidades percibidas e dos xuros de demora desde o devengo de calquera pagamento con cargo á subvención nos seguintes casos:

a) Incumpri-la obriga de xustificación.

b) Incumpri-la finalidade para a que a subvención foi concedida.

c) Incumpri-las condicións impostas ó beneficiario con motivo da concesión da subvención.

d) Amortización ou cancelación anticipada polo titular do préstamo coa autorización da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Se o incumprimento derivase da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida, sempre e cando quede salvagardada a finalidade desta.

A concorrencia das distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta delas.

Disposición adicional

Condicións específicas para o exercicio orzamentario de 1998.

Un.-A data máxima de presentación de solicitudes será o 27 de novembro de 1998.

Dous.-O pagamento efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.615-A 770.0, dotada cun crédito de 75.000.000 de ptas. dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para dictar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de outubro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

9519